III Encontros de bibliotecas escolares de Galicia

Os días 29 e 30 de outubro celebraranse en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia. O lema desta cita será VARIACIÓNS SOBRE A LECTURA, e será unha oportunidade para a difusión de experiencias que se están a levar a cabo en centros escolares galegos (algún tamén de fóra de Galicia), arredor desta cuestión (a lectura),  que aúna tantas vontades e merece tanta atención en tempos de mudanzas tecnolóxicas e, ao dicir de algúns expertos, de paradigma na cultura escrita e na forma de ler e de escribir. Será un punto de encontro do gran colectivo galego das bibliotecas escolares para seguir ampliando as posibilidades de colaboración. O prazo de inscrición remata o 24 de setembroPre-programa

Orde de resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2010/2011

 

 

O DOG do 14 de setembro publica a Orde de resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2010/2011. Intégranse 79 centros novos. En total son 374 as bibliotecas que conforman esta Rede de bibliotecas escolares de Galicia.

Libros que van e veñen

 

En poucos días as bibliotecas escolares comezarán a estar a pleno rendemento (algunhas non deixaron de estar presentes nas vacacións a través do seu blogue e mediante o préstamo para o verán). Os libros comezarán a camiñar das mans das nenas e dos nenos para ver mundo e encherse de vida. Para os máis pequenos póñense a disposición estas "bolsas de biblioteca", destinadas a protexelos e facilitar esa "viaxe". Os centros con alumnado de ensino infantil que o desexen poden solicitalas mediante un correo electrónico (dende o enderezo oficial do centro), detallando o código e o  nº de bolsas necesarias,  ao seguinte enderezo: bibliotecasescolares@edu.xunta.es

Serviranse ata agotar existencias por orde de chegada da solicitude e só para o alumnado de educación infantil. 

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2010/2011

1 Set 2010 - 12:24

O Portal Educativo publica no día de hoxe, 1 de setembro, a convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto das iniciativas destinadas ao fomento da lectura, pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura en centros públicos que acollan alumnado de educación secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, para o curso 2010/2011. A data final para a presentación de solicitudes é o 30 de outubro.

Texto da convocatoria e anexo de solicitude.

Que non falte lectura no verán!

Unha das funcións da biblioteca escolar é a de orientar na selección de lecturas. Son cada vez máis as bibliotecas que elaboran guías de lectura, recomendacións, seleccións temáticas ou por nivel de idade... co fin de axudar ao alumnado e ás familias a escoller entre o moito que hai publicado, e acertar á hora de elixir lecturas de calidade, variadas e axeitadas segundo a idade lectora e os intereses de cada quen. Velaquí algunhas destes seleccións de lectura para o verán:

Relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares. Curso 2010/2011

Publicouse no día de hoxe (15 de xullo de 2010), no Portal Educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares, segundo orde de 23 de abril de 2010 (DOG 7/05/10), coa relación de centros que se incorporan a este programa para o curso 2010/2011.

Acceso á publicación no Portal Educativo

A importancia das bibliotecas de centro no éxito escolar

 

 

Recentemente coñeceuse o resultado a nivel estatal da avaliación diagnóstica dos nenos e nenas de 4º de primaria. En relación á competencia lingüística constatábase a influencia dalgunhas variables nos bos resultados neste ámbito: a presenza de libros na casa, por exemplo. Así na páxina 125 do estudo pódese ler: "La puntuación media obtenida por los alumnos en las cuatro competencias correlaciona intensamente con la variable "número de libros en casa". Cuanto mayor es el número de libros que el alumnado tiene en su casa, más alta es la puntuación media que obtiene". Un IES da provincia de Ourense, nun interesante estudo sobre a situación da lectura na súa comunidade educativa constata a escasa presenza de libros nas casas do alumnado. Tamén resulta inquietante o gráfico referido ao hábito de lectura nas familias. Á vez, vese a importancia da biblioteca escolar como instrumento de acceso á cultura e factor de compensación social: mentres só un 4% do alumnado asegura acudir á biblioteca municipal, un 52% do mesmo acude á biblioteca do seu centro. 

Biblioteca escolar, centro de recursos de aprendizaxe.

Rematado o curso 2009/2010, chega o tempo de racapitular e recoller na memoria final do curso a realidade da biblioteca escolar e as súas achegas á innovación e á mellora da calidade do ensino. Entresacamos da memoria dun IES de Pontevedra, integrado no Plan de mellora de bibliotecas escolares, a seguinte valoración ao avaliar a consecución de obxectivos para este curso recen acabado:

"Obxectivo: facilitar o traballo interdisciplinar: Tamén neste aspecto nos sentimos satisfeitos non só pola acollida das nosas propostas neste sentido -Viaxamos, Xeografía do Courel, Repintamos a Seoane, Ilustramos...--, senón tamén porque moitos compañeir@s romperon o esquema de materia pechada e presenza absolutista do profesor ou profesora ao entender que os rapaces e rapazas aproveitan moito máis e desenvolven a súa capacidade de relación cando se rompe o illamento e a unidireccionalidade. Moitos departamentos colaboraron e traballaron conxuntamente para sacar adiante algunhas das actividades programadas, suxeriron ideas, facilitaron materiais, e un longo etc. (...) houbo moito traballo colaborarivo."

Xornada dos Clubs de Lectura 2010

O venres 11 de xuño reuníronse en Santiago de Compostela, convocados pola Consellería de Educación, as coordinadoras e coordinadores dos Clubs de Lectura en centros de ensino secundario, ao abeiro da convocatoria de axudas para incentivar clubs de lectura nestes centros. Esta Xornada dos Clubs de Lectura 2010 está incluída no plan anual de formación do profesorado.

Pódese acceder aos materiais relacionados con esta actividade de formación neste enlace (entrar como convidado)

Máis información sobre os clubs de lectura, en Ler en mancomún

Novos blogs de bibliotecas escolares galegas

Son xa máis de cento sesenta as fiestras abertas ás bibliotecas escolares galegas, blogues que serven para a difusión da enorme actividade que xeneran estes espazos educativos e a diversidade de programas e iniciativas dos centros aos que apoian cos seus recursos. Velaquí os cinco últimos blogues dos que temos noticia e que xa están subidos á sección correspondente nesta páxina: PRIMARIA ou SECUNDARIA:

Acto de entrega dos Premios Nacionais de Bibliotecas Escolares - 2009

A representante do CEIP Frian-Teis recibe o premioO pasado 28 de maio, o Ministerio de Educación fixo entrega en Fraga (Huesca) dos Premios Nacionais de Boas Prácticas na dinamización e innovación das bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2009.

Foron cinco centros galegos os que recibiron galardón: CEIPR Frian-Teis (Vigo), CRA Mestre Manuel Garcés (Toiño), CEIP A Pedra (Bueu), IES Sanxenxo (Sanxenxo) e IES de Catabois (Ferrol). No blogue da biblioteca do CEIP Frian-Teis pódese ler a crónica deste acto. Parabéns ás comunidades educativas destes centros!

Xornada dos Clubs de Lectura 2010

 

 

 

O día 11 de xuño, en Santiago de Compostela, a Consellería de Educación reúne aos profesores e profesoras que coordinan os Clubs de Lectura en centros de ensino secundario e de ensinanzas de réxime especial (escolas de idiomas, conservatorios...). Será ocasión para avanzar na formación deste colectivo e, tamén, oportunidade para a reflexión conxunta, o intercambio de experiencias e o establecemento de ámbitos de colaboración entre clubs de lectura de distintos centros, que xa se están a producir nalgúns casos.

Máis información, no blogue Ler en mancomún, dedicado aos Clubs de Lectura.

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011

O DOG de hoxe, 7 de maio, publica a orde de 23 de abril de 2010 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2010/2011. O mesmo que en anos anteriores, os 299 centros que xa están integrados no PLAMBE deben confirmar a súa vontade de continuidade e remitir a documentación requerida, quedando supeditada esta continuidade á valoración da memoria final do presente curso. Incorporaranse 75 centros novos (número que poderá incrementarse en función das baixas  ou renuncias). As contías destinadas a esta acción suman un total de 1.210.500€, estando cofinanciada pola Consellería de Educación e o Ministerio de Educación, en virtude da Adenda asinada en 2009 ao Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares.  Recoméndase unha lectura pausada e detallada da orde de convocatoria. O prazo final para a presentación de solicitudes é o 7 de xuño.

Acceso aos impresos de solicitude en formato electrónico

Letras Galegas 2010, ou cando Uxío Novoneyra visitou as bibliotecas escolares.

Andan os versos de Uxío Novoneyra nos beizos da rapazada, pendurando dos muros e das fiestras... enchendo espazos virtuais e reais dos centros educativos galegos. Comezara xa en xaneiro, cando o CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla (Lugo) difundira o seu fermoso calendario do ano Novoneyra. Posteriormente foron chegando propostas de traballo e materiais moi diversos sobre a obra de Uxío Novoneyra e, a partir dela, actividades para o tratamento de distintos contidos curriculares e, ao tempo, formación das competencias no uso, tratamento e produción de información (ALFIN). As bibliotecas escolares apoiando os programas e proxectos do centro (entre eles, o Proxecto lingüístico), unha das súas principais funcións. A título de exemplo, pódense consultar as seguintes:

Bibliotecas que se renovan

     

O CEIP A Lama (A Lama, Pontevedra) estrea biblioteca: una espazo ben digno para o encontro coa Palabra, coa cultura impresa e a cultura dixital; un lugar fermoso onde aprender con alegría e asomarse ao mundo dos saberes con entusiasmo e ganas de compartir. O equipo de biblioteca amosa un coidado exquisito na ambientación e, de seguro, ler nesa biblioteca sós ou en compañía, para aventurarse nos mundos de ficción ou en mundos de coñecemento, debe ser unha experiencia grata e educadora. Parabéns á comunidade educativa. Máis información e máis imaxes no seu blogue: O recanto de Leo.

O mes de abril foi mes de inauguracións de bibliotecas: O CEIP Ría de Vigo (Vigo, Pontevedra), o IES Porto do Son (Porto do Son, A Coruña), CPI dos Dices-Rois (Rois, A Coruña), IES Ribeira do Louro (Porriño, Pontevedra), CEIP Souto-Donas (Gondomar, Pontevedra).

Concurso nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares - 2010

O BOE do 4 de maio publica a resolución da Secretaría de Estado de Educación pola que se convoca o concurso nacional de boas prácticas para a dinamización das bibliotecas dos centros escolares para o ano 2010. Pódense presentar todos os centros educativos sostidos con fondos públicos que impartan ensinanzas reguladas na LOE e que teñan desenvolvido accións de dinamización e innovación da súa biblioteca. O prazo para a presentación de memorias e documentación remata o 10 de xuño. A inscrición debe realizarse por vía telemática no enderezo:

http://www.educacion.es/horizontales/ministerio/premios/centros-educativos.html

Día Mundial do Libro 2010 - III

 

 

Rematado o mes de abril, comeza o maio das letras, o maio de Novoneyra... pero aínda se escoitan os ecos das mil e unha actividades levadas a cabo nas bibliotecas escolares galegas co gallo do Día Munidal do Libro, a festa da palabra que pasou coma unha marea, empreñando a Terra de futuro. Velaquí só unha breve mostra:

Día Mundial do Libro 2010 - I

O escritor Juan Mata, profesor da Universidade de Granada e voz particularmente lúcida no ámbito do fomento da lectura, estivo connosco nos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 09/10, o pasado xoves, 15 de abril. A súa excelente conferencia estará accesible nesta páxina proximamente.

Co gallo da celebración do Día Munidal do Libro e do Dereito de Autor - 2010, Ano do Libro e da Lectura de Galicia, o autor agasallou ás Bibliotecas Escolares de Galicia cun texto sobre o papel do lector á hora de transmitir ou contaxiar o gusto pola lectura, o papel da persoa mediadora neste ámbito tan apaixoante, e tan confuso ás veces, do fomento da lectura entre os máis novos. Con este fermoso texto publícase un marcapáxinas dedicado ao profesorado que tanto e tan ben está a facer desde as bibliotecas escolares e desde as aulas. Agradecemos a Juan Mata este agasallo e convidamos á súa lectura e difusión. 

Experiencias de interese nas bibliotecas escolares

Unha das funcións da biblioteca escolar é a de fomentar a lectura entre os distintos sectores da comunidade escolar. Preguntar ao profesorado e aos rapaces e ás rapazas sobre os seus hábitos de lectura é unha maneira de poñer en valor esta actividade. O blogue da biblioteca do CEIP Rosalía de Castro de O Grove (Pontevedra) recolle unha experiencia ben interesante neste sentido, que queremos dar a coñecer. Así podemos ler o "dontest" de Eva (alumna) ou de Elena (profe).

Outra experiencia a difundir é a que levan a cabo no IES Fontexería de Muros (A Coruña). A biblioteca acolle nos recreos a presentación de traballos elaborados polo alumnado nas distintas áreas ou materias. Esta difusión axuda a poñer en valor o coñecemento e a aprendizaxe e difunde cultura. ¿Non son estas tamén funcións da biblioteca escolar? Esta semana, por exemplo, están a a pasar, todos os recreos, a presentación "A vida cotiá na Grecia e Roma antigas", realizada por alumnado de Cultura Clásica de 4º de ESO. Parabéns por estas iniciativas!!!

Materiais dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2009/2010

 

Todos os materiais dos diferentes relatorios dos pasados Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 09/10, están dispoñibles (previa autorización dos seus autores) na plataforma virtual da Asesoría de bibliotecas escolares, redeBE. Para acceder, entrar no "curso correspondente" en calidade de invitado. Aquí o enlace directo.

Proximamente estarán tamén dispoñibles as diferentes intervencións.

Encontros PLAMBE 2009/2010

Os días 15 e 16 de abril celebraranse en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 2009/2010. Están convocadas as persoas responsables das 299 bibliotecas escolares incluídas no presente curso neste programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os encontros teñen como finalidade avanzar na formación específica deste colectivo nos aspectos máis variados da biblioteca escolar: o papel que xogan hoxe en día estas bibliotecas nos centros educativos e as posibilidades que ofrecer para educar a un alumnado que medra na sociedade da información. Son espazo de reflexión e de intercambio de experiencias; unha oportunidade para a creación de vínculos profesionais que posibilite traballos colaborativos entre as distintas bibliotecas, nunha dinámica xa creada e que está a demostrar a súa efectividade.

A lectura para a aprendizaxe, a educación de competencias básicas como o "tratamento da información e competencia dixital", a presenza dos soportes audiovisuais e electrónicos, a imprescindible integración da cultura impresa e a cultura dixital, serán algúns dos contidos a tratar en maior profundidade.

As maletas viaxeiras camiño dos CFR

Onte, 6 de abril, reuníuse a Comisión de bibliotecas escolares, da que forman parte os asesores e asesoras especialistas de bibliotecas escolares , ou colaboradores, dos distintos Centros de formación e recursos do profesorado, xunto coas responsables da Asesoría de bibliotecas da consellería. O moitvo da reunión, preparar os últimos detalles dos vindeiros Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2009/2010, que terán lugar en Santiago de Compostela os días 15 e 16 de abril.

Na volta á casa, os compañeiros e compañeiras levaban canda eles as maletas viaxeiras que xa están a disposición dos centros interesados:

  • A Coruña: Banda deseñada (secundaria). contactar con Javier Pintor
  • Ferrol: Lectura (profesorado traballando sobre o tema). contactar con Ánxela
  • Lugo: Poesía (primaria) e Banda deseñada (secundaria). Contactar con Teresa
  • Pontevedra: Poesía (primaria), Lectura (profesorado). Contactar con Consuelo
  • Ourense: Lectura (profesorado). Contactar con Guillermo
  • Vigo: Lectura (profesorado). Contactar con Manuel.
  • Santiago: Poesía (primaria), Lectura (Profesorado), Banda deseñada (secundaria). Contactar con Leonor.

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Xa está ás portas abril, mes de moita celebración arredor do libro e a lectura. Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on Books for young people) vén de editar o cartel conmemorativo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, correspondente ao ano 2010. Nesta ocasión, a responsable da ilustración é a debuxante Noemí Villamuza e o autor do texto é o escritor Eliacer Cansino, ámbolos dous españois e de recoñecido prestixo no ámbito da literatura que xa poden ler os máis novos. Pódese ler a mensaxe nas catro linguas oficiais do estado e tamén en inglés.

O reverso do cartel que distribúe a OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil) recolle a relación de centros educativos que se sumaron á celebración deste día mediante accións específicas. Hai unha boa representación galega.

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

O 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía, unha data que serve para lembrar a importancia da Palabra poética, e para espallala. A directora xeral da UNESCO, Irina Bukova, é clara na súa declaración:  

«A diversidade poética bríndanos outro xeito de dialogar. Permítenos descubrir que todos e cada un de nós, en calquera punto da Terra, compartimos os mesmos interrogantes e sentimentos. É unha faceta da nosa liberdade, é a nosa humanidade. Por iso a poesía debe ocupar o lugar que lle corresponde nos programas de educación de calidade. Mediante o acceso á poética do mundo enteiro, os mozos poden dispoñer dun instrumento máis, diferente, sutil e fluído, para mellorar o seu coñecemento e comprensión dos demais. O descubrimento dun novo poema constitúe un acto de inmersión na lingua, pero tamén na emoción e na sensibilidade do outro, por moi distante que se atope en termos xeográficos.»

As bibliotecas escolares galegas contribúen a esta cuestión a través das súas propostas, que poden coñecerse visitando os seus blogues (Primaria - Secundaria). A modo de exemplo, algunhas destas actividades: