Bibliotecas escolares

Convocatoria de Biblioteca creativa para o curso 2022/2023

 
Portal Educativo publica a convocatoria da Dirección Xeral de Ordenaciçón e Innovación Educativa, do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA, para apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación, en espazos creativos e cooperativos no seo das bibliotecas escolares dos centros que matriculan alumnado de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2022/2023.
 
Poderán participar os centros integrados en anteriores convocatorias do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA e seleccionaranse 25 centros de nova incorporación.
 
Non poderán participar os centros que se incorporan ao PLAMBE no curso 2022/2023, curso no que cómpre centrar a súa actividade na consolidación do modelo de biblioteca escolar segundo os obxectivos presentados no seu proxecto.
 
O prazo para presentación de solicitudes é de quince días a partir do día seguinte da data de publicación (17 de novembro).
 

  • Publicación no Portal Educativo 

Escribir o medo

 
 
  "Chegou do bosque (como case todo o estraño)"
 
Emily Carroll. Cruzando el bosque.  (Sapristi, 2015)
 
Imaxe da biblioteca do IES de Brión.
 
Chegado o tempo de outono, as bibliotecas escolares galegas acollen múltiples actividades  que facilitan e promoven o uso da palabra, a escritura e a linguaxe para facer fronte aos medos. As seleccións e recomendacións lectoras,  os concursos de relatos, os obradoiros de ilustración, as propostas creativas, as receitas, as lendas da tradición oral, a mitoloxía na arte galega, as propostas audiovisuais, a radio, os proxectos de investigación...  
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia: 
 

24 de outubro, Día das Bibliotecas, de todas as bibliotecas.

 
 
Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro,  unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas.
 
A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2022.  "A edición deste ano, baixo o lema “BiblioTEcuida”, céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, preocúpanse por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen."
 
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir.
 
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 
 
Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia  ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR , e  quere poñer o foco en todas as formas de escrita que cuida e ofrece a biblioteca escolar . A escrita como medio de comunicación, expresión, creación, información e coñecemento. aproveitado por algunhas das bibliotecas para esta celebración. 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:
 

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares - centros públicos. Curso 2022/2023

 

 
 
 
O DOG do 19 de outubro de 2022 publica o Orde de 4 de outubro de 2022 pola que se resolve o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades  para o curso 2022/2023. Intégranse 25 novos centros e, finalmente, son un total de 754 bibliotecas escolares as que conforman o PLAMBE-públicos neste curso.
 
 
As bibliotecas escolares demostraron nos  últimos cursos que son un instrumento e un valor do centro á hora de enfrontar novas formas de vincular á comunidade educativa, de ofrecer recursos para apoiar as aprendizaxes, de reforzar as competencias clave do alumnado e de facilitar lecturas e actividades que axuden a medrar como cidadáns activos e como lectores críticos da realidade. Cómpre seguir na pescuda de todas as súas potencialidades. 
 
 

Día das Escritoras 2022

 
 
O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
 
Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VII Edición celébrase este ano 2022  o 17 de outubro baixo o lema “Antes, durante e despois das guerras”, comisariada pola escritora Carmen Domingo . “Un ano máis – avanza Ana Santos Aramburo, directora da BNE – recuperamos a palabra de mulleres escritoras que nos seus textos reflicten sentimentos, procuras e loitas. Mujeres valentes cuxa obra, en moitas ocasións, foi ignorada. Rescatar hoxe a súa voz é un acto de xustiza e recoñecemento cara a todas elas”. O lema deste ano, destaca, “é unha homenaxe ao papel fundamental que cumpriron en situacións de conflito bélico e axuda a reflexionar e contemplar con outros ollos unha situación de sufrimento, pero tamén de xenerosidade e compromiso”.
 
Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...
 
Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta actividade que visbilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 
 
"Houbo unha vez unha guerra.
       Despois da guerra, quedamos sen casa.
       -Non importa -dixo miña nai-. Temos un coche.
       Fomos vivir ao coche.
       Desde entón, vivir era viaxar." 
 
Paula Carballeira. O principio. (Kalandraka, 2012)
 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia: 
 

Convocatoria do programa Radio na Biblio para o curso 2022/23

 
 
Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de 11 de outubro de 2022, pola que se convoca o programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2022/2023. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos de titularidade da consellería que matriculen alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (agás os incorporados no presente curso).
 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de outubro de 2022. 
 

Plan LIA 2021/2025

 
No ano 2010 o Conselleiro de Cultura, Educacion e Ordenación Universitaria presentaba no Parlamento de Galicia o Plan LIA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe, co que se pretendía dar resposta ás necesidades que neste terreo se viñan manifestando, logo dun periodo de iniciativas da consellería en relación coas bibliotecas escolares e o fomento da lectura no ámbito educativo, iniciadas en setembro do 2003 coa creación da asesoría de bibliotecas escolares.
 
Este Plan LIA buscaba a integración de todas as actuacións da consellería a prol das bibliotecas escolares para a mellora das competencias de lectura, escritura e habilidades  investigadoras e de uso da información do alumnado galego.
 
O Plan tivo continuidade nunha segunda fase, o Plan LIA 2016/2020. Logo do seu correspondente informe de resultados, e unha vez analizados logros e ámbitos de actuación que precisan reforzo tras estas dúas primeiras fases do Plan LIA, no periodo 2010/2020, cómpre agora abordar unha terceira fase, que implica a actuación dos obxectivos e liñas prioritarias de actuación que garantan a presencia estable de bibliotecas escolares en todos os centros educativos galegos de nivel non universitario, como recurso imprescindible para o desenvolvemento dos currículos e que, ao mesmo tempo, amplíe a experiencia de lectura e de acceso aos bens culturais de toda a poboación escolar galega e facilite a abordaxe dos cambios que as novas dinámicas sociais e educativas demandan.
 
 
 
 

Escribir a biblioteca escolar

 
 
Ver coa imaxinación ou volver ver por medio da memoria é o patrimonio da escritura. 
 
 
Ernaux, Annie. El Acontecimiento
 
 
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional  e Universidades publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2022/2023. O lema elixido, ESCRIBIR A BIBLIOTECA ESCOLAR, quere poñer o foco en todas as formas de escrita que cuida e ofrece a biblioteca escolar . A escrita como medio de comunicación, expresión, creación, información e coñecemento.
 
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2022-2023 é obra da calígrafa, deseñadora gráfica e mestra de talleres de caligrafía e lettering Belén L. Méndez coñecida como nacu, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en  obradoiros.
 
 
A biblioteca escolar ofrece oportunidades e recursos para escribir e escribirnos:
 
- Escribir para saber, para aprender.
- Escribir para comunicar e comunicarnos.
- Escribir relatos, historias.
- Escribirnos, coñecernos a través da escrita: diarios, axendas,  biografía...
- Escribir xuntos en relatos colectivos, encadeados, libros viaxeiros, wikis…
- Escrita creativa: microrrelatos, haikus, collages, caligrafía…
- Escribir para deixar pegada e preservar a memoria individual e colectiva.
- Escribir para incluír e visibilizar.
- Traducir.
- Reescribir, versionar e adaptar.
- Escribir no audiovisual: guións, escaletas.
- Escribir para  estimular a creación.
 
Escribir para ser (lido), para que o lector e a lectora dea vida ao libro, ao escrito.

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2022/2023

 
Vén de publicarse no Portal educativo a convocatoria de 26  de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no contexto das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bachalerato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2022-2023.
 
O prazo límite para a presentación de solicitudes remata o 1 de novembro de 2022 (data incluída)
 

  • PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar. Curso 2022/2023

 

 
 
 
 
 
O Portal Educativo publica as Instrucións da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa en relación coa organización e funcionamento da biblioteca escolar, destinadas aos centros públicos de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
 
 
 
 
 
 

Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos para o curso 2022/2023

 

 
 
 
O Portal Educativo publica hoxe, 27 de xullo, a relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2022/2023, co detalle das contías asignadas inicialmente, segundo o previsto na Orde de 11 de  de 2022 (DOG de 30/05/2022).  Intégranse, segundo esta resolución, 25 novos centros.maio Este número poderá incrementarse na resolución definitiva en función das baixas ou renuncias ocasionadas. Esta resolución final, que se publicará no DOG, unha vez rematado o proceso, recollerá a totalidade dos centros públicos integrados no PLAMBE para o curso 2022/2023, así como as asignacións destinadas ás intervencións de mellora e actualización das bibliotecas escolares. 
 
Ábrese un prazo de 5 días naturais  a partir do día seguinte a esta publicación, para a presentación das alegacións tal e como se recolle no artigo 12º (Resolución), punto 2, da orde de 11 de maio.
 
 
 

Lecturas para deixarse arrolar

 
 
 
 Cando acabou, con todas
 as súas arañas ao seu lado, alzou o
 río e deixouse arrolar por el
 unha vez máis.
 
Novesky, Amy. Nana de Tela. Impedimenta.
 
Imaxe do río Anllóns en Ponteceso (A Coruña) - Asesoría de bibliotecas escolares 
 
 
Remata outro curso estraño, ao longo destes meses as  bibliotecas escolares volveron ser ríos que proporcionaron sustento e arrolo.
 
E, un ano máis, o curso do río segue fluíndo no verán a través das guías de lectura e as mochilas viaxeiras:
 

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de xuño de 2022

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número 83 de xuño de 2022 pubícanse un total de sete artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolarBoas prácticas Hora de ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades sobre o programa Lectura e familias,  oralidade, colaboración entre bibliotecas, igualdade, lendas e creatividade e como as transformacións das bibliotecas en espazos creativos e LIA.2 abren novos camiños ás comunidades educativas.

 
 
 

 Bibliotecas LIA, ampliando horizontes.

Belén Escariz Ferrín

CEIP de Quintela (Moaña-Pontevedra) 

 

Biblioteca é  a creativa como auga é a líquida. 

Mónica P. Múñoz Sobrino

CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Vigo-Pontevedra) 

 

Desde a biblioteca da EOI de Ferrol ata Rosalía de Castro sen fronteiras. 

Virginia Fernández González

EOI de Ferrol (Ferrol-A Coruña) 

 

O refraneiro galego baixo a lupa violeta. 

María Vilasó Martínez

IES Eduardo Pondal (Ponteceso-A cCruña) 

 

A lenda da Moucha do monte Xalo: un produto final máxico. 

Pablo Otero e Iván Pena

CRA de Culleredo (Culleredo-A Coruña) 

 

Lectura e familias na biblioteca Xoán Farias.

Rosa Grille, Pablo López, Kelly Picos e Rosana Rodiles

CEIP de Pazos (Ferrol-A Coruña) 

 

 

A alquimia da lectura.

Beatriz Hernández e Lucía Somoza

IES Espiñeira (Boiro-A Coruña) 

 

Materiais da XIV Xornada dos Clubs de Lectura

O pasado 10 de xuño, celebrouse no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que reuniu  a preto de 400 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
No enlace adxunto a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
  

XIV Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 10 de xuño, celebrarase no Palacio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Neste curso 2021/2022 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 370 centros que matriculan alumnado de Educación Primaria, ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XIV Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 400 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2022, que desta vez recaeu na escritora Antía Yáñez, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2020/2021, tal e como se recolle na Resolución do 22 de abril de 2022, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado e Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras e Eva Mejuto.
 
O programa contempla así mesmo a participación do escritor e experto en LIX Freddy Gonçalves e sesións simultáneas de lectura fácil, itinerarios lectores persoais , poesía, teatro e  banda deseñada. Os Clubs de lectura estarán representados nunha mesa de experiencias. Pechará a xornada a escritora Care Santos, a terceira autora máis lida nos Clubs de Lectura no curso 2020/2021.
 

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2022/2023 - Centros públicos

 
 
O DOG publica hoxe a Orde do 11 de maio de 2022 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades , para o curso 2022/2023.
 
Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2008/09 a 2012/13, poderán recibir, ademáis da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da  biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades deste curso 2021/2022.
 
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
 

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2022, incorporan a Florencio Delgado Gurriarán ao seu traballo en prol da nosa lingua. O seu compromiso vital coa terra e a lingua a través do seu traballo como poeta, articulista, editor, tradutor e a súa labor como activista cultural e político,  convida a  facer lectores en galego a través do achegamento  a súa figura  .
 
Na imaxe, colaxe-obxecto de Ana Piñón Vale do IES Agra do Orzán de A Coruña.
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2022: 
 

Resolución do IV Concurso de Podcasts - Radio na biblio

 
 
O Portal educativo publica a resolución de 12 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, relativa á convocatoria do IV Concurso de Podcasts - Radio na biblio en colaboración coa CRTVG (Radio Galega). A convocatoria estaba destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que traballan a radio como ferramenta pedagóxica, integrados ou non no programa Radio na biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano  a Florencio Delgado Gurriarán, poeta, articulista, editor, tradutor e activista cultural e político no exilio. 
 
Os podcasts seleccionados serán difundidos pola Radio Galega a través da  páxina do Diario Cultural; así mesmo, serán difundidos a través dos medios web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
 

Materiais dos Encontros PLAMBE 2021-2022

 

 
 
 
Os pasados 24 e 25 de marzo celebráronse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2021/2022, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a lectura, a literatura, a comunicación, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional, o patrimonio inmaterial. Ademais, presentáronse un total de 18 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, familias na biblioteca escolar, radio na biblio, biblioteca inclusiva, voluntariado e outros... ). 
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
 

Actividades do Día do Libro 2022 nas Bibliotecas Escolares de Galicia

 
 
O mes de abril visibiliza o traballo que, ao longo do ano, as nosas bibliotecas desenvolven arredor do libro e  a lectura .
 
Imaxe de pacodíaz en Gráficas Anduriña 
 
Velaquí algúns exemplos: 
 

VIII Concurso de Traballo por Proxectos

 
 
 
 
O Portal Educativo publica  a Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do 6 de abril de 2022, pola que se convoca, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe),  o VIII CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS, vinculados ou apoiados pola biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para traballos realizados durante o curso 2021/2022.
 
As modalidades nas que se pode participar son as seguintes:  
 
1. Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados , coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (e un 40% dos departamentos, no caso dos centros de ensinanza secundaria).   
 
2.   Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
a.    Traballos de grupo/nivel
b.    Traballos de ciclo/departamento
c.   Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO “Investigación e Tratamento da Información”, ou noutras materias equivalentes en ESO ou primaria. 
 
3.   Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas de ata un máximo de tres centros de ensino co fin de desenvolver un proxecto común, de temática xeral ou científica.
 
4.   Proxectos realizados con metodoloxía científica. Co fin de estimular a curiosidade por distintos fenómenos das ciencias experimentais ou sociais e reforzar o desenvolvemento do pensamento científico do alumnado, establécese unha nova modalidade, á que se poderán presentar traballos realizados co apoio dos recursos e oportunidades da biblioteca escolar, en calquera dos formatos anteriores: proxecto interdisciplinario, grupo-nivel, grupo internivelar/departamento ou na materia de “Investigación e Tratamento da Información” de 1º/2º de ESO, ou semellante en ensino primario, baixo as pautas do método científico. 
 
O prazo de presentación de traballos remata o 10 de xullo de 2022. 
 



 
Imaxe do CEIP de Outes (Outes-A Coruña) 

As/os 50 autoras e autores máis lidos polos Clubs de Lectura no curso 2020-2021

Como en anos anteriores, trala revisión das memorias dos Clubs de lectura correspondente ao curso 2020/2021, e á vista das lecturas realizadas polos diferentes grupos integrados no club de lectura de cada centro participante, pódese coñecer a relación dos 50 títulos máis lidos así como o número de lectura realizadas de cada autor ou autora, tendo en conta as diferentes obras lidas de cada un deles.
Publícase agora a relación dos 50  autores e autoras máis lidos polos clubs de lectura nese período.

Día Internacional do Libro Infantil 2022

 
 

 
 Ler é liberdade. Ler é respirar.
 
Ler permite que vexas o noso mundo con ollos diferentes e convídate a habitar mundos que nunca vas querer deixar.
 
Ler permítelle ao teu espírito soñar.
 
Seica os libros son amigos para toda a vida, eu acredito niso.
 
A plenitude do teu universo só medra cando les.
 
As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día, xa quelogo busca libros que lle falen ao teu espírito, ao teu corazón, á túa mente.
 
As historias son menciña. Curan. Reconfortan.
 
Inspiran. Ensinan.
 
Benditos sexan os narradores, e os lectores, e os oíntes. Benditos sexan
os libros. Eles son a menciña para un mundo mellor, máis luminoso.
 
Mahsi cho. Moitas grazas.
RICHARD VAN CAMP, AUTOR
TRADUCIÓN: MERCEDES PACHECO
 
 
 Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos
A sección patrocinadora deste ano é Canadá que difunde a mensaxe de Richard Van Camp e o cartel de Julie Flett.
 
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.
 

Encontros PLAMBE 2021-2022

 
 
Os vindeiros 24 e 25 de marzo celébranse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2021/2022, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a lectura, a literatura, a comunicación, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional, o patrimonio inmaterial. Ademais, presentaranse un total de 18 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, traballo por proxectos, familias na biblioteca escolar, radio na biblio, biblioteca inclusiva, voluntariado e outros... ). 
 
Un espazo de encontro no que as bibliotecas escolares de Galicia teñen a palabra. 
 

A Poesía ten a palabra

 
 
 
En tempos confusos como os que vivimos, cómpre viaxar polas métaforas das imaxes e as palabras, asolagar as nosas bibliotecas de poesía, buscar acubillo en versos reparadores, descubrir a poética do  máis pequeno e próximo... 
 
Hai moitos ollos no mundo,
ollos ledos e baleiros,
pequerrechos, preguiceiros,
ollos tristes e profundos.
 
Ollos ollando os abrentes,
ollos con olladas frías,
ollos de noites e días,
olladas de ollos doentes.
 
Ollos claros e marróns,
azuis, negros, verde escuro,
ollos que baten nos muros,
ollos-corisco e limón.
 
Ollos das pombas feridas,
ollos limpos, meiguiceiros,
ollos que aluman carreiros,
ollos de olladas perdidas.
 
Hai moitos ollos na terra,
ollos ollando as olladas
doutros ollos e as moradas
de tantos ollos que berran.
 
Paseniño, paseniño. Antonio García Teijeiro 
 
Recursos:  
 
A Poesía das bibliotecas escolares galegas: