#bescolaresgalabertas: Hora de Ler

 

 

HORA DE LER dá nome ao programa da administración pública galega para o fomento da lectura no contexto educativo, e foi este o termo que escolleron os centros para ese "tempo para a lectura" contemplado na normativa curricular desde 2007. Pero xa antes, concretamente a partir dos primeiros encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares en 2006, comezara a difundirse a iniciativa exitosa nun centro de A Coruña, o CEIP Emilia Pardo Bazán, que viña empregando a fórmula da "lectura silenciosa sostida", procedente das escolas anglosaxonas. A inclusión do tempo para a lectura en primaria (30'diarios) e a elaboración dos Proxectos lectores de centro axudou a espallar esta iniciativa, que hoxe se leva a cabo en practicamente todos os centros  de Galicia.

Desta forma, Galicia, leva xa tempo poñendo en práctica unha das recomendacións do Grupo de expertos de alto nivel sobre alfabetización que a Unión Europea deu a coñecer en 2012: "Reservar un tempo suficiente para a aprendizaxe da lectura a para as actividades de libre lectura, permitindo que os alumnos elixan os seus materiais de lectura e establezan o seu propio ritmo de lectura". 

 

 

Nas Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar da Dirección Xeral de centros e RRHH, de 1 de setembro de 2020, indícase que "Desde a biblioteca escolar coordinaranse as actuacións para o desenvolvemento do Proxecto Lector de Centro e deberán contemplarse os beneficios de experiencias de eficiencia xa contrastada como a “Hora de ler”, actividades de lectura compartida ou osclubs de lectura, nas súas diferentes fórmulas."
Así, a pesar das limitacións e protocolos, as bibliotecas escolares galegas continúan dando apoio e recursos par que a Hora de Ler chegue a todo o alumnado.
Imaxe do ilustrador Óscar Villán 
 
Hora de Ler  nas bibliotecas escolares galegas:

 

 

 

 

24 de febreiro, Día de Rosalía

 

 

 

Cantarte hei, Galicia,

teus dulces cantares,

que así mo pediron

na veira do mare.


 Cantarte hei, Galicia,

na lengua gallega,

consolo dos males,

alivio das penas. 

("Cantares gallegos") 

 

 

Imaxe do CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños-A Coruña)

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e a Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación  e Universidad, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Cada ano son máis as institucións que se suman á celebración do DÍA DE ROSALÍA, entre elas as bibliotecas escolares promovendo actividades que achegan ao alumnado a súa vida e obra. Traballos de investigación, lecturas compartidas, roteiros, actividades plásticas e creativas, programas de radio, proxectos multimedia... son algunhas das propostas que nestes días salientan a modernidade e actualidade do seu pensamento.

 

Asociación de Escritoras e Escritores en  Lingua Galega convida neste 2021, baixo o lema Teus doces cantares, a celebrar este día co agasallo dun libro en galego e unha flor ás amizades e persoas queridas. Publica un manifesto na voz  de Anna R. Figueiredo e propón múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos. Unha proposta para traballar o compromiso da nosa poeta a través dos seus doces cantares.

As nosas bibliotecas programan múltiples actividades: programas de radio, roteiros, vídeos, concursos, xogos, recitados interxeracionais en varias linguas... 

 

Actividades nas bibliotecas escolares:


 

 

#bescolaresgalabertas: Biblioteca Creativa

Este é o quinto curso de desenvolvemento do programa "Biblioteca Creativa" integrado por 102 centros. Achegándose ao traballo destas bibliotecas evidénciase que  contemplan todo tipo de linguaxes (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística...) e posibilitan ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación. Bibliotecas que acollen e promoven todo tipo de actividades nas que alumnado, profesorado e familias poden atoparse para pensar, deseñar, facer, construír e aprender xuntas.
 
O inicio do curso 2020/2021 estivo cheo de incertidumes e inquedanzas sobre como enfrontar o uso de materiais e espazos.  Os equipos de biblioteca foro quen de atopar solucións como a utilización do espazo e recursos por parte dos grupos de convivencia ou o préstamo a aulas e familias de "kits" con recursos e propostas de actividades. Os obradoiros de formación chegaron, virtual ou presencialmente, permitindo ampliar as miradas.
 
Imaxe do obradoiro de costura no CEIP A.D.R. Castelao de Navia (Vigo-Pontevedra) 
 
Actividades nas bibliotecas escolares: 
 

Día Mundial da Radio: Novo mundo, nova radio

 

 

 

 No ano 2013 a ONU aprobou a declaración da UNESCO do Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946. "Os obxectivos da xornada son concienciar ao público e aos medios de comunicación acerca da importancia da radio; alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio; así como mellorar as redes e a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión." 

 

Este ano, o décimo Día Mundial da Radio celébrase co lema: "Novo mundo, nova radio", convidando a reflexionar sobre o su servicio para, entre moitas outras accións, combatir a desinformación e axudar a responder ás necesidades das comunidades e as sociedades. Un lema en sintonia co traballo das bibliotecas escolares adscritas ao programa Radio na biblio nos tempos estraños que nos toca enfrontar.

 

Animamos aos 109 centros do programa Radio na Biblio a  celebrar esta xornada, combatindo a desinformación dende as súas emisoras, continuando coa marabillosa labor de alfabetización mediática informacional que están a facer co seu alumnado e comunidades educativas.

 

Imaxe de "Ceibe Radio", a emisora da biblioteca do CEIP A Lama (Pontevedra)

 

Actividades nas bibliotecas escolares galegas:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

11 de febreiro: Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 
No ano 2015, a ONU estableceu un Día Internacional para recoñecer o rol crítico que xogan as mulleres e as nenas na ciencia e a tecnoloxía, a través da Resolución A/RES/70/212. A finalidade é lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, e ademais para lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.
 
Lembrar que a ciencia e a igualdade de xénero son vitais para alcanzar os ODS,  incluidos na Axenda 2030, nos que moitas das nosas bibliotecas escolares están a traballar.
 
Esta é unha data que cada ano se traballa máis nas bibliotecas cara a paliar a brecha de xénero nos sectores STEAM. Visitas de científicas, seleccións de lecturas, traballos de investigación e experimentación ... son algunhas das actividades que ocupan os espazos científicos, creativos, manipulativos e colaborativos das mesmas.
 
Máis información:
 
O 11F nas bibliotecas escolares galegas:
 
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

#bescolaresgalAbertas: Radio na biblio

 
Este é o cuarto curso de desenvolvemento do programa "Radio na biblio" integrado por 109 centros. Achegándose ao traballo destas bibliotecas evidénciase que  radio é unha ferramenta pedagóxica de gran alcance capaz de xerar unha importante dinámica de comunicación, de apoio aos proxectos, de difusión de produtos culturais e das investigacións elaboradas polo alumnado, unha ferramenta facilitadora da educación para a competencia en información e medios.
 
O inicio do curso 2020/2021 estivo cheo de incertidumes e inquedanzas sobre como enfrontar o uso de materiais e espazos. Os protocolos foron chegando e axustándose e o que parecía imposible empezou a funcionar. Os espazos de radio recibiron aos grupos de convivencia e o alumnado voluntario e continuaron como lugares de encontro da comunidade educativa.
 
Na imaxe, alumnado do CEIP Emilia Pardo Bazán de A Coruña entrevistando a actriz Isabel Naveira 
 
Actividades do programa Radio na biblio:
 

Día da Ilustración 2021

 

Cada 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración. Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en colaboración coa Asociación de Profesionais da Ilustración. Unha data que serve para reivindicar o papel dos profesionais do mundo da ilustración homenaxeando a un ilustrador ou ilustradora histórico galego. Este ano a protagonista é Lolita Díaz Baliño "... unha pioneira artista multidisciplinar que desafiou as convencións sociais da época."

Unha ocasión para traballar e reivindicar desde as bibliotecas escolares a historia da ilustración galega que non deixa de ser memoria do noso país. Para achegarnos ao valor propio das imaxes  máis aló dun complemento da escrita.

 

 

Tamén, unha oportunidade para poñer en valor o traballo do ilustrador Manel Cráneo autor do cartel deste ano, unha poderosa imaxe da que seguro teremos moitas e variadas lecturas: estéticas, literarias, históricas, mitolóxicas ... ao tempo que viaxamos polas xeografías da ilustración.

 

Nesta data, desde a Asesoría de bibliotecas escolares queremos poñer en valor o  traballo dos ilustradores e ilustradoras  ao longo de 13 anos de creación e de colaboración na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolares galegas, que iniciáramos en 2008 , e, de paso, celebrarmos estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros educativos. Imaxes que xurden dun coidado proceso de creación a partir do lema proposto. Imaxes que son testemuña gráfica da evolución das bibliotecas escolares galegas.

 

Ilustradores e ilustradoras dos carteis anuais: 

 

 

Día Escolar da Non Violencia e a Paz

 
Como cada 30 de xaneiro, chega unha data con gran potencialidade educativa: O Día Escolar da Non Violencia e a Paz, unha ocasión para que as nosas bibliotecas se comprometan como defensoras da paz e o entendemento entre persoas de distinta procedencia e formas de pensar. Para que conformen o espazo da biblioteca como un auténtico viveiro de cidadanía, un lugar facilitador do diálogo, o debate, a reflexión, a lectura crítica e o acceso á información, no que se promova unha participación activa cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
 
Imaxe do IES San Paio (Tui-Pontevedra) 
 
As bibliotecas escolares galegas promoven, nesta data,  actividades variadas e recompilacións de recursos:
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

#bescolaresgalAbertas: Clubs de Lectura

 
"Esta mesma pegada compartida persiste nos clubs de lectura, que non deixan de multiplicarse, crecer e  agromar, construíndo comunidades de memoria, solidariedade e encontro."
Irene Vallejo "Manifesto pola Lectura"
 
Neste curso, esta actividade continúa nas bibliotecas escolares, presencial ou telemáticamente, con todas as medidas de seguridade. Continúan os encontros compartidos, as colaboracións coa biblioteca, os encontros con autores e autoras...
 
A convocatoria de clubs de lectura para o curso 2020/2021 está integrada por 213 centros que acolen alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral. Ao mesmo tempo, o número de clubs segue a medrar nos centros de ensino primario, construíndo pontes cara o futuro. Clubs de alumnado, profesorado, familias, en distintas linguas e con diferentes temáticas.
 
Neste momento, e como sempre, cómpre poñer en valor o traballo de todos e todas os que fan posible que a lectura chegue aos clubs, non olvidar a cadea do libro, aos autores/as, ilustradores/as, editores/as, libreiros/as... Unha comunidade que continúa colaborando, con xenerosidade, cos clubs de lectura das nosas bibliotecas.
 
Imaxe do club de lectura "Viaxeiros de papel" do CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
 
Clubs de lectura en marcha nas bibliotecas escolares galegas: 
 

#bescolaresgalAbertas:Traballo por Proxectos

 
As Instrucións de 1 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en relación  coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares, para o curso 2020/2021 recollen na claúsula Primeira, punto 7, que a biblioteca escolar deberá facilitar o tratamento transversal dos contidos e un enfoque interdisciplinario en proxectos e actividades, contribuíndo así aos cambios metodolóxicos imprescindibles.
 
Ponse de manifesto o importante esforzo que, neste curso estraño, están a facer as comunidades educativas introducindo, ou continuando, coa metodoloxía de aprendizaxe por proxectos, liderados pola biblioteca escolar ou que se desenvolven co seu apoio.
Nas bibliotecas escolares xurden novos proxectos ou continúan os do curso anterior. A persar da variedade, obsérvase que se impoñen temáticas que poñen o foco na saúde, no coidado do medio... na actualidade da realidade que estamos a vivir.
 
Imaxe do PDI "Botarse ao monte" do CEIP P. As Covas-Meaño 
 
Proxectos nos que andan as bibliotecas escolares galegas: 
 

#bescolaresgalAbertas: Familias na biblioteca escolar

 

 

 

Enfrontamos o segundo trimestre dun curso cheo de incerteza no que as bibliotecas escolares galegas deron apuntalado actividades sistematizadas e a participación e colaboración da comunidade educativa.

É o caso da implicación das familias, esas que estiveron aí durante o cese da actividade presencial e que continúan agora, presencial ou virtualmente, coas súas lecturas, colaboracións, participando nos proxectos, na radio, nos clubs de lectura...

Os bos resultados desta vinculación levaron aos centros a buscar a situación máis axeitada para seguir procurando a súa complicidade e implicación nas propostas e actividades da biblioteca escolar.

 

Imaxe da biblioteca do CRA de Culleredo (A Coruña)

 

Participación das familias nas bibliotecas escolares galegas:

 

 

 

 

#bescolaresgalAbertas: Voluntariado na biblioteca escolar

 

 

Ao inicio deste curso, o traballo das bibliotecas escolares semellaba, máis que nunca, unha tarefa de difícil desempeño. Rematando xa o primeiro trimeste, as evidencias son que , aos poucos, as actividades sistematizadas van retornando.

E así ocurre co Voluntariado na biblioteca escolar, unha das iniciativas do programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Un curso máis os voluntarios e voluntarias, tanto de primaria como de secundaria, comprométense a realizar unha serie de tarefas en relación coa biblioteca. Axustándose aos protocolos que a situación sanitaria esixe, editan vídeotitoriais que explican as novas normas, a formación de usuarios, o funcionamento das mochilas viaxeiras; realizan os préstamos nas súas aulas, desenvolven actividades de fomento da lectura, obradoiros creativos, programas de radio...

A pesar da situación, e máis que nunca, este programa continúa favorecendo actitudes de colaboración e solidariedade, colaborando na formación dunha cidadanía crítica e comprometida.

 

Na imaxe, voluntario preparando unha mochila viaxeira na biblioteca do CEP Brea Segade (Taragoña-Rianxo) 

Actividades de voluntariado nas bibliotecas escolares galegas:

 

 

IES Luís Seoane (Pontevedra): un centro LÍA.2

O IES Luís Seoane, de Pontevedra, conta cunha biblioteca escolar activa desde hai anos, integrada no Plan de mellora de bibliotecas escolares a partir do curso 2008/2009. Este centro que leva tempo traballando en propostas colaborativas de ámbito internacional contempla a súa biblioteca como referente para o alumnado á hora de explorar, deseñar, informarse, compartir, crear e comunicar en relación coas temáticas nas que se implica, como membro destacado das Escolas Asociadas Unesco ou os programas Erasmus de colaboración. En 2019 esta biblioteca foi convidada a participar no proxecto "Bibliotecas LÍA.2" da consellería de Cultura, Educación e Universidade. É tamén sede de varios grupos de lectura, iniciativa na que participan desde 2013. Da man de profesorado e alumnado coñecemos esta biblioteca e algúns dos seus espazos, servizos e actividades.

Materiais do Encontros Bibliotecas Escolares de Galicia 2020 na rede

 

 

 

Os pasados 19, 20 e 21 de novembro de 2020 celebrouse, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, o Encontro de Bibliotecas Escolares de Galicia 2020 na rede. Cun formato telemático, debido a situación sanitaria, desenvolvéronse conferencias plenarias e tres itinerarios formativos: Biblioteca Escolar, Xeografías Lectoras e Biblioteca Escolar Fronte á Adversidade.

No enlace que adxuntamos a redeBE podedes acceder aos vídeos das presentacións e aos materiais aportados  polos poñentes.

 

 

 

 

 

 

 

 

CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela): un centro LÍA.2

 
Alumnado voluntario da biblioteca do CEIP Lamas de Abade, de Santiago de Compostela, guíanos a través dunha reportaxe da súa emisora de radio pola biblioteca escolar que coñecen tan ben. A biblioteca O recuncho de Abadiño integrouse no Plan de mellora de bibliotecas escolares no ano 2006 e tense significado polas súas actividades de fomento da lectura e polos traballos interdisiciplinares nos que participa todo o centro, coordinados desde a biblioteca escolar, entre outros aspectos. En decembro de 2017 foi integrado no proxecto "Bibliotecas LÍA.2,  ao aceptar o reto da consellería, co fin de explorar as posibilidades de evolución da súa biblioteca cara un centro creativo das aprendizaxes. O traballo realizado até o momento indica que esa evolución estase vivindo xa e que non para aquí, porque é unha biblioteca viva que vai adaptarse ás necesidades do alumnado e da comunidade educativa. 
 
 

Novos artigos sobre bibliotecas escolares na Revista EDUGA de decembro de 2020

 
 
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade  vén de facer público o novo número da Revista Galega do Ensino (EDUGA), que conta cunha sección fixa de Bibliotecas Escolares. Neste número 80 de decembro de 2020 publícanse un total de 6 artigos, nas tres sub-seccións: Biblioteca escolarBoas prácticas e Hora de Ler. Nestes artigos, atopamos reflexións e actividades sobre o papel da biblioteca creativa no cambio das dinámicas dos centros e na promoción dos talentos do alumnado, a radio como nexo de unión durante o cese da actividade formativa presencial, o traballo por proxectos e as xeografías lectoras propias e imaxinadas. Unha revisión destes artigos, e do resto de traballos publicados en números anteriores da revista, serve para achegarse á realidade das bibliotecas escolares galegas, autenticos motores de innovación e viveiros de cidadanía, tamén en tempos estranos.
 

 Xeografías lectoras na biblioteca escolar

Asesoría de bibliotecas escolares 

 

As bibliotecas creativas e a diferenciación curricular

Diego Rúa Romero - CEIP Canosa-Rus (Coristanco-A Coruña)

 

Betanzos, 800 anos

Julián Ferrer, Mª Jesús Santamariña e Mª Carmen Suárez

IES Francisco Aguiar (Betanzos-A Coruña) 

 

Onda ti: a radio que une

Diego A. López Rodríguez - CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña) 

 

 Biblioteca creativa: removendo conciencias

Miriam Area Rodríguez - CEIP P. da Torre-Cela (Bueu-Pontevedra) 

 

Xeografías lectoras: atlas de lugares imaxinarios

Mª Carmen Rubio Piñeiro - CEIP Saco e Arce (Toén-Ourense) 

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020/2021

 

O Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva da Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020/2021, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 23 de decembro de 2020. Distribúense contías, por un importe global de 200.000€, para o funcionamento de grupos de lectura en 213 centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral. Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 85% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquirirán pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 15% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librerías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistenca ao teatro, sempre relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.

 

 

CEIP de Cervo (Cervo, Lugo): un centro LÍA.2

 
A biblioteca do CEIP de Cervo forma parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares desde 2007, cunha actividade sempre moi importante, aberta a colaboracións e compromisos co entorno a través de proxectos propios e de proxectos compartidos coa "micro-rede da Mariña", un dos grupos de colaboración de bibliotecas escolares máis activos de toda a Rede de bibliotecas escolares de Galicia. Co paso dos anos a comunidade educativa do CEIP de Cervo foi construíndo unha cultura pedagóxica ben enraízada no seu medio e aberta  tamén ao mundo, participando, desde o facer da biblioteca, en programas de colaboración europeos. A través de distintas voces desta comunidade de aprendizaxe que pouco a pouco vai construíndose no CEIP de Cervo, arredor da súa biblioteca, podemos coñecer un dos proxectos educativos de maior interese nisto que chamamos as #bescolaresgal: 
 

 

CEIP de Vilar de Barrio (Vilar de Barrio, Ourense): Un centro LÍA.2

 
Vilar de Barrio é unha poboación pequena da provincia de Ourense, situada na Serra de San Mamede, cun centro educativo de infantil e primaria pequeno (arredor de 50 alumnos e alumnas), cunha biblioteca ben fermosa e ben activa, a biblioteca da Araña Maraña. Esta biblioteca, integrada no Plan de mellora desde 2010, abordou importantes transformacións nos dous últimos anos e hoxe é un espazo educativo integral, unha biblioteca creativa potente, lugar de encontro e de creatividade, espazo de convivencia e de aprendizaxe, un centro LÍA.2, grazas a un equipo docente creativo e comprometido e unha rapazada imaxinativa e con ganas de aprender e compartir. Entremos na biblioteca da Araña Maraña sen medo e cos ollos abertos: 
 

Por outro ano de boas lecturas!

 

Remata un ano estraño e difícil, un ano que mudou a nosa xeografía lectora, un ano no que descubrimos a capacidade reparadora e sanadora da lectura.

Que mellor xeito de enfrontar o 2021 que acudindo ás seleccións de lectura das nosas bibliotecas escolares, que chegan, unha vez máis, cargadiñas de libros, música, xogos, películas...  

Colaboracións:

Bibliotecas Escolares Solidarias. Centros inscritos nos programas de voluntariado para o curso 2020/2021 (primaria e secundaria

Portal Educativo publicou as relacións de centros que se adscriben a dúas das accións incluídas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, segundo a convocatoria deste programa do  16 de novembro de 2020.
VOLUNTARIADO DE LECTURA-A (alumnado de 5º e 6º de primaria): 62 centros inscritos. 
VOLUNTARIADO NA BIBLIOTECA ESCOLAR (alumnado de ensino secundario): 80 centros adheridos.
Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura Educación e Universidade  (Dirección Xeral de Centros e RR HH) en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

IES Valadares, de Vigo (Pontevedra): un centro LÍA.2

A biblioteca do IES Valadares, de Vigo, forma parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares desde 2016 e foi convidada a participar no proxecto "Bibliotecas LÍA.2" en 2018, pola súa traxectoria de traballo a prol das competencias informacionais e mediáticas do alumnado, e polo compromiso do equipo de biblioteca e do conxunto da comunidade educativa cunha biblioteca acorde ás necesidades do alumnado na sociedade do século XXI en materia de lectura e de información. Inmersos nunha dinámica de innovación pedagóxica, a biblioteca O Sobreiral das Palabras é unha referencia en materia de lectura, traballo coa información e os medios de comunicación, inclusión e voluntariado, con forte presenza nas redes sociais. 

CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra): un centro LÍA.2

Coñecemos, da man de nenas e nenos, nais e profesoras, a biblioteca do CEIP de Leirado (Salvaterra de Miño, Pontevedra), unha biblioteca moi activa desde a súa incorporación ao PLAMBE en 2007. Incorporada ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2" en 2018, ampliou espazos e funcións, ofrecendo agora maiores posibilidades a toda a comunidade educativa para aprender con recursos diversos e ter acceso a bens e actividades culturais, nunha dinámica de atención á diversidade e igualdade de oportunidades para todas e todos. Explícao moi ben a responsable da biblioteca, Aurora Leirado cando di: "Todos estes recursos ao alcance do nos alumnado en medios onde, ao mellor, non teñen tanto acceso a nivel persoal a ter contacto con todo este tipo de cousas, é sen dúbida o mellor exemplo de que unha biblioteca é fundamental para a igualdade de oportunidades no acceso á cultura, á educación e a crear cidadáns capaces de compartir un espazo común e uns recursos comúns."

CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra): Un centro LÍA.2

Visitamos a biblioteca do CEIP Quintela, de Moaña, integrada no PLAMBE desde a segunda convocatoria en 2006, que evolucionou seguindo as necesidades do seu alumnado e o propio desenvolvemento do modelo de biblioteca escolar para adaptarse ás novas demandas que a sociedade lle vai facendo ao sistema educativo. De sempre, unha das liñas de traballo deste centro foi a colaboración coas familias, tamén desde a biblioteca escolar. En 2018 incorporouse ao proxecto "Bibliotecas LÍA.2". O equipo docente aceptou o reto da consellería para colaborar na exploración das novas funcionalidades da biblioteca escolar e, como podemos ver neste audiovisual, os avances son importantes e a biblioteca é hoxe un espazo de encontro e un centro creativo das aprendizaxes, tal e como se pretendía. Coma en todos os centros LÍA.2, a biblioteca como organismo vivo seguirá ampliando os seus obxectivos e ofrecendo a toda a comunidade educativa ocasións para a lectura, a escrita, a investigación, o traballo colaborativo, a comunicación e a convivencia. 

CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, de Vigo: un centros LÍA.2

O CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, de Vigo (Pontevedra) iniciou no ano 2019 unha transformación importante para ampliar a súa biblioteca e incorporar novos espazos, novos servizos, novas funcionalidades, como centro incluído no proxecto "Bibliotecas LÍA.2". Realizáronse intervencións destinadas a favorecer o tipo de prácticas educativas que viñan levando a cabo, convencido como está o equipo docente dos beneficios das metodoloxías activas, o traballo colaborativo e a formación do alumnado en competencias informacionais e mediáticas coa lectura e a escrita na base de todo. Unha biblioteca viva e inclusiva onde todo o alumnado pode desenvolver as súas capacidades. Un centro creativo das aprendixaxes en pleno exercicio. Este documento audiovisual, gravado na biblioteca do centro no outono de 2020 é un bo exemplo de como as bibliotecas escolares poden seguir sendo espazos de encontro e de aprendizaxe, mesmo en situacións adversas. Só é preciso ter claro os obxectivos e formar ao alumnado no uso dos espazos e dos materiais, e axustar as actuacións ás circunstancias, agardando tempos mellores.