Banco de experiencias

VI Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Materiais

Están dispoñibles en redeBE os materiais (presentacións, informacións, ligazóns de interese) das VI Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas recentemente en Santiago de Compostela. 

ACCESO AOS MATERIAIS 

A biblioteca, un espazo de colaboracións

A biblioteca pode ser un espazo de colaboración con outros departamentos e algunhas datas do calendario civil poden favorecer o deseño e realización de actividades que respondan a obxectivos de determinadas disciplinas, ao tempo que se lles dá voz aos mozos e mozas e se lles propón a participación en situaciones de reflexión e diálogo. Neste exemplo que nos chega desde o IES Blanco Amor, de Ourense, vemos tamén a participación do alumnado voluntario na biblioteca escolar, que colabora co seu traballo solidario na ampliación de información sobre o tema tratado e contribúe a que o instituto sexa un auténtico espazo de cultura cidadá. Co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora,froito da colaboración entre o Departamento de Educación Física e a Biblioteca, recompilouse información sobre a muller no deporte e levouse a cabo unha mesa redonda coa participación de mulleres que destacan no deporte (algunhas delas alumnas do centro), para debater sobre a presenza da muller deportista nos medios de comunicación. O alumnado voluntario na biblitoeca escolar recompilou información dos medios sobre este tema e o resto do alumnado participou activamente na actividade. Velaquí a crónica desta experiencia:

8 de marzo de 2015, imprescindible data no calendario civil

Na véspera do 8 de marzo, Día Internacional dá Muller, que se vén celebrando por iniciativa da UNESCO desde 1975, iniciamos a recollida de propostas e actividades das bibliotecas escolares galegas que nos van chegando, como exemplo visible do que se está a facer nos centros co fin de sensibilizar ao alumnado e educalo nos valores de igualdade e xustiza.
A mensaxe de Irina Bukova, directora xeral da UNESCO, por mor deste día, afirma que "debemos apoiar o empoderamiento da muller como forza de transformación en favor dos dereitos humanos, o crecemento económico e a sustentabilidade, e facer da igualdade entre homes e mulleres un elemento central de todos os esforzos de desenvolvemento. "

 

Na imaxe, mozas lendo no IES Laxeiro (Lalín)

30 de xaneiro: a Cultura de Paz nas bibliotecas escolares

Avanza o mes de xaneiro cara unha data ben significativa no ámbito educativo, o Día EScolar pola Paz (30 de xaneiro) que conmemora a morte de Mahatma Gandhi, hai agora 67 anos. Os centros educativos acostuman aproveitar esta data para traballar de forma intensiva contidos propios da Cultura de Paz:

"Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz" (Declaración da Constitución da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura)

 

 

Novos artigos de bibliotecas escolares na revista EDUGA

A Consellería de Cutlura, Educación e Ordenación Universitaria publica o nº 68 da súa Revista Galega do ensino, EDUGA. Entre as diferentes seccións, a de BIBLIOTECAS ESCOLARES acolle un bo número de artigos que permiten coñecer experiencias en distintos centros, sexa sobre o desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou sobre actividades máis centradas no fomento da lectura; outros artigos constitúen un percorrido polo conxunto de actividades que deseñan, cumprindo así o seu papel de centros de lectura, información e aprendizaxe. Este número inclúe, así mesmo, un artigo en relación ás actividades propostas desde o programa de bibliotecas escolares da consellería, que teñen como finalidade a integración das ciencias e as humanidades nas actividades das bibliotecas escolares, e que tanto éxito están a ter no conxunto dos centros. 
  1. Apartado BIBLIOTECA ESCOLAR
    1. CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR, MATEMÁTICO! (Asesoría de Bibliotecas Escolares)
  2. Apartado BOAS PRÁCTICAS:

    1. OS XOGOS TRADICIONAIS. Un proxecto interdisciplinar coordinado pola biblioteca (IES Rafael Dieste, A Coruña)
    2. VOLUNTARIADO DE LECTURA NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES (Responsables das bibliotecas dos centros seleccionados na convocatoria de Voluntariado de Lectura-A, no curso 2013/2014)
    3. NAVEGANDO NUN MAR DE INFORMACIÓN (CEIPPlurilingüe de Andrade, Pontedeume)
    4. A BIBLIOTECA NO CENTRO (CEIP de Pazos, Ferrol)
    5. A BIBLIOTECA MUSICAL NUN CONSERVATORIO DE MÚSICA (CEMUS Xan Viaño, Ferrol)
    6. CIENCIA E BIBLIOTECA ESCOLAR (CEIP de Cespón, Boiro)
    7. COMPARTINDO A BIBLIOTECA (IES As Mariñas, Betanzos)
    8. FEIRA DA CIENCIA E DA TECNOLOXÍA. BIBLIOTECA E CIENCIA 2014 (IES Eduardo Blanco Amor, Ourense)
    9. ÁFRICA DIVERSA, COÑECER PARA COMPRENDER (IES Antón Losada Diéguez, A Estrada) 
  3. Apartado HORA DE LER:
    1. CINCO ANOS NA BOCA DO LOBO (Club de lectura "A boca do lobo", do IES de Mugardos)
    2. TERTULIAS LITERARIAS EN ALLARIZ (IES de Allariz)
    3. LEMOS LE. BIBLIOTECAS E LIBRERÍAS UNIDAS POR E PARA A LECTURA (CEIP Virxe do Carme, de Sober; CEIP A Gándara, de Monforte de Lemos)
    4. BENVIDA E BENVIDOS Á NOSA BIBLIOTECA (CEIP Saco e Arce, de Toén)

ESTE ENLACE dá acceso a todos os artigos publicados até o momento porla revista EDUGA na sección de BIBLIOTECAS. 

Proxecto Interdisciplinar 1º ESO: Xogos. CPI Cernadas de Castro

 

O alumnado de 1º de ESO do CPI Cernadas de Castro, de Lousame, traballou nun proxecto denominado XOGOS, na materia de Proxecto Interdisciplinar, durante o curso 2013/2014. Este traballo mereceu un dos premios do Concurso de Traballo por Proxectos, na modalidade de Proxecto Interdisciplinar de 1º ESO, de temática científica (boa parte do traballo está relacionada relaciona os xogos e as ciencias ou a tecnoloxía). 

Inveestigar sobre xogos e xoguetes, construílos, aprender a xogar, ensinar a outros, realizar maquetas, amosar os seus traballos nun blogue, facer a presentación das súas investigacións a través do kamishibai... foron algunhas das actividades levadas a cabo durante o desenvolvemento do proxecto. 

Proxecto Interdisciplinar 1º ESO: Danzas tradicionais de Cangas. IES Monte Carrasco

O Proxecto Interdisciplinar é unha materia de 1º de ESO, cunha carga lectiva dunha hora semanal, que está orientada a que o alumnado adquira as habilidades necesarias para poder realizar traballos de investigación con distintas fontes informativas, e a guiar a súa propia aprendizaxe, a través da realización de traballos concretos mediante a metodoloxía de proxectos, cun enfoque interdisciplinar. Cando a biblioteca escolar ten clara a súa función, apoia de forma incondicional ao profesorado que imparte esta materia e, en ocasións, son os membros do equipo de biblioteca quen se encargan de impartila, porque atopan unha ocasión única para impartir os contidos ALFIN, esa cuestión urxente no ensino secundario. 

AS DANZAS TRADICIONAIS DE CANGAS é o proxecto presentado polo IES Monte Carrasco (Cangas do Morrazo) que acadou premio no Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxecto Interdisciplinar de 1º de ESO. O traballo desenvolvido ao longo do curso 2013/2014 conseguíu que o alumnado de 1º de ESO coñecese en profundidade as danzas tradicionais do seu concello, un patrimonio cultural de gran valor; que interrelacionase con  membros da comunidade  escolar e con institucións culturais de Cangas para recabar información, para aprender a facer os traxes e mesmo a bailar unha das danzas, a danza de Darbo, parroquia na que está ubicado o centro. O proxecto estivo coordinado por un membro da biblioteca escolar e esta foi unha ferramenta fundamental para todo o traballo de documentación, como é a súa función. 

Proxectos de investigación: A Arte da Natureza. CPI Virxe da Saleta

 

Os alumnos e alumnas de ensino secundario do CPI Virxe da Saleta, de San Cristovo de Cea, xunto co profesorado dos departamentos de Bioloxía e Lingua Castelá e Literatura, embarcáronse durante o curso 2013/2014 nun proxecto sobre as árbores que titularon "A Arte na Natureza",a través do cal coñeceron en profundidades as árbores máis comúns na súa contorna. Un traballo descriptivo, con recompilación de textos poéticos, imaxes artísticas e traballo lingüístico coa identificación do nome de 35 árbores en galego, castelán, inglés e francés. Toda a información está recollida en láminas, que pasaron a formar parte dos fondos da biblioteca escolar, ademais de estar dispoñibles en formato electronico. 

Este traballo foi merecedor dun premio no concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de proxectos de investigación, con temática científica. 

 

 

Proxecto de investigación: O niño de Cecilia. CEIP Juan Rey

O alumnado de ensino infantil do CEIP Juan Rey (Lourenzá, Lugo) aprendeu moito sobre os paxaros e os seus niños con este proxecto titulado "O niño de Cecilia", que levaron a cabo no 3º trimestre do curso 2013/2014. Este traballo mereceu un dos premios da modalidade Proxecto de investigación de ciclo/departamento (temática científica), no Concurso de Traballos por Proxectos.

A partir dunha anécdota real (A Cecilia trouxéranlle seus pais como agasallo, logo dunha viaxe a Francia, un niño artificial de paxaros), iinventaron un conto "O niño de Cecilia", nvestigaron sobre as aves e os seus niños, observáronas con atención e tomaron boa nota nas correspondentes  fichas de observación, fixeron un libro sobre os paxaros, elaboraron un libro de recitas con ovos... 

Proxecto de investigación: Proxecto Chuny Vázquez. CEIP Manuel Rodríguez Sinde

 

Chuny Vázquez é o nome polo que se coñece á escritora e pintora de A Guarda María Asunción Vázquez Vicente. E Chuny Vázquez é o título do proxecto de investigación que levaron a cabo os alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos de ensino primario, coas súas titoras e a colaboración da biblioteca e do Equip de Dinamización da Lingua Galega. Este traballo mereceu un dos premis outorgados na resolución do Concurso de Traballos por Proxectos desenvolvidos durante o curso 2013/2014, na modalidade de proxecto de inveestigación de ciclo/departamento, de temática xenérica. 

O alumnado traballou concretamente o xénero da biografía e para realizar a desta artista da súa localidade, tiveron que facer pescudas bibliográficas, achegarse ás súas pinturas e aos seus escritos, preparar e levar a cabo unha entrevista coa pintora, planificar e desenvolver todo o traballo de investigación e elaborar a biografía final, entre outras actividades.

Proxecto de investigación: Tralas pegadas do home (e da muller) na Historia

Tralas pegadas do home na Historia é un proxecto de investigación levado a cabo por alumnado e profesorado de ensino infantil do CEIP Porto Cabeiro, de Redondela, durante o curso 2013/2014 (de xaneiro a abril) e que mereceu un premio no Concurso de Traballos por Proxectos na modalidade de Proxectos de investigación de ciclo/departamento, de temática xenérica. 

Foron moitas as actividades xeradas por este proxecto e moitos os coñecementos e habilidades adquiridas sobre os petroglifos, o tallado da pedra, as receitas prehistóricas, os animais prehistóricos, as pinturas das covas ou a maneira de vivir das persoas na prehistoria.

Proxecto de investigación: Viaxe polo Universo. CEIP A Rúa

 

O alumnado de 6º Curso de primaria do CEIP A Rúa, de Cangas do Morrazo, xunto coa súa profesora titora, as profesoras de inglés e de pedagoxía terapéutica e o orientador do centro, embarcáronse nunha viaxe de ida e volta que chamaron VIAXE POLO UNIVERSO e que lles levou todo o curso escolar 2013/2014. Nesta viaxe aprenderon a orientarse, traballaron con astrónomos e enxeñeiros, investigaron sobre a materia ou a forza de gravidade, entre outros moitos contidos. Visitaron o Observatorio Astronómico de Cotobade e o  Museo Massó, de Bueu, entre outras moitas actividades. 

Este traballo mereceu un premio no concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxectos de investigación de grupo/nivel, na modalidade de ciencias. 

Proxecto de investigación: Comesán 2014. CPI San Vicente

O alumnado de 3º ciclo de Primaria do CPI San Vicente (A Baña), coa participación da biblioteca escolar, a súa profesora titora e outro profesorado do centro, ademáis do persoal do comedor escolar, embarcáronse no curso 2013/2014 nun proxecto de investigación e de aprendizaxe que chamaron COMESÁN 2014, para o que tamén contaron coa implicación das familias. Este traballo foi premiado no Concurso de Traballos por Proxectos na modalidade de Proxectos de investigación de grupo/nivel e temática científica. 

Proxecto Documental Integrado: Mulleres con valor. IES Xoán Montes

 

MULLERES CON VALOR é o título do proxecto documental integrado presentado polo IES Xoán Montes, de Lugo, desde o Departamento de Lingua e Literatura Galega, en colaboración coa biblioteca escolar e no que participou alumnado de 1º de ESO. Trátase dun estudo sobre a presenza da muller no papel moeda dos diversos países europeos, coa elaboración de pequenas biografías a partir da investigación realizada sobre as mulleres representadas nos distintos billetes. Un traballo de gran interese que nos dá a coñecer a mulleres científicas, políticas, artistas..., traballadoras en campos moi variados, e entre elas, a escritora galega Rosalía de Castro. Este traballo acadou un galardón no Concurso de Traballos por Proxectos, na categoría de Proxectos de investigación de grupo/nivel, de temática xenérica. 

 

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas ESCOLARES

Vai andado medio mes de novembro e xa temos noticia dalgunhas bibliotecas escolares en relación coas súas actividades arredor das ciencias:

Ciencias na cociña, desde a EEI de Vide (As Neves), onde asistimos á elaboración de "castañas en almibre", nas voces dos pequenos e pequenas. Imprescindible!



Proxecto de investigación: En marzo pintamos con Miró. EEI de Vide

A Escola de Educación Infantil de Vide (As Neves) ten unha longa traxectoria no traballo por proxectos. Entro outros moitos, cada ano adican un tempo a coñecer un pintor ou unha pintora. Desta vez tocoulle a Miró e con este proxecto obtiveron un dos galardóns do Concurso de Traballos por Proxectos, a modalidade de proxectos de investigación de grupo/nivel, de temática xeral. E este foi o traballo realizado polo alumnado, un grupiño de 10 alumnos coa súa profesora e a impliciación de toda a comunidade educativa:

 

Proxecto Documental integrado: Medindo e contando. CEIP P. Alexandre Bóveda

 

"Medindo e contando" é o proxecto documental que desenvolveron no CEIP plurilingüe Alexandre Bóveda, de Redondela, durante o curso 2013/2014 e que foi recoñecido cun premio no Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, na temática de ciencias. 

As matemáticas na vida cotía, con actividades en todas as áreas de aprendizaxe e propostas orixinais, das que fan tomar "medidas" á realidade máis próxima. 

Proxecto Documental Integrado: E agromará outro bosque. CPI Manuel Suárez Marquier

"E agromará outro bosque" é o título do proxecto documental que o CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) desenvolveu ao longo do curso 2013/2014, e que mereceu un dos premios no Concurso de Traballo por Proxectos, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, de temática xenérica. 

Tralos incendios do verán do 2013, o Equipo de Bbilioteca, o Equipo de Normalización Lingüística e os responsables do centro do Programa Proxecta deseñaron un proxecto interdisciplinar no que participou practicamente a meirande parte do alumnado e profesorado do centro. 

25 de novembro, un ano máis educando contra a violencia de xénero

Arredor deste 25 de novembro son moitas as bibliotecas escolares que apoian cos seus recursos e as súas actividades a formación do alumnado para a igualdade e contra a violencia de xénero. Este Día Internacional para a eliminación da violencia contra a Muller, segundo a ONU, chega con estatísticas inundando os informativos sobre unha realidade que debería avergoñar á sociedade que a permite.
O vídeo que ilustra esta entrada é un material de traballo elaborado en colaboración polo Equipo de Biblioteca, o Departamento de Orientación e outro profesorado do centro, no IES Lucus Augusti, de Lugo, co fin de traballalo nas titorías co alumnado. Podemos ver todo o material elaborado desta proposta, O maltrato nin en pintura, no blogue da biblioteca.
Outras iniciativas para tratar esta temática (tan urxente entre os adolescentes segundo nos amosan algúns estudos realizados, por exemplo, en Andalucía), procedentes de bibliotecas escolares de toda Galicia:

Proxecto Documental Integrado: As plantas. CEIP Espiñeira-Aldán.

No curso 2013/2014 o CEIP Espiñeira-Aldán (Cangas) desenvolveron un proxecto documental sobre as plantas do seu  patio, e  a partir deste estudio botánico abordaron outras aprendizaxes do seu medio máis próximo. Esta experiencia foi unha das premiadas no Concurso de Traballos por Proxectos, na súa primeira convocatoria, na modalidade de PDI, coordinados desde a biblioteca escolar, con temática científica. 

Proxecto Documental Integrado: Bergondo nun conto. CPI Cruz do Sar

 

O CPI Cruz do Sar, de Bergondo, acadou galardón con este proxecto "Bergondo nun conto", no Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados de temática xenérica. 

Trátase dun proxecto anual, deseñado e coordinado desde a biblioteca escolar e destinado a que profesorado e alumnado coñezan o seu concello e profundicen na súa xeografía, historia, patrimonio arquitectónico, industria, actividades agropecuarias, natureza, ou  personaxes importantes que naceron ou viviron en Bergondo. 

Proxecto Documental Integrado: Riada de libros. CEIP Agro do Muíño

 

Riada de libros é un proxecto documental que coordinou a biblioteca escolar do CEIP Agro do Muíño (Ames), e no que se integraron departamentos, ciclos, familias e co conxunto do profesorado e alumnado do centro. O proxecto partíu da necesidade de coñecer e conservar o Río Sar e abrangueron contidos diversos como os ríos, a súa flora e fauna, o ciclo natural da auga, o ciclo urbán da auga, a arquitectura dos ríos ou a contaminación, entre outros. Trabállaronse todas as competencias básicas, organizáronse exposicións, saídas, conferencias e un importante número de actividades, cun enfoque globalizador e unha importante presencia das TICs. Este proxecto foi premiado na modalidade de PDI, na temática de ciencias. 

Proxecto documental integrado: A Alimentación. CEIP Mestres Goldar

 

A alimentación é un Proxecto Documental Integrado, coordinado desde a biblioteca escolar, no que participa a totalidade do alumnado do centro do CEIP Mestres Goldar, de Vigo, con implicación dun importante número de departamentos e equipos docentes, así como das familias.

Foi galardoado cun dos tres premios da Modalidade "proxectos DocumentaisInterados, coordinados desde a bibliote escolar, con temática "xenérica". 

Mulleres premios Nobel de Ciencia

Desde o IES de Cacheiras (Teo), recentemente incorporado ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, chéganos a nova sobre os materiais dunha exposición elaborados na biblioteca escolar por dúas alumnas de 2º de BAC, Nuria Cancela e Rocío Ferreiro, coordinadas pola profesora Marieta Fandiño, do Departamento de Física e Química. Este material, que consta de 25 paneis deseñados polas alumnas e realizados en formato DIN A4, foi seleccionado para ser presentado en Galiciencia, que se celebra en Ourense, do 18 ao 21 de novembro, onde terá un stand propio, así como este vídeo que difundimos.
Excelente mostra do traballo de investigación na área das ciencias, co apoio da biblioteca escolar.
Parabéns a profesora e alumnas!!

Matemática próxima

BIBLIOTECA ESCOLAR E XOGOS MATEMÁTICOS on PhotoPeach

As bibliotecas escolares galegas está a dar vida ao cartel deste curso "Biblioteca escolar... matemático!!!", organizando exposicións de materiais relacionados coas matemáticas, así como actividades para dar a coñecer estes materiais, sesións de xogos matemáticos, acertixos matemáticos, recompilacións literarias relacionadas coas matemáticas e outros... Un exemplo é este vídeo da biblioteca do IES Blanco Amor (Ourense), no que podemos ver a exposición de materiais e unhas imaxes do alumnado en plena actividade. Outras mostras de actividades: