2017/2018

Resolución definitiva Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018

No DOG do 24 de outubro aparece publicada a Orde de 13 de outubro de 2017 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos, para o curso 2017/2018. Seleccionáronse trinta novos centros  públicos e seis centros concertados, polo que o número total de centros integrados neste programa é de 646 (630 públicos e 16 concertados). Todos os centros reciben asignacións para a renovación e actualización dos fondos da colección (en formato impreso, audiovisual, informático e outros). Segundo o tempo que leven os centros no programa poden ter asignacións tamén para renovar mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para que a biblioteca ofreza os servizos propios dunha biblioteca do século XXI, entendida como un "centro creativo das aprendizaxes" onde a lectura, a escrita, a información, a investigación, os multialfabetismos e as expresións culturais máis diversas teñen oportunidades de desenvolvemento.

Os centros que se integran neste programa reciben, ademais dos recursos económicos, formación, asesoramento continuado e acompañamento por parte da D.X. de Centros e Recursos Humanos, responsable do programa, a través da Asesoría de bibliotecas escolares; por outra parte, o profesorado responsable e coordinador dos equipos de biblioteca destes centros participa dun foro profesional no que se comparten informacións, experiencias e propostas de traballo ao longo do curso escolar. Na primavera, en datas aínda por decidir, serán convocados aos "encontros do Plan de mellora", unha actividade formativa específica para este colectivo de profesores e profesoras. 

Nos seguintes gráficos pode verse a composición actual do Plan de mellora de bibliotecas escolares, así como a procentaxe do alumnado da rede pública de centros beneficiada por este programa

 

 

Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2017/2018. Centros de nova incorporación

 

O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2017/2018, no que se refire aos centros de nova incorporación. Pode haber algúnha incorporación máis en función das renuncias presentadas ou das baixas ocasionadas nos centros PLAMBE.  Iniciado o curso publicarase a resolución definitiva no DOG coa relación de todos os centros integrados no programa, así como o detalle das contías asignadas. 

Sistemas de envío de Solicitudes Plambe 2017-2018


A solicitude de incorporación, continuidade ou renuncia ao Plambe poden enviarse de dúas formas:

1) Preferentemente en formato dixital, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Para empregar este procedemento é necesario que a persoa que realice o envío conte cun certificado dixital, DNI electrónico ou chave 365 para poder autenticarse.

URL do procedemento: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED516A

2) En formato papel: ben por Correos ou ben entregando a documentación nunha oficina de Rexistro. En calquera destes casos deberá ir en sobre aberto para que vos selen a data de envío.

Enderezo postal para o envío en formato papel:

Asesoría de Bibliotecas escolares
Subdirección Xeral de Centros
Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
Edif. Admin. San Caetano, s/n - 2º andar
15781 - Santiago de Compostela

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2017/2018

O 2 de xuño publica o DOG a Orde de 19 de maio de 2017 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para o curso 2017/2018.

Incorporarase un mínimo de 25 centros públicos e un máximo de 10 centros concertados, que se engadirán aos 615 centros que neste momento forman parte do PLAMBE, un programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, iniciado en 2005, através do cal se estimula a renovación das bibliotecas escolares, mudando as antigas bibliotecas en espazos creativos de aprendizaxe ao servizo do centro e da comunidade educativa, nos que a lectura e o traballo coa información, así como a educación para as competencias informacionais e mediáticas, son os principais ámbitos de actuación e onde se da cabida tamén á creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e, tamén, a construción do coñecemento de xeito compartido. As solicitudes de nova incorporación ou de continuidade deben presentarse no anexo I da convocaroia, xunto coa documentación correspondente, ata o 3 de xullo de 2017 inclusive.