Proxecto Documental Integrado: E agromará outro bosque. CPI Manuel Suárez Marquier

"E agromará outro bosque" é o título do proxecto documental que o CPI Manuel Suárez Marquier (O Rosal) desenvolveu ao longo do curso 2013/2014, e que mereceu un dos premios no Concurso de Traballo por Proxectos, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados, coordinados desde a biblioteca escolar, de temática xenérica. 

Tralos incendios do verán do 2013, o Equipo de Bbilioteca, o Equipo de Normalización Lingüística e os responsables do centro do Programa Proxecta deseñaron un proxecto interdisciplinar no que participou practicamente a meirande parte do alumnado e profesorado do centro. 

25 de novembro, un ano máis educando contra a violencia de xénero

Arredor deste 25 de novembro son moitas as bibliotecas escolares que apoian cos seus recursos e as súas actividades a formación do alumnado para a igualdade e contra a violencia de xénero. Este Día Internacional para a eliminación da violencia contra a Muller, segundo a ONU, chega con estatísticas inundando os informativos sobre unha realidade que debería avergoñar á sociedade que a permite.
O vídeo que ilustra esta entrada é un material de traballo elaborado en colaboración polo Equipo de Biblioteca, o Departamento de Orientación e outro profesorado do centro, no IES Lucus Augusti, de Lugo, co fin de traballalo nas titorías co alumnado. Podemos ver todo o material elaborado desta proposta, O maltrato nin en pintura, no blogue da biblioteca.
Outras iniciativas para tratar esta temática (tan urxente entre os adolescentes segundo nos amosan algúns estudos realizados, por exemplo, en Andalucía), procedentes de bibliotecas escolares de toda Galicia:

Voluntariado de lectura-A. Curso 2014/2015

O Portal Educativo publica hoxe a Resolución do 24 de novembro de 2014, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se pretende impulsar o voluntariado cultural relacionado coa lectura entre o alumnado de 5º e 6º de primaria, dos centros de titulariade da Consellería de Cultura, Educación e O.U., a través da iniciativa denominada "Voluntariado de Lectura-A", integrada no programa Hora de Ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino, e para o curso 2014/2015.

Os centros interesados poden presentar solicitudes desde hoxe e ata o 15 de decembro, mediante o impreso e o procedemento recollido na resolución. 

As memorias de actividades desenvolvidas ao longo do curso presentaranse, posterioremente, con data límite do 25 de abril de 2015. 

As accións recollidas por esta convocatoria están relacionadas co labor de voluntariado cultural que desempeña o alumnado colaborador da biblioteca escolar, ben na xestión e dinamización da biblioteca, ben no deseño e desenvolvemento de actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro. 

O alumnado dos centros finalmente seleccionados participarán, coma no curso anterior, nunhas xornadas de convivencia que se desenvolverán no CRD de A Coruña, a finais de maio/comezos de xuño. 

Esta iniciativa é froito da colaboración entre a Dirección Xeral de Centros e RRHH (Consellería de Cultura, Educación e O.U), e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado (Consellería de Traballo e Benestar), integrándose como programa de voluntariado. 

Proxecto Documental Integrado: As plantas. CEIP Espiñeira-Aldán.

No curso 2013/2014 o CEIP Espiñeira-Aldán (Cangas) desenvolveron un proxecto documental sobre as plantas do seu  patio, e  a partir deste estudio botánico abordaron outras aprendizaxes do seu medio máis próximo. Esta experiencia foi unha das premiadas no Concurso de Traballos por Proxectos, na súa primeira convocatoria, na modalidade de PDI, coordinados desde a biblioteca escolar, con temática científica. 

Proxecto Documental Integrado: Bergondo nun conto. CPI Cruz do Sar

 

O CPI Cruz do Sar, de Bergondo, acadou galardón con este proxecto "Bergondo nun conto", no Concurso de Traballos por Proxectos, na modalidade de Proxectos Documentais Integrados de temática xenérica. 

Trátase dun proxecto anual, deseñado e coordinado desde a biblioteca escolar e destinado a que profesorado e alumnado coñezan o seu concello e profundicen na súa xeografía, historia, patrimonio arquitectónico, industria, actividades agropecuarias, natureza, ou  personaxes importantes que naceron ou viviron en Bergondo. 

Proxecto Documental Integrado: Riada de libros. CEIP Agro do Muíño

 

Riada de libros é un proxecto documental que coordinou a biblioteca escolar do CEIP Agro do Muíño (Ames), e no que se integraron departamentos, ciclos, familias e co conxunto do profesorado e alumnado do centro. O proxecto partíu da necesidade de coñecer e conservar o Río Sar e abrangueron contidos diversos como os ríos, a súa flora e fauna, o ciclo natural da auga, o ciclo urbán da auga, a arquitectura dos ríos ou a contaminación, entre outros. Trabállaronse todas as competencias básicas, organizáronse exposicións, saídas, conferencias e un importante número de actividades, cun enfoque globalizador e unha importante presencia das TICs. Este proxecto foi premiado na modalidade de PDI, na temática de ciencias. 

Proxecto documental integrado: A Alimentación. CEIP Mestres Goldar

 

A alimentación é un Proxecto Documental Integrado, coordinado desde a biblioteca escolar, no que participa a totalidade do alumnado do centro do CEIP Mestres Goldar, de Vigo, con implicación dun importante número de departamentos e equipos docentes, así como das familias.

Foi galardoado cun dos tres premios da Modalidade "proxectos DocumentaisInterados, coordinados desde a bibliote escolar, con temática "xenérica". 

Experiencias premiadas no Concurso de Traballos por Proxectos 13/14

 

Velaquí a relación dos centros que resultaron gañadores no primeiro Concurso de Traballos por Proxectos, convocado pola Dirección Xeral de Centros e RRHH, no contexto do Plan LÍA de bibliotecas escolares  (Lectura, Información, Aprendizaxe) para experiencias levadas a cabo durante o curso 2013/2014. Algúns centros teñen enlaces directos aos seus traballos, pero outros non. iremos difundindo pouco a pouco os diferentes traballos.

Modalidade

Temática

Centros Premiados

Concello

Provincia

Título

1. Proxectos Documentais
integrados, coordinados desde a biblioteca escolar

Xenérica

CEIP Mestres Goldar

Vigo

Pontevedra

A
alimentación

CPI Cruz do Sar

Bergondo

A Coruña

Bergondo
nun conto

CPI Manuel Suárez Marquier

O Rosal

Pontevedra

E
agromará outro bosque

Ciencias

CEIP Agro do Muíño

Ames

A Coruña

Riada
de libros

CEIP da Espiñeira-Aldán

Cangas

Pontevedra

As
plantas

CEIP Plurilingüe Alex.
Bóveda

Redondela

Pontevedra

Medindo
e contando

2.a. Proxectos de
investigación de grupo/nivel

Xenérica

EEI  de Vide

As Neves

Pontevedra

En
marzo pintamos con Miró

IES Xoán Montes

Lugo

Lugo

Mulleres
con valor

Ciencias

CPI San Vicente

A Baña

A Coruña

Comesán
2014. Aprendo a  investigar

CEIP A Rúa

Cangas

Pontevedra

Viaxe
polo universo

2.b. Proxectos de
investigación de ciclo/departamento

Xenérica

CEIP de Porto Cabeiro

Redondela

Pontevedra

Tralas
pegadas do home na Historia

CEIP Manuel Rodríguez
Sinde

A Guarda

Pontevedra

Proxecto
Chuny Vázquez

Ciencias

CPI Virxe da Saleta

San Cristovo de Cea

Ourense

A
arte da Natureza

CEIP Juan Rey

Lourenzá

Lugo

O
niño de Cecilia

2.c. Proxectos realizados
na materia de 1º de ESO “Proxecto Interdisciplinar”

Xenérica

IES Monte Carrasco

Cangas

Pontevedra

Danzas
tradicionais de Cangas

Ciencias

CPI Cernadas de Castro

Lousame

A Coruña

Xogos

Mulleres premios Nobel de Ciencia

Desde o IES de Cacheiras (Teo), recentemente incorporado ao Plan de mellora de bibliotecas escolares, chéganos a nova sobre os materiais dunha exposición elaborados na biblioteca escolar por dúas alumnas de 2º de BAC, Nuria Cancela e Rocío Ferreiro, coordinadas pola profesora Marieta Fandiño, do Departamento de Física e Química. Este material, que consta de 25 paneis deseñados polas alumnas e realizados en formato DIN A4, foi seleccionado para ser presentado en Galiciencia, que se celebra en Ourense, do 18 ao 21 de novembro, onde terá un stand propio, así como este vídeo que difundimos.
Excelente mostra do traballo de investigación na área das ciencias, co apoio da biblioteca escolar.
Parabéns a profesora e alumnas!!

As matemáticas son para sempre


Porque hai quen explica as cousas cun sorriso... e as explica ben: As matemáticas son para sempre. Conferencia-TED de Eduardo Sáenz de Cabezón, matemático e profesor da Universidad de La Rioja, que ademais gañou con este monólogo o Concurso Internacional de monólogos científicos, que convoca a Fundación Española para la ciencia y la tecnología (FECYT).

Lembramos que o IES de Monelos (A Coruña) convocaba un Concurso de Matmonólogos, do que descoñecemos agora a súa continuidade; unha experiencia que sería mágoa perder. 

Formación de usarios e usuarias no IES Monte das Moas (A Coruña)

Unha nova ferramenta para a formación de alumnado usuario da biblioteca escolar, neste caso desde o IES Monte das Moas de A Coruña.


Nova ferramenta para a formación de usuarios desde o CEIP Vales Villamarín (Betanzos)

Como buscar información nos libros


More presentations from biblioteca vales villamarin

Son xa varias as ferramentas elaboradas por bibliotecas escolares galegas, dispoñibles na Rede e destinadas  á formación de usarios. Velaquí un novo exemplo desde o CEIP Vales Villamarín de Betanzos. Esta biblioteca achega á súa comunidade educativa outros materiais que podemos ver aquí. 

Matemática próxima

BIBLIOTECA ESCOLAR E XOGOS MATEMÁTICOS on PhotoPeach

As bibliotecas escolares galegas está a dar vida ao cartel deste curso "Biblioteca escolar... matemático!!!", organizando exposicións de materiais relacionados coas matemáticas, así como actividades para dar a coñecer estes materiais, sesións de xogos matemáticos, acertixos matemáticos, recompilacións literarias relacionadas coas matemáticas e outros... Un exemplo é este vídeo da biblioteca do IES Blanco Amor (Ourense), no que podemos ver a exposición de materiais e unhas imaxes do alumnado en plena actividade. Outras mostras de actividades:

Materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

Están dispoñibles en redeBE os materiais das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Santiago de Compostela os pasados 7 e 8 de novembro. 

A través deste espazo moodle  pódese acceder ás presentacións de expertos e docentes incluídos no programa das xornadas; os blogues de cada unha das bibliotecas e outras informacións de interese. 

En breve, subiránse tamén á redeBE as gravacións realizadas nas distintas salas.

 

 

 

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

ENTUSIASMO E PROXIMIDADE SON A CLAVE DA DIVULGACIÓN CIENTÍFICA. Ángel Carracedo.

 

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vaise impulsar a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO,  do científico Ángel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela. Conocido investigador e divulgador científico, Ángel Carracedo ten colaborado coas bibliotecas, tanto públicas como escolares, na difusión dos valores científicos e do acceso ao coñecemento. 

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogues de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

  • MANIFESTO DE ÁNGEL CARRACEDO
  • FOLLETO INFORMATIVO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
  • MATERIAIS. MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
  • Resolución do Concurso de Traballos por Proxectos

     

    En marzo de 2014, a Dirección Xeral de Centros e RRHH publicaba a convocatoria dun Concurso de Traballos por Proxectos, coordinados ou coa participación da biblioteca escolar. Contemplábanse varias modalidades e un ou varios premios por modalidade.

    Presentáronse 91 proxectos procedentes de 83 centros de ensino público, de todo o territorio galego.

    Con data 30 de outubro de 2014, publícase agora a resolución deste concurso, que recolle un total de 16 proxectos, de moi variadas temáticas. Os centros galardoados recibirán unha asignación destinada a desenvolver programas da biblioteca escolar para a educación en información e fomento da lectura.

     

    TEXTO DA RESOLUCIÓN E RELACIÓN DE CENTROS GALARDOADOS. 

    Formación de usarios e usuarias

    Unha das funcións esenciais da biblioteca escolar e dotar o alumnado de recursos suficientes para moverse con fluidez polo mundo da información, e moi especialmente, polas fontes informativas presentes nas bibliotecas e nos repositorios, directorios, etc. dispoñibles a través de Internet. As actividades puntuais son importantes pero son aquelas que se planifican e levan a cabo de forma sistematizada, a través de programas de formación de usuarios, as que poden dar resultados. Velaquí dúas mostras:

    1. IES Pedro Floriani (Redondela, Pontevedra): o departamento de Filosofía, xunto coa biblioteca,  programan sesións de formación de usuarios para o alumnado de 1º de BAC.  Podemos ver os contidos e unha reportaxe fotográfica no seu blogue.

    2.  IES Universidade Laboral (Culleredo, A Coruña): Imaxes da sesión de formación de usuarios para o alumnado de 1º de Bacharelato, novo no centro. 

    Ámpliase a oferta de maletas viaxeiras

     

    Coincidindo co mes da biblioteca escolar, neste mes de outubro, a Asesoría de Bibliotecas Escolares daba a coñecer unha nova aplicación que, baixo o nome de MALETAS VIAXEIRAS, permite ás bibliotecas dos centros interesados a reserva de maletas de diferentes temáticas para levar en préstamo temporal, como apoio ás súas actividades. 

    Ademais das xa coñecidas sobre cómic, lectura, Camiño de Santiago, Os mundos de Cunqueiro, matemáticas, e materiais para as familias, veñen de incorporarse dúas maletas moi especiais e que poden ser do interese dos centros de ensino secundario e formación profesional. Trátase das maletas de "economía", cunha selección coidada de libros e recursos audiovisuais que poden contribuír ao coñecemento das claves para entender o momento económico e social que vivimos nos últimos anos, pero tamén para introducir ao alumnado no ensaio, un xénero que precisa dun lector específicamente activo. 

    As maletas ofrécense en préstamo temporal (15 días, agás excepcións) e os centros deben recollelas e entregalas na Asesoría de bibliotecas escolares (Consellería de Educación, San Caetano, Santiago de Compostela), persoalmente ou a través dos medios que consideren oportuno.  INSTRUCIÓNS

    Programa das V Xornadas de Bibliotecas Escolares

     

     Programa das V Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia que terán lugar en Santiago de Compostelaos vindeiros 7 e 8 de novembro de 2014, no Palacio de Congresos. PROGRAMA

    Día da biblioteca 2014: un día, moitas propostas

    Día da Biblioteca 2014

    O 24 de outubro é unha data sinalada no calendario de todas as bibliotecas pois desde os anos 90 celébrase o DÍA DA BIBLIOTECA, a instancias da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil, e en recoñecemento ao labor que exercen todos os bibliotecarios, todas as bibliotecarias, a prol da lectura, da educación e da cultura. 

    Na imaxe, rapazas (previamente preparadas) do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal, imparten unha sesión de "formación de usuarios" aos seus compañeiros e compañeiras. Un exemplo da vida que ferve nas bibliotecas escolares ao longo do curso, grazas ao esforzo das comunidades educativas que as fan posibles, e como resultado dun programa da administración educativa que pon o enfoque nas necesidades do alumnado en materia de lectura, de información e de aprendizaxe. 

    Nesta data, e diante dos momentos de cambios que sofren as bibliotecas, pode ser útil volver aos principios e lembrar ao matemático e bibliotecario hindú, Shiyali Ramamrita Ranganathan, quen en 1931 enunciou "as 5 leis da biblioteconomía":

    1. Os libros están para usarse.
    2. A cada lector o seu libro.
    3. A cada libro o seu lector.
    4. Hai que aforrar tempo ao lector.
    5. A biblioteca é un organismo en crecemento.

    Que non lle falten libros ao noso alumnado, que teñan tempos e oportunidades para usalos, que cada rapaz, cada rapaza, atope o libro (ou á persoa) que o vincule á lectura "de por vida", e que as nosas bibliotecas escolares sigan vivas e sigan a desenvolverse en todos e cada un dos centros educativos de Galicia. 

     

    Proposta: A Gran Guerra en Galiciana (1914-1918)

     

    Desde a Biblioteca de Galicia, e máis concretamente desde Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia chéganos unha proposta para o aproveitamento dos recursos dixitais dispoñibles. Trátase dunha iniciativa integrada nunha proposta máis ampla, Add Your Story!, que xorde en Europeana, a Biblioteca Dixital Europea, na que se integran tanto HISPANA como GALICIANA

    Búscase dar a coñecer os recursos de Galiciana e, ao mesmo tempo, estimular ao alumnado dos institutos de ensino secundario de Galicia para que contribúa a crear contidos para esta biblioteca dixital. 

    O tema de traballo que se propón é a I Guerra Mundial, a través dos contidos dispoñibles en Europeana, e a súa contextualización en España e  máis concretamente en Galicia, a través dos materiais recollidos en Galiciana.  Proponse tamén investigar sobre algunhas mulleres pioneiras como a xornalista Sofía Casanova

    Os destinatarios son os alumnos e alumnas de 4º de ESO e 1º de BAC, así como os Departamentos de Ciencias Sociais e Linguas Estranxeiras  dos institutos galegos. 

    PÓDESE CONSULTAR A PROPOSTA COMPLETA CON TODA A INFORMACIÓN 

    Poética matemática

    As matemáticas están presentes na vida cotiá, tamén na ficción  e mesmo na poesía. As bibliotecas escolares comezan a compartir recursos moi diversos para facer efectivo o lema deste curso "Biblioteca escolar... matemático!". Destacamos algúns deles relacionados coas  matemáticas e a poesía. 

     

    Imaxe obtida aquí (ver recursos didácticos de matemáticas) 

     

    Maletas viaxeiras en préstamo temporal aos centros.

    Neste mes de outubro, declarado pola IASL como Mes Internacional da Biblioteca Escolar, as bibliotecas escolares galegas botan a andar proxectos anuais ben interesantes. A chegada aos centros do cartel co lema BIBLIOTECA ESCOLAR... MATEMÁTICO! é unha contribución da consellería á visibilización das múltiples posibilidades da biblioteca ao servizo do currículo e, tamén, da súa potencialidade para espertar o gusto polas matemáticas.

    Como complemento a este material, póñense en marcha as MALETAS VIAXEIRAS DE MATEMÁTICAS (primaria - secundaria) , que xunto con outras de contido moi diverso (banda deseñada, ciencias naturais, física e química, bioloxía, inglés, ou maletas para familias) estarán dispoñibles para os centros que as soliciten, en préstamo temporal. Amplíase así a oferta xa existente nestes últimos cursos (poesía, lectura, cómic, Camiño de Santiago, Os mundos de Cunqueiro). 

    Para coñecer o contido das maletas dispoñibles, así como para realizar a SOLICITUDE ou coñecer o estada do RESERVA, débese acceder a esta APLICACIÓN DAS MALETAS VIAXEIRAS, que se mantén desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares

    Clicando sobre a imaxe dunha maleta en concreto, accédese ao seu contido. Na maioría dos casos, hai tamén un documento con bibliografía e recursos complementarios. Velaquí o caso da maleta MATEMÁTICAS A (Secundaria).

    Clicando no apartado RESERVA de cada unha das maletas, accédese ás INSTRUCIÓNS e ao FORMULARIO para realizar a solicitude

    As maletas pódense solicitar en préstamo temporal de 15 días 30 días, ampliable se non houbese máis solicitudes pendentes. O traslado destes materiais é de responsabilidade do centro solicitante, que debe recoller e entregar na localización da maleta (en principio, a propia Asesoría de BE). 

     

    V Xornadas de bibliotecas escolares

    Está aberto en FPROFE o prazo de inscrición para as V XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, que se organizan para os vindeiros 7 e 8 de novembro de 2014, en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos). 

    Retómase así esta cita anual do profesorado máis interesado no ámbito das bibliotecas escolares, a lectura e o traballo por competencias desde e coa biblioteca escola; o profesorado que mantén a xestión das bibliotecas nos centros ou precisa para exercer a súa función docente destes instrumentos esenciais para o desenvolvemento do currículo e a formación integral do alumnado.

    O programa destas V Xornadas de  Bibliotecas Escolares de Galicia contará con experiencias moi variadas nas que a biblioteca ten un papel protagonista (lectura e alfabetizacións múltiples, traballo coas matemáticas, proxectos interdisciplinares), e coa presencia de expertos en áreas imprescindibles á hora de avanzar no campo das bibliotecas como a profesora Mónica Baró (referencia fundamental no ámbito das bibliotecas escolares desde a Facultade de Biblioteconomía e Documentación da Universitat de Barcelona). Pola súa parte, Javier Guallar  (profesor de documentación e de comunicación en varias universidades e editor da revista EPI, El profesional de la Información , co autor do libro "El content curator" e do blogue "Los content curators" ) introduciranos na "curación" de contidos nas bibliotecas. As xornadas iniciaranse coa conferencia do escritor Ricardo Gómez, autor de varios títulos de ficción e de divulgación nos que as matemáticas están moi presentes. Pechará estas V Xornadas o profesor da Universitat Autónoma de Barcelona, Jose Manuel Pérez Tornero, director do Gabinete de Comunicación e Educación nesta universidade, experto e consultor da UNESCO e da Unión Europea en materia de alfabetización informacional e mediática. Entre outras actividades, estas xornadas incluirán a presentación do informe do Consejo de Cooperación Bibliotecaria sobre "Prospectiva das bibliotecas 2020: As dez áreas que máis van cambiar nas nosas biblitoecas nos próximos anos". En breve difundirase o programa completo. 

    O prazo de inscrición nestas xornadas remata o vindeiro 12 de outubro