Investigación e Tratamento da Información (INEIN), unha materia de libre configuración para 1º/2º ESO

Nos Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, celebrados en Compostela en marzo de 2015, o profesor Ángel Carracedo impartiu a conferencia de peche e deixounos esta impagable mensaxe sobre a importancia de ensinar a buscar, comprender, tratar, usar e comunicar información. Cómpre unha escoita atenta destas recomendacións dun científico que contempla as necesidades educativas da poboación desde a súa experiencia persoal e profesional. 
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de facer público o borrador dunha orde pola que se establece a relación de materias de libre configuración autonómica para ESO e Bacharelato e se regula o seu currículo e oferta. Neste borrador aparece incluída unha materia denominada INVESTIGACIÓN E TRATAMENTO DA INFORMACIÓN, destinada a 1º e 2º de ESO. Esta materia, cunha carga horaria dunha hora semanal por curso, pode ser aproveitada para intervir de forma intensiva na formación das competencias informacionais do alumnado, fóra de que estas competencias deben traballarse de forma transversal en todas e cada unhas das materias do currículo.