21 de marzo: Día Mundial da Poesía

 

 Falta de atención

Porteime mal onte co cosmos.

Vivín todo o día sen preguntar por nada,

sen asombrarme por nada. 

 

(Wislawa Szymborska - Versos Escollidos)

 

Este ano celebramos o Día Mundial da Poesía nunha situación excepcional, por iso faise máis real o lema da ONU: Poesía, expresión lingüística da nosa humanidade común. 

 

Neste contexto as bibliotecas escolares galegas seguen a traballar para promover a lectura de poesía desde a distancia:

GALIX convida a participar no Concurso: Un poema na túa voz.

 

Gañadores Selo CCB 2019

 

Consello de Cooperación Bibliotecaria ven de presentar os proxectos gañadores do Selo CCBun recoñecemento anual que ten como finalidade resaltar o valor de proxectos de bibliotecas máis destacados relacionados cos obxectivos xerais do III Plan Estratéxico do CCB.
Como en convocatorias anteriores, as bibliotecas escolares galegas aparecen entre os proxectos recoñecidos, conseguindo os dous selos de bibliotecas escolares:
Na categoría de Bibliotecas Escolares Primaria:

  
Na categoría de Bibliotecas Escolares Secundaria:

 
Parabéns a estas dúas bibliotecas e aos seus equipos e comunidades educativas, que seguen demostrando o seu bo facer e representando a boa saúde das nosas bibliotecas escolares. 

 

Encontros PLAMBE 2019/2020

 

Os vindeiros 12 e 13 de marzo celébranse en Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares correspondentes ao curso 2019/2020, con intervención de persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas bibliotecas, a literatura, a comunicación, a mediación lectora, a alfabetización mediática e informacional, a tecnoloxía educativa e a produción audiovisual. Ademais, presentaranse un total de 23 experiencias de centros de moi diverso contido (funcionamento da biblioteca escolar, voluntariado, biblioteca inclusiva, bibloteca creativa, Radio na biblio, traballo por proxectos, bibliotecas LÍA.2 e outros). Neste ano de "viveiro de cidadanía", a biblioteca estará moi presente como espazo facilitador do encontro, o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, a investigación, a experimentación, a creación e adquisición de competencias útiles para unha participación activa na sociedade. 

Este será un encontro moi especial, xa que celebramos os 15 anos de vida do PLAMBE, nos que as bibliotecas escolares galegas foron mudando  ata converterse nos motores de cambio dos centros.

 

 

 

 

8M: Polos dereitos das mulleres

 

O Día Internacional da Muller 2020 reivindica os dereitos das mulleres  baixo o lema: "Son da Xeración Igualdade: Polos dereitos das mulleres". A campaña da ONU pretende mobilizar a todas as persoas, incidindo en que as pequenas accións  poden xerar grandes repercusións cara ao mundo igualitario que merecemos.

A Axenda 2030 marca como obxectivo número 5: Lograr a igualdade entre os xéneros e empoderar a todas as mulleres e nenas. As bibliotecas deben apoiar a igualdade de xéneros e ofrecer lugares, e actividades, de encontro e empoderamento.

As bibliotecas  escolares de Galicia traballan todo o curso en prol dunha igualdade efectiva na nosa sociedade, formando cidadanía crítica. Arredor desta data promoven actividades coa lectura, o cine, a radio, a publicidade, a busca e tratamento da información ...

 

 

 

 

 

 

 

Convocatoria do Proxecto "EnCANtame ler"

 

O Portal Educativo publica a convocatoria do Proxecto "EnCANtame ler" de lectura apoiada por cans. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoca con data de 2 de marzo de 2020 o Proxecto "EnCANtame ler" de lectura apoiada por cans. Poderán participar todos os centros públicos de educación infantil e primaria, ou centros de educación especial, de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no contexto do PLAN LÍA de Bibliotecas Escolares (Lectura, Información e Aprendizaxe).

Este dá continuidade ao proxecto piloto, iniciado no 2019, "Lecturas no Canmiño", en colaboración cunha entidade privada e baixo o patrocinio do Xacobeo 2021, no que participaron cinco centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, que acolleron durante o mes de outubro diferentes sesións de lectura apoiadas por cans, cun notable éxito de resultados entre o alumnado e o profesorado implicado.

O obxectivo é promover experiencias de práctica e mellora das habilidades lectoras e de comunicación destinadas a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, mediante sesións de lectura apoiada por cans, coa intervención dunha psicoterapeuta especializada. Seleccionaranse un máximo de 10 centros tras a valoración do proxecto presentado, que contarán cun número aproximado de 10 sesións de apoio á lectura para alumnado con neae no marco da biblioteca escolar.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de marzo de 2020.

24 de febreiro, Día de Rosalía

Si pronto non me levades,

¡ai!, morrerei de tristeza,

soia nunha terra estraña,

donde estraña me alcumean,

donde todo canto miro

todo me dice: "¡Estranxeira"!

("Airiños, airiños, aires")

 

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e a Lectura, publicado pola Consellería de Cultura e Turismo, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Cada ano son máis as institucións que se suman á celebración do DÍA DE ROSALÍA, entre elas as bibliotecas escolares promovendo actividades que achegan ao alumnado a súa vida e obra. Traballos de investigación, lecturas compartidas, roteiros, actividades plásticas e creativas, proxectos multimedia... son algunhas das propostas que nestes días salientan a modernidade e actualidade do seu pensamento.

A Asociación de Escritoras e Escritores en  Lingua Galega convida neste 2020, baixo o lema #ErrantesPoloMundo_drc_20, a celebrar este día co agasallo dun libro e unha flor ás amizades e persoas querida. Publica un manifesto na voz  de Daniel Asorey e propón múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos. Unha proposta para traballar o drama da emigración na voz da nosa poeta.

Actividades nas bibliotecas escolares:

 

II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio

 

O Portal Educativo publica a convocatoria do II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos convoca con data de 13 de febreiro de 2020 (coincidindo co Día Mundial da Radio), o  II  Concurso de Podcasts - Radio na Biblio en colaboración coa Radio Galega (CRTVG). Poderán participar os centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, integrados ou non no programa Radio na Biblio. Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao filólogo, mestre e escritor Ricardo Carvalho Calero. O prazo de presentación remata o 25 de abril de 2020.

 

 

Traballos seleccionados no I Concurso de Podcasts-Radio na Biblio no curso 2018-2019:

 

Radio na Biblio emite. Curso 2019/2020


 

Neste curso 2019/2020 integran o programa Radio na Biblio 80 centros. Durante o primeiro trimeste moitas emisoras iniciaron o seu camiño, tempos de obras, renovación de espazos, busca de nomes, creación de logos, formación de alumnado e profesorado e moito,  moito traballo.
Ao tempo, as emisoras veteranas van sistematizando os seus programas, creando novas seccións e aumentado, de xeito moi visible e audible, a calidade do seu traballo.
Na imaxe o logo de Radiofiestra do IES Rafael Dieste (A Coruña) 

Día Mundial da Radio: Pluralismo, representación e diversidade

 

No ano 2013 a ONU aprobou a declaración da UNESCO do Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946. "Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión." 

Este ano celébrase co lema: "Pluralismo, representación e diversidade"  xa que a radio é un medio de comunicación único para celebrar a diversidade humana e constitúe unha plataforma para o discurso democrático. Un lema en sintonia co das bibliotecas escolares para este curso "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía" e do valor inclusivo do programa Radio na Biblio.

Animamos aos 80 centros do programa Radio na Biblio a  celebrar esta xornada defendendo o pluralismo e a diversidade dende as súas emisoras.

Na imaxe o alumnado do CEP Brea Segade (Rianxo-A Coruña) 

 

 

Actividades das bibliotecas escolares:

 

 

11 de febreiro: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 

 

No ano 2015, a ONU estableceu un Día Internacional para recoñecer o rol crítico que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e a tecnoloxía, a través da Resolución A/RES/70/212. A finalidade é lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.

Lembrar que a ciencia e a igualdade de xénero son vitais para alcanzar os ODS,  incluidos na Axenda 2030, nos que moitas das nosas bibliotecas escolares están a traballar.

Esta é unha data que cada ano se traballa máis nas bibliotecas cara a paliar a brecha de xénero nos sectores STEAM. Visitas de científicas, seleccións de lecturas, traballos de investigación e experimentación ... son algunhas das actividades que ocupan os espazos científicos, creativos, manipulativos e colaborativos das mesmas.

Máis información:

 

Actividades nas bibliotecas escolares galegas:

 

1 de febreiro, Día da Lectura en Voz Alta

 

 

 

A asociación Lit World promove desde o ano 2010 a conmemoración anual do Día da Lectura en Voz Alta, como unha chamada de atención sobre a importancia desta práctica de lectura no desenvolvemento da linguaxe, o amor pola lectura e o desenvolvemeto e fortalecemento de hábitos persoais. POrque a lectura é poderosa... as persoas que len poden comprender mellor a outras persoas, sentir empatía por elas e ver o mundo desde a súa perspectiva. Leer en voz alta... crea comunidade. Na súa páxina recollen propostas para celebrar esta data na escola e nas nosas bibliotecas xunto a unha guía para ler en voz alta.

Pola súa parte, a Asociación entre libros  publicou en 2016 un manifesto a prol da lectura en voz alta baixo o lema: "Da Voz ás Letras, que podemos ler en galego.

Plano Nacional de Leitura de Portugal, propón varias actividades para este día cunha variedade de recursos e propostas.

 

 

 

 

 

 

Día Escolar da Non Violencia e a Paz

 

Como cada 30 de xaneiro, chega unha data con gran potencialidade educativa: O Día Escolar da Non Violencia e a Paz, unha ocasión para que as nosas bibliotecas se comprometan como defensoras da paz e o entendemento entre persoas de distinta procedencia e formas de pensar. Para que conformen o espazo da biblioteca como un auténtico viveiro de cidadanía, un lugar facilitador do diálogo, o debate, a reflexión, a lectura crítica e o acceso á información, no que se promova unha participación activa cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

As bibliotecas escolares galegas promoven, nesta data,  actividades variadas e recompilacións de recursos:

 

Imaxe IES San Paio (Tui-Pontevedra)

 

Día da Ilustración

 
 
Cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración. Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo en colaboración coa Asociación de Profesionais da Ilustración. Unha data que serve para reivindicar o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou ilustradora histórico galego. Este ano o protagonista é Cándido Fernández Mazas, artista e escritor que, na súa curta vida, tivo unha produción prolífica que lle levou a colaborar coa revista Nós, da que celebramos o seu centenario, e coas Misións Pedagóxicas coas que colaborou con cartelería e decorados para o teatro de monicreques.
Unha ocasión para traballar e reivindicar desde as bibliotecas escolares a historia da ilustración galega que non deixa de ser memoria do noso país. Para achegarnos ao valor propio das imaxes  máis aló dun complemento da escrita.
Tamén, unha oportunidade para poñer en valor o traballo da ilustradora Xulia Pisón, autora do cartel deste ano do que seguro teremos moitas e variadas lecturas: estéticas, literarias, históricas, mitolóxicas, astronómicas ... 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal-Pontevedra). Un centro LÍA.2

 
A Quinta dos Libros é o nome polo que se coñece a biblioteca do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal, Pontevedra), unha biblioteca escolar singular que soubo adaptarse ás necesidades e características dun "centro público integrado" (CPI, que alberga alumnado de infantil, primaria e de secundaria), sen caer na tentación de arredar as diferentes etapas, como pasa ás veces; pola contra, o equipo docente foi construíndo aos poucos unha biblioteca común, centro neurálxico das prácticas educativas innovadoras, unha das referencia para todos os centros deste tipo. O seu CMAL (Centro Médico de Atención Lectora), o seu Club de Jazz, ou a emisora de radio, A Voz da Mata, son exemplos de actividades de dinamización e formación, pero tamén de estratexias para a vinculación entre os integrantes da comunidade educativa. Integrada no proxecto PLAN LÍA.2, no ano 2017, esta biblioteca gañou novos espazos e novas funcionalidades que lle permite ser ese "centro creativo das aprendizaxes" que se pretende. O camiño segue na medida en que a biblioteca sabe adaptarse ás novas esixencias educativas, pero tamén ás tendencias comunicativas e ás necesidades da sociedade que entre todos estamos a construír... E se queremos unha sociedad lectora, crítica, formada, participativa, xusta e igualitaria, pódese empezar pola biblioteca escolar, que están demostrando as súas posibilidades de contribución a estas finalidades. 

CEIP de Meaño-As Covas (Meaño-Pontevedra). Un centro LÍA.2

O CEIP de Meaño-As Covas (Meaño, Pontevedra) ten unha biblioteca LÍA.2, froito do traballo de toda a comunidade educativa e do compromiso desde hai tempo co traballo por proxectos, as metodoloxías activas e a innovación educativa desde e coa biblioteca escolar. Integrada no Plan de mellora de bibliotecas escolares no ano 2008, recibiu premios no Concurso de Traballo por Proxectos: Aquí todos pintamos moito (2016); Encende Telecoviña (2017); Construímos con Coviña (2018); Puro teatro (2019) e en 2017 foi incorporada a este proxecto BIBLIOTECAS LÍA.2, que busca a exploración das posibilidades da biblioteca escolar como "centro creativo das aprendizaxes".O traballo colaborativo, as prácticas participativas e innovadoras, a música, o teatro e a formación audiovisual forman parte do ADN desta biblioteca: 

 

Bibliotecas escolares solidarias. Centros inscritos nos programas de voluntariado para o curso 2019/2020 (primaria e secundaria)

 

Portal Educativo publicou as relacións de centros que se adscriben a dúas das accións incluídas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, segundo a convocatoria deste programa do  4 de novembro de 2019.

Segue aumentando o número de centros inscritos en cada un dos grupos:

VOLUNTARIADO DE LECTURA-A (alumnado de 5º e 6º de primaria): 106 centros inscritos. 

VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA ESCOLAR (alumnado de ensino secundario): 121 centros adheridos.

Esta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e RR HH) en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de decembro de 2019

 

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA),  que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares . Neste número 78 de decembro de 2019 publícanse un total de 8 artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolar, Boas prácticas e Hora de ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades arredor dos programas de Biblioteca Creativa, Radio na biblio,  Voluntariado na biblioteca escolar, Lecturas no Canmiño, Clubs de lectura e Traballos por proxectos. Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á realidade das bibliotecas escolares galegas, auténticos motores de innovación e viveiros de cidadanía.

 

 

 As bibliotecas gañan espazos. Avaliar para aprender.

 Asesoría de Bibliotecas Escolares

 

 

 Protagonistas. Axudantes de biblioteca Escolar.

 IES Valadares (Vigo-Pontevedra)

 

 A voz da Mata. Podcast Os Cabaqueiros.

 CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal-Pontevedra)

 

 Sementando curiosidade.

 CEIP Enrique Barreiro Piñeiro (Cambados-Pontevedra)

 

 Falarte: un proxecto documental integrado da EOI de Lugo

 Escola Oficial de Idiomas de Lugo

 

 Lecturas no canmiño. Lecturas apoiadas por cans.

 Marta Jaquet e CEIP Lamas de Abade  (Santiago de Compostela- A Coruña)

 

 Ler para facer. Retos do espazo creativo e traballo co texto instrutivo.

 CEIP de Leirado (Salvaterra do Miño-Pontevedra)

 

 Un club sobre rodas. As viaxes literarias como motores dos clubs de lectura.

 Ies Universidade Laboral de Ourense

CEIP Nicolás del Río (Cedeira-A Coruña). Un centro LÍA.2

 

A biblioteca do CEIP Nicolás del Río, de Cedeira (A Coruña), ten xa unha traxectoria asentada de traballo coa comunidade, que foi merecedora de diversos premios no concurso de Traballos por Proxectos ("Mares de Cedeira"-2017; "Crónicas..." - 2018; "Pegadas na iauga"- 2019, en colaboración co IES Punta Candieira). É unha biblioteca activa que foi ampliando os seus espazos e configurando a súa personalidade sobre o teatro, o traballo colaborativo, a creación, e a vinculación coas familias,  con outros centros da contorna e con institucións culturais do concello, nunha viaxe cara ao que pode ser unha "comunidade de aprendizaxe". Incorporada ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2", ampliou os seus espazos e actividades. Da man dos voluntarios e voluntarias de lectura, visitamos esta biblioteca e coñecemos mellor o seu día a día como "centro creativo de aprendizaxes".

Por outro ano de FERMOSAS LECTURAS

Para acabar o ano...

para empezalo...

porque sí...

porque nos peta...

porque non fan falta escusas...

FERMOSAS LECTURAS... TODO O ANO!

 

Resolución da convocatoria de clubs de lectura para o curso 2019/2020

O Portal Educativo publicou xa a resolución definitiva da Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2019/2020, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 13 de decembro de 2019. Distribúense contías, por un importe global de 220.000€, para o funcionamento de grupos de lectura en 247 centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral. Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 75% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquirirán pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 25% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librerías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistenca ao teatro, sempre relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.

 

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas- 2019

Unha sociedade ben informada é máis difícil que sexa manipulada. Alicia Estévez Toranzo.

Desde a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Políticas Culturais (Subdirección Xeral de Bibliotecas), da Consellería de Cultura, vense impulsando a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO,  da científica Alicia Estévez Taranzo, microbióloga, académica da RAGC e da RAFG e premio María Josefa Wonenburger Planells (2018). A científica resalta a importancia das bibliotecas “para que moitos dos coñecementos rigorosamente contrastados sexan accesibles ao público”.

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogues de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

Acitividades das bibliotecas escolares galegas no mes de novembro:

Biblioteca Inclusiva: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

 

 

"... o instrumento perfecto para que o noso alumnado poida expresarse a través dos seus talentos" reflexión do profesorado do CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal-Pontevedra) sobre o valor inclusivo do programa Radio na Biblio. 

Neste 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade queremos facer nosa esa reflexión  e pensar en como as bibliotecas escolares galegas deben ser espazos nos que o alumnado atope o seu sitio para traballar en proxectos comúns, espazos que integren a todas e todos, espazos que sexan auténticos viveiros de cidadanía.

Hai dous cursos, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional iniciou o programa Biblioteca Inclusiva, dentro do Plan LÍA 2016-2020 de Biblioteca Escolares. Este programa pretende avanzar cara a unha biblioteca que responda ás necesidades de todo o alumnado do centro e enfronte o reto da diversidade. Queda moito por facer, pero a inclusión e a diversidade é unha realidade nas nosas bibliotecas que chegou para quedarse.

Estos son algúns dos materiais do programa:

Actividades das bibliotecas escolares galegas neste 3 de decembro:

Resolución provisional da convocatoria de clubs de lectura para o curso 2019/2020

 

O Portal Educativo publicou xa a resolución provisional da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2019/2020, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de 25 de novembro de 2019.

Ábrese un prazo de 5 días naturais para a presentación de alegacións, contados a partir da data de publicación desta Resolución no Portal Educativo.

 

 

  Na imaxe, club de lectura do IES Valadares (Vigo-Pontevedra)

25 N: accións para denunciar a violencia de xénero e educar en igualdade, desde as bibliotecas escolares

Un curso máis, seguimos necesitando accións para denunciar a violencia sistémica contra  as mulleres e as violencias cotiás exercidas contra nenas, mozas e mulleres de toda idade e condición en distintos espazos e ámbitos, tanto privados como públicos. Desde a ONU, un ano máis, lanzan a campaña de 16 días de activismo contra a violencia de xénero baixo o lema "Pinta o mundo de laranxa: Xeración Igualdade condena a violación", centrada na existencia dunha impunidade xeralizada na violencia sexual e na violación.

Os centros educativos e as bibliotecas escolares súmanse á conmemoración do 25 de Novembro con múltiples actividades destinadas a educar en igualdade e contribuir a unha maior consciencia do problema por parte dos distintos sectores da comunidade educativa. O #25N non é unha celebración, é unha data a borrar do noso calendario e imaxinario, pero até entón queda moito por facer, moitos muros por derrubar, non podemos, nin debemos, permitir una paso atrás.

Recollemos aquí algunhas das accións levadas a cabo arredor desta data nas bibliotecas escolares galegas:

Traballos seleccionados no VI Concurso de Traballos por Proxectos coordinados ou co apoio da biblioteca escolar

 

 

Está xa publicada no Portal Educativo a resolución do VI CONCURSO DE TRABALLO POR PROXECTOS realizados durante o curso 2018/2019, baixo a coordinación (ou coa participación) da biblioteca escolar.

Seleccionáronse 19 traballos de entre os 84  presentados desde diferentes centros. Algunhas sub-modalidades ficaron desertas pero distribuíronse os premios dispoñibles seleccionando máis centros de modalidades con moita participación e alto nivel de calidade.

 

Este concurso busca estimular, mediante o recoñecemento de boas prácticas, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación da biblioteca ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ABP). Estos proxectos están propiciando profundos cambios nas dinámicas de traballo dos centros, nos usos dos espazos educativos, na distribución de horarios e grupos, no aproveitamento dos recursos, promovendo unha cultura participativa e colaborativa, emancipadora do alumnado. Parabenizamos ás comunidades educativas que botan a andar estas experiencias, e ao profesorado que as impulsa, deseña, guía, enriquece coa súa profesionalidade e experiencia, e ademáis as difunde e comparte para beneficio común. Existen tamén excelentes exemplos de prácticas de investigación nas modalidades de grupo/nivel ou ciclo/departamento, así como os traballos realizados na materia de libre confuguración de Secundaria "Investigaión e Tratamento da Información" ("Aprender a Investigar en Primaria), que poden servir de orientación para outros proxectos. Da mesma forma, os proxectos de investigación intercentros son unha práctica que cómpre estender e que pode dar lugar a experiencias educativas moi enriquecedoras.

 

Na imaxe, o alumnado de ITI do IES Valadares (Vigo-Pontevedra)

 

 

 Modalidade  Temática  Centro Seleccionado
 Concello  Provincia  Proxecto
 1. Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar  Xenérica  CEIP P. Graxal  Cambre  A Coruña  Construímos
 CEIP Milladoiro  Malpica de B.  A Coruña  O mar que nos dá...!
 EOI de Lugo  Lugo  Lugo  FalArte
 IES P. Aquis Celenis  Caldas de Reis  Pontevedra  As palabras no Camiño
 CEIP P. de Meaño-As Covas  Meaño  Pontevedra  Puro teatro
 CEIP A.D.R. Castelao  Vigo  Pontevedra  Pinga a pinga, pensa en verde
 Ciencias  IES Francisco Aguiar  Betanzos  A Coruña  Betanzos 800 anos
 CEIP Canosa-Rus  Coristanco  A Coruña  ConCIENCIAte
 2.a. Proxectos de investigación grupo/nivel  Xenérica  CEIP O Coto  Negreira  A Coruña  A voltas por Galicia
 CEIP de Prácticas López Ferreiro  Santiago de Compostela  A Coruña  Pontes para coñecérmonos
 IES Xoán Montes  Lugo  Lugo  (A)rroupArte
 Ciencias  CEIP Quintela  Moaña  Pontevedra  Os Canciños
 2.b. Proxectos de investigación ciclo/departamento  Xenérica  CEIP P. Enrique Barreiro Piñeiro  Cambados  Pontevedra  Coidamos do noso para coidar o de todas e todos
 Ciencias  IES Xoán Montes  Lugo  Lugo  O xardín das Hespérides
 2.c. Proxectos realizados na materia de 1º/2º da ESO  Xenérica  IES Valadarés  Vigo  Pontevedra  Youtubers por un día
 3. Proxectos de investigación intercentros  Xenérica ou científica  CEIP Nicolás del Río  Cedeira  A Coruña "Pegadas na iauga". Patrimonio inmaterial: a semente
 IES Punta Candieira  Cedeira  A Coruña  "Pegadas na iauga". Patrimonio inmaterial: a semente
 CEIP de Santiago de Oliveira  Ponteareas  Pontevedra  Xogamos?
 CEIP de Leirado  Salvaterra de Miño  Pontevedra  Xogamos?