I Encontro Lectura e Familias. "Lemos xuntos". Sanxenxo, 12/13 de abril de 2012

Un dos aspectos que é preciso contemplar no deseño desenvolvemento dos Proxectos Lectores de centro é a maneira de implicar ás familias na formación dos pequenos como lectores e lectoras competentens, e  o seu papel na adquisición dos hábitos de lectura. Son moitas as iniciativas que se levan a cabo nos centros, desde as aulas e desde as bibliotecas escolares, nese traballo conxunto  cos pais e nais, co fin sempre de poñer en valor a actividade da lectura: unha competencia fundamental para o desenvolvemento persoal, académico e social dos nenos e nenas.  

Desta vez, xúntanse vontades e profesionalidade dos equipos de biblioteca de varios centros do concello de Sanxenxo, e xunto con ANPAS, librerías e o propio Concello, botan a andar o I Encontro de Lectura e familias, LEMOS XUNTOS, que se vai celebrar os días 12 e 13 de abril no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo (Pontevedra). Obradoiros para nenos e mozos, conferencias para os adultos, sesións de narración oral, lecturas públicas e recitais configuran un programa de interese, que conta coa colaboración da propia Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Está aberto aínda o periodo de inscrición en obradoiros para os máis novos e "encontros da noite", previstos para os adultos.

Toda a información, no blogue da actividade: LEMOS XUNTOS SANXENXO. Tamén en facebook e twitter

Parabéns aos EQUIPOS DE BIBLIOTECA dos centros organizadores: IES SANXENXO, IES VILALONGA, CEIP A FLORIDA, CEIP DORRÓN, CEIP PORTONOVO, así como ao resto dos centros do concello que se sumaron á iniciativa e ás súas comunidades educativas.