Rematados os II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, con éxito de participación

O sábado á noitiña, cunha interpretación das conclusións en clave de clown, remataban os II Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, que reuniron ao longo da tarde do venres e todo o sábado a uns 970 profesores e profesoras de toda Galicia integrantes, maioritariamente, dos equipos de biblioteca dos centros non universitarios, ademais doutro profesorado interesado neste ámbito.

A conferencia de peche, a cargo de Antonio Basanta Reyes, baixo o título "A primeira biblioteca", emocionou, divertiu e incitou á reflexión sobre diversos aspectos da lectura e das bibliotecas, a un profesorado que seguiu con interese as 26 experiencias presentadas por centros educativos e as conferencias dos expertos en ámbitos como a investigación sobre os procesos da lectura (Isabel Solé), a biblioteca escolar e a súa contribución ao desenvolvemento do currículo (José García Guerrero) ou os proxectos documentais integrados e a Alfabetización Informacional (Rosa Piquín).

A organización estivo a cargo da Asesoría de Bibliotecas Escolares, en colaboración cos asesores e asesoras deste ámbito dos distintos centros de formación e recursos.