Documentos de referencia

Impresión 3D: recursos

O pasado venres 6 de outubro reuníronse en Compostela integrantes dos equipos de biblioteca dos centros do Proxecto Escornabots na biblioteca escolar (continuidade), que se inician este ano na impresión 3D, nunha xornada formativa convocada pola D.X. de Centros e Recursos Humanos en colaboración co Servizo de Formación do Profesorado. Estiveron presentes, así mesmo, asesores/as de formación dos centros de Formación e Recursos do Profesorado de toda Galicia (con vinculación a actividades de BE), así como integrantes dos equipos de biblioteca dos centros do Proxecto LÍA.2, que tamén contan con impresora 3D na biblioteca. 

Todos os materiais das xornadas estarán dispoñibles para o profesorado interesado neste espazo destinado ao Proxecto Escornabots na biblioteca escolar e, en breve, tamén en RedeBE

"Espazo fedelleiro", ou cando a biblioteca avanza cara un "centro creativo das aprendizaxes".

 
Comeza o curso e comeza a materializarse un pequeno proxecto piloto no que participan 4 centros educativos [EEI Barrionovo (Arteixo), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco), CPI Cruz do Sar (Bergondo) e CEIP Canosa Rus (Coristanco)] integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, con longa e experimentada traxectoria de atención á biblioteca e de traballo a prol da innovación metodolóxica e situados, ademais, en zonas rurais. Con eses vimbios, a colaboración dos equipos docentes (e o compromiso dos equipos directivos correspondentes), estes centros van axudar a explorar novos avances na configuración da biblioteca escolar como "centro creativo das aprendizaxes".  Durante o curso 2016/2017 recibiron axudas extra para equipamento así como orientación da Asesoría de bibliotecas escolares. A pilotaxe deste Proxecto LIA.2 (unha iniciativa contemplada no Plan LÍA 2016/2020 ca CCEOU), esténdese ao longo do presente curso 2017/2018 coa utilización plena das bibliotecas renovadas e a posta en marcha de proxectos que implican o uso extensivo de todos os recursos e posibilidades da biblioteca escolar. O seguimento desta pilotaxe e as valoracións obtidas, permitirá novos avances na Rede de bibliotecas escolares de Galicia. 
Unha das liñas de traballo marcadas é a inclusión dun espazo maker na biblioteca, que ten comezado en moitos casos coa presenza dos "escornabots", pero que garda moitas outras posibilidades. Vemos un excelente exemplo nesta Inauguración do ESPAZO FEDELLEIRO, da EEI de Barrionovo (Arteixo), un dos centros participantes desta pilotaxe.

Instrucións sobre a organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2017/2018

O Portal Educativo publica as INSTRUCCIÓNS de 1 de setembro de 2017, da Dirección Xeral de Centros e ecursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2017/2018, e que serán de apliación en todos os centros públicos de titularidade da consellería de Cultura, Educación e O.U. que imparten ensinanzas de nivel non universitario, coa adaptación pertinente ás diferentes tipoloxías de centros. Acompañan ás Instrucións propiamente ditas, un Anexo I de Anotacións, e un Anexo XI de Orientacións (este último correspondente á última convocatoria PLAMBE). 

Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares

O Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares é a folla de ruta  da que se dotou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para continuar o seu traballo  a prol das bibliotecas escolares e o fomento da lectura nos vindeiros anos. 
Lectura, Información e Aprendizaxe son os ámbitos de actuación da biblioteca escolar e dan nome a un plan de actuación estruturado en:
  • Obxectivos xerais do Plan LÍA de bibliotecas escolares
  • Unha ducia de desafíos, ou retos que cómpre abordar
  • Liñas de acción medidas concretas
Aínda que xa se vén traballando con esta nova folla de ruta, desde a a administración educativa galega quíxose formalizar e presentar este PLAN LÍA 2016/2020  de bibliotecas escolares nunha biblioteca en pleno funcionamento. Así hoxe, e con este motivo, o Presidente da Xunta de Galicia e o Consellerío de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitaron a biblioteca do IES Maruxa Mallo, de Ordes, e mantiveron un encontro co profesorado do centro, cunha visita incluída ao alumnado que neses momentos traballaba na materia "Investigación e Tratamento da Información", intimamente ligada aos obxectivos que se perseguen no desafío número 5, "as competencias ALFIN/AMI", e que conciben a biblioteca escolar, como instrumento imprescindible para a adquisición de competencias no uso, tratamento e produción de información. 
 

Materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

 

Están xa dispoñibles en RedeBE para todo o profesorado interesado os materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Compostela os pasados 18 e 19 de novembro. Tamén estarán, en breve, os vídeos das diferentes intervencións. 

Instrucións sobre a organización e funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2016/2017

O Portal Educativo publica as INSTRUCCIÓNS de 1 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, durante o curso 2016/2017, e que serán de apliación en todos os centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e O.U. que imparten ensinanzas de nivel non universitario, coa adaptación pertinente ás diferentes tipoloxías de centros. Acompañan ás Instrucións propiamente ditas, un Anexo I de Anotacións, e un Anexo XI de Orientacións (este último correspondente á última convocatoria PLAMBE). 

 

 

Recursos e iniciativas a prol das ciencias

Os pasados 14 e 15 de abril tiveron lugar en Compostela, na sede do Consello da Cultura Galega, os XVIII Encontros para a Normalización Lingüística, organizados por esta institución baixo o lema"Nas bocas do futuro: mocidade e lingua".

Convidouse á Asesoría de Bibliotecas Escolares a participar na exposición de recursos para a ciencia en galego e contribuímos con este "póster" no que se recollen recursos e iniciativas desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e O.U. deseñadas para impulsar a presenza das ciencias nas bibliotecas escolares e a integración das ciencias e das humanidades nas actividades e propostas destas bibliotecas. Por descontado que estas iniciativas son tamén a favor do uso do galego nas ciencias. 

  • É de gran interese a exposición virtual de todos os pósters que podemos visitar AQUÍ

 

 

 

 

Bibliotecas Escolares no novo número da revista EDUGA

 
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de facer público o número 70 da súa Revista de Educación, EDUGA, correspondente ao segundo semestre de 2015. Coma nos números anteriores, este último EDUGA contén unha sección de Bibliotecas Escolares con varias subseccións (Biblioteca escolar, Boas prácticas, Hora de ler) e, en conxunto, un bo feixe de experiencias en relación co fomento da lectura, o traballo interdisciplinar apoiado e impulsado desde a biblioteca escolar, o voluntariado cultural na biblioteca, a alfabetización informacional, a formación audiovisual, o fondo local, os clubs de lectura, os acompañamentos lectores, ou a adaptación do modelo de biblioteca aos centros con especiais características como son os centros que albergan fundamentalmente ciclos formativos ou alumnado con necesidades específicas de aprendizaxe.
Pódense consultar os artigos directamente nas seguintes ligazóns: 

Instrucións sobre o funcionamento da biblioteca escolar para o curso 2015/2016

Os centros docentes disporán dunha biblioteca escolar. Tomaranse as medidas organizativas necesrias para que a biblioteca escolar teña un funcionamento estable e sirva aos obxectivos do proxecto lector de centro (Decreto 86/2015 do 25 de xuño polo que se establece o currículo de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato da Comunidade Autónoma de Galicia, artigo 38, punto 3.)

Comeza un novo curso escolar e o Portal Educativo publica as INSTRUCIÓNS de 1 de setembro de 2015, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en relación coa organización e o funcionamento das bibliotecas escolares, para o curso 2015/2016, destinadas aos centros non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

ACCESO AO DOCUMENTO DE INSTRUCIÓNS

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2014/2015

Os pasados 12 e 13 de marzo de 2015 celebráronse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2014/2015, coa asistencia de 550 profesoras e profesores, responsables das bibliotecas escolares integradas neste programa da consellería. 

En redeBE, o espazo moodle de Bibliotecas Escolares de Galicia, están dispoñibles xa os materiais destes encontros, co fin de que os equipos de bibliotecas e todo o profesorado interesado poida acceder ás presentacións dos relatores e a outras informacións de interese sobre os contidos do programa. En breve subiranse tamén os vídeos gravados nas diferentes sesións.

Entre os materiais dispoñibles, a versión pdf do cómic VIVIR NO SOLO, con guión de Marilar Aleixandre, editado co gallo da celebración do ano 2015 como Ano Internacional dos Solos. Esta publicación, da Delegación Territorial da Sociedade Española da Ciencia do Solo en Galicia, coa colaboración do concello de Santiago de Compostela, foi distribuída nos encontros de forma que puidese chegar, en formato impreso, a todas as bibliotecas do Plan de mellora. 

Nos encontros distribuíuse tamén o libro "Choven palabras no futuro" editado pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Cultura) en colaboración con GALIX, co gallo da conmemoración dos 25 anos desta Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. 

redeBE: materiais Encontros PLAMBE15

Materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

Están dispoñibles en redeBE os materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Santiago de Compostela os pasados 7 e 8 de novembro. 

A través deste espazo moodle  pódese acceder ás presentacións de expertos e docentes incluídos no programa das xornadas; os blogues de cada unha das bibliotecas e outras informacións de interese. 

En breve, subiránse tamén á redeBE as gravacións realizadas nas distintas salas.

 

 

 

Instrucións da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa biblioteca escolar. Curso 2014/2015

O Portal Educativo publica, nesta data de inicio do ano escolar, as INSTRUCIÓNS de 1 de setembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos en relación coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares, para o curso 2014/2015, e que afectan a todos os centros docentes de niveis non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

ACCESO Á PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO 

ACCESO AO TEXTO DAS INSTRUCIÓNS

"Qué es el Consejo de Cooperación Bibliotecaria?"


O "Consejo de Cooperación Bibliotecaria" é un órgano de coordinación a nivel estatal no que participan as CCAA (tendo en conta os distintos tipos de bibliotecas), coordinadas polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Foi creado a partires da Lei 10/2007, de 22 de xuño, da lectura, do libro e das bibliotecas. Entre os varios documentos que este CCB deu a coñecer recentemente, como froito do traballo de grupos e comisións no último ano, destacamos estes dous

Pola súa parte, Galicia conta coa Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, e o vindeiro 17 de marzo constituirasetamén o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, contemplado na devandita orde.

Recursos electrónicos na biblioteca escolar

 

Unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar é a de seleccionar recursos electrónicos en función das necesidades do centro, sempre ao servizo do desenvolvemento do currículo e a formación de lectores competentes. Estes recursos deben estar clasificados cun estandar, como a CDU, e dispoñibles para toda a comunidade educativa (por exemplo, a través do blogue da biblioteca escolar, integrado así mesmo na páxina web do centro). 

Nno blogue da biblioteca do CPI Luís Díaz Moreno (Barralla, Lugo) atopamos unha sección titulada Recursos CD, na que aparecen recollidos unha importante cantidade de espazos web e materiais, seleccionados e clasificados segundo os distintos apartados da CDU, e tamén, dispoñibles para tod@s. Un bo exemplo, sen dúbida. 

Cómprenos agora establecer un sistema para integrar nun só espazo os recursos seleccionados por distintas bibliotecas, co fin de rendabilizar esforzos e aproveitar todos a enerxía posta nestas actividades. Niso andamos. 

"Nuevas dinámicas para la biblioteca escolar en la sociedad red"

 

A Consejería de Educación, Cultura y Deporte da Junta de Andalucía, publica un novo número da serie BECREA: Nuevas dinámicas para la Biblioteca Escolar en la sociedad red.

As transformacións que se están a producir na actual sociedade da información provocan cambios profundos na escola e as bibliotecas escolares deben estar atentas a adaptarse e acompañar estes cambios, pois é esta a única forma de cumplir a súa función de apoio aos procesos de ensinanza e aprendizaxe que se viven no centro. Aínda máis, as bibliotecas poden ser os instrumentos que as comunidades educativas poden empregar para avanzar na adaptación dos espazos, as metodoloxías e as actividades a novas formas educativas, máis acordes coas necesidades do alumnado actual. E así o veñen demostrando moitos centros que están xa deseñando e traballando en clave de presente e de futuro: ampliando espazos, diversificando funcións, modificando o concepto de colección coa incorporación dos recursos electrónicos, liderando propostas que facilitan a aprendizaxe baseada en proxectos, facilitando a lectura individual pero tamén a lectura compartida, a lectura social, incorporando a toda a comunidade educativa nas súas actuacións.

Esta nova achega desde Andalucía, baixo a dirección de José García Guerrero, incide nos cambios necesarios que a biblioteca debe abordar e facilita unha excelente selección de recursos para poder levar a cabo estas transformacións. Sen dúbida, unha ferramenta que será moi útil para todo o profesorado implicado no desenvolvemento das bibliotecas dos centros. 

 

Nova sección de Bibliotecas Escolares na revista EDUGA

 
 
A revista dixital EDUGA, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fai público o seu número semetral correspondente a decembro de 2013, con novas seccións e un bo feixe de artigos de interese. Inclúese unha nova sección de Bibliotecas escolares, coordinada pola Asesoría de bibliotecas escolares, que consta de tres apartados: Biblioteca Escolar, Boas prácticas e Hora de ler.
Este número acolle, entre outras prácticas de excelencia, varias experiencias relacionadas coas ciencias: proxectos e dinámicas de bibliotecas escolares arredor dos contidos científicos, como expresión dun enfoque integrador que se propón como esencial para o funcionamento da biblioteca escolar nos centros de ensino.

Instrucións en relación coa Biblioteca Escolar dos centros educativos

 

Bibliotecas Escolares de Galicia

 

Este luns 2 de setembro publicáronse as Instruccións en relación coa Biblioteca Escolar para o curso 2013/2014 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que podedes consultar desde o seguinte enlace:

 

As bibliotecas escolares na revista EDUGA

 

A revista EDMozas e mozos do IES Ramón Mª Aller Ulloa, na bibliotecaUGA (Revista Galega do Ensino), da Conselleíra de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recolle no seu último número un bo feixe de experiencias de bibliotecas escolares, espallados polas distintas seccións da revista, nunha selección de actividades coordinada desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares, en colaboración cos responsables de EDUGA. En total, 14 fiestras para  asomármonos a unha realidade potente, innovadora, froito de moitos esforzos compartidos, e moita profesionalidade en xogo. Velaquí os enlaces a todos elas: 

Vídeos das IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia (novembro 2012)

Velaquí a intervención de Luís Aldegunde, do CPI dos Dices-Rois (Rois, A Coruña) nas IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Compostela os días 9 e 10 de noevembro de 2012. Nela, Luis explica o traballo do centro a prol da formación do alumnado como usuarios críticos dos medios audiovisuais e como creadores de produtos tales como os "telexornais" dedicados aos protagonistas do Día das Letras Galegas que realizaron nos últimos anos.
ACCESO A TODOS OS VÍDEOS DAS XORNADAS

Acceso aos materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2012/2013

 

Están xa dispoñibles, en redeBE os materiais (presentacións, enlaces de interese e outros) dos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2012/2013, celebrados en Santiago de Compostela os días 7 e 8 de marzo. Pódese entrar como "convidado", sen ningún tipo de contrasinal.

En breve, subiranse a este espazo moodle os vídeos das diferentes sesións. 

Estes materiais poden servir para ampliar a formación do profesorado interesado en materia de bibliotecas escolares, especialmente nos dous aspectos que constituíron o eixo temático dos encontros: a biblioteca como factor de compensación de desigualdades sociais, e a contribución da biblioteca escolar á formación para a competencia mediática e informacional, mediante programas específicos e traballos por proxectos de carácter interdisciplinar. 

Acceso a redeBE 

Recensión dos Encontros PLAMBE en Gabinete de Comunicación y Educación. 

Recensión da intervención de Agustín Fdez. Paz, no Blog deste autor. 

Revista Galega de Educación nº 48, especial bibliotecas escolares (2010). O pdf

Xa no momento da súa publicación (2010) déramos noticia deste número 48 da Revista Galega de Educación, do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, dedicado especialmente ás bibliotecas escolares galegas.

Agora os responsables da publicación autorizan a difusión vía internet desta publicación, o que facilita o acceso a un material de interese: un artigo de Manuel Area sobre o papel da biblioteca escolar na alfabetización no século XXI; artigos sobre as bibliotecas escolares galegas e as transformacións que viviron na última década a cargo de Pilar Sampedro e Cristina Novoa, responsables da Asesoría de bibliotecas escolares da consellería; unha entrevista a Juan Mata; experiencias de máis dunha ducia de centros e visións da biblioteca desde a dirección dun centro ou desde a función de inspección. Compleméntase cunha selección de recursos impresos e dixitais en relación coa biblioteca escolar, a lectura e a competencia informacional.

Os clubs de lectura, a Hora de Ler, as mochilas viaxeiras, os proxectos documentais integrados, os axudantes de biblioteca, a integración das TIC, o Proxecto Lector de Centro, a colaboración tentre distintas bibliotecas, a biblioteca escolar como factor de compensación social... Todos estes aspectos e moitos máis que protagonizan o día a día das bibliotecas escolares galegas, recollidos neste especial que recomendamos como documento de referencia.

 

ACCESO AO PDF AS BIBLIOTECAS ESCOLARES (Revista Galega de Educación, nº 48)

Achegas do Congreso Biblitoecas Escolares en Tránsito - BET 2011

Documento de achegas, a modo de conclusións, do Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Santiago de Compostela en novembro de 2011, organizado conxuntamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Educación.

Súmanse a estas achegas o documento presentado polo Ministerio nunha das sesións do congreso, o Marco de referencia para as bibliotecas escolares, que se ofrece como material de traballo, xurdido na Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares (con representación de todas as CCAA , coordinada pola Subdirección de Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e integrada no Consejo de Cooperación Bibliotecaria)

Caderno informativo 2012/2013

Publícase en formato pdf un CADERNO INFORMATIVO 2012/2013 coa relación de todos os centros integrados actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, xunto con outras informacións de interese: blogues de bibliotecas escolares galegas, blogues dos clubs de lectura, orientacións sobre o modelo de biblioteca escolar, pautas para a actualización da colección da biblioteca, informacións relacionadas co Proxecto Lector de Centro, propostas da consellería en relación con bibliotecas escolares e lectura, materiais a disposición dos centros para o fomento da lectura, bibliografía e recursos dixitais en relación coas bibliotecas escolares, a alfabetización informacional ou o fomento da lectura... (Trátase dun documento en revisión que se actualizará periódicamente).

Alfabetización Mediática e Informacional (AMI). Currículum para profesores. UNESCO 2012

Publicado un Currículum para Profesores en materia de ALFABETIZACIÓN MEDIÁTICA E INFORMACIONAL. UNESCO 2012.

Segundo se informa na páxina da UNESCO (sección La Habana):

"La publicación –elaborada, revisada y validada por expertos internacionales provenientes de diversas áreas del conocimiento– está orientada hacia la integración de un sistema formal de educación para profesores en lo concerniente a la AMI, y que se distingue por asumir un enfoque holístico al tomar en cuenta la tendencia actual hacia la convergencia de la radio, televisión, Internet, periódicos, libros, archivos digitales y bibliotecas en una sola plataforma".

 

 

 

Dúas publicacións de referencia para as bibliotecas escolares, desde Andalucía.

 

 

 

 

José García Gerrero presenta unha proposta de intervención desde a biblioteca escolar que xenere experiencias, ámbitos e actividades  que propicien a valorización da lectura literaria, da cultura escrita e da hábito da lectura.

    

Proposta de programas formativos,  articulados e apoiados desde a biblioteca escolar, para o desenvolvemento da competencia informacional, asinada por Glòria Durban, José García Guerrero e Ana Cid. Unha achega esencial para integrar os contidos e actividades que favorecen a adquisición desta competencia básica, nas programacións das distintas áreas curriculares, cruzando obxectivos e sistematizando actividadees.