Bibliotecas escolares de Galicia

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017: vídeo-resume

Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Marzo 2017 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Vídeo-resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017, celebrados os días 16 e 17 de marzo de 2017 no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Asistiron, convocados porla Consellería de Cultura, Educación e O.U., un total de 615 profesores e profesoras, todos eles responsables ou integrantes dos equipos de biblioteca dos seus centros, integrados neste programa da consellería que pretende a renovación e actualización constante das bibliotecas dos centros non universitarios e que beneficia ao 66% do alumnado dos centros públicos galegos.

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Vídeo-resume

Os días 18 e 19 de novembro tiveron lugar en Compostela as VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, coa participación de preto dun milleiro de docentes da nosa comunidade. En RedeBE están dispoñibles os materiais destas xornadas.  Velaquí o vídeo resume:

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Vídeo-resume from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 9

CEIP Quintela (Moaña, Pontevedra) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Un dos aspectos que lle cómpren á biblioteca escolar é a implicación das familias na formación dos pequenos lectores. Esta implicación pode conseguirse de formas diversas pero sempre resulta beneficiosa tanto para o alumnado como para os obxectivos educativos. Cando as familias comprenden o seu papel como mediadores de lectura, esta actividade e o gusto polo libros, a cultura en definitiva, cobra valor e mellora de forma significativa. Pero a biblioteca tamén pode, ás veces, dar cabida a nais e pais nas súas actividades. Desta forma vaise construíndo unha comunidade de aprendizaxe arredor do tema da lectura, que ben pode desenbocar noutro tipo de colaboracións. A través das distintas voces da comunidade educativa podemos coñecer como se constrúe esta comunidade no CEIP Quintela, de Moaña, neste vídeo: "A biblioteca e as familias".

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 8

IES Sanchez Cantón (Pontevedra) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

A biblioteca do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, leva tempo traballando en colaboración co Departamento TIC do centro, nunha simbiose de obxectivos que favorece de forma significativa os resultados das distintas iniciativas. A incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación, as posibilidades da web 2.0 e, máis recentemente, a inclusión da tecnoloxía móvil ao servizo da aprendizaxe son retos aos que tratan de dar resposta con múltiples propostas desde a biblioteca escolar. Unha destas iniciativas é a que nos explican neste vídeo: "A biblioteca escolar e as competencias dixitais"

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 7

IES Alexandre Bóveda (Vigo, Pontevedra) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

As bibliotecas escolares veñen liderando a incorporación dos proxectos de carácter interdisciplinar para o tratamento de contidos curriculares de diversas áreas ou materias de aprendizaxe, a partir dun determinado tópico ou centro de interese. Desde o IES Alexandre Bóveda, de Vigo, explícanos neste vídeo un exemplo destas prácticas que favorecen a toma de contacto con metodoloxías máis activas e unha aprendizaxe máis acorde coas necesidades que xorden nesta sociedade da información.

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro mes da biblioteca - 6

CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Traballar para que o alumnado acade competencia informacional, adquira habilidades no uso e na produción de materiais informativos, saiba consultar fontes informativas diversas (máis aló do libro de texto) e constrúa o seu coñecemento, co uso de instrumentos de distinto tipo, incluídos os dixitais, e mediante traballos colaborativos, é tarefa complexa e de longo percorrido. Sábeno ben no CEIP  Milladoiro, de Malpica que levan tempo programando actividades para a adquisición da competencia informacional a través de distintas propostas da biblioteca escolar. A través deste vídeo podemos asistir a situacións de aprendizaxe que van orientadas a adquirir esta e outras competencias.

Boas prácticas de bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 5

CEP Xosé María Brea Segade (Taragoña-Rianxo, A Coruña) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

"O día a día dunha biblioteca escolar" permítenos coñecer algúnhas das actividades máis exitosas da biblioteca do CEP Xosé María BRea Segade (Tragaoña, Rianxo), na voz de profesorado, alumnado e membros da comunidade educativa.

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 4

IES de Poio (Poio, Pontevedra) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

A biblioteca do IES de Poio realiza múltiples actividades destinadas a mellorar a competencia lectora e o índice nos hábitos de lectura do seu alumnado. Os diversos grupos do club de lectura participan á súa vez, en sendos programas europeos e de colaboración intercentros, posibilitando así o contacto do alumnado con outras culturas e outras realidades, sempre coa lectura e os libros como mediación. Explícano moi ben neste vídeo: "A biblioteca escolar forma lectoras e lectores".

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 3

EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

A Escola de Educación Infantil de Barrionovo (Arteixo) é un espazo de aprendizaxe global, onde as tecnoloxías da información e a comunicación son instrumentos cotiás para un alumnado que traballa por proxectos e aprende con fontes informativas orais, escritas, audiovisuais, electrónicas... Neste vídeo podemos ver a través do seu proxecto "A prehistoria, menuda historia", como se desenvolve a actividade ao longo do curso.

Boas prácticas en bibliotecas escolares: outubro, mes da biblioteca escolar - 1

CEIP José Cornide Saavedra (A Coruña) from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

A modo de celebración do mes da Biblioteca Escolar e do Día da biblioteca (24 de outubro) iníciase a difusión de un bo feixe de boas prácticas nas bibliotecas escolares galegas. Estes vídeos foron gravados coa finalidade de seren incluídos na sección de formación Webcast do portal Leer.es, do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, no que se verán en breve. Cada experiencia incide nun aspecto esencial da biblioteca escolar: a formación dos lectores, a integración das tecnoloxías da información e da comunicación, a implicación das familias, o apoio na aprendizaxe en todas as áreas e materias, a aprendizaxe por proxectos... Distintas voces (profesorado, alumnado, familias) falan da presenza da biblioteca escolar e das súas oportunidades nos centros educativos.
Este primeiro vídeo foi gravado no CEIP José Cornide Saavedra, de A Coruña, no final do curso 2011/2012, ano no que levaron a cabo o proxecto interdisciplinar sobre o bosque, baixo o título "Do teu verdor".

As bibliotecas escolares galegas, bibliotecas de premio!




O luns 10 de decembro tivo lugar en Madrid, na Biblioteca Nacional, o acto de entrega de diplomas acreditativos dos Premios Nacionais de boas prácticas na xestión e dinamización de bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2011, e última convocatoria deste premio, ata o momento. Estiveron presentes os representantes dos seis centros galegos galardoados, acompañados do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos e o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Modalidade A (centros de ensino infantil, primaria, educ. especial e educ. de adultos):  

Súmanse así, aos 29 centros que obtiveran premio nacional nas convocatorias no período 2003-2010:

2003
IES ANXEL CASAL-MONTE ALTO (A Coruña)
2004
CEIP de Présaras-Vilasantar (A Coruña)
IES Fernando Esquío de Xubia-Neda (A Coruña)
2005
CPI Luis Díaz Moreno, de Baralla (Lugo)
IES Sánchez Cantón, de Pontevedra
IES Terra do Xallas, de Santa Comba (A Coruña)
IES Xulián Magariños, de Negreira (A Coruña)
2006
IES Ramón María Aller Ulloa, de lalín (Pontevedra)
IES Leliadoura, de Ribeira (A Coruña)
2007
CEIP A Ponte, de Lugo.
CEIP San Martiño-Salcedo, Pontevedra
CEIP Milladoiro, de Malpica (A Coruña)
IES Marqués de Suanzes, de Ferrol
2008
IES CARLOS CASARES, Viana do Bolo (Ourense).
IES Afonso X O Sabio, Cambre (A Coruña)
COLEGIO LA SALLE, Santiago de Compostela.
2009
CEIP Frián-Teis, de Vigo (Pontevedra)
CRA Mestre manuel Garcés, de Tomiño (Pontevedra)
CEIP A Pedra, de Bueu (Pontevedra)
IES Sanxenxo (Pontevedra)
IES de Catabois, de Ferrol (A Coruña)
2010
CRA Mestra Clara Torres, de Tui (Pontevedra)
CPI Tino Grandío, de Guntín (Lugo)
CEIP de Cervo, Cervo (Lugo)
CEIP Os Muíños, de Muxía (A Coruña)
CEIP Quintela de Moaña (Pontevedra)
IES de Monterroso, Monterroso (Lugo)
IES de Fene, Fene (A Coruña)
IES Manuel Antonio (actual CIFP) de Vigo (Pontevedra)

Parabéns. novamente, ás comunidades educativas que fan posible, día a día, a presenza de bibliotecas escolares ÚTILES para un ensino eficaz e para a tan necesaria construción dunha sociedade lectora .

Bibliotecas escolares galegas

Bibliotecas Escolares en Tránsito [GAL] from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Este vídeo foi rodado en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares de diferentes recunchos de Galicia, e presentouse no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Compostela os días 10, 11 e 12 de novembro, organizado pola Consellería de Educación en colaboración co Ministerio de Educación.
As imaxes exemplifican a distribución de espazos nas novas bibliotecas, e algunhas das actividades que o alumnado realiza nelas día tras día.

Bibliotecas escolares de onte e de hoxe

(Premer e seleccionar esta reportaxe)

 

O día 2 de maio, no programa da TVG A Revista, emitiuse esta reportaxe sobre dúas bibliotecas escolares singulares, que responden a dúas concepcións distintas, con funcionalidades tamén distintas. Por unha banda, a biblioteca histórica do IES Xelmírez I, de Santiago de Compostela, e pola outra, a biblioteca do IES Manuel Antonio, de Vigo, unha biblioteca que responde ao actual modelo impulsado desde a Consellería de Educación, a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares, no que está integrada desde o curso 2007/2008. A celebración do Día do Libro, o pasado 23 de abril, mereceu a atención da "Galega", que emitiu estas reportaxes relacionadas coas bibliotecas: 1 - 2