Espazo de "lecturas compartidas" no CEIP de Andrade

Segundo van cobrando vida, as bibliotecas escolares van creando novos espazos e atopando novas funcións que cubrir. Atender a todos os sectores da comunidade educativa significa poñer atención ás súas necesidades e ás súas formas de relación con  respecto á lectura. Velaquí o novo espazo creado pola biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), destinado ao intercambio de libros entre os adultos da súa comunidade e que chamaron acertadamente "Lecturas Compartidas". A disposición das cadeiras chama ao encontro e á conversa, tan necesarios. 

Esta iniciativa súmase a outras anteriores nas que os centros recuperan pequenos espazos como "seccións" da biblioteca especialmente destinadas a pais e nais. En definitiva, trátase de abrir a biblioteca a todos os axentes que interveñen na formación dos pequenos lectores, pero que tamén queren vivir experiencias lectoras persoais e novidosas, en contacto con outros.

+ información