Bibliotecas escolares

Bibliotecas escolares galegas

Bibliotecas Escolares en Tránsito [GAL] from Bibliotecas Escolares de Galicia on Vimeo.

Este vídeo foi rodado en centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares de diferentes recunchos de Galicia, e presentouse no Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito, celebrado en Compostela os días 10, 11 e 12 de novembro, organizado pola Consellería de Educación en colaboración co Ministerio de Educación.
As imaxes exemplifican a distribución de espazos nas novas bibliotecas, e algunhas das actividades que o alumnado realiza nelas día tras día.

 

Biblioteca escolar, última xeración

Achégase o mes de outubro e as bibliotecas escolares están xa inmersas en proxectos e actividade. Por moi escuro que sexa o futuro, sen dúbida está aí, chamando á porta, e as bibliotecas han estar preparadas e adiantarse un paso, sen deixar de soñar.

Para celebrarmos o Día da biblioteca (24 de outubro), o mes da biblioteca escolar (segundo convocatoria da IASL), un curso máis, a Consellería de Educación edita un cartaz cunha imaxe dun autor galego. Nesta ocasión, Emma Ríos, ilustradora do mundo do cómic, interpreta o lema proposto, Biblioteca escolar, última xeración, e ofrécenos unha visión alegre e cómplice do que son e poden ser as bibliotecas escolares: lugares de encontro e de convivencia, espazos de aprendizaxe e de contacto gozoso coa cultura escrita; integración dos distintos soportes e formatos que albergan a información e os contidos culturais, oportunidades para soñar e imaxinar; apoio para a adquisición de competencias básicas e construción de coñecementos de calquera tipo; escolas de cidadanía.

+ información sobre EMMA RÍOS no portal Banda Deseñada, do Consello da Cultura Galega.

+ Emma Ríos na Wikipedia

"Desmontando prexuizos" ou "dedicado a quen afirma que os nenos non len"...

 


 

"Un ano entre libros" é o título deste vídeo do CEIP CHANO PIÑEIRO (Gondomar, Pontevedra) que vén a resumir e dar conta da intensa actividade dunha biblioteca escolar ao longo do curso... un bo exemplo das dinámicas existentes por todo o territorio galego. Parabéns!!!

+ información no PAPORRUBIO, o blogue da biblioteca do Ceip Chano Piñeiro.

Vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares


Velaquí un vídeo resume dos Encontros do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares 2010/2011, que tiveron lugar en Santiago de Compostela os pasados 7 e 8 de abril, coa asistencia dos responsables das 374 bibliotecas integradas no presente curso neste programa da Consellería de Educación. + información e acceso aos materiais AQUÍ (entrar como convidado).

Bibliotecas escolares de onte e de hoxe

(Premer e seleccionar esta reportaxe)

 

O día 2 de maio, no programa da TVG A Revista, emitiuse esta reportaxe sobre dúas bibliotecas escolares singulares, que responden a dúas concepcións distintas, con funcionalidades tamén distintas. Por unha banda, a biblioteca histórica do IES Xelmírez I, de Santiago de Compostela, e pola outra, a biblioteca do IES Manuel Antonio, de Vigo, unha biblioteca que responde ao actual modelo impulsado desde a Consellería de Educación, a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares, no que está integrada desde o curso 2007/2008. A celebración do Día do Libro, o pasado 23 de abril, mereceu a atención da "Galega", que emitiu estas reportaxes relacionadas coas bibliotecas: 1 - 2

Caderno informativo Bibliotecas Escolares de Galicia 2010/2011

Este CADERNO INFORMATIVO 2010/2011 reúne diversas informacións relacionadas coas bibliotecas escolares galegas e os programas e iniciativas da Consellería de Educación para a renovación destas bibliotecas e o fomento da lectura nos centros de ensino.

- Plan de mellora de bibliotecas escolares

- Programa HORA DE LER

Contén, así mesmo,  bibliografía e recursos electrónicos diversos.

Encontros Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011

Quentando motores.... o vindeiro 7 e 8 de abril reunirase en Santiago de Compostela o profesorado responsable das bibliotecas  integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares, un programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, e que inclúe neste curso un total de 374 centros públicos de distintos niveis educativos.

Será ocasión para profundizar no modelo da biblioteca escolar que se está a estender, como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe. Incidirase nos instrumentos que Internet pon a disposición das bibliotecas para o exercicio das súas funcións e facilitar a formación da competencia informacional do alumnado, e falarase de lectura e de poesía: cine e banda deseñanda centrarán as experiencias dos centros, que se presentarán en mesas simultáneas. Tamén será oportunidade para o encontro entre os membros dun colectivo que están a facer realidade as pequenas utopías que son todas e cada unha das bibliotecas escolares galegas.

Programa

 

8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas

Arredor do 8 de marzo, unha das datas claves no calendario civil para a formación dos cidadáns, que son, os rapaces e rapazas do país, as bibliotecas escolares ofrecen oportunidades de aprendizaxe diferenciadas, nas que se aúna lectura e investigación, valores e sensibilidade, convicción e desexos de xustiza e de igualdade. A título de exemplo, algunhas destas actividades das que nos foi chegando noticia:

Conclusións do II Congreso Leer.es

 


Baixo o lema "Leer para aprender. Nuevas alfabetizaciones", celebrouse en Madrid, no mes de novembro de 2010 o II Congreso Nacional Leer.es. Nas conclusións contémplase un apartado específico para as bibliotecas escolares, que comeza así:

"As bibliotecas escolares, coma centros de recursos e servizos de apoio á aprendizaxe, constitúen un medio privilexiado para o desenvolvemento de todas aquelas competencias relacionadas coa lectura e otra tamento da información. Nun contexto dixital, a biblioteca amplía os seus obxectivos e funcións e involúcrase claramente no proceso educativo, facilitando as novas alfabetizacións e reforzando as máis tradicionais. "

Convidamos a ver todo o documento

8 premios para Galicia no Concurso Nacional de boas prácticas en bibliotecas escolares 2010

O 15 de decembro trouxo boas noticias ao colectivo das Bibliotecas Escolares Galegas. O Ministerio de Educación comunicaba as decisión do Xurado do Concurso Nacional de boas prácticas para a dinamización das bibliotecas dos centros escolares, 2010. Na relación de centros recoñecidos con estes premios podíanse contar ata 8 centros galegos. Recoñecese, un ano máis, o esforzo que están a facer as nosas comunidades educativas por transformar as súas bibliotecas en espazos de aprendizaxe e de convicencia arredor da lectura e os recursos culturais. Ponse de manifesto, á súa vez, que as actuacións impulsadas desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través dos seus programas ("Hora de ler" para o fomento da lectura, e o Plan de mellora de bibliotecas escolares iniciao no curso 2005/2006) están a dar bos resultados. Parabéns a todos os centros premiados, moi especialmente, ao profesorado que pon en pé, día a día, hora a hora, estas "pequenas utopías" que son as bibliotecas escolares:

Modalidade A (Centros de infantil, primiaria, educación especial e EPA):

Biblioteca escolar, oportunidade para a colaboración, tamén.

Grazas ao Equipo Tics-Biblioteca do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra (un dos centros que levan tempo integrando de forma admirable as tecnoloxías da comunicación e da información en toda a actividade xenerada ou apoiada desde a biblioteca escolar), temos acceso a unha presentación sobre o papel das bibliotecas escolares nos centros educativos, e as súas posibilidades. A partir dos carteis que a consellería publicou nos tres últimos anos, co gallo do mes de outubro, mes da biblioteca escolar, con ilustracións de Manuel Lariño, Miguelanxo Prado e Mariña Seoane, respectivamente, a compañeira Charo Sánchez, co resto do seu equipo, ofrécenos esta atractiva ferramenta sobre as oportunidades da biblioteca escolar. Porque hai unha ducia de motivos para que as bibliotecas escolares sexan, dunha vez por todas, contempladas como eses recursos imprescindibles para un ensino de calidade na sociedade actual. Grazas por compartilo!

Variacións sobre a lectura. III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia-2010

 

Todo foi ben, e através desta páxina saíron en directo todas as intervencións na Sala Santiago, dentro destes III Encontros de bibliotecas escolares de Galicia, celebrados en Santiago, no Pazo de Congresos os días 29 e 30 de outubro. Farase un vídeo co resume do resto das experiencias. Tlodos os materiais, están dispoñibles a través do espazo moodle habilitado para estes encontros. (Se non entra directamente o enlace, pódese acceder como "convidado").

Estatística sobre a biblioteca escolar nos centros

No Portal Educativo aparece hoxe publicada información relativa ao estudo estatístico que se vai levar a cabo en todas as comunidades autónomas, Galicia incluída, sobre a situación actual das bibliotecas escolares. O estudo está incluído no Plan Estatístico Nacional. Esta información fíxose chegar tamén a todos os centros implicados, vía correo electrónico. Deberán cubrir o formulario pertinente todos os centros de titularidade pública ou privada que impartan durante o curso 2010/2011 algunha das seguintes ensinanzas: Educación Primaria, Educación Especial (específica), Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato (reximes ordinario, adulto presencial e a distancia), Ciclos Formativos de F.P. de Grao Medio e/ou Grao Superior, Programas de Cualificación Profesional Inicial, e enisnanzas de sistemas educativos estranxeiros impartidas en centros autorizados polas Administracións Educativas.

Para a recollida de información os centros deberán acceder a un formulario vía web. Toda a información está recollida na carta do Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, nas instrucións e no manual metodolóxico. O prazo para cubrir o formulario remata o día 15 de novembro.

ACCESO A TODA A INFORMACIÓN

Formulario 2010 para analizar a biblioteca escolar e a súa integración no centro

Cuestionario actualizado para a análise da situación da biblioteca escolar do centro. É unha ferramenta útil para descubrir o papel que a bibliote está a xogar na dinámica pedágoxica e cultural da vida do centro.

CUESTIONARIO

"Biblioteca escolar: un mundo de oportunidades"

Seguindo a dinámica iniciada en 2008, a Consellería de Educación difunde un cartel a comezos de outubro (que chegará aos centros nestes días), co fin de lembrar as posibilidades da biblioteca escolar, e apoiar a visibilidade do traballo que o profesorado dos centros vén realizando para facer útiles estes importantes recursos educativos. Manuel Lariño e Miguelanxo Prado puxeran imaxe aos carteis anteriores. Nesta ocasión é Marina Seoane quen aceptou o reto de ilustrar o lema proposto, unha ilustradora nacida en Madrid pero asentada xa hai tempo en Galicia, membro de AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración). Pódese acceder ao seu blogue e coñecer algo máis da súa obra.

A biblioteca escolar, entendida como un espazo educativo pleno de oportunidades para a formación persoal e académica, pleno de posibilidades para a actuación docente; un lugar no que soñar e viaxar, un lugar presencial dende o que achegarse a mundos virtuais. Esa capacidade de estar presente no centro é a que facilita o achegamento de toda a comunidade educativa aos recursos, a que fai posible o encontro entre iguais pero tamén entre persoas distintas. Un lugar para o traballo, para o desenvolvemento desas competencias básicas indispensables para a vida persoal, académica e social. Un espazo, tamén, para a búsqueda e o achádego, para facerse preguntas e atopar respostas.   CARTEL

"Capacidade de adaptación aos retos e á diversidade: todo está na Biblioteca Escolar"

Un ano máis, a IASL (International Association of School Librarianship) difunde un cartel e un lema para poñer en valor, no mes de outubro dunha forma intensiva, as bibliotecas escolares. Nesta ocasión, o lema (de tradución complexa) fai fincapé nos recursos que as bibliotecas escolares proporcionan ao alumnado e ao profesorado nese difícil asunto da adaptabilidade, da capacidade de enfrontar novos desafíos, novos retos; de enfrontar con éxito a diversidade individual e a pluralidade e complexidade que as aulas presentan.

As bibliotecas escolares o teñen todo: libros en formatos e soportes diferentes, para cubrir os intereses de lectores tamén diferentes, por idade, capacidade, situación social, afectiva, económica; materiais informativos para as distintas áreas e materias; xogos educativos; ficción e información; materiais impresos e materiais electrónicos; unha colección diversificada e axeitada ao alumnado do centro, pero tamén útil para as familias e o profesorado, cada quen no seu labor e na súa función para cos rapaces e rapazas. As bibliotecas escolares dispoñen dun material único para que cada quen atope un espazo persoal de crecemento: os textos literarios de calidade, os álbumes, as novelas gráficas, os clásicos, os contos tradicionais, a poesía, os textos teatrais, a música, o cine... 

CARTEL IASL

III Encontros de bibliotecas escolares de Galicia

Os días 29 e 30 de outubro celebraranse en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos) os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia. O lema desta cita será VARIACIÓNS SOBRE A LECTURA, e será unha oportunidade para a difusión de experiencias que se están a levar a cabo en centros escolares galegos (algún tamén de fóra de Galicia), arredor desta cuestión (a lectura),  que aúna tantas vontades e merece tanta atención en tempos de mudanzas tecnolóxicas e, ao dicir de algúns expertos, de paradigma na cultura escrita e na forma de ler e de escribir. Será un punto de encontro do gran colectivo galego das bibliotecas escolares para seguir ampliando as posibilidades de colaboración. O prazo de inscrición remata o 24 de setembroPre-programa

Relación provisional de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares. Curso 2010/2011

Publicouse no día de hoxe (15 de xullo de 2010), no Portal Educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares, segundo orde de 23 de abril de 2010 (DOG 7/05/10), coa relación de centros que se incorporan a este programa para o curso 2010/2011.

Acceso á publicación no Portal Educativo

A importancia das bibliotecas de centro no éxito escolar

 

 

Recentemente coñeceuse o resultado a nivel estatal da avaliación diagnóstica dos nenos e nenas de 4º de primaria. En relación á competencia lingüística constatábase a influencia dalgunhas variables nos bos resultados neste ámbito: a presenza de libros na casa, por exemplo. Así na páxina 125 do estudo pódese ler: "La puntuación media obtenida por los alumnos en las cuatro competencias correlaciona intensamente con la variable "número de libros en casa". Cuanto mayor es el número de libros que el alumnado tiene en su casa, más alta es la puntuación media que obtiene". Un IES da provincia de Ourense, nun interesante estudo sobre a situación da lectura na súa comunidade educativa constata a escasa presenza de libros nas casas do alumnado. Tamén resulta inquietante o gráfico referido ao hábito de lectura nas familias. Á vez, vese a importancia da biblioteca escolar como instrumento de acceso á cultura e factor de compensación social: mentres só un 4% do alumnado asegura acudir á biblioteca municipal, un 52% do mesmo acude á biblioteca do seu centro. 

Novos blogs de bibliotecas escolares galegas

Son xa máis de cento sesenta as fiestras abertas ás bibliotecas escolares galegas, blogues que serven para a difusión da enorme actividade que xeneran estes espazos educativos e a diversidade de programas e iniciativas dos centros aos que apoian cos seus recursos. Velaquí os cinco últimos blogues dos que temos noticia e que xa están subidos á sección correspondente nesta páxina: PRIMARIA ou SECUNDARIA:

Acto de entrega dos Premios Nacionais de Bibliotecas Escolares - 2009

A representante do CEIP Frian-Teis recibe o premioO pasado 28 de maio, o Ministerio de Educación fixo entrega en Fraga (Huesca) dos Premios Nacionais de Boas Prácticas na dinamización e innovación das bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2009.

Foron cinco centros galegos os que recibiron galardón: CEIPR Frian-Teis (Vigo), CRA Mestre Manuel Garcés (Toiño), CEIP A Pedra (Bueu), IES Sanxenxo (Sanxenxo) e IES de Catabois (Ferrol). No blogue da biblioteca do CEIP Frian-Teis pódese ler a crónica deste acto. Parabéns ás comunidades educativas destes centros!

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2010/2011

O DOG de hoxe, 7 de maio, publica a orde de 23 de abril de 2010 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2010/2011. O mesmo que en anos anteriores, os 299 centros que xa están integrados no PLAMBE deben confirmar a súa vontade de continuidade e remitir a documentación requerida, quedando supeditada esta continuidade á valoración da memoria final do presente curso. Incorporaranse 75 centros novos (número que poderá incrementarse en función das baixas  ou renuncias). As contías destinadas a esta acción suman un total de 1.210.500€, estando cofinanciada pola Consellería de Educación e o Ministerio de Educación, en virtude da Adenda asinada en 2009 ao Convenio de colaboración para a mellora das bibliotecas escolares.  Recoméndase unha lectura pausada e detallada da orde de convocatoria. O prazo final para a presentación de solicitudes é o 7 de xuño.

Acceso aos impresos de solicitude en formato electrónico