Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas - 2018

Un ano máis, as consellerías de Cultura e Educación, a través das unidades responsables das bibliotecas públicas e escolares, xunto coa  Secretaría Xeral de Política Lingüística, convidan á celebración do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Ademáis da publicación dun manifesto que cada ano se encarga a un científico ou científica da nosa comunidade, desde a consellería de Cultura edítase un documento que recolle as actuacións no ámbito das bibliotecas escolares, do departamento de  Política Lingüística, e a programación das Biblioteca de Galicia e das seis bibliotecas nodais (públicas, de xestión autonómica) prevista para este mes. 
O Manifesto deste ano 2018 está asinado por Luís Navarro, Profesor titular de Bioloxía da Universidade de Vigo, integrante do grupo Divulgare, da mesma universidade, e ten frases lapidarias coma esta que moito lle agradecemos:  "Para ser libre mediante a cultura, igual ca para facer boa ciencia, hai que ler".  
Recomendamos a lectura pausada deste manifesto de Luís Navarro e lembramos algúns dos recursos dispoñibles para estimular o achegamento á ciencia en galego, en novembro e durante todo o ano, na biblioteca escolar. 
Recollemos aquí as actividades levadas a cabo durante este mes nas bibliotecas escolares galegas, relacionadas coa ciencia en galego.