V Xornadas de bibliotecas escolares

Está aberto en FPROFE o prazo de inscrición para as V XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, que se organizan para os vindeiros 7 e 8 de novembro de 2014, en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos). 

Retómase así esta cita anual do profesorado máis interesado no ámbito das bibliotecas escolares, a lectura e o traballo por competencias desde e coa biblioteca escola; o profesorado que mantén a xestión das bibliotecas nos centros ou precisa para exercer a súa función docente destes instrumentos esenciais para o desenvolvemento do currículo e a formación integral do alumnado.

O programa destas V Xornadas de  Bibliotecas Escolares de Galicia contará con experiencias moi variadas nas que a biblioteca ten un papel protagonista (lectura e alfabetizacións múltiples, traballo coas matemáticas, proxectos interdisciplinares), e coa presencia de expertos en áreas imprescindibles á hora de avanzar no campo das bibliotecas como a profesora Mónica Baró (referencia fundamental no ámbito das bibliotecas escolares desde a Facultade de Biblioteconomía e Documentación da Universitat de Barcelona). Pola súa parte, Javier Guallar  (profesor de documentación e de comunicación en varias universidades e editor da revista EPI, El profesional de la Información , co autor do libro "El content curator" e do blogue "Los content curators" ) introduciranos na "curación" de contidos nas bibliotecas. As xornadas iniciaranse coa conferencia do escritor Ricardo Gómez, autor de varios títulos de ficción e de divulgación nos que as matemáticas están moi presentes. Pechará estas V Xornadas o profesor da Universitat Autónoma de Barcelona, Jose Manuel Pérez Tornero, director do Gabinete de Comunicación e Educación nesta universidade, experto e consultor da UNESCO e da Unión Europea en materia de alfabetización informacional e mediática. Entre outras actividades, estas xornadas incluirán a presentación do informe do Consejo de Cooperación Bibliotecaria sobre "Prospectiva das bibliotecas 2020: As dez áreas que máis van cambiar nas nosas biblitoecas nos próximos anos". En breve difundirase o programa completo. 

O prazo de inscrición nestas xornadas remata o vindeiro 12 de outubro