Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista Eduga de Xuño 2017

A Consellería de Cultura, Educación e O.U. vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares con tres sub-seccións: Biblioteca escolar, Boas prácticas e Hora de ler. Neste número 73 de Xuño de 2017 publícanse un total de 8 artigos e unha entrevista relacionados con biblioteca escolar e lectura. Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á viva realidade das bibliotecas escolares galegas, auténticos motores de innovación pedagóxica na última década: 

 

 

“Nas propostas lectoras para os clubs teñen que asumirse riscos”
   Val dos libros, club de lectura do IES de Ponte Caldelas: percorrendo camiños
   

Biblioteca escolar, abrindo novos camiños
   O traballo por proxectos nunha escola rural
   

Traballando as competencias clave e a creatividade desde a comunicación audiovisual a partir de centros de interese
 

Unha experiencia coa robótica na biblioteca e nas aulas
   O proxecto documental integrado na biblioteca como motor de cambio metodolóxico na escola
   

A experiencia da integración da biblioteca no ciclo superior de Educación Infantil
   Inclusión, a necesidade de romper barreiras nas bibliotecas escolares

Galerías de imaxes da X Xornada dos Clubs de lectura #Xclubslecturagal

 

 

Están xa dispoñibles as galerías de imaxes de todo canto aconteceu na X Xornada dos Clubs de lectura, celebrada en Compostela o pasado 17 de xuño, coa participación de máis dun milleiro de lectoras e lectores (entre profesorado, alumnado e adultos da comundiade educativa participantes de grupos de lectura), procedentes dos 243 clubs de lectura que funcionaron o curso que agora remata nos centros educativos galegos. 

ACCESO ÁS GALERÍAS 

X Xornada dos Clubs de lectura en prensa e redes sociais

A X Xornada dos Clubs de lectura foi unha oportunidade para o encontro entre lectoras e lectores, unha ocasión para seguir aprendendo, un espazo para a alegría de sabérmonos parte desa sociedade lectora que estamos a construír xunto cos autores e as autoras, os creadores todos (poetas, autores de textos teatrais, actores e actrices, ilustradores e ilustradoras, músicos, cineastas...) e outros axentes do mundo do libro como editoras, críticos literarios, especialistas no mundo do libro e da lectura, asociacións a favor do libro e da lectura e todo aquel que contribúa co seu traballo a facer accesibles os recursos culturais para o conxunto da poboación, así como  a estender a formación e as oportunidades para unha maior competencia lectora e literaria. Alegría que vén de saber que traballar a favor da lectura é traballar por unha sociedade democrática e, porque tal como dixo César Mallorquí na propìa xornada, "ler fai que as nosas vidas sexan mellores". 
Velaquí algúns exemplos da difusión que tivo esta xornada na prensa e nas redes sociais:

Lecturas para o verán que asoma

imaxe_santiagoapostolo

 

Quedan poucos días para o comezo das vacacións de verán e xa as bibliotecas escolares galegas comezan a difundir as súas recomendacións de lectura: libros, películas, exposicións, música... propostas variadas para intereses diversos e pensando en todos os sectores da comunidade educativa. Será por libros!!

Centros seleccionados en Voluntariado de lectura-A: disfrutando dos premios

Na convocatoria da acción VOLUNTARIADO DE LECTURA-a para o curso 2016/2017 resultaron seleccionados 8 centros que foron agasallados con obradoiros de distinto tipo, a elixir; fomento da lectura e xogos tradicionais, obradoiro de lectura expresiva e de narración oral e obradoiro audiovisual. Vannos chegando noticia da celebración das sesións acordadas nos centros, coa participación do alumnado que realizou durante todo o ano labores de colaboración coa biblioteca escolar ou que participaron directamente na xestión de actividades de lectura compartida dentro ou fóra do centro. Ben o merecen!
Velaquí o exemplo do acontecido nos centros:

  • CEIP DE LEIRADO (Salvaterra de Miño, Pontevedra) 
  • CEIP A SANGRIÑA (A Guarda, Pontevedra)
  • Máis informacións nos blogue da biblioteca

  • CEP ALTAMIRA (Salceda de Caselas, Pontevedra)
  • (ver entrada no blogue do centro)

    Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2017/2018

    O 2 de xuño publica o DOG a Orde de 19 de maio de 2017 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/2018.

    Incorporarase un mínimo de 25 centros públicos e un máximo de 10 centros concertados, que se engadirán aos 615 centros que neste momento forman parte do PLAMBE, un programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, através do cal se estimula a renovación das bibliotecas escolares, mudando as antigas bibliotecas en espazos creativos de aprendizaxe ao servizo do centro e da comunidade educativa, nos que a lectura e o traballo coa información, así como a educación para as competencias informacionais e mediáticas, son os principais ámbitos de actuación e onde se da cabida tamén á creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e, tamén, a construción do coñecemento de xeito compartido. As solicitudes de nova incorporación ou de continuidade deben presentarse no anexo I da convocaroia, xunto coa documentación correspondente, ata o 3 de xullo de 2017 inclusive.

    X Xornada dos Clubs de lectura: unha década a prol da sociedade lectora.

    O 17 de xuño celebrarase en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) a X Xornada dos Clubs de lectura, unha iniciativa integrada no programa HORA DE LER da Consellería de Cultura, Educación e O.U. desde 2007, ano no que se publicaba a primeira convocatoria en apoio do funcionamento de clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Desde aquel primeiro curso 2007/2008 no que se puxeron en funcionamento os primeiros cen clubs de lectura foron moitos os rapaces e rapazas, foron moitos tamén os adultos dos distintos sectores da comunidade educativa, que participaron nos diferentes grupos de lectura que se foron creando nos centros [Artigo publicado en Libro Abierto sobre esta iniciativa posta en marcha de forma pioneira  nas bibliotecas escolares de Galicia]
    Con cada convocatoria medra o número de centros de ensino con club de lectura. Neste curso 2016/2017 son un total de 243 centros que matriculan alumnado de secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas de idiomas, ensinanzas de persoas adultas). Os clubs de lectura, espallados por todo o territorio galego chegan mesmo aos cárceres,  como ben explica a profesora Eulalia Agrelo neste artigo publicado en EDUGA, creando alí tamén espazos para o diálogo a partir dos libros e a lectura. 
    Tódolos anos, desde 2008, a consellería xunta ao profesorado que coordina estes clubs nunha xornada anual dos clubs de lectura, no que se comparten experiencias, inquedanzas e propostas, e onde interveñen expertos en materia de lectura, mocidade, literatura e outros, co fin de contribuír á formación deste profesorado para o exercicio da súa función como mediador no ámbito da lectura. En 2012 a V Xornada dos Clubs de lectura  reunira unha pequena representación do alumnado (180 rrapaces e rapazas), nunha sesión formativa inesquecible.
    Co gallo da celebración dunha década dos clubs de lectura, a Consellería de Cultura, Educación e O.U. convocou xa ao profesorado que coordina estes clubs de lectura á sesión formativa de carácter anual e amplía esta convocatoria a preto dun milleiro de lectores e lectoras procedentes dos diferentes clubs de lectura do ámbito educativo galego (en representación dos máis de 11.000 lectores e lectoras que se reúnen, periodicamente, para compartir experiencia lectora). Un programa ambicioso que pretende ofrecer aos participantes a oportunidade de compartir un tempo cos seus autores e autoras preferidos, ou de achegarse a diferentes territorios culturais relacionados coa palabra: o cómic, o teatro, o cine, a música, a cultura urbana e sempre, sempre, a literatura. No transcurso desta xornada darase entrega a MIGUELANXO PRADO do Premio dos Clubs de lectura 2017
    Até o 2 de xuño
    está aberto o período de inscrición para os lectores e lectoras, a través dun formulario web posto a disposición do profesorado coordinador, que será quen os acompañe nesta actividade.

    Resolución "Voluntariado de lectura-A" e Selo "Biblioteca Escolar Solidaria"

    O Portal Educativo publica hoxe, 22 de maio, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se resolve a convocatoria do programa Bibliotecas Escolares Solidarias en dúas das súas accións: Voluntariado de lectura-A (Primaria) e o Selo "Biblioteca Escolar Solidaria" 

    1. Voluntariado de lectura-A: Seleccionaráronse 8 centros, vistas as memorias de actividades presentadas por 52 dos 56 centros inscritos nesta iniciativa.
    • CEIP Francisco Vales Villamarín, de Betanzos (A Coruña)
    • CEIP Nicolás del Río, de Cedeira (A Coruña)
    • CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei (Lugo)
    • CEIP P. Virxe do Carme, de Sober (Lugo)
    • CEIP P. Manuel Bermúdez Couso, de Pobra de Trives (Ourense)
    • CEIP A Sangriña, de A Guarda (Pontevedra)
    • CEP Altamira, de Salceda de Caselas (Pontevedra)
    • CEIP Leirado, de Salvaterra do Miño (Pontevedra)

    2. Selo "Biblioteca Escolar Solidaria": Concédese o Selo ao CRA MESTRA CLARA TORRES, de Tui (Pontevedra).

    Letras Galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

     

     

    Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2017, incorporan a Carlos Casares ao seu equipo de biblioteca, pois hai na súa obra textos fantásticos para poñer nas mans de nenos e nenas, textos para cuestionar o mundo cos adolescentes, textos para a reflexión e mirada diverxente, textos para facer lectores en galego. Desde pequeniños, que así nolo demostran na EEI de Barrionovo (Arteixo), onde fixeron "acuarelas para Carlos Casares" como a que ilustra esta entrada. Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2017:

    Telexornal "Carlos Casares" desde o CPI dos Dices

    Desde o CPI Plurilingüe dos Dices  (Rois, A Coruña) chéganos, como en anos anteriores, o telexornal adicado á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Neste ano 2017 as nenas e os nenos implicados nesta experiencia de educación mediática traballaron sobre CARLOS CASARES, baixo a dirección do profesor Luís Aldegunde, e preséntannos un documento imprescindible para chegar a coñecer o escritor e a súa obra. Parabéns por este excelente proxecto e pola súa estabilidade no tempo, un exemplo de que non hai que andar mudando de idea cada día para ofrecer innovación no ámbito educativo.

    Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar". Centros participantes 2017

    EscornabotBE

     

    O Portal Educativo publica o 3 de maio de 2017 a Resolución da D. X. de Centros de Recursos Humanos de 2 de maio de 2017, pola que se dá a coñecer a relación de centros seleccionados na convocatoria do proxecto ESCORNABOTS NA BIBLIOTECA ESCOLAR. Os centros de nova incorporación no proxecto serán convocados a unha sesión formativa presencial que se desenvolverá o vindeiro 12 de maio.

    Esta iniciativa intégrase no contexto dun modelo de biblioteca aberto ás distintas linguaxes, no que se promove a expresión oral, a
    alfabetización múltiple, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

    Actividades do Día do Libro nas bibliotecas escolares galegas

    Arredor do 23 de abril principalmente, pero durante todo o "mes dos libros" as bibliotecas escolares galegas ferven de actividade e espallan por aulas, corredores e patios o pracer da lectura. Velaquí algúns exemplos: 

    Premio dos Clubs de lectura 2017 para Miguelanxo Prado

    Co gallo do Día Mundial do Libro, o Portal Educativo publicou a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 21 de abril de 2017, pola que se recoñece ao debuxante e autor de banda deseñada Miguelanxo Prado co Premio dos Clubs de Lectura pola súa contribución áao impulso da lectura en galego entre o alumnado que participa nos clubs de lectura de ensino secundario de Galicia. Miguelanxo Prado foi un dos autores máis lidos polos clubs de lectura no curso 2015/2016.  O premio seralle entregado o 17 de xuño na que será a X Xornada dos Clubs de Lectura, e que se celebrará en Compostela coa asistencia de un milleiro de lectores e lectoras, entre profesorado e alumnado, en representación dos máis de 11.000 lectores dos clubs de lectura de Galicia, do ámbito educativo.. 
    Este galardón, creado en 2015 para recoñecer o apoio dos escritores e escritoras galegas aos mediadores no seu labor de fomento da lectura con adolescentes e mocidade, concédese cada ano a un autor ou autora diferente, en función das lecturas realizadas polos clubs, de forma autónoma, no curso anterior. Foron xa galardonados con este Premio dos Clubs de Lectura Agustín Fernández Paz e Ledicia Costas.

    Dia do Libro 2017

    Coma en anos anteriores, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita, co gallo do Día Mundial do Libro, un pequeno marcapáxinas cun texto orixinal dun autor ou autora galega. Nesta ocasión é Rosalía Fernández Rial a poeta que agasalla co seu texto sobre o libro e a lectura ás Bibliotecas Escolares de Galicia.

    Rosalía lévanos co libro ao mundo da palabra, da música, da maxia, do imprescindible aire para respirar. 

    Proxecto Escornabots na biblioteca escolar - 2017

    O Portal Educativo publica a Resolución de 17 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o Proxecto Escornabots na biblioteca escolar para o ano 2017, no contexto do Plan LÍA 2016/2020. Esta iniciativa, que botou a andar no ano 2016,  ten dados excelentes resultados nos 20 centros integrados até o momento no proxecto piloto (En breve, difundirase o informe de valoración cos resultados do primeiro ano do programa).

    Poderán participar os centros públicos, de titularidade da consellería, ntegrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2016/2017 e, así mesmo, poderán solicitar a súa continuidade os centros xa integrados. Seleccionaranse un total de 20 centros de nova incorporación entre as solicitudes presentadas. Para a selección terase en conta a valoración acadada na memoria PLAMBE do curso 2015/2016 (ou proxecto, no caso dos centros novos no PLAMBE). Terán prioridade, en igualdade de condicións, os centros situados en concellos de ámbito rural.  A participación neste programa conleva un compromiso de participación nas actividades formativas previstas na convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de abril.

    Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017: vídeo-resume

    Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Marzo 2017 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

    Vídeo-resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017, celebrados os días 16 e 17 de marzo de 2017 no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Asistiron, convocados porla Consellería de Cultura, Educación e O.U., un total de 615 profesores e profesoras, todos eles responsables ou integrantes dos equipos de biblioteca dos seus centros, integrados neste programa da consellería que pretende a renovación e actualización constante das bibliotecas dos centros non universitarios e que beneficia ao 66% do alumnado dos centros públicos galegos.

    Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares

    O Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares é a folla de ruta  da que se dotou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para continuar o seu traballo  a prol das bibliotecas escolares e o fomento da lectura nos vindeiros anos. 
    Lectura, Información e Aprendizaxe son os ámbitos de actuación da biblioteca escolar e dan nome a un plan de actuación estruturado en:
    • Obxectivos xerais do Plan LÍA de bibliotecas escolares
    • Unha ducia de desafíos, ou retos que cómpre abordar
    • Liñas de acción medidas concretas
    Aínda que xa se vén traballando con esta nova folla de ruta, desde a a administración educativa galega quíxose formalizar e presentar este PLAN LÍA 2016/2020  de bibliotecas escolares nunha biblioteca en pleno funcionamento. Así hoxe, e con este motivo, o Presidente da Xunta de Galicia e o Consellerío de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitaron a biblioteca do IES Maruxa Mallo, de Ordes, e mantiveron un encontro co profesorado do centro, cunha visita incluída ao alumnado que neses momentos traballaba na materia "Investigación e Tratamento da Información", intimamente ligada aos obxectivos que se perseguen no desafío número 5, "as competencias ALFIN/AMI", e que conciben a biblioteca escolar, como instrumento imprescindible para a adquisición de competencias no uso, tratamento e produción de información. 
     

    VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Vídeo-resume

    Os días 18 e 19 de novembro tiveron lugar en Compostela as VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, coa participación de preto dun milleiro de docentes da nosa comunidade. En RedeBE están dispoñibles os materiais destas xornadas.  Velaquí o vídeo resume:

    VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Vídeo-resume from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

    CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña: TODOS SOMOS MAKER! Obradoiros maker internivel

    Dende o CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña achégannos unha experiencia internivel innovadora dentro do Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar": Obradoiros maker internivel.

    "Como todos somos maker e neste cole nos encanta mezclarnos @s peques c@s maiores, organizamos uns obradoiros maker internivel. Mezclados por idades, dende os 3 aos 12 anos, pasamos unha divertida e interesante xornada, na que ademais de aprender, ampliamos as nosas posiblidades de xogo no recanto maker.

    Os obradoiros elexidos foron 6, 4 relacionados cos escornabots e a programación, onde puxemos a proba aspectos matemáticos e creatividade. Un de littleBits, onde animamos ao Mago Fuco, e outro no que fixemos un proxecto maker que puidemos elaborar con material do máis cotiá, unha man robótica. Porque para ser maker non fai falta gran cousa, so moita imaxinación e creatividade."

    21 de marzo, equinoccio de poesía

    Coincidindo co equinoccio de primavera, celebramos hoxe o Día Mundial da Poesía. Esta conmemoración, aprobada pola UNESCO en 1999, ten como principal obxectivo apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas. 
    Leamos poesía porque como di Fran Alonso: A poesía é unha barricada de palabras rebeldes, un aturuxo de liberdade. A poesía é diurética, dixestiva e antiestresante; é flexible coma o chicle e o seu ADN é profundamente subversivo. Un poema no aire é unha bomba de palabras

    Poesía

    Materiais dos Encontros PLAMBE 2016/2017 en RedeBE

     
     
     
     
     
    Celebrados os Encontros PLAMBE 2016/2017, desde a Asesoría de bibliotecas escolares se poñen a disposición de todo o profesorado interesado os materiais (presentacións e outros) das diferentes intervencións, a través do espazo Moodle RedeBE. En breve engadiranse os vídeos das diferentes sesións, así como un vídeo resume dos encontros. 
     

    Os Encontros do PLAMBE 2017 en twitter