Actualidade

Emisións en diferido Xornada Clubs lectura 2009

Da. Mireia Manresa Potrony

Universidade Autónoma de Barcelona

Ver video. 1ª parte (54 min)

  

Rosa Aneiros.

Escritora. Consello da Cultura Galega

Ver video (81 minutos)

  

Mesa de experiencias:

Da. Mercedes Sánchez Solano. (IES A Sardiñeira. A Coruña)

Da. Gracia Santorum. (Trafegando Ronseis. IES Pintor Colmeiro. Lalín)

D. Jesús Ángel García Cortázar. (IES de Foz)

Da. Almudena Platero López de Turiso. (As catro esquinas. IES Ferro Couselo. Ourense)

Ver videos: 1ª parte (24 mintos)  - 2ª parte (48 minutos) 

Da. Mercedes Caballud

Da. Carmen Carramiñana

“Leer juntos”. Ballobar (Huesca)

Ver video: 1ª parte (18 minutos) - 2ª parte (40 minutos) - 3ª parte (15 minutos)

 

 

Xornada dos clubs de lectura-2009

Celebrouse como estaba previsto o pasado día 5, en Santiago de Compostela, a XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA - 2009, coa participación das profesoras e profesores que coordinan os clubs de lectura que están a funcionar nos centros de ensino secundario de Galicia. Esta actividade puídose seguir en directo a través desta páxina. Estarán dispoñibles os distintos relatorios no enlace seguinte (en canto se resolvan algúns contratempos de carácter técnico que se nos presentaron):

Clubs de lectura 08/09. Xustificación de gastos e memoria de actividades

Lémbrase aos centros que recibiron asignacións específicas para o funcionamento de clubs de lectura durante o curso 2008/2009, en función da Orde de Resolución de 30 de decembro de 2008, que o prazo límite para a presentación da xustificación de gastos e a memoria de actividades desenvolvidas durante o curso, remata o 10 de xullo de 2009.

Convocatoria MEC: concurso nacional de boas prácticas na dinamización e innovación das bibliotecas escolares-2009

No BOE de hoxe, 13/05/09, sae publicada o resolución de 30 de abril de 2009, da Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, pola que se convoca o concurso nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares para o ano 2009.

Na base segunda lémbrase que se premiarán as actuacións que se inscriban nos seguintes ámbitos:

  • "La utilización de la biblioteca como recurso didáctico y de integración curricular por los diferentes departamentos, áreas o materias, a través de proyectos de trabajo aula-biblioteca.
  • El uso de la biblioteca como fuente de información, que favorezca el trabajo interdisciplinar mediante proyectos documentales complejos.
  • La educación documental y la formación de usuarios.
  • El desarrollo de un plan de lectura integrado en el Proyecto Educativo del centro y que implique a otros sectores de la comunidad educativa, abriendo la biblioteca escolar al entorno y estableciendo redes de colaboración con otras bibliotecas.
  • El uso de las tecnologías de la información y comunicación al servicio de la biblioteca esccolar (bibliotecas virtuales, acceso al catálogo, formación, etc.)"

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xuño.

Nova convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2009/2010

 No DOG do 8 de abril aparece publicada a  convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2009/2010. Poderán participar centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.A convocatoria inclúe a participación de centros de nova incorporación e tamén dos centros que xa están integrados neste programa, que deberán confirmar a súa vontade de continuar, así como presentar a documentación requerida e a descrición das liñas de actuación prioritarias para o curso 2009/2010. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de maio de 2009.  TEXTO DA CONVOCATORIA

ANEXOS  (pódense cubrir directamente e imprimir para enviar)

Encontros dos centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009

Os vindeiros 16 e 17 de abril, en Santiago de Compostela (Escola Galega de Administración Püblica, EGAP), terán lugar os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009, nos que se reunirán integrantes dos equipos de biblioteca daqueles centros que están incluídos neste programa da Consellería de Educación no actual curso 2008/2009.

Esta actividade de formación está pensada como un espazo de encontro entre o profesorado responsable destas bibliotecas escolares, con tempos para a reflexión conxunta e o intercambio de experiencias e materiais sobre os aspectos básicos relacionados coa xestión, dinamización e visibilización destes imprescindibles recursos educativos. As achegas de expertos como Glòria Durban, Ana Bernal, Felipe Zayas, Concha Costas, César Iglesias, Encarnación López Chicano, Juana Vázquez ou Emilio Pascual, axudarán con toda seguridade aos profesionais das bibliotecas escolares a avanzar na súa formación, o que garante apoios decisivos para a mellora da calidade do ensino que se imparte nos centros.  PROGRAMA

Premios Irmandade do Libro 2009

A Federación de Libreiros de Galicia fixo entrega, na noite do sábado 28 de marzo, dos premios Irmandade do Libro 2009, destinados a poñer en valor o libro galego e recoñecer a persoas e institucións que traballan pola difusión do libro e a lectura. Resultaron galardonados, no apartado de centros de ensino, tres centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Recibiu o primeiro premio o IES Eduardo Blanco Amor, de Ourense, e resultaron finalistas o CEIP San Martiño , de Pontevedra, e o CEIP Quintela, de Moaña. Noraboa aos tres centros e ás súas comunidades educativas, moi especialmente ao profesorado que traballa incansablemente por facer da biblioteca escolar un espazo de convivencia e aprendizaxe, un espazo educativo e cidadán de primeiro orde.

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

Un ano máis chéganos o cartel conmemorativo do Día Internacional do Libro Infantil que, por encargo do IBBY, vai percorrendo o panorama da ilustración dos diversos países nos que está presente esta organización, a través das súas seccións. OEPLI, a nivel estatal e GALIX a nivel de Galicia, difunden a MENSAXE e a IMAXE para este día, imaxe e texto que nesta ocasión veñen de Exipto, da man do ilustrador Hani D. El-Masri.

Como xa é coñecido, a elección do día 2 de abril pretende lembrar a figura de Hans Christian Andersen coincidindo coa efeméride do seu nacemento, e difundir a mellor literatura infantil e xuvenil que se pode poñer ao alcance dos novos lectores.

Ano Darwin

Neste ano 2009 vaise falar moito de Charles Darwin nas bibliotecas escolares galegas. Xa son moitas as que están desenvolvendo actividades arredor da súa obra. A modo de exemplo, o IES As Mariñas de Betanzos, xa ten varias entradas no seu blogue animando a coñecer a vida e a obra de Darwin, a través de libros e outros materiais presentes na biblioteca e na Rede. Tamén invitan a xogar nun "pasapalabra evolucionista" ben interesante.

O IES Vilalonga, de Sanxenxo, pola súa parte, elaborou unha guía de lecturas recomendadas  .

A Biblioteca Escolar Digital, da Fundación Germán Sánchez Ruipérez en colaboración con outras institucións, proponnos unha viaxe a través da obra deste naturalista, con actividades para Primaria, ESO e Bacharelato, nunha das súas "maletas del conocimiento"

Conspiración pola PAZ nas bibliotecas escolares galegas

Biblioteca Escolar IES Río Cabe. MonforteUna ano máis, as bibliotecas escolares constitúense en espazos de sensibilización, de aprendizaxe cidadá, de convivencia e de traballo colaborativo. Nestes últimos días dun xaneiro atroz (Gaza xa está a desaparecer das páxinas dos xornais....sen que nada mude nin mellore), os centros educativos son fervedoiros de actividade arredor dos temas da Paz, a convivencia, a solidaridade, a xustiza... os valores que lle son propios á educación que mereza tal nome.

II Seminario ALFIN: Biblioteca, aprendizaxe e cidadanía

Os días 22 e 23 de xaneiro celebrouse en Vilanova i la Geltrú (Barcelona) o II Seminario: Biblioteca, aprendizaje y ciudadanía. Prácticas y experiencias de alfabetización informacional, tres anos despois do I Seminario ALFIN, celebrado en Toledo, e que dera lugar á Declaración de Toledo sobre Alfabetización Informacional. Nesta ocasión, ademáis do Ministerio de Cultura, organizaba o Col-legi oficial de Bibliotecaris-Documentalistes de Catalunya e o Departament de Cultura i Mitjans de Comunicació de la Generalitat de Catalunya. Alí estiveron tamén as bibliotecas escolares galegas.

Nas conclusións do seminario podemos ler un apartado dedicado á articulación de ALFIN (alfabetización informacional) no contexto escolar:

Premios nacionais de boas prácticas en bibliotecas escolares- 2008

Se onte, día 15 de decembro, catro bibliotecas escolares galegas - o CEIP A Ponte, de Lugo, CEIP San Martiño, de Pontevedra, CEIP Milladoiro, de Malpica e o IES Marqués de Suanzes, de Ferrol - recibían de mans da ministra de Educación os premios nacionais de boas prácticas para a dinamización e innovacións das bibliotecas escolares, correspondentes ao ano 2007, hoxe publícase no BOE a orde pola que se resolve o concurso nacional correspondente a este ano 2008 que remata. Nesta ocasión son tres as bibliotecas escolares de centros galegos recoñecidas polo seu traballo:

  • IES CARLOS CASARES, de Viana do Bolo (Ourense) (2º premio, 9.000€)
  • IES Afonso X o Sabio, de Cambre (3º premio, 6.000€)
  • Colexio La Salle, de Santiago de Compostela (3º premio, 6000€, modalidade centros concertados)

Parabéns a todas as comunidades educativas galardoadas, e moi especialmente, ao profesorado que está a facer eficaces uns recursos educativos de primeira liña para unha maior calidade do ensino.

Clubs de lectura no telediario da Primeira....

Seica o fenómeno dos clubs de lectura nos institutos galegos está a chamar a atención en Madrid. O luns 8 de outubro, no telediario da primeira, falouse de libros, de rapaces  que len, de clubs de lectura,  de bibliotecas escolares... púxoselle imaxe e voz a un feito incontestable: a existencia de mozas e mozos que disfrutan lendo, de profesionais que non escatiman esforzos porque cren no que fan, de pais e nais que se reunen para falar de libros na biblioteca escolar na que tamén disfrutan os seus fillos e fillas.

O club de lectura Balbordo representaba, nesta ocasión, a todos os clubs de lectura que nestes momentos están a funcionar nos institutos galegos. Parabéns a todos e todas!!

Recursos electrónicos na Rede

En datas recentes déronse a coñecer na Rede dous novos recursos electrónicos de grande interese para as bibliotecas escolares:

Por outra parte, as bibliotecas escolares que estean integradas no Proxecto Meiga teñen ao seu alcance, grazas aos acordos entre as Consellerías de Educación e Cultura da Xunta de Galicia,  diversos recursos electrónicos de acceso restrinxido. Para acceder a eles, só é necesario ingresar a través da páxina da Rede de Bibliotecas de Galicia, co número de lector da biblioteca escolar correspondente e nome ou apelidos do lector ou lectora como contraseña.

Neste mesmo portal do sistema bibliotecario galego existe un apartado de recursos electrónicos dispoñibles na Rede seleccionados, en función do seu interese informativo e pedagóxico, por un grupo formado por bibliotecari@s  da rede de bibliotecas públicas e da rede de bibliotecas escolares de Galicia. 

Aquí unha biblioteca, aquí unha ministra. Un acto a prol das bibliotecas escolares.

Esta mañá de novembro a biblioteca do CEIP Bispo Guerra Campos recibiu a visita da Conselleira de Educación do goberno galego e da responsable do Ministerio de Educación, nun acto académico destinado a poñer en valor as bibliotecas escolares, tomando como escusa a sinatura da addenda 2008 ao convenio para a mellora das bibliotecas escolares polo que, desde o ano 2006, veñen colaborando ámbalas dúas administracións.

A TVG fíxose eco deste acto, ao que acudiron numerosas autoridades educativas e civís, que tiveron ocasión de escoitar (acaso por vez primeira algunhas delas, de forma tan específica) discursos centrados na importancia das bibliotecas escolares para unha educación de calidade e na educación lectora do alumnado. Estiveron presentes, ademáis do profesorado do centro anfitrión,  profesorado dalgunhas bibliotecas do "Plan de mellora de bibliotecas escolares" e, tamén, as asesoras  de bibliotecas escolares, tanto dos servizos centrais da consellería como da rede de centros de formación do profesorado. Os momentos finais do acto serviron para un encontro informal con todos estes profesionais que veñen traballando a prol da renovación e a visibilidade das bibliotecas escolares galegas, así como a dignificación do profesorado que as xestiona e dinamiza.

Outro 25 de novembro necesario en contra da violencia de xénero

Un ano máis as bibliotecas escolares galegas demostran que son espazos educativos, espazos para a aprendizaxe, conectados á vida e, neste caso, á máis cruel realidade. Porque aínda é necesario lembrar cunha data no calendario civil que hai inxustiza e desigualdade e unha violencia soterrada e claramente manifesta contra as mulleres (en números contantes en sonantes) da que todos e todas somos responsables, é polo que nestes días son moitas as bibliotecas que programan actividades destinadas a mellorar o coñecemento deste problema  de saúde social entre a comunidade educativa; moitas as bibliotecas que achegan informacións e documentos para a súa análise; moitas as bibliotecas que amosan os traballos do alumnado arredor destes temas de "educación en valores". Os blogues das bibliotecas escolares galegas amosan informacións e traballos diversos que chaman a un compromiso necesario. Velaquí algúns exemplos:

Nova convocatoria en apoio a clubs de lectura

O venres 31 de outubro vén de ser publicada no Portal Educativo a convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros que matriculan alumnado de ensino secundario, formación profesional ou ensinanzas de réxiime especial, para o curso 2008/2009.

O prazo de presentación de proxectos remata o 18 de novembro.

Rematados os II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, con éxito de participación

O sábado á noitiña, cunha interpretación das conclusións en clave de clown, remataban os II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, que reuniron ao longo da tarde do venres e todo o sábado a uns 970 profesores e profesoras de toda Galicia integrantes, maioritariamente, dos equipos de biblioteca dos centros non universitarios, ademais doutro profesorado interesado neste ámbito.

A conferencia de peche, a cargo de Antonio Basanta Reyes, baixo o título "A primeira biblioteca", emocionou, divertiu e incitou á reflexión sobre diversos aspectos da lectura e das bibliotecas, a un profesorado que seguiu con interese as 26 experiencias presentadas por centros educativos e as conferencias dos expertos en ámbitos como a investigación sobre os procesos da lectura (Isabel Solé), a biblioteca escolar e a súa contribución ao desenvolvemento do currículo (José García Guerrero) ou os proxectos documentais integrados e a Alfabetización Informacional (Rosa Piquín).

A organización estivo a cargo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, en colaboración cos asesores e asesoras deste ámbito dos distintos centros de formación e recursos.

Novos materiais para educación documental. Actualización da páxina de Glória Durban

A profesora catalana Glòria Durban comunícanos que vén de actualizar a súa páxina persoal, bibliotecaescolar.info, referencia imprescindible para o traballo na biblioteca escolar e moi especialmente no ámbito da educación documental/ALFIN. Reproducimos a súa explicación:

 

II Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia: Bibliotecas para ler e aprender

Baixo o lema BIBLIOTECAS PARA LER E APRENDER vanse celebrar en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos, 17-18 de outubro) os II ENCONTROS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, dirixidos ao profesorado galego interesado e involucrado na xestión e dinamización das bibliotecas escolares.

O prazo para matricularse remata o 30 de setembro e deberá facerse a través da aplicación informática FPROF, do Servizo de Formación do Profesorado.

Nesta ocasión, o groso das intervencións servirán para coñecer experiencias moi concretas de bibliotecas escolares en plena actividade. Intervirán tamén Isabel Solé, José García Guerrero, Rosa Piquín e Antonio Basanta.

Programa

Cadro de experiencias presentadas

Biblioteca Escolar, Servidor Central

Está a chegar aos centros o CARTEL editado neste inicio do curso 2008/2009 pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa (Asesoría de Bibliotecas Escolares), coa finalidade de lembrar a importancia da biblioteca escolar como instrumento necesario e imprescindible ao servizo das aprendizaxes no centro.... de todo tipo de aprendizaxes: a lectura comprensiva de textos diversos en soportes tamén diversos, o uso crítico (e máis ético) de fontes informativas diferentes, a produción de información propia, a elaboración de traballos documentais en función das necesidades xeradas desde as distintas áreas e materias, o ser lector... unha biblioteca que dá servizo a profesorado e alumnado, tamén cando se pode,  ao resto da comunidade escolar... unha ferramenta no traballo por competencias que os novos currículos-LOE apoian decididamente.... é dicir, un auténtico servidor central.

O cartel está ilustrado por Manuel Lariño; continúase así unha liña de traballo con debuxantes galegos que se iniciara co programa de fomento da lectura Hora de Ler, no ano 2006, nun intento de potenciar a presenza da ilustración no contexto educativo e procurando a visión destes autores respecto do mundo da lectura e das bibliotecas.

Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009. Resolución

No DOG do 5 de setembro aparece publicada a Orde de 28 de agosto de 2008 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2008-2009. Incorpóranse ao PLAMBE 70 novos centros. Trala baixa por propia vontade de tres centros, son xa 224 bibliotecas escolares as que integran a rede.

Publicado no Portal Educativo da Consellería de Educación.

Relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares-08/09

Públicase con data 10 de xullo, no Portal Educativo, sección Bibliotecas Escolares (convocatorias), a relación provisional de centros seleccionados para incorporarse no curso 2008/2009 ao Plan de mellora de bibliotecas escolares. A resolución definitiva incluirá o listado completo de centros incluídos neste programa, así como as asignacións concedidas en cada caso.

Concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares, 2008. Ministerio de Educación

Con data 5 de xuño publícase no BOE a convocatoria do Ministerio de Educación, Política Social e Deporte,  do Concurso nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares, correspondente ao ano 2008. O prazo de presentación de memorias é de un mes.

Acceso ao texto completo da orde de convocatoria.

Xornada dos Clubs de Lectura

O vindeiro 25 de xuño celebrarase en Santiago de Compostela unha Xornada de Clubs de Lectura, destinada ao profesorado coordinador dos clubs de lectura creados en centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, durante o curso 2007/2008, e que foran seleccionados segundo a convocatoria da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para incentivar este tipo de actividades. En total, neste curso, recibiron apoio da consellería un total de 104 clubs de lectura, nalgúns casos con varios grupos en funcionamento, mesmo con participación, tamén nalgúns casos, dos distintos sectores da comunidade educativa. Nesta xornada poderanse coñecer varias destas experiencias, ademais de contar coa presenza de dúas persoas de referencia no ámbito dos clubs de lectura: a directora da Biblioteca Pública de Guadalajara, Blanca Calvo, e o escritor e narrador Pep Bruno.

Programa