Mes Internacional da Biblioteca Escolar

A instancias da IASL (International Association of School Librarianship), víñase celebrando nos últimos anos o Día da Biblioteca Escolar, o 4º luns de outubro. Desde o ano 2008, a proposta desta asociación internacional (referente do traballo a prol das bibliotecas nos centros educativos, como  espazos indispensables para o desenvolvemento do traballo docente), é que se aproveite todo o mes de outubro para facer visible no conxunto das comunidades educativas, a importancia da biblioteca escolar e todas as súas posibilidades e recursos. O lema escollido para este ano pódese traducir por "Biblioteca Escolar: o panorama". (School Libraries: The Big Picture).  Na páxina da IASL están dispoñibles marcapáxinas e carteis con este lema, ben suxerentes.

Novos materiais para formación de usuarios/educación documental

Desde a biblioteca do CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco (Ourense), chéganos un novo material para avanzar na educación documental do alumnado: Partes dos documentos que nos axudan na procura de información.

Parabéns e agradecementos a Xoaquín, responsable da biblioteca, por este recurso que pon a disposición das bibliotecas escolares galegas.

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2009

Os vindeiros 23-24 de outubro, en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos), nova cita para as profesoras e profesores que andan a erguer pequenas utopías polo país adiante: as Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2009. Nesta ocasión o tema central das xornadas será "NOVAS LECTURAS, NOVOS LECTORES". Falar de lectura no contexto educativo, hoxe en día, é falar das "novas formas de ler", os novos ou non tan novos soportes, os cambios sociais e tecnolóxicos que indefectiblemente forzan, tamén, a introducir e asentar cambios metodolóxicos e de enfoque nas prácticas de lectura e escritura nos centros. Daniel Cassany, Glória Durban, Tíscar Lara, Guadalupe Jover, Luis Iza, e representantes de centros de ensino de Galicia que están a desenvolver Proxectos lectores de interese, conforman o programa dunha actividade anual que prevé reunir a 1.200 participantes de toda Galicia, todos eles profesores en activo.

Obama nunha biblioteca escolar

O Presidente dos EE UU inicia o curso nunha biblioteca escolar, e iso é o que a nós nos gusta. A polémica creada no partido da oposición é cousa dese país, pero certos contidos do discurso que coñecemos a través da prensa non parecen tan desnortados:

"En su discurso en la escuela de educación secundaria Wakefield, en Arlington, a las afueras de Washington, y televisado, el presidente estadounidense ha dicho a los estudiantes que "asuman sus responsabilidades" y acudan a sus clases, "atiendan a sus profesores, escuchen a sus padres, abuelos y otros adultos y trabajen duro para lograr el éxito".

Fanse eco tamén desta cuestión os diarios La Voz de Galicia, El Periódico, ou ABC

Bibliotecas escolares e recursos educativos. Comeza o curso

Na primeira semana de setembro, celebrouse en Santiago de Compostela a 10ª Conferencia Internacional de libros de texto baixo o título Textbooks & Educational Media, organizada por IARTEM (Asociación Internacional de Investigación sobre libros de texto). No contexto desta reunión de profesionais da edición de textos para a educación falouse moito do libro dixital e do libro de texto no actual contexto educativo, social e tecnolóxico. Tamén estivo presente Víctor Freixanes, profesor, escritor e editor, quen na súa columna semanal no diario La Voz de Galicia, lembra neste principio de curso que "Vivimos rodeados de efectos especiais: titulares de xornal que se esquecen ao día seguinte. Sen un investimento axeitado nos profesionais do ensino, capaces de incorporarse activamente a esa iniciativa, temo que esteamos diante dun novo fracaso. A educación é un dos grandes espazos de frustración, eiva obxectiva (tamén) do sistema democrático, que ou se fundamenta sobre a liberdade crítica de saber ou é unha gran mentira, que no fondo os escolares perciben."

En momentos de tránsito coma o que vivimos, no que o libro electrónico  se debuxa como o soporte máis oporturno para os textos e manuais de carácter informativo, e cando se chama á utilización co alumnado de fontes informativas diversificadas e actualizadas, as bibliotecas escolares xorden como espazos inmellorables e únicos para unha educación realmente integrada na sociedade da información, como centros de recursos educativos e como centros de aprendizaxe e de acceso ao coñecemento.

Itinerarios lectores no IES de Catabois (Ferrol)

O profesorado responsable das bibliotecas escolares descansa daquela maneira... Chéganos noticia desde o IES de Catabois, en Ferrol, sobre o seu Proxecto Lector de Centro. O blogue da biblioteca enlaza a outros blogues dos diferentes departamentos, nos que se recollen pautas para o tratamento da lectura e o desenvolvemento do Proxecto Lector na área correspondente, así como os itinerarios lectores, ou libros especialmente recomendados por cada un destes departamentos.

  1. Matemáticas
  2. Plástica
  3. Tecnoloxía
  4. Música

Educación no acceso á información: Obras de referencia

 

Os profesionais das bibliotecas escolares galegas non descansan.... Velaquí un recurso máis para a educación en información do alumnado, feita con rigor e bo gusto, que tamén é educativo. Agradecemos a Xaquín,  responsable da biblioteca do CEIP Conde de Fenosa, de O Barco (Ourense) a súa xenerosidade á hora de compartilo.

Para a reflexión...

Ao fío da lectura das memorias e proxectos dos centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, algunhas oportunidades para a reflexión e mesmo o debate:

"Neste momento, os fondos adquiridos son o suficientemente variados, están actualizados e inclúen diferentes formatos (libros, revistas, cdroms, dvds, etc.). O problema que observamos é que están infrautilizados, tanto por parte do alumnado (especialmente en secundaria), pero, sobre todo, polo profesorado. A nosa biblioteca non é utilizada dun xeito xeralizado polos profesores como centro de recursos (nin para eles nin para os seus alumnos). Cremos que existe unha excesiva dependencia do libro de texto e os materiais complementarios que ofrecen as editoriais, e o profesorado non considera importante traballar con outras fontes. Asemade, o alumnado manifesta importantes carencias á hora de buscar, cotexar, seleccionar e utilizar información (tanto en fontes tradicionais como  electrónicas). Por iso, consideramos que a B.E. debería ir camiñando cara á súa constitución como elemento e lugar fundamental de aprendizaxe." (Extracto das liñas prioritarias para o curso 2009/2010 dun centro PLAMBE)

Un motivo máis: esta excelente invitación a facer das bibliotecas escolares un espazo "mellor que Internet" para facer fronte aos retos da sociedade actual: Teresa Calçada, coordenadora do programa de Bibliotecas Escolares Portuguesas 

Centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2009/2010. Resolución provisional

Xa foi publicada no Portal Educativo a resolución provisional da quinta convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares, para o curso 2009/2010. Ata agora coñécese a relación inicial de centros que se incorporan a este programa. A resolución definitiva, que será publicada no DOG, incluirá todos os centros integrados no programa para o vindeiro curso, unha vez coñecidas as baixas e as incorporacións definitivas.

Acceso á resolución provisional.

Guías de lectura para o verán 2009

Coma en anos anteriores, e contra vento e marea, os profesionais que traballan nas bibliotecas escolares e que, día a día, miran pola formación das nenas e nenos como lectores, prepararon coidadas seleccións de lecturas para o verán que xa se anuncia:

Xornada dos clubs de lectura-2009

Celebrouse como estaba previsto o pasado día 5, en Santiago de Compostela, a XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA - 2009, coa participación das profesoras e profesores que coordinan os clubs de lectura que están a funcionar nos centros de ensino secundario de Galicia. Esta actividade puídose seguir en directo a través desta páxina. Estarán dispoñibles os distintos relatorios no enlace seguinte (en canto se resolvan algúns contratempos de carácter técnico que se nos presentaron):

Clubs de lectura 08/09. Xustificación de gastos e memoria de actividades

Lémbrase aos centros que recibiron asignacións específicas para o funcionamento de clubs de lectura durante o curso 2008/2009, en función da Orde de Resolución de 30 de decembro de 2008, que o prazo límite para a presentación da xustificación de gastos e a memoria de actividades desenvolvidas durante o curso, remata o 10 de xullo de 2009.

Bibliotecas escolares galegas no anuario de Bibliotecas Españolas 2009

No contexto das XI Jornadas Españolas de Documentación, celebradas en Zaragoza e oraganizadas por FESABID, presentouse o Anuario  de bibliotecas españolas 2009, editado pola Fundación Alonso Quijano para el fomento de la lectura. A publicación recolle un artigo sobre as bibliotecas escolares galegas, referido ás principais actuacións neste ámbito no pasado ano 2008.

Xornada dos Clubs de Lectura - 2009

O vindeiro 5 de xuño está prevista a realización da Xornada dos Clubs de Lectura, en Santiago de Compostela. Asistirá o profesorado que coordina clubs de lectura en institutos e outros centros de réxime especial e que foron seleccionados na convocatoria de clubs de lectura para o curso 2008/2009, da (daquela) Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Máis información, en Ler en man común, blogue dos clubs de lectura en centros de ensino secundario de Galicia.

Letras Galegas 2009

Está o Día das Letras petando na porta e levan todo o ano as bibliotecas escolares traballando por mantelas vivas, as Letras. Por se esto fose pouco, tamén preparan recursos e materiais específicos para a conmemoración da efeméride, adicada este ano a Ramón Piñeiro.  

Convocatoria MEC: concurso nacional de boas prácticas na dinamización e innovación das bibliotecas escolares-2009

No BOE de hoxe, 13/05/09, sae publicada o resolución de 30 de abril de 2009, da Secretaría de Estado de Educación y Formación Profesional, pola que se convoca o concurso nacional de boas prácticas para a dinamización e innovación das bibliotecas dos centros escolares para o ano 2009.

Na base segunda lémbrase que se premiarán as actuacións que se inscriban nos seguintes ámbitos:

  • "La utilización de la biblioteca como recurso didáctico y de integración curricular por los diferentes departamentos, áreas o materias, a través de proyectos de trabajo aula-biblioteca.
  • El uso de la biblioteca como fuente de información, que favorezca el trabajo interdisciplinar mediante proyectos documentales complejos.
  • La educación documental y la formación de usuarios.
  • El desarrollo de un plan de lectura integrado en el Proyecto Educativo del centro y que implique a otros sectores de la comunidad educativa, abriendo la biblioteca escolar al entorno y estableciendo redes de colaboración con otras bibliotecas.
  • El uso de las tecnologías de la información y comunicación al servicio de la biblioteca esccolar (bibliotecas virtuales, acceso al catálogo, formación, etc.)"

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xuño.

Día das Matemáticas e lecturas

O 12 de maio celébrase o Día das Matemáticas. Desde a Biblioteca do IES Auga la Laxe, achégannos unha interesante selección de títulos relacionados con esta materia.

A páxina da FESPM (Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas) inclúe, entre outros recursos, varias actividades específicas para este día, que son todos os do ano; entre elas, unha conferencia sobre a cidade e as matemáticas do profesor Jose María Sorando.

Caderno informativo 2008/2009

Coma os anos anteriores, pero esta vez en formato Pdf, edítase una caderniño informativo cunha relación dos centros integrados neste curso 2008/2009 no Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como unha exhaustiva relación de recursos bibliográficos e electrónicos de interese para o profesorado dos equipos das bibliotecas escolares. Complétase o caderno con informacións referidas ao modelo de biblioteca escolar, os proxectos lectores de centro, o programa de fomento da lectura Hora de ler, etc.

Libros sobre libros

A responsable da biblioteca escolar do IES de Ames informa dunha exposición realizada no centro co gallo da celebración do Día do Libro. Acompaña a esta exposición unha guía de lectura: Libros sobre libros.

Por outra parte, no blogue do IES Fernando Esquío, de Neda, hai acceso a unha interesante exposición sobre a Historia do Libro, que tamén se pode visitar nestes días. Aquí, unhas fotografías da exposición que, con absoluta xenerosidade, a biblioteca oferta en préstamo a outros centros a través do seu blogue.

Noraboa aos equipos de ámbolos dous centros polas súas iniciativas.

@s rapaces como mediadores de lectura: as mochilas viaxeiras

Seguen as mochilas viaxeiras a súa andaina, da escola á casa, da casa á escola.... levando libros, revistas, vídeos ou discos para disfrute da familia, co fin de propiciar momentos de lectura compartida. Os resultados están a ser excelentes, segundo conta o profesorado que as pon en marcha. Pódese apreciar tamén nas caras dos rapaces e rapazas... e para exemplo, dúas entradas nos seus respectivos blogues:

  1. IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia
  2. CEIP Belesar, de Baiona

Lémbrase que os centros que o desexen poden solicitar máis mochilas no enderezo electrónico da Asesoría de bibliotecas escolares, xustificando a súa petición brevemente.

E Darwin segue a dar moito que investigar

Chéganos outro recurso, ben coidado e ben interesante, para avanzar na educación documental e na competencia informacional do alumnado de ensino primario, a través da figura de Darwin. Apoiando as palabras dos seus creadores, "nestes tempos de creacionistas, deseñadores intelixentes e ensino trilingüe, reivindicar un espirito científico como o de Darwin é completamente necesario", felicitamos aos responsables da biblioteca do CEIP Conde de Fenosa, de O Barco de Valdeorras, por esta iniciativa, e a súa xenerosidade á hora de difundila e poñela a disposición de todo o profesorado.

Día Mundial do Libro - 2009

Andan xa a ferver as bibliotecas escolares con actividades arredor do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, data apoiada pola UNESCO e que serve para dar visibilidade aos libros e á lectura. 

Gloria Sánchez, poeta e ensinante, fíxonos un agasallo-poema para as Bibliotecas Escolares de Galicia, coa fin de conmemorar este día. Aproveitamos para lembrar tamén ao poeta Ramiro Fonte, a través duns versos seus sobre o libro. Reunimos a estes dous poetas galegos neste Versos a moreas... que sempre é tempo para a lírica, e ás veces, resulta imprescindible.  

Proxecto interdisciplinar en 1º da ESO

A biblioteca escolar constitúe o centro de recursos imprescindible para o desenvolvemento dunha materia pensada para mellorar a competencia informacional do alumnado: PROXECTO INTERDISCIPLINAR (1º ESO). No IES Alexandre Bóveda, de Vigo, están a traballar neste curso un proxecto denominadao Todos somos romanos, e publican un blogue no que se pode seguir o desenvolvemento das súas actividades. Un bo exemplo de aproveitamento desta nova materia dos currículos-LOE en Galicia, unha das dúas comunidades autónomas (a outra é Cataluña) nas que se recoñece cun tempo específico(aínda que mínimo) a necesidade de educar nas habilidades de uso e tratamento da información.

Encontros dos centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009

Os vindeiros 16 e 17 de abril, en Santiago de Compostela (Escola Galega de Administración Püblica, EGAP), terán lugar os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2008/2009, nos que se reunirán integrantes dos equipos de biblioteca daqueles centros que están incluídos neste programa da Consellería de Educación no actual curso 2008/2009.

Esta actividade de formación está pensada como un espazo de encontro entre o profesorado responsable destas bibliotecas escolares, con tempos para a reflexión conxunta e o intercambio de experiencias e materiais sobre os aspectos básicos relacionados coa xestión, dinamización e visibilización destes imprescindibles recursos educativos. As achegas de expertos como Glòria Durban, Ana Bernal, Felipe Zayas, Concha Costas, César Iglesias, Encarnación López Chicano, Juana Vázquez ou Emilio Pascual, axudarán con toda seguridade aos profesionais das bibliotecas escolares a avanzar na súa formación, o que garante apoios decisivos para a mellora da calidade do ensino que se imparte nos centros.  PROGRAMA

Premios Irmandade do Libro 2009

A Federación de Libreiros de Galicia fixo entrega, na noite do sábado 28 de marzo, dos premios Irmandade do Libro 2009, destinados a poñer en valor o libro galego e recoñecer a persoas e institucións que traballan pola difusión do libro e a lectura. Resultaron galardonados, no apartado de centros de ensino, tres centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Recibiu o primeiro premio o IES Eduardo Blanco Amor, de Ourense, e resultaron finalistas o CEIP San Martiño , de Pontevedra, e o CEIP Quintela, de Moaña. Noraboa aos tres centros e ás súas comunidades educativas, moi especialmente ao profesorado que traballa incansablemente por facer da biblioteca escolar un espazo de convivencia e aprendizaxe, un espazo educativo e cidadán de primeiro orde.