Bibliotecas escolares

IES Valadares, de Vigo (Pontevedra): un centro LÍA.2

A biblioteca do IES Valadares, de Vigo, forma parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares desde 2016 e foi convidada a participar no proxecto "Bibliotecas LÍA.2" en 2018, pola súa traxectoria de traballo a prol das competencias informacionais e mediáticas do alumnado, e polo compromiso do equipo de biblioteca e do conxunto da comunidade educativa cunha biblioteca acorde ás necesidades do alumnado na sociedade do século XXI en materia de lectura e de información. Inmersos nunha dinámica de innovación pedagóxica, a biblioteca O Sobreiral das Palabras é unha referencia en materia de lectura, traballo coa información e os medios de comunicación, inclusión e voluntariado, con forte presenza nas redes sociais. 

CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra): un centro LÍA.2

Coñecemos, da man de nenas e nenos, nais e profesoras, a biblioteca do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra), unha biblioteca moi activa desde a súa incorporación ao PLAMBE en 2007. Incorporada ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2" en 2018, ampliou espazos e funcións, ofrecendo agora maiores posibilidades a toda a comunidade educativa para aprender con recursos diversos e ter acceso a bens e actividades culturais, nunha dinámica de atención á diversidade e igualdade de oportunidades para todas e todos. Explícao moi ben a responsable da biblioteca, Aurora Leirado cando di: "Todos estes recursos ao alcance do nos alumnado en medios onde, ao mellor, non teñen tanto acceso a nivel persoal a ter contacto con todo este tipo de cousas, é sen dúbida o mellor exemplo de que unha biblioteca é fundamental para a igualdade de oportunidades no acceso á cultura, á educación e a crear cidadáns capaces de compartir un espazo común e uns recursos comúns."

CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra): Un centro LÍA.2

Visitamos a biblioteca do CEIP Quintela, de Moaña, integrada no PLAMBE desde a segunda convocatoria en 2006, que evolucionou seguindo as necesidades do seu alumnado e o propio desenvolvemento do modelo de biblioteca escolar para adaptarse ás novas demandas que a sociedade lle vai facendo ao sistema educativo. De sempre, unha das liñas de traballo deste centro foi a colaboración coas familias, tamén desde a biblioteca escolar. En 2018 incorporouse ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2". O equipo docente aceptou o reto da consellería para colaborar na exploración das novas funcionalidades da biblioteca escolar e, como podemos ver neste audiovisual, os avances son importantes e a biblioteca é hoxe un espazo de encontro e un centro creativo das aprendizaxes, tal e como se pretendía. Coma en todos os centros LÍA.2, a biblioteca como organismo vivo seguirá ampliando os seus obxectivos e ofrecendo a toda a comunidade educativa ocasións para a lectura, a escrita, a investigación, o traballo colaborativo, a comunicación e a convivencia. 

CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, de Vigo: un centros LÍA.2

O CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, de Vigo (Pontevedra) iniciou no ano 2019 unha transformación importante para ampliar a súa biblioteca e incorporar novos espazos, novos servizos, novas funcionalidades, como centro incluído no proxecto "Bibliotecas LÍA.2". Realizáronse intervencións destinadas a favorecer o tipo de prácticas educativas que viñan levando a cabo, convencido como está o equipo docente dos beneficios das metodoloxías activas, o traballo colaborativo e a formación do alumnado en competencias informacionais e mediáticas coa lectura e a escrita na base de todo. Unha biblioteca viva e inclusiva onde todo o alumnado pode desenvolver as súas capacidades. Un centro creativo das aprendixaxes en pleno exercicio. Este documento audiovisual, gravado na biblioteca do centro no outono de 2020 é un bo exemplo de como as bibliotecas escolares poden seguir sendo espazos de encontro e de aprendizaxe, mesmo en situacións adversas. Só é preciso ter claro os obxectivos e formar ao alumnado no uso dos espazos e dos materiais, e axustar as actuacións ás circunstancias, agardando tempos mellores.

Biblioteca Inclusiva e Axenda 2030

No ano 1992 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 3 de decembro como Día internacional das Persoas con Discapacidade

Este ano o tema do Día Internacional das Persoas con Discapacidade (IDPD) é "Participación e o liderado das persoas con discapacidade: Axenda de Desenvolvemento 2030". Céntrase no  apoderamiento das persoas con discapacidade para un desenvolvemento  inclusivo, equitativo e sustentable, como se pedía na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable, que se compromete a "non deixar a ninguén atrás" e considera a discapacidade como unha cuestión transversal na implementación dos seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Hai tres cursos a Consellería de Cultura, Educación e Universidade iniciou o programa Biblioteca Inclusiva, dentro do Plan LÍA 2016-2020 de Bibliotecas Escolares. Este programa pretende sensibilizar sobre a necesidade de avanzar cara a unha biblioteca que responda realmente ás necesidades de todo o alumnado do centro e que enfronte, dunha forma decidida, os retos que presenta a diversidade.

As bibliotecas escolares galegas levan tempo reflexionando e traballando para seren espazos nos que o alumnado atope o seu lugar para traballar en proxectos comúns, espazos que integren a todos e todas sen deixar a ninguén atrás, promovendo unha actitude inclusiva, igualitaria, normalizadora, respectuosa e visibilizadora da diversidade.

Estes son algúns dos materiais do programa: 

 

Actividades das bibliotecas escolares neste día que moitos colectivos reivindican como da "diversidade funcional":

 

CEP Xosé María Brea Segade (Taragoña-Rianxo, A Coruña): un centro LÍA.2

O CEP Xosé María Brea Segade é un centro integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares desde 2006, na segunda convocatoria deste programa. Foron aló moitos cursos e moitas foron as transformacións vividas por esta biblioteca en paralelo ás mudanzas que se foron sucedendo no mundo educativo nestes últimos quince anos [Vídeo gravado en 2012]. Sempre o protagonismo foi do alumnado e da comunidade educativa no seu conxunto, unha das claves da traxectoria desta biblioteca escolar: os traballos por proxectos, o fomento da lectura, a normalización da lingua, a formación do alumnado en competencias informacionais e mediáticas, a procura da súa autonomía como lectores e lectoras, a cultura tradicional como base sobre a que medrar como persoas cos pés ben firmes no chan que pisan e a mirada posta no futuro que cómpre construír. En 2018 o Brea Segade foi convidado a participar neste proxecto LIA.2 que busca explorar, en colaboración coa comunidade educativa, as posibilidades da biblioteca escolar como "centro creativo das aprendizaxes". Pasado un ano procúranse evidencias das transformacións realizadas e de como repercuten no día a día do alumnado e nas prácticas pedagóxicas do centro. Este vídeo, gravado no outono de 2020, serve de testemuña da cultura pedagóxica que comparten moitos centros galegos nos que a biblioteca é un "acelerador de innovación", e da que é un bo exemplo a BBS, a Biblioteca do Brea Segade. 

Resolución provisional da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020/2021

O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional, de 1 de decembro de 2020, da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020/2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
 
Ábrese un prazo de 5 días naturais para a presentación de alegacións, contados a partir da data de publicación desta Resolución no Portal Educativo.
 
Na iimaxe, selección de obras para o Club de Lectura do IES A Basella 
 

Así o fixo... Óscar Villán

 

Continúamos coa iniciativa que quere poñer en valor o traballo dos ilustradores e ilustradoras galegos  ao longo de trece anos de colaboración e creación na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolares galegas; celebrarmos así estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros. En diferentes formatos, contarán o proceso de creación, a partir do lema proposto pola Asesoría. Unha iniciativa que permitirá achegar ao noso alumnado ao proceso de transformación dunha idea nunha imaxe. 

Óscar Villán é o autor do cartel "Biblioteca escolar, viveiro de Cidadanía" do curso 2019/2020, no que nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar, visibilizando como a  biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.

Nesta ocasión, o ilustrador debuxa o proceso de elaboración do cartel. A través dunha metáfora visual imos coñecendo os ingredientes, o proceso de cociñalos... en resumo, como o cartel foi collendo forma. Co seu traballo, Óscar agasállanos cun valioso documento cargado de contido (e humor) para traballar nas nosas bibliotecas os procesos creativos.


Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable

Desde o ámbito bibliotecario recoñécese a importancia dos Obxectivos da Axenda 2030 e a contribución das bibliotecas como  espazos que ofrecen acceso e oportunidades para todos e todas. As bibliotecas escolares están comprometidas coa Axenda 2030, xa que traballan a prol dunha educación de calidade (Obxectivo 4), na protección e salvagarda do patrimonio cultural (Obxectivo 11.4) e promoven a inclusión do acceso á información e ás tecnoloxías da información e comunicación (Obxectivos 5.b, 9.c, 16.10, 17.8.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Consellería de Medio Ambiente) achéganos os ODS traducidos ao galego, documento que sabemos será de interese para os proxectos e documentos das bibliotecas escolares.

 
 

#BibliotecasSTOPViolencia

As bibliotecas escolares son espazos privilexiados para traballar valores democráticos, de igualdade e cidadanía, espazos únicos para a aprendizaxe da convivencia.

 O 25 de novembro é unha data do calendario civil que as bibliotecas escolares integraron nas súas programacións porque cómpre unha chamada de atención fronte a actitudes larvadas  de violencia contra as nenas e as mulleres (con presenza nas relacións sociais, na publicidade ou en moitos produtos audiovisuais), que fixan valores contrarios á igualdade.

Este curso, sumámonos á convocatoria do CCB (Consejo de Cooperación Bibliotecaria) que lanza o  hashtag #BibliotecasSTOPViolencia  coa idea de promover a visibilidade das diferentes accións que se desenvolven desde bibliotecas ao redor desta temática. Queren facer visibles as actuacións que se fagan habitualmente, ou de maneira máis destacada durante estas semanas, en relación coa contribución realizada desde bibliotecas creando conciencia sobre esta realidade. 
Na imaxe, alumnado do IES Universodade Laboral de Culleredo preparando materiais para o 25N.
Como en anos anteriores, difundimos actividades nas bibliotecas escolares galegas arredor destas datas e en prol da igualdade:

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2020

 

... chámase ciencia e é unha das ferramentas máis poderosas que desenvolvemos os seres humanos para tratar de comprender como está organizado e como funciona o mundo. Xurxo Mariño Alfonso

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO, de Xurxo Mariño Alfonso, profesor, investigador e divulgador científico. O autor salienta que este mes "... é unha oportunidade estupenda para deixarse enfeitizar pola maxia dos libros e do coñecemento que atesouran."

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursoso dixitais , relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

 

Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:

 

Convocatoria do programa Bibliotecas Escolares Solidarias para o curso 2020/2021

 

 

Portal Educativo vén de publicar hoxe a Resolución de 16 de novembro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o programa "Bibliotecas Escolares Solidarias" para o curso 2020/2021. Esta iniciativa lévase a cabo coa colaboración da Dirección Xeral de Xuevntude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social.
O seguinte cadro resume o contido do programa e as datas claves para cada unha das modalidades:
   Iniciativa  Finalidade  Características
 1  Concesión do Selo “Biblioteca Escolar Solidaria”  Recoñecer bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar
  • Convocatoria anual
  • Presentación de memorias por parte dos centros interesados: 10 de maio de 2021.
  • Concesión dos selos (un máximo de 15 selos por curso escolar)
  • As candidaturas deberán responder aos obxectivos da Axenda 2030 da ONU de desenvolvemento sustentable.
  • Solicitudes: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=voluntariadoSELO_2021
2   Voluntariado na biblioteca escolar (Secundaria)

Recoñecemento de horas de voluntariado na biblioteca escolar para o alumnado colaborador, mediante a emisión de diplomas de acción voluntaria correspondentes.

Destinado a alumnado de ESO, BAC, FP ou ensinanzas de réxime especial. 

   
 3

Voluntariado de

lectura - A (Primaria)

 Estimular o voluntariado cultural relacionado coa biblioteca e a lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria.    

Encontro Bibliotecas Escolares de Galicia 2020 na rede

Os pasados 12 e 13 de marzo estaba prevista a realización dos Encontros PLAMBE 2020 que tiveron que ser adiados pola situación sanitaria ocasionada pola COVID-19. Ao longo destes meses foise configurando unha nova actividade na que se recolle a meirande parte do programa daqueles encontros e se inclúen algúns contidos necesarios, como experiencias de bibliotecas no confinamento e outros.Cómpre tamén mudar o formato e o que antes era un encontro gozoso do colectivo do profesorado vinculado ás bibliotecas escolares galegas, debe ser, polas circunstancias sanitarias que vivimos, unha actividade telemática, á que cada quen poderá participar desde os seus dispositivos electrónicos e desde a súa casa. 

Publícase o programa do ENCONTRO BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA 2020 NA REDE que terá un formato telemático e que se celebrará nas tardes do 19 e 20 de novembro e na mañá do sábado 21. A actividade está aberta a todo o profesorado interesado (1.000 prazas), contemplándose como criterio de prioridade a vinculación á biblioteca escolar dun centro PLAMBE, no caso de que haxa máis inscricións que prazas dispoñibles. O profesorado interesado deberá asistir a 8 horas de formación para acceder a certificado. Deberá conectarse 4 horas de sesións plenarias ou obrigatorias, ao longo das tres xornadas, e outras 4 horas a elixir entre a oferta dispoñilbe de experiencias e relatorios, organizado incialmente en tres itinerarios posibles, pero combinables entre si. A asistencia ás 8 horas en total daralle dereito a un certificado de participación. 

Está aberto o prazo de inscrición en FPROFE, co código G2003002. Unha vez superado o proceso de inscrición, admisión e confirmación, o profesorado participante poderá elixir as sesións optativas nas que ten interese, a través dunha ligazón que se lle facilitará, realizando o seu propio itinerario ou escollendo dentro do itinerario de preferencia. Finalmente recibirá os códigos para poder asistir ás sesións do Encontro.

O prazo de inscrición remata o 20 de outubro.

Animamos a todo o profesorado interesado a compartir con nós esta nova aventura formativa.

 

 

Materiais das Xornadas de Formación Biblioteca Creativa 2020

 
Os pasados 26 e 27 de outubro celebráronse, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, as Xornadas de Formación de Biblioteca Creativa 2020. As circunstancias sanitarias que vivimos obrigaron a unha experiencia mixta, coa formación presencial dos centros de nova incorporación e segundo ano para os obradoiros de escornabots e impresión 3D e a formación telemática do resto dos centros que integran o programa. 
Nestas xornadas, os 102 centros compartiron experiencias que son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle todo tipo de linguaxes (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística...) e posibilita á comunidade educativa múltiples oportunidades de aprendizaxe, expresión e creación.
 
No enlace que adxuntamos a redeBE podedes viaxar por estos espazos de expresión e autonomía a través de experiencias cos escornabots, impresión 3D, creatividade, radio, recursos interactivos, alfabetizacións múltiples, E-téxtiles e novas tecnoloxías creativas...
 

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020-2021

 

 

Vén de publicarse no Portal educativo a convocatoria de 29 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que acollen ensinanzas de educación secundaria, bachalerato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2020-2021.


O prazo límite para a presentación de solicitudes remata o 16 de novembro de 2020 (data incluída)

 

 

 

 

13 de novembro: Día das Librarías

O 13 de novembro celébrase, desde o ano 2011, o Día das Librarías promovido por CEGAL e a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte. En Galicia está incluÍda no Calendario do Libro e a Lectura e conta co apoio da Federación de Librarías de Galicia. Desde CEGAL sinalan que “… queremos mostrar que somos espazos próximos, modernos e en continua evolución para xerar cultura, e crear comunidades en torno ao libro e a lectura”

Pensamos, que este é un bo ano para reivindicar, unha vez máis, as librarías de proximidade, espazos que van máis alá da venda de libros, transformándose en motores culturais da comunidade. Librarías con profesionais que entenden a literatura como algo non supeditado ás modas. Libreiros e libreiras que consiguen o imposible, que nos axudan a conformar unha colección rigorosa nas nosas bibliotecas. Librarías que son espazos de acubillo para  alumnado e familias, con múltiples actividades compartidas.

Agora que nos precisan ao seu carón, promovamos actividades, entre a comunidade educativa, para achegarnos ao seu traballo: entrevistas, traballos de investigación, visitas virtuais... É necesario coñecer e preservar a cadea do libro.

Desde a Asesoría iremos visibilizando estas actividades baixo o lema E ti, de que libraría vés sendo? 

 

 

 

II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio: Seleccionados nas Modalidades III e IV

Estos son os dous podcasts seleccionados na Modalidade III; alumnado de Educación Secundaria, e o seleccionado na Modalidade IV, alumnado de Bacharelato, ensinanza de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos; nesta Modalidade quedou un premio deserto. A selección recoñece a orixinalidade do traballo e a calidade sonora e de contido. Traballando o patrimonio lingüístico, a poesía e a Carvalho Calero.
                                       

IES Punta Candieira (Cedeira-A Coruña)

 

 IES P. Fontexería (Muros-A Coruña)

 

 

 IES Punta Candieira (Cedeira-A Coruña) 

 

 

II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio: Seleccionados na Modalidade II

 
Estos son os tres podcasts seleccionados na Modalidade II, alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria, pola orixinalidade do seu traballo e a calidade sonora e de contido.. Seleccionouse un máis ao quedar deserto un na Modalidade IV. Un percorrido polo espazo, o teatro e o rap.
                               

CEIP Mestre Manuel García (Oia-Pontevedra)

 

 CEIP de Foz nº1 (Foz-Lugo)

 

 
                                 

CPI Suárez Marquier (O Rosal-Pontevedra)

 

II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio: Seleccionados na Modalidade I

 
Estos son os dous podcasts premiados na Modalidade I, alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria, pola orixinalidade do seu traballo e a calidade sonora e de contido. Difusión de un traballo de investigación arredor do homenaxeado nas Letras Galegas 2020, realizado desde as casas, e unha entrevista ao poeta Antonio García Teijeiro.
                                      

 

 

CEIP NIcolás del Río (Cedeira-A Coruña) 

 

 

 CEIP P. San Bartolomé (Vilanova de Arousa-Pontevedra)

 

 

Quen dixo medo? #bescolaresgalAbertas

Aos poucos, as bibliotecas escolares galegas van collendo rumbo, amodiño, con paso firme e obxectivos claros. A pesar das restricións e "okupacións" retoman actividades sistematizadas e estables no tempo.

Pode que este sexa un bo curso para facer fronte aos medos que asexan e crean incertidume, para viaxar pola súa xeografía e descubrir que cadaquén ten os seus propios temores e os enfronta como pode. 

A lectura e a escritura son, sempre, un bo acubillo para navegar en tempos complexos.

 

Imaxe do CEIP As Covas-Meaño 

Actividades do Samaín nas nosas bibliotecas:

 

Resolución do II Concurso de Podcasts - Radio na biblio

 

O Portal educativo publica a resolución de 29 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, relativa á convocatoria do II Concurso de Podcasts - Radio na biblio en colaboración coa CRTVG (Radio Galega). A convocatoria estaba destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que traballan a radio como ferramenta pedagóxica, integrados ou non no programa Radio na biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao filólogo, mestre e escritor Ricardo Carvalho Calero.

Os podcasts seleccionados serán difundidos pola Radio Galega a través da  páxina do Diario Cultural; así mesmo, serán difundidos a través dos medios web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

 

 

Resolución da convocatoria do programa Radio na biblio para o curso 2020/2021

Portal Educativo publica a Resolución de 26 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se relacionan os 30 centros de nova incorporación ao programa RADIO NA BIBLIO para o curso 2020/2021, unha vez resolta a convocatoria publicada con data de 24 de setembro de 2020. Tamén se detallan os 79 centros integrados en convocatorias anteriores e que solicitaron continuidade. Desta forma, aparecen incluídas no programa un total de 109 bibliotecas escolares, distribuidas por todo o territorio galego, pertencentes a centros de infantil, primaria, ESO, Bacharelato ou Formación Profesional integradas no Plan de mellora de bibliotecas escolares.

24 a 31 de outubro: Semana Mundial da Alfabetización en Medios e Información (AMI) a proposta da UNESCO

 

 

A UNESCO propón a celebración da semana AMI baixo o lema: Resistir a DesinfodemiaAlfabetización mediática e informacional para todos e por todos. Destácase a necesidade de recoñecer o noso interese común por mellorara as competencias de todos para actuar criticamente coa información, os medios de comunicación e a tecnoloxía, mentras participan do desenvolvemento social.

A desinformación xa existía antes da COVID-19, mais esta pandemia incrementou a difusión de noticias falsas e estafas cibernéticas que se nutren do medo e da desesperación da poboación, polo que a UNESCO acuñou un novo termo para este fenómeno: desinfodemia. Ademais, a desinformación na área científica resulta especialmente dañina polas súas consecuencias na poboación.

As bibliotecas escolares deben , máis que nunca,  reforzar o traballo cos medios de comunicación e identificación das noticias falsas e as competencias ALFIN e AMI.

 

 

Actividades nas bibliotecas escolares galegas:

 

Día das Escritoras 2020

 

Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A V Edición celébrase este ano 2020  o 19 de outubro baixo o lema "O esforzo cotián das mulleres". "Ben se podería dicir que a literatura escrita por mulleres está a miúdo esporeada por unha conciencia esencial do esforzo." , explica Elvira Lindo, comisaria desta V Edición do Día das Escritoras 2020.

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

Animamos a toda acomunidade educativa a participar nesta actividade que visbilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 

 

"Tócanos facer as cousas ás agachadas, que non se note que estamos, porque somos invisbles como o ar. O que non saben, ou non pensan, é que o ar se coa en todos os recantos precisamente poque non se ve. Así facemos nosoutras."

Eva Mejuto "Memoria do silencio" (Editorial Xerais) 

 

Actividades nas bibliotecas escolares galegas:

 

 

Resolución BIBLIOTECA CREATIVA 2020/21

O Portal Educativo publica a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 14 de outubro de 2020, pola que se resolve a convocatoria do programa BIBLIOTECA CREATIVA correspondente ao curso 2020/21. Incorpóranse 25 novos centros e  publícanse as asignacións que recibirán os 77 centros que presentaron a súa solicitude de continuidade neste proxecto. En total, son 102 centros PLAMBE os que participan nesta iniciativa destinada a apoiar a cultura da experimentación, a creación e a investigación en espazos creativos e cooperativos no seo da biblioteca escolar.

Os espazos creativos ou espazos maker creados nestas bibliotecas son bos exemplos da evolución que pode vivir unha biblioteca escolar que acolle os multialfabetismos e atende as necesidades da comunidade escolar, ofertando oportunidades para as aprendizaxes a modo de laboratorio de creación e experimentación. 

Profesorado integrante dos equipos de biblioteca destes centros participarán nunhas xornadas mixtas (modo presencial/telemático) que se celebrarán os vindeiros 26 e 27 de outubro na Cidade da Cultura e do que xa se pode adiantar un programa.