Traballar sen libro de texto, con textos de libros, integrando as TIC

Todo comezou cando a Biblioteca escolar fixo a súa programación cun tema moi peculiar: "Piratas". A proposta parecía interesante. Pero...como entrar no mundo pirata a través das Matemáticas? Pouco a pouco a idea foi madurando e collendo forma. Só había que buscar materiais e adaptalos para que os contidos matemáticos de 6º tiveran algo que ver co tema en cuestión.

E así foi como apareceu o fío conductor que precisabamos: a novela "Os piratas da illa da Esperanza" do escritor muxián X.H. Rivadulla Corcón. Esta obra de temática mariñeira sobre a lealtade e a amizade constitúe a base da programación de Matemáticas deste curso para 6º de Primaria. E permite non só afondar no mundo das cantidades, dos espazos e formas, do tratamento da información e azar, senón tamén nos temas transversais: educación para a saúde, para o ocio e tempo libre, para a paz..

Este texto, extraído do blogue TRIPULACIÓN PIRATA, da Área de matemáticas de 6º de primaria no CEIP OS MUÍÑOS, de Muxía (A Coruña) é ben clariño: os recursos da biblioteca ao servizo do tratamento do currículo. Obviamente, esixe bibliotecas escolares en activo e profesorado comprometido coa súa profesión. Pero unha visita a este blogue aínda nos dá outra sorpresa: a realidade XA, da Escola 2.0, que non existe só cando hai ordenadores en determinado número, senón cando se saben empregar con finalidades educativas as múltiples potencialidades de todos os recursos ao noso alcance, entre eles, os que proporcionan as tecnoloxías da información e da comunicación.  Parabéns ao profesorado do CEIP dos Muíños.