Bibliotecas escolares

Proxecto Escornabots na biblioteca escolar - 2017

O Portal Educativo publica a Resolución de 17 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o Proxecto Escornabots na biblioteca escolar para o ano 2017, no contexto do Plan LÍA 2016/2020. Esta iniciativa, que botou a andar no ano 2016,  ten dados excelentes resultados nos 20 centros integrados até o momento no proxecto piloto (En breve, difundirase o informe de valoración cos resultados do primeiro ano do programa).

Poderán participar os centros públicos, de titularidade da consellería, ntegrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no presente curso 2016/2017 e, así mesmo, poderán solicitar a súa continuidade os centros xa integrados. Seleccionaranse un total de 20 centros de nova incorporación entre as solicitudes presentadas. Para a selección terase en conta a valoración acadada na memoria PLAMBE do curso 2015/2016 (ou proxecto, no caso dos centros novos no PLAMBE). Terán prioridade, en igualdade de condicións, os centros situados en concellos de ámbito rural.  A participación neste programa conleva un compromiso de participación nas actividades formativas previstas na convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de abril.

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017: vídeo-resume

Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Marzo 2017 from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Vídeo-resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017, celebrados os días 16 e 17 de marzo de 2017 no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Asistiron, convocados porla Consellería de Cultura, Educación e O.U., un total de 615 profesores e profesoras, todos eles responsables ou integrantes dos equipos de biblioteca dos seus centros, integrados neste programa da consellería que pretende a renovación e actualización constante das bibliotecas dos centros non universitarios e que beneficia ao 66% do alumnado dos centros públicos galegos.

Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares

O Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares é a folla de ruta  da que se dotou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para continuar o seu traballo  a prol das bibliotecas escolares e o fomento da lectura nos vindeiros anos. 
Lectura, Información e Aprendizaxe son os ámbitos de actuación da biblioteca escolar e dan nome a un plan de actuación estruturado en:
  • Obxectivos xerais do Plan LÍA de bibliotecas escolares
  • Unha ducia de desafíos, ou retos que cómpre abordar
  • Liñas de acción medidas concretas
Aínda que xa se vén traballando con esta nova folla de ruta, desde a a administración educativa galega quíxose formalizar e presentar este PLAN LÍA 2016/2020  de bibliotecas escolares nunha biblioteca en pleno funcionamento. Así hoxe, e con este motivo, o Presidente da Xunta de Galicia e o Consellerío de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria visitaron a biblioteca do IES Maruxa Mallo, de Ordes, e mantiveron un encontro co profesorado do centro, cunha visita incluída ao alumnado que neses momentos traballaba na materia "Investigación e Tratamento da Información", intimamente ligada aos obxectivos que se perseguen no desafío número 5, "as competencias ALFIN/AMI", e que conciben a biblioteca escolar, como instrumento imprescindible para a adquisición de competencias no uso, tratamento e produción de información. 
 

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Vídeo-resume

Os días 18 e 19 de novembro tiveron lugar en Compostela as VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, coa participación de preto dun milleiro de docentes da nosa comunidade. En RedeBE están dispoñibles os materiais destas xornadas.  Velaquí o vídeo resume:

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Vídeo-resume from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

CEIP de Rubiáns: Robótica na biblioteca

Robótica na biblioteca
Ao fío do Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar" o CEIP de Rubiáns achéganos o traballo que están a desenvolver coa robótica na biblioteca: http://bibliotecarubians.blogspot.com.es/2017/03/robotica-na-biblioteca.html

CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña: TODOS SOMOS MAKER! Obradoiros maker internivel

Dende o CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña achégannos unha experiencia internivel innovadora dentro do Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar": Obradoiros maker internivel.

"Como todos somos maker e neste cole nos encanta mezclarnos @s peques c@s maiores, organizamos uns obradoiros maker internivel. Mezclados por idades, dende os 3 aos 12 anos, pasamos unha divertida e interesante xornada, na que ademais de aprender, ampliamos as nosas posiblidades de xogo no recanto maker.

Os obradoiros elexidos foron 6, 4 relacionados cos escornabots e a programación, onde puxemos a proba aspectos matemáticos e creatividade. Un de littleBits, onde animamos ao Mago Fuco, e outro no que fixemos un proxecto maker que puidemos elaborar con material do máis cotiá, unha man robótica. Porque para ser maker non fai falta gran cousa, so moita imaxinación e creatividade."

CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña: Recanto maker

Recanto maker
 
Dende o CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña achégannos as seguintes experiencias integradas no Proxecto "Escornabots na biblioteca escolar":
 
Puxemos a andar decentemente o noso recanto maker, gracias ao pulo recibido por entrar no Proxecto Escornabots de Bibliotecas Escolares, si nos pareceu pertinente facer un oquiño para ensinarvos algunhas cousiñas do que estivemos a facer. Deixámosvos unha serie de entradas nas que fomos publicando o feito en torno ao recanto e ao que representa:

21 de marzo, equinoccio de poesía

Coincidindo co equinoccio de primavera, celebramos hoxe o Día Mundial da Poesía. Esta conmemoración, aprobada pola UNESCO en 1999, ten como principal obxectivo apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de ser vehículo de comunicación artística nas súas comunidades respectivas. 
Leamos poesía porque como di Fran Alonso: A poesía é unha barricada de palabras rebeldes, un aturuxo de liberdade. A poesía é diurética, dixestiva e antiestresante; é flexible coma o chicle e o seu ADN é profundamente subversivo. Un poema no aire é unha bomba de palabras

Poesía

Materiais dos Encontros PLAMBE 2016/2017 en RedeBE

 
 
 
 
 
Celebrados os Encontros PLAMBE 2016/2017, desde a Asesoría de bibliotecas escolares se poñen a disposición de todo o profesorado interesado os materiais (presentacións e outros) das diferentes intervencións, a través do espazo Moodle RedeBE. En breve engadiranse os vídeos das diferentes sesións, así como un vídeo resume dos encontros. 
 

Os Encontros do PLAMBE 2017 en twitter

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017

Os vindeiros 16 e 17 de marzo o Palacio de Congresos de Santiago de Compostela acollerá unha vez máis os ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES. Coma en anos anteriores, está convocado para a primeira xornada o profesorado dos centros que se incorporaron a este programa no curso 2016/2017, así como unha treintena de coordinadores da biblioteca do seu centro que son novos nesta responsabilidade. Xa na segunda xornada, o 17 de marzo, reuniranse os responsables da biblioteca da totalidade dos centros Plambe, que neste curso inclúe  615 bibliotecas (605 centros públicos e 10 centros privados concertados). 

En tempos de evolución e cambios profundos no ámbito social e educativo cómpre empregar utensilios ben calibrados para acertar no rumbo a seguir; imponse a necesidade de estudar ben as direccións dos ventos e a súa intensidade; é obrigatorio dotarse de argumentos e razóns para seguir adiante nos camiños de innovación encetados e sortear, así, perigos diversos. O faro como símbolo da luz e o coñecemento tense empregado para referirse ás bibliotecas. Reivindicámolo aquí tamén como invento humano imprescindible para guiarse na escuridade: o mesmo que a biblioteca escolar.

 

CEIP de Rebordáns: Entroidobot

Despois dun traballo de investigación na Biblioteca e na clase descubrimos o entroido de Galicia xogando co noso Escorni.

Sorry, flash is not available.


Novas experiencias do EEI Barrionovo (Arteixo, A Coruña) cos Escornabots e as familias

Nestes días quixemos que as familias formaran parte opinando sobre os okupas que tiveron nas casas durante unha semana a través das mochilas viaxeiras. Outra visión do traballo coa robótica desde a biblioteca escolar.

Materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

 

 

Están xa dispoñibles en RedeBE para todo o profesorado interesado os materiais das VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, celebradas en Compostela os pasados 18 e 19 de novembro. Tamén estarán, en breve, os vídeos das diferentes intervencións. 

VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia - 18/19 novembro

 

Os días 18 e 19 de novembro, no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, terán lugar as VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia, a cita anual do profesorado interesado polas bibliotecas escolares, a lectura e as competencias en medios e información (ALFIN/AMI).

Serán día e medio intensos dedicados a revisar algúns aspectos fundamentales sobre a biblioteca escolar e as súas funcións nos centros educativos, como soporte e ferramenta imprescindible para unha educación acorde ás necesidadees do alumnado do século XXI e no contexto galego.

Xunto coa difusión de experiencias de interese en todos os ámbitos de actuación da biblioteca escolar (promoción da lectura, traballo coa información, metodoloxía de proxectos, implicación das familias na construción de lectores, apoio ao desenvolvemento do currículo, integración das TIC, interculturalidade e atención á diversidade (biblioteca inclusiva)... Así mesmo haberá unha sesión para comunicacións super-breves titulada "A fume de carozo" no que se poderán coñecer un máximo de 10 actividades "potentes" procedentes de 10 centros (en breve abrirase o prazo de propostas).

A lectura e as linguaxes artísticas, as narracións transmedia, a poesía, a educación artística ou musical, a metodoloxía de proxectos e as necesarias transformacións no modelo de biblioteca escolar serán tema para a reflexión e a ampliación de coñecementos, axudados por expertos nos seus ámbitos como Andrea Giráldez, Xosé Tomás, Silvia González Goñi, Mónica Muñoz Sobrino e Asunción Carballo, Glória Durban, Maria Conceição Tomé, Carlos C. Scolari e Fran Alonso.

Até o día 23 de outubro está aberto o prazo de inscrición en FPROFE: https://www.edu.xunta.es/fprofe/ empregando a referencia G1602011.

As candidaturas que desexen inscribirse na actividade "A fume de carozo"  deberán remitirse até o 25 de outubro.

 

 

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas bibliotecas escolares- 2016

 

A ciencia debera estar en galego en calquera día do ano, pero como chamada de atención, ben sirva esta proposta de celebrar un mes dedicado á ciencia en galego nas bibliotecas; tamén nas bibliotecas escolares. Velaquí algunhas das actividades que se levan a cabo nos centros galegos integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares, por mor desta proposta normalizadora: 

 

Pola súa parte, desde a Asesoría de bibliotecas escolares mantéñense estes dous espazos con recursos para a ciencia en galego: 

Explorando o máis próximo co apoio da biblioteca escolar

Neste novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, chéganos unha nova desde o o IES Miguel Ángel gonzález Estévez, de Carril (Vilagarcía de Arousa), que amosa o resultado dun traballo colaborativo, coa participación de profesorado do Departamento de Ciencias, Bioloxía e Xeoloxía e a Biblioteca Escolar do centro durante o curso 2015/2016. Gústanos saber, ademais, que este traballo do alumnado de 1º de ESO (agora en 2º curso) segue a estela do lema "Biblioteca EScolar, base de exploracións" proposto ás bibliotecas escolares galegas no pasado ano escolar.

O espazo verde do IES Carril é unha "completa guía das 33 especies arbóreas e as 18 especies arbustivas que viven (ou viviron) dentro do recinto escolar  do centro desde os seus inicios alá polo ano 1986. Ademáis recolle moi sucintamente a historia deste conxunto botánico e contén un plano coa localización de cada elemento ou grupo descritos. A maiores dunha pormenorizada información de cadansúa especie (que abrangue os nomes correspondentes en galego, castelán, inglés e francés,  o nome científico, a etimoloxía da denominación, a toponimia xerada, a orixe e maila historia, e a descrición) ilustrada con fotografías fermosas e moi pertinentes, inclúese un pequeno estudio dos exemplares máis representativos en Galicia e máis a historia particular do exemplar do instituto."

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2016/2017

O DOG de hoxe, 26 de outubro, publica a Orde de 13 de outubro pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2016/2017. A resolución detalla as contías asignadas a cada centro para este curso que para os centros con máis de dous anos de permanencia no programa será só para fondos, e para os incluídos nesta convocatoria e na correspondente ao curso anterior, será para fondos, mobiliario e outros equipamentos imprescindibles, así como para gastos de funcionamento. 

As bibliotecas escolares, deben ter, ademais, no orzamento "ordinario", derivado dos gastos de funcionamento do centro, de entre un 5% e un 10%, segundo as instrucións de comezos de curso da D.X. de Centros e Recursos Humanos. 

Intégranse 38 centros públicos e 10 centros concertados, polo que o total de centros integrados neste "rede de bibliotecas escolares" que constitúe o PLAMBE chega este ano a 615 centros, coa seguinte distribución:  

O Plan de mellora de bibliotecas escolares beneficia directamente a uns 181.600 alumnos e alumnas e ás súas familias e nel están integrados, tomados no seu conxunto, o 54% dos centros públicos galegos. 

- TEXTO DA RESOLUCIÓN (DOG do 26/10/201)

- PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

24 de outubro, Día da Biblioteca, de todas as bibliotecas.

 

O 24 de outubro é, desde hai 20 anos, o Día da Biblioteca, pois van xa dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. Nesta ocasión foron dúas mulleres da "periferia", a ilustradora vasca Elena Odriozola e a escritora galega Ledicia Costas, as encargadas de darlle fondo e forma e esta mensaxe a prol da existencia das bibliotecas. 

Fermosísimo é o texto de Ledicia Costas, Premio dos Clubs de Lectura 2016, que nos facilita GALIX na súa versión  orixinal en galego e do que entresacamos un parágrafo: 

"Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día da Biblioteca. Sería xenial organizar unha festa con confeti e pompas de xabón. Celebrala ao grande. Encantaríame vestirme para tal ocasión como o personaxe dalgún libro, sentarme na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo e esperar a que fosen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda, Atreyu, Drácula ou mesmo Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñerte botas de pelo, plumas, zancos e chapeus. Chapeus! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, atraída polas cores e formas do meu chapeu:

-- Sombreireira tola, que festa máis marabillosa! Sería tan amable de servirme unha cunca de té?" 

En Galicia, a campaña de visibilidade da biblioteca escolar deste curso 2016/2017 lembra que a Biblioteca Escolar é "territorio das Artes", un espazo no que aproximarse á produción artística do noso país e de todas as culturas, a través dos libros, dos vídeos, dos mil sitios aos que internet nos permite acceder... pero é tamén un espazo no que vivir a música, a pintura, as artes visuais (fotografía, cómic, cine), a escultura, a danza, o teatro e, moi especialmente, a literatura en todos os seus xéneros e temáticas; e vivir é experimentar e compartir, pero tamén expresarse e comunicar a través das distintas opcións artísticas. 

As bibliotecas escolares comezan a difundir as súas propostas arredor desta importante data:

Iremos subindo algúns exemplos máis, porén, unha visita aos blogues de PRIMARIA ou SECUNDARIA permitirá coñecer a actividade que se desenvolve en moitas bibliotecas escolares neste comezo de curso. Convidámos á facer esta exploración nestes días finais de outubro, mes da Biblioteca Escolar segundo propón a IASL

 


Biblioteca Escolar - Territorio das Artes

 

 

"Biblioteca escolar - Territorio das Artes" é o lema escollido para os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita a comezo do curso 2016/2017  con destino ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. Nesta ocasión foi MINIA REGOS a creadora convidada a interpretar o lema anual.

A imaxe creada por Minia Regos garda moitas sorpresas para as lectoras e os lectores; propón un xogo de exploración e aventura por este "territorio" complexo e engaiolante que é toda biblioteca escolar.  

Nos últimos anos, as bibliotecas escolares demostraron que é posible integrar as ciencias e as humanidades nas actividades de lectura e de acceso e construción do coñecemento. Os materiais de divulgación científica, os xogos matemáticos, a xeografía ou as aventuras da exploración física ou simbólica foron temática de traballo e son xa parte esencial das programacións e dos proxectos coordinados desde as bibliotecas. Cómpre agora facer visible esa parte do coñecemento humano que conecta directamente coa creatividade: as Artes todas teñen cabida na biblioteca escolar e así o demostran as múltiples actividades programadas anualmente con está temática. 

Biblioteca escolar, territorio das Artes convida a explorar fórmulas para espertar nos lectores e nas lectoras o interese por achegarse e apreciar os produtos artísticos, pero sobre todo  a experimentar o pracer de expresarse a través da música, a pintura, a arquitectura, a danza, o teatro, a literatura, a escultura, as artes visuais (cine, cómic, fotografía, videocreacións, videoxogos).

Convidámosvos a descubrir o último vídeo de Agustín Fernández Paz para as Bibliotecas Escolares dentro deste cartel a través da aplicación Aurasma de Realidade Aumentada.