O Rincón da Fantasía: Bibliotecas escolares de Arousa

Varias bibliotecas escolares da zona da Ría de Arousa unen os seus esforzos nun blogue colaborativo: O Rincón da Fantasía. Contan as súas responsables que tomaron contacto nas pasadas Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, celebradas en Santiago en outubro de 2007 e que decidiron formar un grupo de traballo.

EEI Vagalume, CEIP Arealonga, CEIP A Escardia, CEIP de Rubiáns, EEI da Pastora e CEIP de Vilaxoán  empregan o blogue O Rincón da Fantasía como ferramenta común para dar compartir as súas experiencias en relación co fomento da lectura e da escritura.

O profesorado galego aproveita de forma diversa as posibilidades desta potente ferramenta para a comunicación que son os blogues: velaquí unha das máis interesantes, a que acorta distancias e facilita traballos comúns. Parabens!!

As bibliotecas escolares galegas no Anuario 2008 de Bibliotecas Españolas

 

 O pasado 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de Autor, presentábase na Biblioteca Nacional o Anuario 2008 de bibliotecas Españolas, publicado pola Fundación Alonso Quijano para el fomento de la lectura.

O anuario ofrece información sobre bibliotecas escolares, públicas, universitarias, de investigación e de diversas institucións, entre elas, a Biblioteca Nacional de España. Recolle tamén un bo númro de recursos para bibliotecari@s e usuari@s.

As bibliotecas escolares galegas tamén están presentes, a través dun artigo da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Memoria da biblioteca. Curso 2007/2008

Lembramos que a data de presentación da xustificación de gastos e da memoria correspondente ao curso 07/08 remata o 20 de xuño, tal e como aparece recollido no punto oitavo da  correspondente orde de convocatoria.

En canto ao contido da MEMORIA, é importante reflectir as medidas organizativas e de xestión que se levaron a cabo no proceso de transformación da biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, e reflectir como mínimo, os contidos que se detallan no punto 3, do devandito apartado:
- grao de cumprimento dos obxectivos propostos
- horario real asignado á persoa responsable da biblioteca (dificultades ou logros a maiores, no seu caso)
- actividades desenvolvidas, facendo fincapé naquelas que son propias da biblioteca como recurso educativo, ou que se desenvolven a proposta do equipo de biblioteca  (e non tanto nas actividades de carácter extraescolar ou que afectan a todo o centro, nas que poida colaborar a biblioteca, aínda que se poidan e se deban citar).
- grao de implicación do centro e da comunidade educativa.
- actividades de formación do ámbito das bibliotecas escolares nas que participou o profesorado.
- materiais producidos, no seu caso (especialmente guías de biblioteca, boletíns, blogs, materiais para a educación en información.....)
- avaliación (procurando incluír algún dato estatístico de uso dos servizos; a informatización dos fondos permitirá sen dúbida esta estatística)
- previsións de futuro
É bo incluír imaxes.

Letras Galegas - 2008: máis materiais elaborados polas bibliotecas escolares.

Desde a biblioteca do CEIP San Franciso Xavier, de A Coruña, remítennos para a súa difusión unha presentación ben interesante para o alumnado de primaria con actividades atractivas arredor dos poemas de Álvarez Blázquez. Agradecemos a Julia Tarrío, responsable desta biblioteca escolar, que o poña a disposición do resto do profesorado galego.

Letras galegas 2008. Xosé María Álvarez Blázquez

Nota: Para obter a maior rendabilidade a esta proposta cómpre lembrar que na parte inferior de cada diapositiva, en formato presentación, existen ferramentas de escritura.

Educación documental a propósito de Álvarez Blázquez

Jullia González, desde a biblioteca do CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achéganos un material sinxelo pero eficaz, para a educación documental, co gallo do Día das Letras... ou sexa, integrando contidos desde a biblioteca escolar.

Como todos os caderniños que propón a Biblioteca, é unha actividade voluntaria, para facer na hora da biblioteca ou no recreo. O "gancho" que utilizamos son os "mikopuntos" pero tamén os motiva moito o feito de ter que empregar os ordenadores.
Nesta ocasión está destinado ao 2º e 3º ciclos de Primaria para facer en grupo, porque é un pouco longa e poden repartir o traballo. Utilizamos os poemas de Álvarez Blázquez de "Roseira do teu mencer".

Este enlace accede a todos os caderniños, incluídos os de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria

Outras bibliotecas como a do CEIP Quintela, de Moaña, prepararon materiais específicos para a conmemoración deste día. Recoméndase unha visita polos blogues de bibliotecas escolares galegas.

 

Convocatoira do Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2008/2009

 

 O DOG do 7 de maio publica a Orde de 25 de abril pola que se convoca o PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES para o curso 2008/2009. Coma en ocasións anteriores, poderán participar os centros xa integrados no programa e todos aqueles centros públicos de titularidade da Consellería de Educación que desexen a súa inclusión neste programa de reactivación das bibliotecas escolares, como recursos imprescindibles para unha educación de calidade.

Texto da convocatoria

Enlace con documentos para cubrir directamente e imprimir

Webquest sobre Xosé María Álvarez Blázquez, Letras Galegas 08

Novos materiais froito do traballo colaborativo do profesorado, nesta ocasión as persoas que están detrás de tres blogues de bibliotecas escolares  ben activos: O Segrel do Penedo, A Nosa Biblioteca e Biblioafonso. Xenerosamente, poñen a disposición de todo o profesorado unha webquest para alumnado da ESO sobre Xosé María Álvarez Blázquez, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Benvido este material!!!

Libros ao patio!!

 
                

No CEIP Fermín Bouza Brey, de Ponteareas, levan xa algún tempo "botándose a ler ao patio", con gran éxito e moita alegría... que este tipo de experiencias gratas son as que espertan as ganas de ler. Dinos, Beatriz González, a responsable da biblioteca:

Nos tamén para celebrar o Día do Libro decidimos sair ao patio, como xa fixeramos fai dous anos.Tanto o profesorado como o alumnado tiña que traer o seu libro favorito da casa e..."Libros ao patio".

Obxectivo: Descubrir o pracer da lectura fora dos espacios pechados

   

Xeografía e Literatura. 3º ESO

A responsable da biblioteca do IES Fermín Bouza Brey, de Vilagarcía de Arousa, Susana Trigo, ofrece para a súa difusión este traballo, froito dunha Licenza por estudos concedida pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa no ano 2007:

XEOGRAFÍA E LITERATURA. Unha proposta para 3º da ESO, segundo Decreto 133/2007:

Bloque 3: Organización política e espazo xeográfico. Bloque 4: Transformacións e desequilibrios no mundo actual.

Inclúe dous ficheiros: Índice de materias e Catálogo bibliográfico.

Literatura na rúa!!

 
 

  Para celebrar o Día do Libro o alumnado de Literatura Galega do século XX (2º BAC) deixou a aula e saíu ás rúas de Pontevedra agora con pouco tránstito e acolledoras. Cada alumno/a foi lendo un texto de homenaxe a autores que contan cunha estatua, busto ou placa nas rúas pontevedresas. Castelao, Bóveda, Valle Inclán, Paz Andrade... deixáronse acompañar uns momentos polos mozos e mozas do IES Sánchez Cantón. (Charo Sánchez-Gabriel, responsable da biblioteca)

As bibliotecas escolares son lugares abertos, espazos de liberdade.... derruban fronteiras e bótanse á rúa, porque a lectura é vida. Velái aos rapaces e rapazas do IES Sánchez Cantón, no Día Internacional do Libro, levando a literatura polas rúas e prazas de Pontevedra, "animando" até as estatuas...

E uns días antes, mozos e mozas do IES Alexandre Bóveda de Vigo fixeron a ruta literaria de Rosalía de Castro, tal e como contan no seu blogue:  http://biblioboveda.blogspot.com/2008/04/ruta-literaria-de-rosala.html

Día Internacional do Libro nas bibliotecas escolares

Moitas son as actividades que ao longo deste mes se veñen celebrando, coma no resto do ano, nas bibliotecas escolares galegas. Algunhas destas propostas son as seguintes:

Un punto no Liberespazo

Un punto de lectura, un marcapáxinas, un marcador.... un momento para a reflexión sobre o significado da lectura literaria na formación dos máis novos, sobre a importancia dos textos que poñemos nas súas mans, sobre a responsabilidade que supón o noso traballo como mediadores, sobre a necesidade de primar calidade sobre cantidade, de elixir tamén con criterios de calidade as actividades que deseñamos para fomentar a lectura no contexto escolar, nas aulas e nas bibliotecas. Un momento para repensar prácticas que axuden aos rapaces, ás rapazas, a atopar os sendeiros que levan a ese territorio libre do que fala Carlo Frabetti.

Un punto no Liberespazo

Materiais para a educación documental - Ensino Secundario

Desde a biblioteca do IES Poeta Añón de Outes (A coruña) remítennos uns materiais para educacióndocumental de gran interese. Atendendo a un dos contidos do Alfabetización Informacional, o uso ético da información, sendo como son na súa meirande parte tradución e adaptación de materiais preexistentes, dispoñibles a través de internet, recoñécese a autoría orixinal cunha mención explícita. En calquera caso, son excelentes instrumentos para a formación do alumnado de ESO, bacharelato e ciclos formativos no uso e tratamento da información, e debe recoñecerse o traballo realizado e agradecer a posibilidade de difundilo e poñelo a disposición do resto de bibliotecas escolares a través desta páxina:

Novas guías de lectura... para o Día Internacional do Libro

Chegan novas guías de lectura, seleccións de gran interese elaboradas polos equipos das bibliotecas escolares, co fin de orientar as seleccións do alumnado, dar a coñecer novidades e títulos de referencia en relación a unha temática determinada, un xénero ou un autor. Son recursos fundamentais para os mediadores e a súa difusión serve, entre outras cousas, para rendabilizar o traballo de todos e todas e ampliar os efectos do traballo colaborativo. Detrás de cada guía de lectura, de cada selección, hai un traballo previo, de moitas horas de consulta de catálogos e visitas a  librerías e bibliotecas, de lectura e análise, de elaboración... un traballo que cómpre recoñecer e agradecer.

IES Poeta Añón, de Outes (A Coruña):

IES Pedra da Aguia, de Ponte do Porto (Camariñas):

Día Internacional do Libro: materiais para a educación documental

Este mes de abril é un fervedoiro de actividade arredor do libro e a lectura na práctica totalidade dos centros educativos. Algunhas propostas poden aproveitarse para reforzar as habilidades no uso e tratamento da información, unha das competencias básicas que o alumnado debe ir adquirindo pouco a pouco, aproveitando todas as oportunidades posibles. Así o entenderon, por exemplo, no CEIP Mestres Goldar, de Vigo, que poñen a disposición de todas as bibliotecas escolares a súa proposta de educación documental para estes días próximos á conmemoración do Día Internacional do Libro.

23 de abril: Día Internacional do Libro

 O escritor Carlo Frabetti, logo do seu paso polas Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 2007, que tiveron lugar en Santiago de Compostela no mes de outubro dese ano, enviounos como agasallo un texto sobre os libros e a lectura, sobre o LIBERESPAZO, territorio de tolerancia e de liberdade para medrar e compartir. Deste xeito, o autor celebra canda nós o Día Internacional do Libro, unha oportunidade para descubir a literatura, como el ben di, non como materia escolar, non como catálogo de títulos e autores, senón como mundo animado, como universo.

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares agradecemos este agasallo e convidamos á súa lectura.

Espazos para a lectura. Fadamorgana nº 12

Xa leva un tempo na rúa o número 12 de Fadamorgana, a Revista Galega de Literatura Infantil e Xuvenil, un dos instrumentos que o profesorado galego ten ao seu alcance para avanzar na súa autoformación como mediadores, pois Fadamorgana presenta, en cada un dos seus números, interesantes temas monográficos (o teatro infantil, a literatura popular, a poesía, os novos soportes para a literatura, a literatura infantil sobre o mar, etc.), entrevistas, reseñas de novidades, noticias do mundo da LIX.

Este número 12, Espazos para a Lectura, está dedicado ás bibliotecas escolares e á lectura en contexto educativo, e conta con artigos, entre outros, de Mª José Vittorino, de Portugal, e Mariano Coronas, do CEIP de Fraga (Huesca), dous dos referentes peninsulares das bibliotecas escolares. Inclúense entrevistas á autora brasileira Lygia Bojunga e á escritora galega An Alfaya. Recensións de libros aparecidos recentemente en galego, catalán, euscaro, castelán, árabe ou italiano, compoñen tamén este número, que ofrece, ademais das fermosas ilustracións de Patricia Castelao, información útil para o profesorado implicado na formación da competencia lectora e literaria dos máis novos.

Libros a eito, espazo de intercambio de libros entre os Clubs de Lectura

 

 

Xa leva un tempiño andando o blogue LIBROS A EITO, creado para que os Clubs de Lectura, activos neste curso 07/08 en centros de ensino secundario de Galicia, poidan intercambiar lotes de libros.

A última oferta ingresada chega desde o IES Johan Carballeira de Bueu.

Encontros do PLAMBE en directo

No transcurso dos encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, 07/08, a celebrar os días 3 e 4 de abril, vaise levar a cabo un pequeno experimento. Imos retransmitir en directo dúas das conferencias previstas. Máis información e acceso directo, neste enlace: http://bega-horadeler.blogspot.com/2008/04/probando-probando.html

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

Coma todos os anos, o Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2008 correspondeulle a Tailandia e é o autor desta nacionalidade, Chakrabhand Posayakrit , quen nos achega unha fermosísima imaxe e un texto que se inicia con esta afirmación, que subscribimos: A busca do saber a través da lectura debe recibir un trato prioritario e cómpre que se fomente dende a infancia.

Galix, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a mensaxe, con tradución ao galego. MENSAXE

Despois de ler... actividades Jclic sobre Matilda e outros

Desde a biblioteca do IES As Mariñas, de Betanzos, Marga Tarrío achéganos unhas actividades en Jclic, a partir da lectura de dous libros:

  1. MATILDA, de Roald Dahl
  2. EL CAZADOR DE ESTRELLAS, de Ricardo Gómez

Leo quere saber: educación documental para o ensino primario

Olga Rodríguez, responsable da biblioteca do CEIP Milladoiro de Malpica, achéganos uns materiais para a educación documental:

"Este ano comezamos a deseñar un programa de actividades novo para educación documental no 2º ciclo de Primaria. Trátase da serie de cadernos Leo quere saber...

De momento contamos con 11 caderniños das series Animais e Preguntas Temáticas. Temos no forno unha serie sobre plantas e árbores, e sobre o papel: o universo e os planetas, o corpo humano, inventos e inventores e medios de comunicación. Sempre adaptados a ese ciclo. Veredes que hai un orde de dificultade: comezamos con consultas nunha única fonte, seguimos con dúas e ó final incluímos 3: dúas en papel e a wikipedia.

Inclúo un par de cadernos como mostra. O resto podedes velos (collelos, cambialos, usalos......) no blog: materiais. educacion documental. Leo quere saber".

  1. Leo quere saber...: Elefante
  2. Leo quere saber...: Preguntas feroces

Formación de usuarios: actividade Jclic

Xaquín Freixeiro, desde a biblioteca escolar do CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco achéganos unha  interesante actividade de formación de usuarios realizada en Jclic, que está dispoñible na páxina deste centro, no seguinte enlace:

http://centros.edu.xunta.es/ceipcondesadefenosa/bibliocondesa/docs/formusuarios/index.htm

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

Hoxe, 27 de marzo, celébrase o Día Mundial do Teatro. Cada ano, unha personalidade representativa do mundo do teatro asina un manifesto que se difunde, coma neste caso, a través da páxina do IGAEM. O texto deste ano 2008 corresponde ao director canadiano Robert Lepage.

Esta xornada ben pode ser unha excusa para "sacar dos andeis" os libros de teatro e que se dean unha voltiña pola biblioteca.

Encontros Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares- 2007/2008

Os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 07/08 xa están en marcha: celebraranse os vindeiros 3 e 4 de abril na localidade pontevedresa de Sanxenxo. Alí se reunirán os responsables das bibliotecas escolares de todos os centros incluídos neste programa, co obxectivo de intercambiar informacións e materiais e avanzar na súa formación nos diversos aspectos da dinamización deste importante recurso educativo.