Actualidade

Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2007/2008

O DOG do 16 de maio publica a Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da consellería, para o curso 2007/2008. Existen tres modalidades:

  1. Centros que se integraron no Plan na 1ª convocatoria (PLAMBE_1)
  2. Centros da segunda convocatoria (PLAMBE_2)
  3. Novos centros

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 18 de xuño.

Neste enlace pódense cubrir os anexos directamente e imprimilos para o seu envío co resto da documentación.

O blog da biblioteca escolar do IES As Mariñas, premio Espiral Edublogs 2007

O blog A Nosa Biblioteca 3.0 da biblioteca escolar do IES As Mariñas, de Betanzos, recibiu onte, 13 de maio, o terceiro premio do concurso de blogs educativos, na modalidade Blogs de colectivos, organizado pola Associació Espiral: educació i tecnología, unha agrupación de profesores, estudiantes, investigadores, entidades e técnicos interesados na aplicación das tecnoloxías da información no ámbito educativo.

Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros

A Federación de Gremios de Editores de España vén de facer público o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros corrspondente ao primeiro trimestre de 2007.

Interesa unha lectura atenta destes datos, máis aló do optimismo que leva a afirmar que o índice de lectura acada en España o 56% neste primeiro trimestre. Un dato si pode ser de interese para ir eliminando tópicos: A relación entre idade e hábito de lectura amosa o índice máis elevado entre os mozos de 14 a 24 anos (73,2%).

Estes e outros estudos anteriores pódense consultar na páxina da FGEE, no apartado de documentos sobre o sector editorial español.

Achégase arquivo co estudo anteriormente aludido.

Arquivo adxunto

María Gripe, in memoriam

O pasado 5 de abril morreu a escritora sueca María Gripe. Os mediadores que levan anos seguindo a literatura xuvenil europea coñecen ben a esta autora, de indubidable calidade literaria e humana.

Os escaravellos voan á tardiña é un dos seus  libros máis coñecidos para os lectores adolescentes galegos.

María Gripe recibira o premio Hans Christian Andersen, o nobel da literatura infantil e xuvenil, no ano 1974

Representación galega nas III Jornadas sobre Bibliotecas Escolares de Extremadura

Os responsables de dúas bibliotecas escolares do Plan de mellora acudirán III Jornadas sobre Bibliotecas Escolares de Extremadura, a celebrar en Cáceres os días 8 e 9 de maio de 2007, por invitación dos programadores, a Dirección General de Política Educativa da Consejería de Educación da Junta de Extremadura:

  • O CEIP Pepe de Xan Baña, de Traba-Castriz-Santa Comba
  • O IES Auga da Laxe, de Gondomar

Concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares - 2007

O Ministerio de Educación publica no BOE do día 14 de abril a convocatoria do concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2007. Anímase ás bibliotecas escolares galegas "en activo"  a presentar as súas memorias. O prazo remata o 31 de maio.

Achégase texto completo da convocatoria.

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 2006/2007

O mes de marzo  foi un mes para encontros e reencontros entre as xentes do Plambe.

Celebráronse en Sanxenxo e Santiago, os pasados 1, 2 e 10 de marzo, os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, 2006/2007, no se que atoparon os responsables das bibliotecas dos centros que se veñen de incorporar ao programa neste curso que camiña.