Bibliotecas escolares

24 a 31 de outubro: Semana Mundial da Alfabetización Mediática e Informacional (AMI) a proposta da UNESCO

 
A UNESCO propón a celebración da semana AMI baixo o lema: Alfabetización mediática e informacional polo ben público. Destácase que  no ecosistema actual de mensaxes e significados complexos, ás veces, contraditorios, é difícil concibir que se avance no benestar público, se o público está  desempoderado fronte ás oportunidades e ameazas. Cada individuo debe estar  provisto de competencias en alfabetización mediática e  informacional para comprender o que está en xogo, así como para contribuír e beneficiarse das oportunidades de información e comunicación.
 
A desinformación xa existía antes da COVID-19, mais esta pandemia incrementou a desinformación, a polarización política e a crecente influencia das plataformas dixitais.
 
As bibliotecas escolares deben , máis que nunca,  reforzar o traballo cos medios de comunicación e identificación das noticias falsas e as competencias ALFIN e AMI.
 

24 de outubro, Día das Bibliotecas, de todas as bibliotecas.

 
 
Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. 
 
 
A Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura, a través da Subdirección Xeral  de Coordinación Bibliotecaria, impulsa a celebración do Día das Bibliotecas, este 24 de outubro de 2021. "A edición deste ano, baixo o lema “Bibliotecas: ler, aprender, descubrir” céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento, a partir da lectura e do conxunto de recursos que permiten a aprendizaxe e posibilitan o descubrimento doutras ideas, outras persoas, outras culturas e outros mundos."
 
As bibliotecas escolares galegas amosáronse, e continúan facéndoo, como unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio. Cómpre reivindicalo e celebrar que son xanelas para ler, espazos onde aprender e lugares para descubrir.
 
A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas, que son as bibliotecas públicas, eses lugares que están sempre ao noso carón: as BIBLIOTECAS. 
 
Este curso, o lema das bibliotecas escolares de Galicia A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA , quere poñer o foco na palabra e na oralidade. Este lema é aproveitado por algunhas das bibliotecas para esta celebración. 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares galegas:
 

Día das Escritoras 2021

 
 
O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
 
Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A VI Edición celébrase este ano 2021  o 18 de outubro baixo o lema "Ler as idades da vida". Marifé Santiago Bolaños, é a comisaria esta VI Edición do Día das Escritoras 2021. "Os libros escríbense só para unha lectora, a que os fai estar de novo cando os le. Por iso, a escritura vai dando conta das idades da vida e permítenos elixirnos, recuperarnos e soñarnos entre as páxinas dos libros. Dos libros que lemos, dos que leremos. Dos que se escribiron para nós, aínda que non os atoparamos aínda."
 
Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...
 
Animamos a toda acomunidade educativa a participar nesta actividade que visbilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 
 
"Vou ser vella. De nena quédame pouco. Oínllelo decir ás miñas tías: “¡Como pasa o tempo! Nunvisto e non visto, agora a nena logo se ha facer muller. ¿Que lle poden quedar? ¿Un ano, ou dous?E parece que foi onte cando naceu, coma se fose onte...”
Si. É terrible.
Converterse en muller é converterse en adulto. Certamente recoñezo que non teño présaningunha. Ademais, paréceme bastante perigoso ser adulto."
Xela Arias "Non te amola!" (Editorial Galaxia) 
 
 
Actividades nas bibliotecas escolares galegas:



Convocatoria de Biblioteca Creativa para o curso 2021/2022

 
Portal Educativo publica a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 8 de outubro de 2021, do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA, para apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación, en espazos creativos e cooperativos no seo das bibliotecas escolares dos centros que matriculan alumnado de educación infantil e primaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2021/2022.
 
Poderán participar os centros integrados en anteriores convocatorias do proxecto BIBLIOTECA CREATIVA e seleccionaranse 25 centros de nova incorporación.
 
Non poderán participar os centros que se incorporan ao PLAMBE no curso 2021/2022, curso no que cómpre centrar a súa actividade na consolidación do modelo de biblioteca escolar segundo os obxectivos presentados no seu proxecto.
 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de outubro de 2021.
 

Convocatoria do programa Radio na biblio para o curso 2021/22

 
Portal Educativo vén de publicar a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 29 de setembro de 2021, pola que se convoca o programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2021/2022. Esta acción, iniciada en 2017, pretende introducir a radio nas bibliotecas escolares e vai destinada aos centros públicos de titularidade da consellería que matriculen alumnado de educación infantil, primaria e secundaria, integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares (agás os incorporados no presente curso).
 
O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de outubro de 2021. 
 
 

Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar. Curso 2021/2022

 
 
 O Portal Educativo publica as Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e funcionamento da biblioteca escolar, destinadas aos centros públicos de niveis non universitarios, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
 
Estas instrucións inclúen unha cláusula específica relativa á situación xerada pola COVID-19, e actuacións que se consideran necesarias na biblioteca escolar, coordinadas e supeditadas ás instrucións xerais das autoridades sanitarias e educativas para os centros no seu conxunto.
 

A biblioteca escolar ten a palabra

 
 A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2021/2022. O lema elixido, A BIBLIOTECA ESCOLAR TEN A PALABRA, quere poñer o foco na palabra e a oralidade. 
 
A imaxe que interpreta este lema proposto para o curso 2021-2022 é obra do ilustrador, escritor, deseñador e artista visual Pablo Otero, que leva xa un tempo colaborando coas bibliotecas escolares en formacións e obradoiros.
 
Os textos escritos e as producións audiovisuais que ofrece a biblioteca en obras de ficción ou de información axudan o alumnado a medrar donos da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento. Mais tamén, as  bibliotecas escolares son espazos sociais de encontro que promoven e facilitan o uso da palabra a través do diálogo, a reflexión, o debate, a exposición, os recitais, a lectura en voz alta, os clubs de lectura… Estas propostas son oportunidade para que o alumnado "tome a palabra" e avance no dominio da linguaxe e da lingua que lle é propia. 
 
Máis aínda, como instrumentos a favor da equidade, as bibliotecas dos centros educativos deben procurar o acceso igualitario ao coñecemento e uso do léxico que garante unha mellor comprensión lectora, toda vez que os expertos nos falan da diferencia abafante entre o número de palabras que contén o léxico do alumnado de infantil en función dos contextos familiares, diferencia que marca xa as posibilidades de éxito fronte á lectura. 
 
Na súa constante e natural evolución, as bibliotecas escolares acolleron a nova oralidade secundaria, que promove a comunicación a través dos medios. Programas como Radio na Biblio, Biblioteca Creativa e Biblioteca Inclusiva, abriron as portas a unha oralidade máis formal en forma de podcasts, audiolibros, espazos de coloquio e expresión, facilitando recursos e oportunidades para a adquisición de habilidades e competencias comunicativas de amplo espectro, pois en tempos de comunicación dixital fanse imprescindibles estas competencias básicas: unha expresión oral rica e coidada e unha interpretación o máis axustada posible dos textos orais dispoñibles. 
 
A Biblioteca Escolar ten a palabra é tamén unha proposta para a recuperación da tradición oral como unha forma de achegar o alumnado ás raíces da cultura na que medra, facilitándolle así as claves para acceder ao rico patrimonio inmaterial galego que ten dereito a coñecer, gozar e darlle continuidade. 
 

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2021/2022

 
Vén de publicarse no Portal educativo a convocatoria de 12 de agosto de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que acollen ensinanzas de educación primaria, secundaria, bachalerato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2021-2022.
 
O prazo límite para a presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2021 (data incluída)
 

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares - centros públicos. Curso 2021/2022

 
 

 
 O DOG do 31 de agosto de 2021 publica o Orde de 13 de agosto de 2021 pola que se resolve o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade  para o curso 2021/2022. Intégranse 27 novos centros e, finalmente, son un total de 729 bibliotecas escolares as que conforman o PLAMBE-públicos neste curso que hoxe comeza.
 
 
As bibliotecas escolares demostraron nos dous últimos cursos que son un instrumento e un valor do centro á hora de enfrontar novas formas de vincular á comunidade educativa, de ofrecer recursos para apoiar as aprendizaxes, de reforzar as competencias clave do alumnado e de facilitar lecturas e actividades que axuden a medrar como cidadáns activos e como lectores críticos da realidade. Cómpre seguir na pescuda de todas as súas potencialidades, adaptándose á situación sanitaria pero con iniciativa para presentar solucións aos problemas que se presentan. 
 
 

  • TEXTO DA RESOLUCIÓN DEFINITIVA DO PLAMBE-públicos no DOG (31/08/2021) 

 
 
 
 

Materiais da XIII Xornada dos Clubs de Lectura

 
 
O pasado 4 de xuño de 2021 celebrouse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, a XIII Xornada dos Clubs de Lectura  que reuniu, presencialmente, a preto de 250 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado.
 
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
 

Resolución provisional Plan de mellora de bibliotecas escolares - Públicos (centros de nova incorporación). Curso 2021/2022

 
Portal Educativo publica hoxe, 5 de xullo, a relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2021/2022, co detalle das contías asignadas inicialmente, segundo o previsto na Orde de 19 de abril de 2021 (DOG de 04/05/2021).  Intégranse, segundo esta resolución, 25 novos centros. Este número poderá incrementarse na resolución definitiva en función das baixas ou renuncias ocasionadas. Esta resolución final, que se publicará no DOG, unha vez rematado o proceso, recollerá a totalidade dos centros públicos integrados no PLAMBE para o curso 2021/2022, así como as asignacións destinadas ás intervencións de mellora e actualización das bibliotecas escolares. 
 
Ábrese un prazo de 5 días naturais a contar a partir de mañá 6 de xullo, para a presentación das alegacións que se considere conveniente. 
 

Lecturas para respirar!

 
 
Remata un curso que empezamos con moitos medos e incertezas, ao longo destes meses aprendimos a navegar por augas estrañas con afouteza.
 
As nosas bibliotecas, as nosas comunidades educativas, merecen, máis que nunca,  abrir as xanelas e respirar.
 
Como escribía Pedro Feijoo no fermoso texto que nos agasallou para o Día Mundial do Libro 2016 "Os libros son para valentes": Sempre pensei que falar da importancia da lectura era como ter que explicar a importancia de comer, de beber. De respirar.
 
As bibliotecas escolares galegas preparan as súas recomendacións de verán en busca de valentes:
 

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de xuño de 2021

 
 
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número 81 de xuño de 2021 pubícanse un total de cinco artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolarBoas prácticas e Hora de ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades sobre os espazos e tempos que a lectura precisa e as viaxes coas que nos agasalla, a recuperación da memoria da comunidade a través do traballo por proxectos, o proceso de inclusión de alumnado con discapacidade auditiva na biblioteca e a igualdade de oportunidades que as bibliotecas escolares dos centros de ensino rural ofrecen as súas comunidades educativas.
  

Biblioteca escolar no ensino enraízado

Cristina Novoa Fernández 

 

 Pasado, presente e futuro da nosa experiencia na inclusión de persoas con discapacidade auditiva.

Rebeca Ares Iglesias - IES Taboada Chivite (Verín-Ourense) 

 

 A biblioteca en comunidade

Mª Dulcenombre Carro Etchepare - CEIP NIcolás del Río (Cedeira-A Coruña) 

 

 Silencio, estamos lendo!

Covadonga Rodríguez Argüelles - CEP Xosé Mª Brea Segade (Rianxo-A Coruña) 

 

 O noso google maps lector en tempos de pandemia

José María Lores Pérez - IES San Paio (Tui-Pontevedra) 

XIII Xornada dos Clubs de Lectura

 
O vindeiro 4 de xuño, celebrarase no Palcio de Congresos, en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de cultura Educación e Universidade. Neste curso 2020/2021 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 213 centros que matriculan alumnado de ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XIII Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 250 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado. 
 
Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2021, que desta vez recaeu na escritora Eva Mejuto, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2019/2020, tal e como se recolle na Resolución do 23 de abril de 2021, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado e Carlos Negro, María Reimóndez e Andrea Maceiras.
 
O programa contempla así mesmo a participación da escritora Marta Sanz, celebrarase unha mesa temática sobre a historia de Galicia recuperada a través da literatura e outra con experiencias de centros; o escritor, periodista e investigador en comunicación José Miguel Tomasena falará da xente moza as prácticas de lectura nas redes . Pechará a xornada o autor e ilustrador Miguelanxo Prado, Premio dos Clubs de Lectura no ano 2017.
 

III Concurso de Podcasts - Radio na biblio: Seleccionados na Modalidade IV

Estos son os dous podcasts premiados na Modalidade IV, alumnado de Bacharelato, Ensinanza de Persoas adultas ou Ciclos Formativos, pola orixinalidade do seu traballo e a calidade sonora e de contido.  Dúas producións que reivindican a voz feminina de Xela Arias.
 

 IES Punta Candieira (Cedeira-A Coruña)

 

EOI de Vilagarcía (Vilagarcía de Arousa-Pontevedra)

 

 

III Concurso de Podcasts - Radio na biblio: Seleccionados na Modalidade III

 
 
Estos son os dous podcasts premiados na Modalidade III, alumnado de Educación Secundaria, pola orixinalidade do seu traballo e a calidade sonora e de contido.  Unha posta en valor da poesía e o pracer da lectura e un recoñecemento da aportación de Xela Arias á poesía e a divulgación da lingua galega.
 

CPI de Cervantes (Cervantes-Lugo)

 

IES Monte Carrasco (Cangas-Pontevedra)

 

 

CREAcción Día do Libro 2021

 

 

 

 

Este curso as Xeografías Lectoras marcan o rumbo das nosas bibliotecas. As actividades e recursos que se promoven van trazando camiños que percorremos construíndo o noso espazo lector.

Nesta viaxe que nos convida a ler o mundo, chegamos ao mes de abril, un mes cheo de vida nas bibliotecas escolares.

A Asesoría promove unha acción creativa relacionada co lema deste curso, a construción da persoa lectora. Esta acción pode desenvolverse cos múltiples recursos (plásticos, audiovisuais, sonoros...) que promoven a creatividade nas nosas bibliotecas.

 

As intervencións poden enviarse ao longo deste mes, visibilizándose nesta entrada. Ao rematar abril, seleccionaranse 20 que recibirán un lote de libros. Poderán participar as bibliotecas escolares de  centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

 Os equipos deberán compartir unha entrada no blog da biblioteca escolar onde se poida coñecer a acción creativa desenvolvida e máis un pequeno texto explicativo, onde se detalle o proceso levado a cabo (como se fixo).

 A ligazón a esta entrada do blog deberá enviarse ao correo da Asesoría: bescolares@gmail.com

Imaxe de María López Pousa

 

 

 

 

CREAccións das bibliotecas escolares galegas:

 

 

 

 

III Concurso de Podcasts - Radio na biblio: Seleccionados na Modalidade II

 
 
Estos son os dous podcasts premiados na Modalidade II, alumnado de  3º a 6º de Primaria, pola orixinalidade do seu traballo e a calidade sonora e de contido. Unah pequena peza de teatro radiofónica e unha entrevista á nena Xela.
 

CEIP Mestre Manuel García (Oia-Pontevedra)

 

CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños-A Coruña)

 

 

III Concurso de Podcasts - Radio na Biblio: Seleccionados na Modalidade I

 
 
Estos son os dous podcasts premiados na Modalidade I, alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria, pola orixinalidade do seu traballo e a calidade sonora e de contido. Unha homenaxe ás familias que deciden falar en galego aos seus fillos e fillas e unha recreación dos relatos que Xela escoitaba ao seu avó.
 

CEIP P. de Outes (Outes-A Coruña)

 

 

 

CPI P. de Rodeiro (Rodeiro-Pontevedra)

 

 

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

 
 
Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2021, incorporan a Xela Arias ao seu traballo en prol da nosa lingua. A súa mirada incorfomista e creativa, como mestra, editora, tradutora e poeta,  convida a  facer lectores en galego a través da singularidade da súa palabra.
 
Na imaxe, collage de Ana Piñón Vale do IES Agra do Orzán de A Coruña.
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2021:
 

Resolución do III Concurso de Podcasts - Radio na biblio

 

 

 

 

Portal educativo publica a resolución de 10 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, relativa á convocatoria do III Concurso de Podcasts - Radio na biblio en colaboración coa CRTVG (Radio Galega). A convocatoria estaba destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que traballan a radio como ferramenta pedagóxica, integrados ou non no programa Radio na biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao editora, tradutora, poeta e mestra Xela Arias.

 

Os podcasts seleccionados serán difundidos pola Radio Galega a través da  páxina do Diario Cultural; así mesmo, serán difundidos a través dos medios web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

 

 

 

Materiais dos Encontros PLAMBE 2020/2021

 
Os pasados 15 e 16 de abril de 2021 celebráronse, na Cidade da Culturas de Santiago de Compostela, os Encontros PLAMBE na rede 2020/2021 . Cun formato telemático, debido a situación sanitaria, desenvolvéronse conferencias plenarias e dous itinerarios formativos.
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.
 

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2021/2022 - Centros públicos

 
O DOG publica hoxe a Orde do 19 de abril de 2021 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios da Consellería de Cultura, Educación e Universidade , para o curso 2021/22.
 
Ao igual que en anos anteriores, seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias de centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias 2005, 2006 e 2007, poderán recibir, ademáis da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da  biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades deste curso 2020/2021.
 
O prazo de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
 
 

Actividades do Día do Libro 2021 nas Bibliotecas Escolares Galegas

 

 

O mes de abril ferve nas bibliotecas escolares cunha gran variedade de actividades arredor do libro e a lectura.

Imaxe de Cristina Novoa 

 

Velaquí algúns exemplos: 

 

VII Concurso de Traballo por Proxectos

O Portal Educativo publica  a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do 12 de abril de 2021, pola que se convoca o VII CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS, vinculados ou apoiados pola biblioteca escolar, en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para traballos realizados durante o curso 2020/2021.
 
As modalidades nas que se pode participar son as seguintes:  
 
1. Proxectos de carácter interdisciplinario, ou Proxectos Documentais Integrados , coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (e un 40% dos departamentos, no caso dos centros de ensinanza secundaria).   
 
2.   Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
a.    Traballos de grupo/nivel
b.    Traballos de ciclo/departamento
c.   Proxectos realizados na materia de libre configuración de 1º/2º de ESO “Investigación e Tratamento da Información”, ou noutras      materias equivalentes en ESO ou primaria. 
 
3.   Proxectos de investigación intercentros, promovidos desde as bibliotecas de ata un máximo de tres centros de ensino co fin de desenvolver un proxecto común, de temática xeral ou científica.
 
4.   Proxectos realizados con metodoloxía científica. Co fin de estimular a curiosidade por distintos fenómenos das ciencias experimentais ou sociais e reforzar o desenvolvemento do pensamento científico do alumnado, establécese unha nova modalidade, á que se poderán presentar traballos realizados co apoio dos recursos e oportunidades da biblioteca escolar, en calquera dos formatos anteriores: proxecto interdisciplinario, grupo-nivel, grupo internivelar/departamento ou na materia de “Investigación e Tratamento da Información” de 1º/2º de ESO, ou semellante en ensino primario, baixo as pautas do método científico. 
 
 
O prazo de presentación de traballos remata o 10 de xullo de 2021. 
 
   
Na imaxe, proxecto "MonteMar" do CEP Brea Segade (Taragoña-Rianxo)