Maletas viaxeiras - Actualización

Dado o elevado número de maletas viaxeiras dispoñibles (xa son 29 coa última incorporación da maleta de Ciencias Secundaria A), fixemos unha pequena modificación na páxina.

Agora podemos ver a lista completa das maletas dispoñibles desde a parte superior da web, para facilitar así a busca desexada.

Nas vindeiras semanas seguiremos engadindo novas maletas a esta colección. Calquera suxerencia que nos desexedes facer chegar sobre este programa será benvida.

Aproveitamos para lembrar que estas maletas están localizadas nas dependencias da consellería, na Asesoría de Bibliotecas escolares, en Santiago de Compostela, polo que os centros que desexen participar deberán vir a recoller e devolver a maleta a esta localización (persoalmente ou a través dunha axencia de transporte), agás cando se desexe facer un intercambio directo entre os centros, tal e como se describe no Protocolo de  intercambio (PDF), previa consulta aos responsables da Asesoría de bibliotecas escolares. 

 

Premio "Francisco Fernández del Riego á colaboración no ámbito editorial e cultural" para Bibliotecas Escolares de Galicia

A Asociación Galega de Editores decidiu conceder o Premio "Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural,  correspondente ao ano 2014,  ás Bibliotecas Escolares de Galicia. O pasado venres 13 de marzo, o conselleiro Cultura, Educación e O.U. recibiu o premio, no acto celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra, en representación  de todo o profesorado e das comunidades educativas que fan posible a existencia de bibliotecas activas e útiles nos centros educativos galegos.

Desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e desde a Asesoría de bibliotecas escolares, agradécese aos editores galegos este recoñecemento. Xa en ocasións anteriores, os editores galegos amosaran interese polos programas de mellora das bibliotecas escolares e de fomento da lectura no contexto educativo ao convidar  a integrantes da Asesoría de bibliotecas escolares para participar no seu simposio anual do libro e da lectura, en diferentes anos, co fin de expoñer as características e os  logros destas iniciativas da administración educativa galega. Agradécense, así mesmo, estas ocasións para dar visibilidade a unha realidade educativa e cultural que contribúe á mellora dos índices de lectura da sociedade galega, e traballa por ofrecer oportunidades de aprendizaxe renovadoras e actuais a todo o alumnado.

Convocatoria do II Concurso de Traballos por Proxectos

Tralos bos resultados da primeira convocatoria, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publica hoxe no Portal Educativo o II CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS, para traballos realizados durante o curso 2014/2015. Poderán presentarse os centros non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de calquera tipoloxía.

O obxecto deste concurso é o de estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias de traballos por proxectos, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou de proxectos de investigación, baixo a coordinación do equipo de biblioteca escolar ou co apoio desta, na liña da metodoloxía de aprendizaxe baseada en proxectos (ou ABP).  Os centros poderán optar por algunha destas modalidades:

  1. Proxectos de carácter interdisciplinar, ou Proxectos Documentais Integrados , coordinados desde a biblioteca escolar, e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula existentes no centro (ou un 40% dos departamentos). 
  2. Proxectos de investigación dirixidos por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, nas seguintes sub-modalidades:
    • Traballos de grupo/nivel
    • Traballos de ciclo/departamento
    • Proxectos realizados na materia de “Proxecto Interdisciplinar” de 1º curso de ESO

Todos estes traballos teñen que realizarse co apoio e colaboración da biblioteca escolar e contando cos seus recursos e posibilidades. A temática do proxecto escollida pode ser de calquera ámbito do coñecemento, pero se contemplará un apartado especial de traballos do ámbito científico.

O prazo de presentación de traballos remata o día 30 de xuño de 2015.  Os centros galardoados recibirán asignacións para a atención das necesidades da biblioteca escolar,  especialmente no ámbito da información. 

TEXTO DA CONVOCATORIA DO II CONCURSO DE TRABALLOS POR PROXECTOS

Biografía de Cleopatra para Kamishibai

Biografía de Cleopatra (PDF)

Desde o CEIP Milladoiro de Malpica achégannos esta biografía de Cleopatra elaborada polo alumnado do curso de 3ºA de primaria para o kamishibai, traballo elaborado para a conmemoración do Día da Muller - 8 de marzo.

8 de marzo de 2015, imprescindible data no calendario civil

Na véspera do 8 de marzo, Día Internacional dá Muller, que se vén celebrando por iniciativa da UNESCO desde 1975, iniciamos a recollida de propostas e actividades das bibliotecas escolares galegas que nos van chegando, como exemplo visible do que se está a facer nos centros co fin de sensibilizar ao alumnado e educalo nos valores de igualdade e xustiza.
A mensaxe de Irina Bukova, directora xeral da UNESCO, por mor deste día, afirma que "debemos apoiar o empoderamiento da muller como forza de transformación en favor dos dereitos humanos, o crecemento económico e a sustentabilidade, e facer da igualdade entre homes e mulleres un elemento central de todos os esforzos de desenvolvemento. "

 

Na imaxe, mozas lendo no IES Laxeiro (Lalín)

Novas maletas viaxeiras: Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Poesía...

Son xa 28 as maletas viaxeiras postas a disposición dos centros educativos a través da plataforma MALETAS VIAXEIRAS, dispoñible tamén a través desta páxina. Incorpóranse agora 6 novas maletas: Poesía (2-Primaria), Física e Química (2- Secundaria) e Bioloxía e Xeoloxía (2- Secundaria).  

Estes materiais están tendo moi boa acollida por parte das bibliotecas escolares. No que levamos de curso 2014/2015, desde setembro ata hoxe, 5 de marzo, houbo un total de 99 solicitudes para distintos momentos do curso escolar e xa se levan feito un total de 69 préstamos. 

Lembramos que as maletas viaxeiras levan unha selección de materiais sobre determinadas materias co fin de apoiar as actividades das bibliotecas (exposicións, proxectos e outras iniciativas), así como dar a coñecer algúns materiais que poidan ser de interese para profesorado ou alumnado.  Estas maletas ofrécense en préstamo temporal máximo de un mes  e os centros deben asumir os custos de transporte. 

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2014/2015

Os vindeiros 12 e 13 de marzo terán lugar en Compostela (Palacio de Congresos) os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares, unha cita anual do profesorado que coordina e representa aos equipos de bibliotecas escolares dos centros integrados neste programa. No presente curso participan deste Rede de bibliotecas escolares que supón o PLAMBE, un total de 550 centros distribuídos por toda a xeografía do país.  

Coma en anos anteriores, a participación nos encontros será do seguinte xeito:

  • 12 de marzo: responsables das bibliotecas dos 33 centros que se incorporaron ao PLAMBE na convocatoria de 2014.
  • 13 de marzo: responsables do resto das bibliotecas do PLAMBE ata un total de 550. 
O programa elaborado desde a Asesoría de bibliotecas escolares, en colaboración co CAFI (Servizo de Formación do Profesorado), conta coa presenza de expertos como Casildo Macías (coordinador da Rede de bibliotecas escolares de Extremadura, coautor do Marco de referencia para las bibliotecas escolares- MEC,2011), Ana Garralón (experta e crítica de literatura infantil e xuvenil), Elisa Yuste (consultora con formación e experiencia no ámbito bibliotecario, editorial cultural e educativo), Ana Basterra (Asesora do ámbito socio-lingüístico no Berritzegune -centro de profesores- de Leioa, en Bizkaia, experta en metodoloxía de proxectos). Presentaranse experiencias de bibliotecas escolares de centros que salientan polas súas boas prácticas, e os participantes poderán tamén acudir a unhas reunións temáticas (sobre a formación audiovisual, as apps na biblioteca escolar , a colaboración entre as bibliotecas escolares e coas bibliotecas públicas ou sobre avaliación dos servizos da biblitoeca, entre outras). Poñerá o punto final aos encontros o catedrático de Mediciña Legal da USC, experto internacional en xenética e divulgador científico, Ángel Carracedo, autor do manifesto publicado no pasado novembro, con ocasión do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

Somos Rosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convocaca unha vez máis á celebración do Día de Rosalía, concidindo coa data do seu aniversario, o 24 de febreiro. #eusonRosalía! inunda a rede de actividades arredor da escritora e enche o aire cos seus versos nas voces de grandes e pequenos. 
As bibliotecas escolares galegas levan anos aproveitando esta data para dar a coñecer ao alumndo os poemas e a figura de Rosalía de Castro. Velaquí algúns exemplos das actividades programadas este ano: 
Pola súa parte, a Secretaría Xeralde Cultura incorpora esta data ao Calendario do Libro e da lectura 2015
Para ilustrar esta entrada escollemos esta recreación de imaxe de Rosalía elaborado pola deseñadora Elba Fernández, recollida nesta nova de 2014 sobre a mirada de artistas actuais sobre a imaxe da poeta galega. 

Novas maletas viaxeiras de ciencias

As maletas viaxeiras están a curmprir a súa función: apoiar as actividades programadas desde as bibliotecas escolares. Velaquí o exemplo que nos chega desde o IES Gonzalo Torrente Ballester (Pontevedra), onde a biblioteca programou 15 días de BD, en colaboración co departamento de Plástica e co apoio dunha das maletas de Banda Deseñada que a Asesoría de bibliotecas escolares pon a disposición dos centros interesados. 

Nestes días incorporáronse tres novas maletas, todas elas de CIENCIAS, destinadas aos centros de Primaria. Na páxina de MALETAS VIAXEIRAS (cun enlace na parte superior desta páxina) pódese acceder aos materiais de cada unha das maletas e, a través do botón RESERVAR, ás instrucións para xestionar a reserva e ao formulario de solicitude de préstamo. 

Desde este mes de xaneiro amplíase o prázo de préstamo que pasa a ser de un mes (aínda que se poden solicitar por menos tempo).  O centro encargarase,  coma sempre, da recollida e entrega da maleta. 

Como atopar un libro na biblioteca

Desde o CEIP Sofía Casanova, de Culleredo (A Coruña), chéganos esta ferramenta para a formación de usuarios e usuarias da biblioteca escolar: Como atopar un libro na biblioteca. Coñecemos tamén que a biblioteca ten un STAB, un Servizo Técnico de Axuda á Biblioteca, formado polo alumnado colaborador, cunhas funcións moi concretas que aparecen tamén recollidas nesta presentación:

30 de xaneiro: a Cultura de Paz nas bibliotecas escolares

Avanza o mes de xaneiro cara unha data ben significativa no ámbito educativo, o Día EScolar pola Paz (30 de xaneiro) que conmemora a morte de Mahatma Gandhi, hai agora 67 anos. Os centros educativos acostuman aproveitar esta data para traballar de forma intensiva contidos propios da Cultura de Paz:

"Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz" (Declaración da Constitución da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura)

 

 

Informe Proxecto E-LBE 2012-2014

A finais do curso 2013/2014 remitiuse un formulario web de avaliación aos 115 centros participantes no Proxecto E-LBE, iniciado en novembro de 2012 co fin de introducir os lectores electrónicos nas bibliotecas integradas no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Pretendíase recolleras valoracións do equipo de biblioteca en relación coa súa experiencia cos lectores electrónicos. Respostaronao formulario, no prazo sinalado, 105 centros. A partir das súas respostas elaborouse o presente INFORME

O proxecto E-LBE foi unha oportunidade para introducir os dispositivos de lectura dixital nas bibliotecas escolares, motivar ao profesorado a coñecer as súas posibilidades e facilitar ao alumnado oportunidades de achegamento ao libro dixital, nun contexto de aprendizaxe e coa guía do profesorado. Permitiu, así mesmo, que o alumnado das zonas rurais puidese achegarse á realidade do libro electrónico e vivir a experiencia da lectura neste tipo de dispositivos. Desta forma, a biblioteca escolar podía cumprir unha das súas funcións, a de paliar as desigualdades no acceso aos recursos culturais. Cómpre lembrar que a ubicación do centro en concello de baixa densidade de poboación foi un dos criterios á hora de atender as solicitudes de participación neste programa. 

TEXTO DO INFORME

Centros adheridos á iniciativa Voluntariado na biblioteca escolar

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, publícase a relación de centros que se adhiren á iniciativa VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA ESCOLAR, incluída no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, segundo a resolución do 5 de decembro de 2014, da dirección xeral de Centros e Recursos Humanos. 

Inclúense nesta iniciativa centros con alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional  ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, ensinanzas de persoas adultas) que contan con alumnado colaborador na biblioteca escolar. Os centros deberán remitir á Dirección Xeral de Centros e RRHH, información sobre a actividade deste alumnado, nº de horas de voluntariado realizadas e compromiso de colaboración, tal e como se recolle no punto 3 do apartado 3 da convocatoria, antes do 30 de xuño de 2015, a fin de que se poida proceder á emisión do diploma ou certificaco de horas de voluntariado, por parte da Subdirección Xeral do Voluntariado. 

RELACIÓN de centros adheridos a "Voluntariado na Biblioteca Escolar".

 

Resolución da convocatoria dos Clubs de Lectura para o curso 2014/2015

O Portal Educativo publica a Resolución de 26 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se asignan contías para o funcionamento dos clubs de lectura para o curso 2014/2015, segundo a convocatoria de 15 de setembro. Reciben axudas un total de 228 centros que contan con un ou varios grupos de lectura, integrados no club de lectura do centro. Segundo as estimacións recollidas nas solicitudes, durante o curso 14/15 beneficiaranse desta iniciativa uns 8.570 alumnos e alumnas, e están directamente implicados máis dun milleiro de profesores e profesoras. 

Na imaxe, un grupo de lectura "A poza da moura", do IES A Paralaia (Moaña) nunha sesión dedicada ao libro "A evolución de Calpurnia Tate", durante o curso 2013/2014.

Listaxe de centros inscritos na acción Voluntariado de lectura-A

 
O pasado 24 de novembro publicábase no Portal Educativo a Resolución da Dirección Xeral de Centros e RRHH pola que se impulsa, por segundo ano, o voluntariado cultural relacionado coa lectura entre o alumnado dos centros de ensino non universitario, de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da iniciativa denominada Voluntariado de lectura - A, para o curso 2014/2015. Esta iniciativa queda acollida ao programa Bibliotecas Escolares solidarias, segundo resolución da D. X. de Centros e RRHH de 5 de decembro de 2014. 
Rematado o prazo de inscrición, publícase agora a relación de centros inscritos nesta iniciativa, que desenvolverán as súas actividades durante o presente curso 2014/2015 e que antes do 25 de abril deberán remitir a memoria correspondente para a súa valoración. 
Entre as memorias presentadas, elixiranse catro centros dos que un total de 50 alumnos e alumnas participarán nunhas xornadas de convivencia que terán lugar no CRD da Coruña, a finais de maio/comezos de xuño de 2015. 
O total de centros inscritos é de  45, coa seguinte distribución:
  • A CORUÑA: 15 centros
  • LUGO: 6 centros
  • OURENSE: 3 centros
  • PONTEVEDRA: 21 centros

Novos artigos de bibliotecas escolares na revista EDUGA

A Consellería de Cutlura, Educación e Ordenación Universitaria publica o nº 68 da súa Revista Galega do ensino, EDUGA. Entre as diferentes seccións, a de BIBLIOTECAS ESCOLARES acolle un bo número de artigos que permiten coñecer experiencias en distintos centros, sexa sobre o desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinar ou sobre actividades máis centradas no fomento da lectura; outros artigos constitúen un percorrido polo conxunto de actividades que deseñan, cumprindo así o seu papel de centros de lectura, información e aprendizaxe. Este número inclúe, así mesmo, un artigo en relación ás actividades propostas desde o programa de bibliotecas escolares da consellería, que teñen como finalidade a integración das ciencias e as humanidades nas actividades das bibliotecas escolares, e que tanto éxito están a ter no conxunto dos centros. 
  1. Apartado BIBLIOTECA ESCOLAR
    1. CIENCIA NA BIBLIOTECA ESCOLAR, MATEMÁTICO! (Asesoría de Bibliotecas Escolares)
  2. Apartado BOAS PRÁCTICAS:

    1. OS XOGOS TRADICIONAIS. Un proxecto interdisciplinar coordinado pola biblioteca (IES Rafael Dieste, A Coruña)
    2. VOLUNTARIADO DE LECTURA NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES (Responsables das bibliotecas dos centros seleccionados na convocatoria de Voluntariado de Lectura-A, no curso 2013/2014)
    3. NAVEGANDO NUN MAR DE INFORMACIÓN (CEIPPlurilingüe de Andrade, Pontedeume)
    4. A BIBLIOTECA NO CENTRO (CEIP de Pazos, Ferrol)
    5. A BIBLIOTECA MUSICAL NUN CONSERVATORIO DE MÚSICA (CEMUS Xan Viaño, Ferrol)
    6. CIENCIA E BIBLIOTECA ESCOLAR (CEIP de Cespón, Boiro)
    7. COMPARTINDO A BIBLIOTECA (IES As Mariñas, Betanzos)
    8. FEIRA DA CIENCIA E DA TECNOLOXÍA. BIBLIOTECA E CIENCIA 2014 (IES Eduardo Blanco Amor, Ourense)
    9. ÁFRICA DIVERSA, COÑECER PARA COMPRENDER (IES Antón Losada Diéguez, A Estrada) 
  3. Apartado HORA DE LER:
    1. CINCO ANOS NA BOCA DO LOBO (Club de lectura "A boca do lobo", do IES de Mugardos)
    2. TERTULIAS LITERARIAS EN ALLARIZ (IES de Allariz)
    3. LEMOS LE. BIBLIOTECAS E LIBRERÍAS UNIDAS POR E PARA A LECTURA (CEIP Virxe do Carme, de Sober; CEIP A Gándara, de Monforte de Lemos)
    4. BENVIDA E BENVIDOS Á NOSA BIBLIOTECA (CEIP Saco e Arce, de Toén)

ESTE ENLACE dá acceso a todos os artigos publicados até o momento porla revista EDUGA na sección de BIBLIOTECAS. 

Libros, música, cine... en tempos fríos

Chega o período vacacional do Nadal e as bibliotecas escolares comezan a publicar as súas recomendacións de lectura: libros para todas as idades e para todos os gustos, pero tamén cine, música, enderezos electrónicos de interese... Os formatos laborarson diversos pero comezan a estar maioritariamente en soporte dixital, como esta selección de cine galego, do IES Pazo da Mercé (As Neves). Velaquí as "guías de lectura para o Nadal":

 

Proxecto Interdisciplinar 1º ESO: Xogos. CPI Cernadas de Castro

 

O alumnado de 1º de ESO do CPI Cernadas de Castro, de Lousame, traballou nun proxecto denominado XOGOS, na materia de Proxecto Interdisciplinar, durante o curso 2013/2014. Este traballo mereceu un dos premios do Concurso de Traballo por Proxectos, na modalidade de Proxecto Interdisciplinar de 1º ESO, de temática científica (boa parte do traballo está relacionada relaciona os xogos e as ciencias ou a tecnoloxía). 

Inveestigar sobre xogos e xoguetes, construílos, aprender a xogar, ensinar a outros, realizar maquetas, amosar os seus traballos nun blogue, facer a presentación das súas investigacións a través do kamishibai... foron algunhas das actividades levadas a cabo durante o desenvolvemento do proxecto. 

Proxecto Interdisciplinar 1º ESO: Danzas tradicionais de Cangas. IES Monte Carrasco

O Proxecto Interdisciplinar é unha materia de 1º de ESO, cunha carga lectiva dunha hora semanal, que está orientada a que o alumnado adquira as habilidades necesarias para poder realizar traballos de investigación con distintas fontes informativas, e a guiar a súa propia aprendizaxe, a través da realización de traballos concretos mediante a metodoloxía de proxectos, cun enfoque interdisciplinar. Cando a biblioteca escolar ten clara a súa función, apoia de forma incondicional ao profesorado que imparte esta materia e, en ocasións, son os membros do equipo de biblioteca quen se encargan de impartila, porque atopan unha ocasión única para impartir os contidos ALFIN, esa cuestión urxente no ensino secundario. 

AS DANZAS TRADICIONAIS DE CANGAS é o proxecto presentado polo IES Monte Carrasco (Cangas do Morrazo) que acadou premio no Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxecto Interdisciplinar de 1º de ESO. O traballo desenvolvido ao longo do curso 2013/2014 conseguíu que o alumnado de 1º de ESO coñecese en profundidade as danzas tradicionais do seu concello, un patrimonio cultural de gran valor; que interrelacionase con  membros da comunidade  escolar e con institucións culturais de Cangas para recabar información, para aprender a facer os traxes e mesmo a bailar unha das danzas, a danza de Darbo, parroquia na que está ubicado o centro. O proxecto estivo coordinado por un membro da biblioteca escolar e esta foi unha ferramenta fundamental para todo o traballo de documentación, como é a súa función. 

Proxectos de investigación: A Arte da Natureza. CPI Virxe da Saleta

 

Os alumnos e alumnas de ensino secundario do CPI Virxe da Saleta, de San Cristovo de Cea, xunto co profesorado dos departamentos de Bioloxía e Lingua Castelá e Literatura, embarcáronse durante o curso 2013/2014 nun proxecto sobre as árbores que titularon "A Arte na Natureza",a través do cal coñeceron en profundidades as árbores máis comúns na súa contorna. Un traballo descriptivo, con recompilación de textos poéticos, imaxes artísticas e traballo lingüístico coa identificación do nome de 35 árbores en galego, castelán, inglés e francés. Toda a información está recollida en láminas, que pasaron a formar parte dos fondos da biblioteca escolar, ademais de estar dispoñibles en formato electronico. 

Este traballo foi merecedor dun premio no concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de proxectos de investigación, con temática científica. 

 

 

Proxecto de investigación: O niño de Cecilia. CEIP Juan Rey

O alumnado de ensino infantil do CEIP Juan Rey (Lourenzá, Lugo) aprendeu moito sobre os paxaros e os seus niños con este proxecto titulado "O niño de Cecilia", que levaron a cabo no 3º trimestre do curso 2013/2014. Este traballo mereceu un dos premios da modalidade Proxecto de investigación de ciclo/departamento (temática científica), no Concurso de Traballos por Proxectos.

A partir dunha anécdota real (A Cecilia trouxéranlle seus pais como agasallo, logo dunha viaxe a Francia, un niño artificial de paxaros), iinventaron un conto "O niño de Cecilia", nvestigaron sobre as aves e os seus niños, observáronas con atención e tomaron boa nota nas correspondentes  fichas de observación, fixeron un libro sobre os paxaros, elaboraron un libro de recitas con ovos... 

Proxecto de investigación: Proxecto Chuny Vázquez. CEIP Manuel Rodríguez Sinde

 

Chuny Vázquez é o nome polo que se coñece á escritora e pintora de A Guarda María Asunción Vázquez Vicente. E Chuny Vázquez é o título do proxecto de investigación que levaron a cabo os alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos de ensino primario, coas súas titoras e a colaboración da biblioteca e do Equip de Dinamización da Lingua Galega. Este traballo mereceu un dos premis outorgados na resolución do Concurso de Traballos por Proxectos desenvolvidos durante o curso 2013/2014, na modalidade de proxecto de inveestigación de ciclo/departamento, de temática xenérica. 

O alumnado traballou concretamente o xénero da biografía e para realizar a desta artista da súa localidade, tiveron que facer pescudas bibliográficas, achegarse ás súas pinturas e aos seus escritos, preparar e levar a cabo unha entrevista coa pintora, planificar e desenvolver todo o traballo de investigación e elaborar a biografía final, entre outras actividades.

Novo programa: Bibliotecas Escolares Solidarias

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria bota a andar unha nova iniciativa no ámbito das bibliotecas escolares (Plan LÍA), o denominado "Bibliotecas Escolares Solidarias", que acolle varias accións de voluntariado cultural relacionado coas bibliotecas e a lectura, tendo como referencia o papel da biblioteca como espazo de convivencia e de compensación de desigualdades

O Portal Educativo publica hoxe, coincidindo co Día Internacional dos Voluntarios, a Resolución de 5 de decembro de 2014, da Dirección Xeal de Centros e Recursos Humanos, pola que se inicia este programa. Trátase dunha colaboración entre esta dirección xeral e a D. X. de Xuventude e Voluntariado (Consellería de TRaballo e Benestar). Os centros poden participar en diferentes iniciativas: 

  • Selo "Biblioteca Escolar Solidaria", ao que poden optar os centros interesados, que reúnan determinados requisitos e presenten candidatura antes do 15 de maio de 2015. Concederase un máximo de 15 selos por curso escolar.
  • Voluntariado na biblioteca escolar, que ten como finalidade recoñecer o tempo de colaboración na biblioteca escolar ao alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas ou centros de ensinanzas de persoas adultas). Os centros interesados poderán adherirse a este programa antes do 31 de decembro de 2014. Rematado o curso, cumpridos os requisitos e previo envío da documentación que se recolle no apartado 3 da resolución,  a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado emitirá o correspondente diploma (no caso do alumnado menor de 18 anos) ou certificado de horas de voluntariado.

Inclúese neste programa a iniciativa posta en marcha en 2013/2014, Voluntariado de lectura-A. O prazo de presentación de solicitudes para participar, segundo Resolución de convocatoria do 24 de novembro de 2014, remata o vindeiro 15 de decembro.

Proxecto de investigación: Tralas pegadas do home (e da muller) na Historia

Tralas pegadas do home na Historia é un proxecto de investigación levado a cabo por alumnado e profesorado de ensino infantil do CEIP Porto Cabeiro, de Redondela, durante o curso 2013/2014 (de xaneiro a abril) e que mereceu un premio no Concurso de Traballos por Proxectos na modalidade de Proxectos de investigación de ciclo/departamento, de temática xenérica. 

Foron moitas as actividades xeradas por este proxecto e moitos os coñecementos e habilidades adquiridas sobre os petroglifos, o tallado da pedra, as receitas prehistóricas, os animais prehistóricos, as pinturas das covas ou a maneira de vivir das persoas na prehistoria.