Unha experiencia arredor da lectura

Rematado o prazo de inscrición de lectores e lectoras, a maiores do profesorado coordinador (237) participarán na X Xornada de clubs de lectura preto de 900 lectores e lectoras (alumnado e adultos) procedentes de 93 centros educativos de toda Galicia; alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, escolas oficiais de idiomas... Unhas 1.200 persoas poderán vivir unha experienica única arredor da lectura e dos autores e autoras galegos. Haberá ocasión tamén para o cómic, o audiovisual, o cine, o teatro, a música, as culturas urbanas, o xornalismo cultural, a narración... César Mallorquí, autor moi lido nos clubs de lectura, e recomendado polos departamentos de lingua e literatura, con dous títulos traducidos ao galego (As lágrimas de Shiva, O último traballo do Sr. Luna), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2013, será un broche literario fantástico para unhas sesións intensas arredor da palabra. A música de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, poñerá o fin á xornada:  música de raíz e coplas tradicionais pasadas polo tamiz de músicos actuais.

Os clubs de lectura son un fenómeno cultural que se está a dar nos centros galegos que esperta o interese do mundo editorial e dos autores e autoras; tamén dos profesioanis do mundo do libro e da lectura de fóra de Galicia que teñen coñecemento desta realidade. Por limitacións razoables, os lectores e lectoras que estarán presentes en Compostela o vindeiro 17 de xuño non chega ao 10% dos que, de forma periódica, se reúnen para falar de libros e compartir experiencia lectora ao longo do curso escolar.  

Ver o programa