Xestión técnica

Datos de contacto co CAU Periférico (atención técnica de usuarios de MEIGA)

As bibliotecas escolares informatizadas co programa MEIGA, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Secretaría Xeral de Cultura), poden acceder ao apoio técnico en relación con esta aplicación informática, a través do CAU PERIFÉRICO (Centro de Atención a Usuarios Periférico ou de nivel específico), da Xunta de Galicia. Os datos de contacto son os seguintes:

Tfno: 881 995 300

Correo electrónico: cau-periferico@xunta.es

A biblioteca debuxada

 

Desde o CPI Dr. López Suárez, de Friol (Lugo) chéganos este plano-debuxo da biblioteca do centro, con moita información sobre os recursos e as posibilidades que esta ofrece á comunidade educativa. Parabéns!

Pódese ver con máis detalle AQUÍ 

 

 

 

 

 

Recursos electrónicos na biblioteca escolar

 

Unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar é a de seleccionar recursos electrónicos en función das necesidades do centro, sempre ao servizo do desenvolvemento do currículo e a formación de lectores competentes. Estes recursos deben estar clasificados cun estandar, como a CDU, e dispoñibles para toda a comunidade educativa (por exemplo, a través do blogue da biblioteca escolar, integrado así mesmo na páxina web do centro). 

Nno blogue da biblioteca do CPI Luís Díaz Moreno (Barralla, Lugo) atopamos unha sección titulada Recursos CD, na que aparecen recollidos unha importante cantidade de espazos web e materiais, seleccionados e clasificados segundo os distintos apartados da CDU, e tamén, dispoñibles para tod@s. Un bo exemplo, sen dúbida. 

Cómprenos agora establecer un sistema para integrar nun só espazo os recursos seleccionados por distintas bibliotecas, co fin de rendabilizar esforzos e aproveitar todos a enerxía posta nestas actividades. Niso andamos. 

Instrumentos para a avaliación do uso da biblioteca escolar

A biblioteca escolar ten necesidade, e mesmo obriga, de avaliar os servizos que ofrece, así como o uso que destes servizos e dos recursos dispoñibles fai a comunidade educativa, co fin de mellorar e avanzar. 

As ferramentas dispoñibles para realizar esta avaliación son diversas, en función tamén da finalidade da avaliación e dos aspectos que se queiran medir. 

Pola súa parte, os centros educativos van elaborando os seus propios instrumentos de valoración. Velaquí temos dous excelentes exemplos de enquisa elaborados polo equipo de biblioteca do IES A Pastoriza (Arteixo) destinados a coñecer o uso da biblioteca escolar e recabar información e suxestións para a súa mellora (no caso de querer empregalas, consultar coa persoa responsable da biblioteca, no propio centro). 

Recursos da web social para as bibliotecas


Presentación de Natalia Arroyo, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, nas II Jornadas de Actualización Bibliotecaria y Formación de Monitores de Clubs de Lectura, celebradas en Cáceres, na Biblioteca Pública do Estado (2009). Polo seu interese, aínda vixente, difundímula a través desta páxina, pois conecta co camiño emprendido por moitas das bibliotecas escolares galegas, e achega recursos para avanzar. Aíinda que a tecnoloxía foi evolucionando en tres anos de forma significativa, o fundamental, a base da biblioteca 2.0, está recollido neste traballo, que agradecemos. Fonte Biblioteca 2.0

Biblioteca e comunidade escolar

Comeza un novo ano escolar e as bibliotecas prepáranse para recibir ao alumnado; moitas delas, contemplan nos seus programas, tamén, actividades para as familias, nese intento (sempre ben recibido) de involucrar a nais e pais na formación dos novos lectores.

Neste DÍPTICO, Biblioteca e comunidade escolar, sinálanse algunhas das actividades máis frecuentes e que mellor resultado veñen dando desde hai anos, pois poñen en valor os libros, a lectura e o acceso ao coñecemento; facilitan orientación a nais e pais nestes temas; posibilitan a súa colaboración; aproveitan o entusiasmo e o bo facer daquelas familias que queren contribuír á construción dunha escola máis aberta e mellor para os seus fillos e fillas.

+ Información sobre MOCHILAS VIAXEIRAS  RECUNCHO PARA PAIS

Hora de botar contas, de facer números, de ver indicadores... Hora de avaliar.

A cultura da avaliación entrou nas bibliotecas escolares galegas e vaise asentando, poñendo de manifesto a profesionalidade do profesorado que as xestiona e lles dá vida. Se ben o indicador do préstamo vai perdendo protagonismo fronte a outros de maior significado, o certo é que este servizo é un dos máis importantes na biblioteca escolar. Unha ollada atenta á súa evolución dentro dun centro pode servir para reorientar as decisións a tomar na política de adquisicións, no necesario equilibrio da colección, na planificación de novas propostas e servizos.

Velaquí os datos do préstamo dunha biblioteca escolar, a do IES As Mariñas, de Betanzos, correspondente ao curso que remata, e o gráfico da evolución do préstamo nos últimos cursos, así como a interesante valoración que fan os responsables da biblioteca destes datos.

Guias para axudantes da biblioteca

Unha das fórmulas para integrar ao alumnado na xestión e dinamización da biblioteca escolar, avanzando así  na súa formación en tanto que usuarios da biblioteca, e favorecendo a súa participación, é a de  formar equipos de colaboradores. Cómpre que este alumnado reciba unha formación básica e, despois, actuará baixo a dirección do profesorado da biblioteca escolar. Pero a súa colaboración non se debe desdeñar e os resultados respecto da implicación deste alumnado nas actividades de busca de información ou de animación á lectura son o suficientemente interesantes como para telos en conta. Velaquí exemplos de guías para axudantes da biblioteca, que poden resultar de interese para fomentar esta participación e garantir enha eficacia mínima.

Recursos electrónicos na Rede

En datas recentes déronse a coñecer na Rede dous novos recursos electrónicos de grande interese para as bibliotecas escolares:

Por outra parte, as bibliotecas escolares que estean integradas no Proxecto Meiga teñen ao seu alcance, grazas aos acordos entre as Consellerías de Educación e Cultura da Xunta de Galicia,  diversos recursos electrónicos de acceso restrinxido. Para acceder a eles, só é necesario ingresar a través da páxina da Rede de Bibliotecas de Galicia, co número de lector da biblioteca escolar correspondente e nome ou apelidos do lector ou lectora como contraseña.

Neste mesmo portal do sistema bibliotecario galego existe un apartado de recursos electrónicos dispoñibles na Rede seleccionados, en función do seu interese informativo e pedagóxico, por un grupo formado por bibliotecari@s  da rede de bibliotecas públicas e da rede de bibliotecas escolares de Galicia. 

Guías de uso da biblioteca escolar

As bibliotecas escolares poden e deben facer difusión dos seus servizos, ao tempo que facilitan a formación de usuarios e a educación documental. Algúns exemplos deste tipo de materiais:


A estas guías, únese agora a Guía da Biblioteca do CEIP Milladoiro, de Malpica: un bo exemplo, tamén, das transformacións que están a "gozar" as bibliotecas escolares deste país, grazas aos recursos que as administracións van dispoñendo, a través por exemplo do Plan de mellora de bibliotecas escolares, pero especialmente, grazas ao traballo cotián, ao entusiasmo e á convición do profesorado que tira delas  e que inviste estes recursos en beneficio sempre dunha mellora da calidade do ensino do alumnado.

Aprendendo sobre blogues

   
   Tíscar ofrece na Rede unha presentación, o Bricoblog, especialmente deseñada para lles aprender a mozos e mozas de ensino secundario os secretos dos blogues, e que constitúe unha máis das interesantes achegas desta profesora de xornalismo  da Universidade Carlos III de Madrid.

CDU para as bibliotecas escolares

Dende a creación da Asesoría de bibliotecas escolares púxose a disposición dos responsables das bibliotecas escolares de Galicia unha adaptación da CDU que servise ás necesidades e características destas.

Pódense descargar os seguintes arquivos, con adaptacións axeitadas para os centros de primaria (nivel 1) ou de secundaria (nivel 2), así como algunhas cuestións básicas sobre as signaturas a colocar nos libros e outros materiais. Elaborouse tamén unha táboa simplificada da CDU, a xeito de recordatorio:

Biblioteca Nacional: bibliografía española na rede

A Biblioteca Nacional pon a disposición dos usuarios unha ferramenta ben útil para a xestión bibliotecaria: Bibliografía española en línea. Recolle monografías, publicacións periódicas, música impresa e cartografía. Permite consultar índices alfabéticos, consultas temáticas, busca de rexistros e acceso libre aos mesmos, descarga de rexistros bibliográficos en formato IBERMARC, etc.

Pautas para o mantemento da colección

Pautas para o mantemento da colección

Enténdese por colección o conxunto de documentos e recursos de todo tipo, en diversos soportes, que unha biblioteca escolar pon ao servizo dos seus usuarios e usuarias para o desenvolvemento das actividades de ensino e aprendizaxe, busca de información e lectura con distintas finalidades.

No documento Pautas para actualizar a colección recóllense orientacións e criterios para unha selección equilibrada dos fondos da biblioteca escolar.