Educación documental

O kamishibai como instrumento para presentar os traballos de investigación

Desde o CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco, chégannos estes dous vídeos que serven para amosar as posibilidades do teatriño xaponés á hora de que os nenos e nenas poidan presentar os seus traballos a outros compañeiros do centro.

 



Ler ciencia na biblioteca escolar do IES Eduardo Blanco Amor (Ourense)

LER CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR on PhotoPeach


A biblioteca do IES Blanco Amor, de Ourense, aproveitou a data do 24 de outubro, Día da Biblioteca, e o cartel editado este curso pola consellería, para estimular a lectura científica entre o seu alumnado e para dar a coñecer á comunidade educativa os recursos informativos que ten á súa disposición. Esta exposición aproveitaba para difundir as posibilidades da biblitoeca escolar, da biblioteca municipal máis próxima así como da biblioteca nodal de Ourense. 

 

Tamén no IES Torrente Ballester, de Pontevedra organizaron unha exposición de materiais relacionados coas ciencias. Ver AQUÍ

A biblioteca escolar ofrece e ofrécese: "Atopa o teu libro"


As bibliotecas escolares, ademais de coidar a selección de materiais e recursos postos a disposición do alumnado, deben difundir estes materiais, facelos visibles, "chamar" a usalos. Velaquí un exemplo, en formato electrónico, desde o CEIP Víctor Sáenz, de Mazaricos (A Coruña), que aúna formación de usuarios e chamada reclamo para o uso da biblioteca escolar e das súas fontes informativas e de lecer. 

Educación dixita e astronomía: "Con brillo de cometa". Alfabetización informacional, desde o IES de Porto do Son.

 

Un recurso para a alfabetización informacional, ALFIN, para a formación do alumnado na adquisición da competencia denominada "tratamento da información e competencia dixital" nos actuais currículos. Trátase dunha ferramenta elaborada polo equipo de biblioteca do IES Porto do Son (Porto do Son, A coruña), como resultado dun Seminario Permanente no curso 2012/2013. 

Baixo o título: "Con brillo de cometa". Educación dixital e astronomía, ofrécennos un material que serve para iniciar ao alumnado de ensino secundario no mundo das fontes informativas, dos traballos de investigación, e aprenderlles a obter o máximo de rendemento dos recursos informativos existentes na biblioteca ou en internet. Contén múltiples recursos e informacións e pode accederse a través deste enlace (entrar como convidado na aula virtual).  Agradecemos a xenerosidade dos seus autores por poñelo a disposición da comunidade educativa.

Día da Arte Galega na Escola - A Mariña

 

A iniciativa do CEIP DE CERVO (Cervo, Lugo) varios centros da Mariña luguesa embarcáronse neste curso na celebración dun Día da Arte Galega na Escola, arredor do 1 de xuño, data na que se conmemora o nacemento de Luís Seoane. A intención última é a de coñecer pouco a pouco aos grandes artistas plásticos galegos e abrir a escola aos artistas locais, creando vínculos de colaboración coa cultura do medio máis próximo. 

Coma este ano, o 1 era sábado, pasaron a celebración para a primeira semana de xuño. Comezan a chegar as noticias sobre as actividades que están levando a cabo, que difundimos polo seu interese e por ser un exemplo de colaboración intercentros; amosan tamén as posibilidades que o medio ofrece para traballar contidos curriculares, pero tamén para a adquisición de habilidades e competencias básicas, como é a competencia cultural e artística

Investigando no máis próximo co apoio da biblioteca escolar


A comunidade educativa do CEIP A Sangriña (A Guarda, Pontevedra) están inmersa nun proxecto documental impulsado desde a biblioteca e baixo o título COÑECE O TEU POBO. A través do blogue da biblioteca podemos acceder ás crónicas sobre os traballos que andan a facer e tamén ver algúns dos materiais que entre todos, e como resultado das súas investigacións, van elaborando. Un traballo que aproxima ás nenas e aos nenos ao seu medio máis próximo e lles aprende a mirar e a sentir o pobo no que viven. O que debera ser, na nosa opinión, un proxecto obrigatorio para todos os centros, e que debera acometerse de forma periódica, polas súas posibilidades e pola urxencia de procurar a comprensión das claves de cada colectividade. Xogos antigos, lavadoiros, patrimonio relixioso, praza de abastos,peixe seco, casas indianas, redeiras... eses son os aspectos que escolleron desta vez para investigar e que, como se desprende das imaxes, ofrecen oportunidades de aprendizaxe e práctica de habilidades e competencias imprescindibles.

Roberto Vidal Bolaño: o teatro protagoniza as Letras Galegas 2013

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2013 a Roberto Vidal Bolaño, autor, director, actor e escenógrafo, entre outras mil actividades que levou a cabo; home de referencia para o teatro, o audiovisual e a cultura galega en xeral. El mesmo defíníase como "un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas."

As bibliotecas escolares galegas iniciaron xa o seu labor de sensibilización, información e apoio ao profesorado dos seus respectivos centros, co fin de que o alumnado coñeza e goce da obra deste autor e procurando, tamén, que aprendan a amar a través das actividades, un xénero literario e unha expresión cultural esencial para unha sociedade democrática e unha poboación culta. Seleccóns de recursos, propostas de actividades, materiais para a busca documental, iniciativas para espertar o gusto polo teatro, comezan a difundirse. Velaquí algúns exemplos:

Outros recursos dispoñibles:

- Seminario Galán (Seminario Permanente do CEIP Galan, Oseiro-Arteixo): Roberto Vidal Bolaño

Telexornal Vidal Bolaño, desde o CPI dos Dices Rois


Os mozos e mozas do CPI dos Dice-Rois (Rois, A Coruña) remítennos o seu telexornal sobre a figura de Roberto Vidal Bolaño, adiantando xa o que serán os labores do Día das Letras Galegas. Trátase dunha actividade de documentación que se expresa finalmente en forma de "telexornal", unha iniciativa que se encadra perfectamente na formación para a competencia mediática e informacional, impulsada polos currículos actuais e recoñecida polas institucións educativas internacionais  como o gran reto para o sistema educativo dos próximos anos. Luís Aldegunde, o profesor que guía estes traballos no centro, realizou tamén un documental sobre Vidal Bolaño, que apoia as actividades para coñecer a este autor que poidan levarse a cabo nas bibliotecas escolares. Parabéns a todos e todas, e o noso agradecemento pola xenerosidade de poñer estes materiais a disposición de todos os centros. 

Mulleres galegas. IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra)

Desde a biblioteca do IES Frei Martín Sarmiento, de Pontevedra, chéganos esta presentación sobre MULLERES GALEGAS, froito dos traballos de investigación do alumnado de PDC de 4º Curso de ESO. A biblioteca como espazo de investigación e de apoio aos proxectos de aula.

Mulleres galegas from ies frei martin sarmiento on Vimeo.

8 de marzo: Día Internacional da Muller

O calendario civil continúa o seu andar e xa está chamando á porta o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, unha das datas claves para avanzar na educación para igualdade, na formación de cidadáns e cidadás na procura dunha sociedade máis xusta.  As bibliotecas escolares achegan recursos e fan propostas de actividades, lideran iniciativas que permitan aos nenos e ás nenas, a mozas e mozos coñecer o mundo no que viven, coñecer a presenza da muller nos distintos ámbitos do saber e nos distintos momentos da historia. E sobre todo, re-coñecer a importancia e a influencia do traballo da muller nos diferentes ámbitos sociais do mundo no que eles viven e medran.

Algúns exemplos poden servir para ver a intensa actividade das bibliotecas escolares galegas nestes días previos ao 8 de marzo:

Un exemplo de programación moi sintetizada desde o CPI Vicente Otero Valcárce, de Carral: Para celebrar o 8 de marzo a nosa biblio propón un traballo de investigación ( e así poder practicar como utilizar efectivamente os buscadores). Fixemos unha recopilación de mulleres que destacaron, ou destacan, por diferentes motivos. adxudicamos unha a cada grupo. O alumnado fará un traballo de investigación e redactará unha biografía, incluíndo, de ser posible, unha fotografía. Unha selección dos traballos presentados servirá para que fagamos un libro que levará por título "Mulleres públicas" (traballando tamén a linguaxe sexista), e que pasará a formar parte dos fondos de producción propia. Ademáis Recibiremos  a visita de đúas mulleres, empresaria e cociñeira, que nos contarán a súa experiencia.

Outros recursos:

Aprender a buscar na rede. Un recurso para a autoformación e para a formación do alumnado. Un recurso ALFIN


Froito da xenerosidade e da colaboración de dúas profesoras, responsables das bibliotecas escolares dos seus centros, Olga Rodríguez, do CEIP Milladoiro, de Malpica, e Charo Sánchez-Gabriel, do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, podemos contar con este recurso de gran interese, e de gran calidade, para a formación ALFIN do alumnado: "Aprende a buscar na rede con eficiencia". Constitúe, así mesmo, unha ferramenta para a autoformación do profesorado como usuario da rede, e unha oportunidade para compartir coñecemento entre os distintos sectores da comunidade educativa. Agradecemos a estas dúas profesoras a difusión do seu traballo, en beneficio de todas as persoas interesadas na multialfabetización e, en particular, do colectivo das bibliotecas escolares galegas.

ALFIN: Móbiles? Unha reflexión sobre a comunicación e o acceso á información.

Desde a biblioteca do IES Marqués de Sargadelos, de Cervo (Lugo) achégannos unha presentación sobre unha temática ben interesante. Nela vemos o resultado dun traballo dos grupos de PDC de 4º de ESO arredor do uso que facemos dos móbiles. Unha interesante reflexión que, ademais, ten como escenario e como plataforma de difusión deste traballo, a biblioteca, como ben vemos na presentación.

 

Un exemplo máis do papel da biblioteca como apoio ás intervencións na aula, como oportunidade para a formación do alumnado no uso consciente das tecnoloxías da información e da comunicación. Un contido ALFIN   de carácter urxente, tratado con recursos accesibles en calquera centro.

Día Escolar da Paz e a Non Violencia - 2013.

Iníciase o ano cos traballos preparatorios para a conmemoración dunha data significativa no calendario anual, o Día Escolar da Paz e a Non Violencia, que se celebra o 30 de xaneiro, data da morte de Gandhi (fai agora 65 anos). As bibliotecas escolares comezan a difundir as súas propostas, poñendo a disposición das súas comunidades educativas recursos variados e apoiando as iniciativas do centro para a educación en valores, que vén sendo o motivo de toda esta actividade.

Recursos para traballar a multiculturalidade

A biblioteca escolar apoia os proxectos de centro. Baixo esta premisa acóllense moitas das accións do profesorado que integra os equipos de biblioteca. Un exemplo é a recompilación de recursos para o tratamento de distintas temáticas de contido curricular.

A temática da multiculturalidade (nas súas diferentes expresións e con diferente alcance) é tratada periodicamente na maioría dos centros. Incluímos aquí algúns recursos elaborados por distintas bibliotecas, con esta finalidade:

Un PDI (Proxecto Documental Integrado) arredor do Pan de Nadal


As nenas e nenos do CEIP de Frián-Teis (Vigo, Pontevedra) investigaron profundamente o tema dos pans doces de inverno, a súa procedencia e as súas diferentes versións por Europa e outros lugares do mundo (a través do PDI A lingua sabe a pan) e prepararon este "informativo" para nos dar a coñecer os seus descubrimentos, un exemplo de xornalismo de investigación. Unha actividade de álfabetización mediática e informacional, unha oportunidade de aprendizaxe global... e unha ocasión para larpeiros, lambóns e lambereteiros!

"Caderno de bitácora". Materiais do IES Pedras Rubias para a competencia informacional.

Desde o IES Pedras Rubias, de Salceda de Caselas (Pontevedra), achégannos un excelente material para traballar a competencia informacional co alumnado, froito dun Grupo de Traballo que se desenvolveu no centro ao longo do curso 2011/2012.  Segundo nos conta a responsable da  biblioteca o título que lle deron a este material está ben xustificado: A  nosa unidade trata de solucionar a educación documental dixital, a través dunha especie de "Caderno de bitácora" no que guiarse para aprender buscas na Rede, distinguir páxinas fiables, etc. En definitiva, a tan nomeada e necesaria alfabetización dixital. ACCESO a "Caderno de Bitácora". Educación documental dixital.

Letras Galegas 2012, Valentín Paz Andrade

Segundo se achega a data do 17 de maio vanse multiplicando as actividades nos centros educativos, a maioría das veces froito da colaboración entre os equipos de Biblioteca, Normalización Lingüística e TIC, un bo exemplo de que a integración dos distintos programas existentes no centro é o camiño a seguir.

Boa mostra disto son os materiais que recolle a Secretaría Xeral de Política Lingüística no repositorio de actividades sobre a figura de VALENTÍN PAZ ANDRADE co gallo da celebración do Día das Letras 2012, e que a meirande parte corresponde a actividades xurdidas de programacións conxuntas en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (CEIP ADR Castelao (Rianxo, A Coruña), CEIP A Ponte (Lugo), CEIP dos Dices (Rois, A Coruña), CPI José García García (Ourense), CEIP Nosa Sra. de Xuvencos (Boborás, Ourense), CEIP de Rebordáns (Tui, Pontevedra), CEIP Condesa de Fenosa (O Barco, Ourense). Deste último centro é o libro interactivo sobre Valentín Paz Andrade da imaxe.

Preparando as Letras Galegas 2012


As mozas e os mozos do CPI dos Dices (Rois, A Coruña) están a traballar xa coa figura de Valentín Paz Andrade, preparando motores para a celebración do Día das Letras Galegas, e ofrecéndonos un documento excelente para achegarnos desde as aulas a este personaxe da cutlura galega. Parabéns a este grupo de "reporteiros" e ao profesorado que os estimula e guía,  polo seu traballo.

É obvio o gran traballo de documentación que hai detrás deste "informativo". E detrás, está tamén, de forma evidente, unha biblioteca escolar como centro de recursos para a  información e a aprendizaxe.

Velaquí outros traballos e actividades en distintos centros:

Formando usuarios da biblioteca escolar: CEIP Mestres Goldar

Unha das funcións da biblioteca escolar é a de facilitar materiais que favorezan o desenvolvemento de habilidades de uso da información entre o alumnado do centro; un primeiro tramo nesa carreira de fondo que é a adquisición da competencia informacional, pasa por coñecer a biblioteca escolar e saber moverse por ela cun mínimo de seguridade, gañando así en autonomía e "aprendendo a aprender".

Velaquí un excelente exemplo, desde o CEIP Mestres Goldar, de Vigo: un material a disposición da comunidade educativa para o traballo de competencias básicas.

 

 

Día Internacional da Muller, 8 de marzo 2012, nas bibliotecas escolares galegas.

moza lendo

(...)

ben o sei ben sei eu todo
que para eu aprender este ladrido
á fin fixeron falla
mil mulleres lavando a reo no río de Saá
e mil arando e dúas mil cosendo e cinco mil
apañando cozas e garabullos no medio do monte e Ti
sobre todo ti plantando pinos nun serragoto inmenso
desaprendendo canto es
esfuracando as túas dúbidas.

Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.  (...) Olga Novo

Coas palabras da poeta galega Olga Novo e unha imaxe, por fortuna moi común nos nosos centros, iniciamos unha breve recompilación dalgunhas das actividades que se levan a cabo nestes días nas bibliotecas escolares galegas, ou de materiais elaborados e difundidos por elas, para lembrar o moito que aínda queda por facer para acadar xustiza e igualdade:

"Como facer un traballo monográfico". Materiais para a competencia informacional desde a biblioteca escolar.

COMO FACER UN TRABALLO MONOGRÁFICO


A biblioteca escolar do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra) elaborou esta presentación como material para aprender a realizar un traballo, destinada ao alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria. Simple e ben documentada, é un material que pode ser empregado para a educación documental desde a biblioteca escolar.

Unha biblioteca de outono: formación de usuari@s e Samaín.


Son moitos os centros escolares que están xa empregando os recursos audiovisuais co seu alumnado, dunha forma activa. Velaquí un exemplo de producíón propia coa colaboración do alumnado que ilustra a vida cotiá dunha biblioteca escolar, neste caso, a do IES de Ponteceso (A Coruña). Os rapaces e rapazas de 1º de ESO participan nunha sesión de formación de usuari@s; tamén podemos asistir á lectura de contos de medo, co gallo do Samaín. Un exemplo da actividade deste centro e unha iniciativa de "documentación" da actividade da biblioteca que resulta de gran interese.

Formación de usuari@s na biblioteca CEIP de Pedrouzos (Brión, A Coruña)

 
Desde a biblioteca do CEIP de Pedrouzos (Brión), achégannos un enlace á súa aula virtual onde podemos entrar como convidados e coñecer un material de formación de usuarios, feito coa ferramenta LIM e que exemplifica o tipo de actividades que se poden levar a cabo desde a biblioteca, coa finalidade de desenvolver no alumnado habilidades específicas para o uso das fontes informativas e dos recursos que esta pode ofrecer. Agradecemos a xenerosidade do equipo da biblioteca poñendo a disposición de todos esta ferramenta.

"Un bosque para ler e navegar", ou como artellar un Proxecto Documental Integrado (PDI).

O 2011 foi declarado Ano Internacional dos bosques polos organismos internacionais. Esta circunstancia foi aproveitada por moitos centros escolares para centrar a súa actividade, nalgún momento do curso, no mundo dos bosques, desde destintos enfoques. Un exemplo de bo facer é este Proxecto Documental Integrado (PDI), Un bosque para ler e navegar, deseñado e desenvolvido durante todo o curso no CEIP Frián-Teis, de Vigo, coa participación de toda a comunidade educativa. Recomendamos unha visita aos distintos apartados deste traballo, apoiado pola biblioteca a través dos seus recursos informativos, porque ilustra estupendamente como se pode aprender e ensinar aproveitando fontes diversas, partindo do medio, do máis próximo e significativo para o alumnado, sumando forzas, creando vínculos entre os distintos sectores da comunidade escolar, integrando tecnoloxías tradicionais e dixitais... en definitiva, educando a alumnado actual con metodoloxías axeitadas, sen esquecer o importante: o dereito das nenas e dos nenos a aprender e a medrar como cidadáns activos.

UN BOSQUE PARA LER E NAVEGAR

Ver: Proxectos Documentais Integrados. Rosa Piquín. 2006

Selo "Buena práctica Leer.es" do mes de xullo para o CEIP A Lama

O centro virtual LEER.ES, do Ministerio de Educación, vén de conceder os seus "selos de boas prácticas" correspondentes ao mes de xullo. Novamente, unha biblioteca escolar galega acada esta distinción que vén recoñecer un traballo ben feito no ámbito da lectura e a innovación educativa. O CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra) desenvolveu este ano un PDI (Proxecto Documental Integrado) arredor do tema da auga. Lectura, investigación, aprendizaxe significativa, metodoloxías adaptadas ao alumnado, ás formas de aprender na sociedade da información, relación co medio, comunicación, interdisciplinariedade... entusiasmo, profesionalidade e aproveitamento dos recursos culturais e do medio. Parabéns ao profesorado responsable deste proxecto e á biblioteca escolar que lle dá apoio e soporte a este tipo de actividades.