Xornadas de convivencia do Voluntariado de lectura-A 2016

Entre o 24 e 27 de maio celebráronse no CRD da Coruña (Culleredo) as Xornadas de convivencia do Voluntariado de lectura-A deste curso 2015/2016, coa participación de 50 nenas e nenos, xunto co profesorado que os acompañaba, procedentes de catro centros de distintos lugares de Galicia que participaran nesta iniciativa integrada no programa Bibliotecas Escolares Solidarias. Un programa intenso de actividades pensado para que a experiencia fose educativa e enriquecedora: obradoiros de xogos cooperativos e tradicionais, lectura expresiva, narración oral, danzas do mundo, teatro, cantos e danzas tradicionais, formación de usuarios e elaboración dun booktrailer co teléfono móbil completáronse coa visita á Biblioteca Ágora e ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, ambos en A Coruña.

Este vídeo, elaborado por Aurora Ramilo, do CEIP de Leirado, ilustra moi ben o ambiente vivido nestes catro días de convivencia e aprendizaxe por nenas e nenos que colaboran durante todo o ano na biblioteca escolar do seu centro,  unha actividade que lles axuda a medrar como persoas autónomas, con habilidades para a toma de decisións e o traballo colaborativo, ao tempo que reforzan as súas destrezas en materia de lectura e de escritura.  

- Información sobre a visita á Biblioteca Pública Municipal Ágora en SUMA ÁGORA