Os ecosistemas da Terra. Un traballo documental en 5º de Primaria


 

Desde a biblioteca do CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños, A Coruña), chéganos información sobre o traballo que estiveron realizando as alumnas e os alumnos de 5º curso de Primaria, dentro do proxecto "Os Ecosistemas da Terra". "Trátase dun traballo documental que puideron escoller presentar en papel ou presentación electrónica. Tiveron catro semanas para elaboralo. O deseño incluía descriptores da competencia de CM, linguística (texto expositivo e exposición oral, diversos tipos de lectura...), tratamento da información e autonomía persoal. O traballo, unha vez finalizado, tivo que ser exposto oralmente ao resto do grupo así como recibir a avaliación deles."

No blogue do alumnado de 3º ciclo, insertado no blogue da biblioteca, podemos ver as distintas presentacións elaboradas no contexto deste traballo: unha labor seria de educación para a competencia informacional e para unha aprendizaxe significativa.

A biblioteca, un espazo para a ciencia



O profesorado das áreas de ciencias ten na biblioteca escolar un aliado esencial para motivar ao seu alumnado, e para ofrecer fontes alternativas ao libro de texto: recursos variados, actualizados, motivadores, imprescindibles para contrastar a información; recursos electrónicos seleccionados, acceso a fontes diversas e plurais. Pero a biblioteca é tamén unha plataforma para a difusión dos traballos de investigación do alumnado.

Nesta ocasión, a biblioteca do IES Alexandre Bóveda (Vigo) é escenario para a presentación dun "concurso" de maquetas realizadas polo alumnado de ESO na materia de Bioloxía. E velaquí o vídeo que documenta este importante momento para o alumnado: o de explicar o "produto" dun proxecto. Detrás da maqueta hai horas de investigación, explicacións, estudo, deseño, colaboración e aprendizaxe. Saber expoñer o traballo, neste caso unha maqueta, ao resto dos compañeiros, é tamén unha práctica necesaria porque en tempos da sociedade da información as habilidades orais, lonxe de quedar superadas, constitúen unha das ferramentas máis poderosas para moverse no ámbito persoal, académico, laboral, social e cidadán. 

Aniversario do nacemento de Rosalía

Rosalía de CastroO vindeiro 24 de febreiro estamos novamente de celebración. Nesta ocasión polo 177 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro (1837-1885).

Xa son moitas as bibliotecas escolares dos centros onde se está a traballar realizando os preparativos das correspondentes actuacións para que en Galicia se recorde a unha das máis grandes escritoras e poetas en lingua galega, producindo numeroso material que vos trasladamos desde a asesoría:

Centenario do nacemento do poeta Xosé María Díaz Castro

Este ano o Día das Letras Galegas rende homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro e este mércores 19 de febreiro celébrase o centenario do seu nacemento.

Así é que desde o equipo da biblioteca do centro educativo IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz (Lugo) e de todo o conxunto do seu equipo docente e alumnado anímannos a todos a celebrar este acontecemento convidándonos a que en tódolos centros galegos se proxecte o documental creado polo seu alumnado no curso anterior, en colaboración con “Pasen y Vean comunicación” [1].

Documental: A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro.

Ademais tamén nos achegan o seguinte material complementario a este documental:

Outra achega que nos fan é unha proposta dunha actividade con diferentes xogos relacionados co autor. Esta actividade é obra da profesora María Miragaya a partires do obradoiro da especialista Chus Otero que podedes descargar no ficheiro que se xunta.

---
[1] http://lamujerforzuda.wordpress.com/

Recursos electrónicos na biblioteca escolar

 

Unha das funcións máis importantes da biblioteca escolar é a de seleccionar recursos electrónicos en función das necesidades do centro, sempre ao servizo do desenvolvemento do currículo e a formación de lectores competentes. Estes recursos deben estar clasificados cun estandar, como a CDU, e dispoñibles para toda a comunidade educativa (por exemplo, a través do blogue da biblioteca escolar, integrado así mesmo na páxina web do centro). 

Nno blogue da biblioteca do CPI Luís Díaz Moreno (Barralla, Lugo) atopamos unha sección titulada Recursos CD, na que aparecen recollidos unha importante cantidade de espazos web e materiais, seleccionados e clasificados segundo os distintos apartados da CDU, e tamén, dispoñibles para tod@s. Un bo exemplo, sen dúbida. 

Cómprenos agora establecer un sistema para integrar nun só espazo os recursos seleccionados por distintas bibliotecas, co fin de rendabilizar esforzos e aproveitar todos a enerxía posta nestas actividades. Niso andamos. 

Formación de usuarios básica (pero esencial)


Vídeo sobre a CDU realizado pola biblioteca do IES A Xunqueira II, de Pontevedra, e empregado nas primeiras sesións de formación de usuarios.

Guía dos colaboradores da biblioteca. IES Rafael Dieste

A formación do alumnado colaborador é esencial para que este grupo de apoio á biblioteca poida exercer con eficiencia as súas funcións. Desde o IES Rafael Dieste, de A Coruña, chéganos esta GUÍA DOS COLABORADORES, que pode dar unha idea do tipo de actividades que poden desenvolver na biblioteca.

A biblioteca, apoiando proxectos de centro. Nos conservatorios de música, tamén.

Son moitos os camiños da educación en valores nos que a biblioteca ten un papel fundamental, e a organización dun concerto solidario cunha causa xusta pode ser un deses camiños. Cando se trata, ademais, dun centro especializado en ensinanzas musicais, a actividade entronca radicalmente co currículo que imparte e coa formación integral imprescindible. E aí está a biblioteca. 

Velaquí a proposta do Conservatorio Profesional de Música de Vigo que, en colaboración coa Asociación ASPERGA (Asociación de Familias de Persoas Afectadas pola Síndrome Asperger), de Vigo, está a organizar unha xornada específica sobre o síndrome de Asperger, cunha charla dirixida a alumnado, familias e calquera outra persoa interesada en coñecer "como se debe actuar cun neno, cunha unha nena, afectados por este síndrome".  Será o 20 de febrerio ás 18,30h. da tarde. Posteriormente, alumnado do centro dará un concerto solidario para recadar fondos para a devandita asociación.

Desde aquí damos difusión a esta actividade pero, especialmente, celebramos o feito de que a biblioteca participe neste tipo de iniciativas que, finalmente, reforzan vínculos de cidadanía, pero ademais, son plataforma para a difusión dos avances do alumnado do centro nas materiais que lles son propias como alumnos de estudos musicais. 

Voluntariado de lectura - A no Vales Villamarín, de Betanzos


NO CEIP Vales Villamarín, de Betanzos, que participa na iniciativa Voluntariado de Lectura - A, existe un grupo de colaboradores da biblioteca que teñen moi claras as súas competencias, tal e como lemos no blogue da biblioteca e podemos apreciar nestas imaxes:

63 nenas e nenos de  5º de E.P. forman o grupo de alumnos colaboradores da biblioteca, que, en parellas, desenvolven moi ben as súas tarefas:

    Acompañar ao alumnado do 1º ciclo na travesía cara a biblioteca.
    Axudar no cumprimento das normas.
    Colaborar cos demais, especialmente co alumnado de 1º ciclo, a buscar libros apropiados á súa idade e gustos.
    Colocar e axudar a colocar correctamente os libros nos andeis.
    Retirar os libros deteriorados.
    Participar no taller de reparación de libros deteriorados, denominado Hospital de libros.

Libros electrónicos no CEIP A Gándara, de Monforte de Lemos

 

 A biblioteca do CEIP A Gándara de Monforte de Lemos ofrecen xa lectores electrónicos ao seu alumnado. Velaquí os materiais informativos que prepararon para a posta en marcha deste novo "servizo" da biblioteca destinado a ofrecer aos nenos e ás nenas unha nova experiencia de lectura. 

NESTA LIGAZÓN reúnense recursos de diferentes centros relacionados co uso dos libros electrónicos

30 de xaneiro, Día da Ilustración en Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incluíu por primeira vez, no calendario da lectura de 2014, a celebración do Día da Ilustración en Galicia, coincidindo coa data de nacemento de Castelao, e celebrando así unha das facetas desta importante figura da historia e da cultura galega. E a estrea é de luxo pois vén acompañada dun cartel deseñado por Miguelanxo Prado, un dos máximos representantes do mundo da ilustración galega. Este cartel serve para publicitar unha programación específica sobre o mundo da ilustración nas bibliotecas nodais de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo) así como a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura de Compostela.

Comezan a chegar noticias dalgúns centros escolares que tamén se fan eco desta iniciativa:

 

Lectura dixital na Hora de Ler

No CEP Xosé María Brea Segade, de Taragoña (Rianxo), tras un periodo de preparación, comezan a utilizar nas aulas os lectores electrónicos adquiridos grazas á súa participación no Proxecto E-LBE da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, destinado á incorporar os dispositivos de lectura electrónica nas bibliotecas escolares. Tal e como explican no seu blog, os lectores van ás aulas para seren utilizados na Hora de Ler. A información que se subministra a profesorado e alumnado facilita a aclimatación a estes dispositivos e favorece unha nova experiencia lectora.

30 de xaneiro: Día escolar pola Paz e a Non Violencia nas bibliotecas escolares

Chega xaneiro ao seu fin pero antes unha data no calendario civil cunha gran potencialidade educadora: O Día Escolar da Non Violencia e a Paz, que se celebra en España desde 1964, e á que se foron sumando múltiples asociacións e colectivos que traballan pola Cultura de Paz, entre eles o Seminario Galego de Educación para a Paz.  As bibliotecas escolaresacollen esta data nas súas programacións, programan actividades e recompilan recursos que poñen ao servizo das súas comunidades educativas e, a través de internet, dispoñibles para toda a cidadanía:

Blogues das bibliotecas escolares galegas

 

As bibliotecas escolares galegas foron pioneiras na creación de blogues como instrumento para saír ao mundo e para incorporar recursos electrónicos diversos á colección, entendida como o conxunto de materiais disponibilizados para a comunidade educativa. Desde as primeiras bitácoras (creadas arredor do 2005) ata o momento, foron moitos os cambios experimentados polas bibliotecas, cambios que ás veces se poden seguir a través destas fiestras que as comunican co exterior. Tras unha actualización nesta páxina, pódense consultar con maior facilidade as bitácoras dun bo feixe de bibliotecas nas ligazóns seguintes, ás que se irán incorporando aquelas das que vaiamos tendo noticia: 

 

"Nuevas dinámicas para la biblioteca escolar en la sociedad red"

 

A Consejería de Educación, Cultura y Deporte da Junta de Andalucía, publica un novo número da serie BECREA: Nuevas dinámicas para la Biblioteca Escolar en la sociedad red.

As transformacións que se están a producir na actual sociedade da información provocan cambios profundos na escola e as bibliotecas escolares deben estar atentas a adaptarse e acompañar estes cambios, pois é esta a única forma de cumplir a súa función de apoio aos procesos de ensinanza e aprendizaxe que se viven no centro. Aínda máis, as bibliotecas poden ser os instrumentos que as comunidades educativas poden empregar para avanzar na adaptación dos espazos, as metodoloxías e as actividades a novas formas educativas, máis acordes coas necesidades do alumnado actual. E así o veñen demostrando moitos centros que están xa deseñando e traballando en clave de presente e de futuro: ampliando espazos, diversificando funcións, modificando o concepto de colección coa incorporación dos recursos electrónicos, liderando propostas que facilitan a aprendizaxe baseada en proxectos, facilitando a lectura individual pero tamén a lectura compartida, a lectura social, incorporando a toda a comunidade educativa nas súas actuacións.

Esta nova achega desde Andalucía, baixo a dirección de José García Guerrero, incide nos cambios necesarios que a biblioteca debe abordar e facilita unha excelente selección de recursos para poder levar a cabo estas transformacións. Sen dúbida, unha ferramenta que será moi útil para todo o profesorado implicado no desenvolvemento das bibliotecas dos centros. 

 

Voluntariado de Lectura-A, en marcha.

Son moitas as bibliotecas que contan con alumnado colaborador e todas e todos eles están realizando, de seguro, unha actividade de voluntariado cultural, de voluntariado de lectura. Na imaxe,colaboradora de biblioteca do CEIP Mestres Goldar (Vigo)

Pero ademais, algúns centros acolléronse á iniciativa "Voluntariado de Lectura -A" da Consellería de Cultura, Educación e O.U., que procura, en consonancia con esta dinámica xa creada nas bibliotecas escolares, contribuír á formación das nenos e dos nenos en actitudes de solidaridade e de colaboración ao ben común e, tamén, vinculalos á actividade lectora. Comezan a chegar algunhas novas sobre actividades encadradas nesta iniciativa:

Resolución da convocatoria de Clubs de lectura para o curso 2013/2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Unniversitaria fai pública no Portal Educativo, a resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos pola que se resolve a convocatoria para incentivar o funcionamento de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario (ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Adultos, Ensinanzas de Réxime Especial), para o curso 2013/2014. Un total de 209 centros con club de lectura (un ou varios grupos) reciben axuda para o funcionamento desta iniciativa, encadrada no programa Hora de ler, para o fomento da lectura nos centros de ensino.

TEXTO DA RESOLUCIÓN

Nova sección de Bibliotecas Escolares na revista EDUGA

 
 
A revista dixital EDUGA, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fai público o seu número semetral correspondente a decembro de 2013, con novas seccións e un bo feixe de artigos de interese. Inclúese unha nova sección de Bibliotecas escolares, coordinada pola Asesoría de bibliotecas escolares, que consta de tres apartados: Biblioteca Escolar, Boas prácticas e Hora de ler.
Este número acolle, entre outras prácticas de excelencia, varias experiencias relacionadas coas ciencias: proxectos e dinámicas de bibliotecas escolares arredor dos contidos científicos, como expresión dun enfoque integrador que se propón como esencial para o funcionamento da biblioteca escolar nos centros de ensino.

Lecturas para tempos fríos

Comezan a chegar as primeiras guías de lectura para o Nadal desde as bibliotecas escolares galegas. Estas guías, moi diversas en enfoque e contido, están pensadas para orientar a selección de lecturas do alumnado e das súas familias e para axudar a nais e pais na escolla de agasallos de calidade. Reflicten a variedade de oferta que a indstria editorial galega e foránea pon a disposición das persoas lectoras. Son, pois, un instrumento para o fomento da lectura especialmente cando inclúen unha pequena recensión que orienta sobre o contido de cada un dos títulos seleccionados. Ademais de libros, as guías acostuman recomendar música ou cine, e tamén recollen con frecuencia, enderezos electrónicos de interese.

Felices escoitas!

Felices Escoitas from Linguaxe Musical on Vimeo.

 

Este vídeo que nos remiten desde a biblioteca do CMUS Profesional de Vigo invitanos a entrar e paseármonos pola biblioteca, coa escusa do Nadal. É un bo exemplo dunha biblioteca que adapta o modelo xeral de biblioteca/centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe ao contexto dun centro especializado nunhas determinadas ensinanzas, como é neste caso, as musicais. Visitar o blogue desta biblioteca é tamén unha forma de coñecer a súa actividade: http://biblioconservigo.blogspot.com.es/

Conto para o Kamishibai: O APALPADOR

 

O kamishibai ou teatriño xaponés, é un bo aliado para reforzar a oralidade. Desde o CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla, nos remiten este conto para kamishibai, que xenerosamente ofrecen a todos os centros interesados: 

10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos

Desde a biblioteca do CEIP A Maía, de Ames (A coruña) chéganos esta presentación sobre Nelson Mandela, unha boa forma de homenaxear á figura deste home que hoxe despide o mundo entre declaracións diplomáticas, alardes informativos e sentimento desbordado, mentres os dereitos humanos polos que el sempre traballou seguen pendentes para moitos miles de persoas en todos os recunchos da terra. É unha boa maneira tamén de lembrar, neste 10 de decembro, que se pode construír aínda unha sociedade xusta coa urdimbre que ofrece a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
As bibliotecas escolares galegas estanse sumando a esta homenaxe a Nelson Mandela, con entradas nos seus blogues e actividades diversas nos centros. Velaquí algúns exemplos:

Axudantes da biblioteca, unha forma de adquirir competencias ALFIN

APRENDENDO A TRABALLAR CO "MEIGA" by Slidely Slideshow

Formar un grupo de colaboradores da biblioteca escolar é unha das fórmulas máis axeitadas para conseguir vincular o alumnado á biblioteca, aos beneficios e ás posibilidades da biblioteca escolar. Pero, ademais, cando ese grupo de colaboradores se forma a comezo de curso, e se responsabiliza de tarefas complexas como o préstamo de libros a través do programa informático, están adquirindo destrezas dixitais e de uso da información de gran interese. Velaquí o exemplo dunha sesión de formación "para aprender a usar o Meiga" na que participaron nenas e nenos de 3º ciclo de Primaria do CEIP Santiago Apóstolo, de Franza (Mugardos). Despois, estas nenas e estes nenos serán quen de realizar o préstamo aos seus compañeiros e compañeiras, pero sobre todo están aprendendo minimamente a manexarse cunha base de datos, a seguir un proceso, a identificar categorías, etc., etc.
Na meirande parte dos casos, o profesorado da biblioteca complementa estas sesións de formación cunha guía de colaborades ou axudantes. Podemos ver algúns exemplos

Premios Nacionais de Educación 2013. Presenza galega


O pasado 29 de novembro, o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte daba a coñecer a relación de centros galardoados cos Premios Nacionais de Educación na ensinanza non universitaria 2013. Resulta moi satisfactorio comprobar a presenza de centros galegos entre os premiados, moi especialmente cando as experiencias son, ademais, impulsadas ou apoiadas pola biblioteca escolar de cada un destes centros. Este é o caso do "Premio para el uso de las TIC como apoyo a la personalización del aprendizaje en educación secundaria", concedido ao equipo docente do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, polo proxecto "m-TIC. Programado aplicacións con _APP INVENTOR", e que podemos coñecer a través deste vídeo que xa publicáramos na páxina de bibliotecas escolares.
É gratificante ver tamén recoñecido o proxecto documental integrado A LINGUA SABE A PAN, do CEIP Frián-Teis, de Vigo, unha das experiencias de traballo interdisciplinar, impulsada desde a biblioteca escolar e que involucra a toda a comunidade educativa, que consideramos modélica e que se está a difundir a través das actividades de formación do profesorado, como una práctica de excelencia. Nesta ocasión é un "Premio al Desarrollo de Competencias de Lectoescritura y Audiovisuales".
Resultaron tamén galardoados traballos do IES de Ames: Los petroglifos de Ames ("Premio al Uso de Tecnologías Aplicadas a la Educación ").
Entre os centros galardoados figuran outros centros galegos:
- Colegio Internacional SEK Atlántico, de Poio, por unproyecto "productores de cine"
- Catro centros que participan no "Proyecto colaborativo Libro Virtual Gloria Fuertes" (CEIP Manuel Sieiro, de Crecente; CEIP Nosa Señora das Dores, de Forcarei; CEE Terra de Ferrol, de Ferrol; CPR Luis Vives, de Ourense), un proxecto no que participan cincuenta e catro centros docentes de diferentes Comunidades Autónomas. Reciben o premio para proyectos conxuntos entre equipos docentes de distintos centros españois de primaria.
Parabéns a todas as comunidades educativas que están detrás destes traballos.