2012/2013

Apuntamentos para a realización da memoria correspondente ao curso 2012/2013

Achéganse uns apuntamentos lembrando o contido que debe recollerse na memoria de actividades da biblioteca durante o curso 2012/2013, así como outras informacións de interese.

Acceso aos materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2012/2013

 

Están xa dispoñibles, en redeBE os materiais (presentacións, enlaces de interese e outros) dos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2012/2013, celebrados en Santiago de Compostela os días 7 e 8 de marzo. Pódese entrar como "convidado", sen ningún tipo de contrasinal.

En breve, subiranse a este espazo moodle os vídeos das diferentes sesións. 

Estes materiais poden servir para ampliar a formación do profesorado interesado en materia de bibliotecas escolares, especialmente nos dous aspectos que constituíron o eixo temático dos encontros: a biblioteca como factor de compensación de desigualdades sociais, e a contribución da biblioteca escolar á formación para a competencia mediática e informacional, mediante programas específicos e traballos por proxectos de carácter interdisciplinar. 

Acceso a redeBE 

Recensión dos Encontros PLAMBE en Gabinete de Comunicación y Educación. 

Recensión da intervención de Agustín Fdez. Paz, no Blog deste autor. 

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2012/2013

 

O DOG publica hoxe, 26 de setembro, a resolución definitiva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013. Son xa 504 centros os que integran esta Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, espazos imprescindibles para a lectura, a información e a aprendizaxe.

Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013.

O Portal Educativo publica hoxe, 11 de xullo, a resolución provisional do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013, segundo o contemplado no punto 7 da orde de convocatoria. Esta resolución relaciona os centros que se incorporan a este programa no vindeiro curso. A resolución definitiva, que se publicará posteriormente no DOG, recollerá a totalidade dos centros que estarán incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares no vindeiro curso 2012/2013.

O prazo para a presentación das posibles alegacións remata o luns 16 de xullo. Esta relación inicial poderase ampliar no caso de producírense máis baixas ou renuncias.

Publicada no DOG a Orde de convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013

O DOG do 7 de maio fai pública a ORDE do 26 de abril de 2012 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitsaria, para o curso 2012/2013.

Seleccionaranse 55 novos centros e, así mesmo, poderán continuar no programa aqueles centros xa integrados que presenten a documentación oportuna, en tempo e forma,  e acaden valoración positiva na memoria do presente curso 11/12. Esta actuación está cofinanciada polo Ministerio de Educación, en virtude do Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares (Addenda 2010), un programa de cooperación entre as dúas administracións educativas, asinado en 2006.

O prazo de presentación de solicitudes é de UN MES a partir da data de publicación, sendo a data límite o 7 DE XUÑO.