2010/2011

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011

Quentando motores.... o vindeiro 7 e 8 de abril reunirase en Santiago de Compostela o profesorado responsable das bibliotecas  integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, un programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, e que inclúe neste curso un total de 374 centros públicos de distintos niveis educativos.

Será ocasión para profundizar no modelo da biblioteca escolar que se está a estender, como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Incidirase nos instrumentos que Internet pon a disposición das bibliotecas para o exercicio das súas funcións e facilitar a formación da competencia informacional do alumnado, e falarase de lectura e de poesía: cine e banda deseñanda centrarán as experiencias dos centros, que se presentarán en mesas simultáneas. Tamén será oportunidade para o encontro entre os membros dun colectivo que están a facer realidade as pequenas utopías que son todas e cada unha das bibliotecas escolares galegas.

Programa

 

Orde de resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2010/2011

 

 

O DOG do 14 de setembro publica a Orde de resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2010/2011. Intégranse 79 centros novos. En total son 374 as bibliotecas que conforman esta Rede de bibliotecas escolares de Galicia.

Relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares. Curso 2010/2011

Publicouse no día de hoxe (15 de xullo de 2010), no Portal Educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares, segundo orde de 23 de abril de 2010 (DOG 7/05/10), coa relación de centros que se incorporan a este programa para o curso 2010/2011.

Acceso á publicación no Portal Educativo

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011

O DOG de hoxe, 7 de maio, publica a orde de 23 de abril de 2010 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2010/2011. O mesmo que en anos anteriores, os 299 centros que xa están integrados no PLAMBE deben confirmar a súa vontade de continuidade e remitir a documentación requerida, quedando supeditada esta continuidade á valoración da memoria final do presente curso. Incorporaranse 75 centros novos (número que poderá incrementarse en función das baixas  ou renuncias). As contías destinadas a esta acción suman un total de 1.210.500€, estando cofinanciada pola Consellería de Educación e o Ministerio de Educación, en virtude da Adenda asinada en 2009 ao Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares.  Recoméndase unha lectura pausada e detallada da orde de convocatoria. O prazo final para a presentación de solicitudes é o 7 de xuño.

Acceso aos impresos de solicitude en formato electrónico