2018/2019

Resolución do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Públicos) para o curso 2018/2019

O DOG do 20 de setembro publica a Orde de 10 de setembro de 2018 pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios, de titularidade desta consellería, para o curso 2018/19.  

O documento conta de catro anexos, segundo os diversos apartados contemplados na convocatoria inicial:

  • Anexo I: Centros integrados no PLAMBE en convocatorias de 2005 a 2007, e de convocatorias de 2011 a 2016, que reciben asignacións para ampliar e renovar os fondos da colección.
  • Anexo II: Centros integrados no PLAMBE nas convocatorias de 2008 a 2010, que reciben, igualmente,  asignacións para renovar os fondos.  Neste caso tamén reciben asignación para renovar e ampliar mobiliario e equipamento imprescindible para o funcionamento da biblioteca como centro creativo de aprendizaxes.
  • Anexo III:Centros integrados no PLAMBE na convocatoria 2017, que reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.
  • Anexo IV: Centros públicos que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas nesta última convocatoria de 2018 e que igualmente reciben asignación para fondos, mobiliario/equipamento e gastos de funcionamento da biblioteca escolar.

Convocatoria de axudas para centros concertados en materia de bibliotecas e fomento da lectura

O DOG do 5 de setembro publica a Orde de 20 de agosto de 2018 pola que se convocan axudas para centros privados concertados no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura para o curso 2018/2019. Íncluense catro liñas de axudas ás que os centros poden acceder:

  • Plan de mellora de bibliotecas escolares (nova incorporación e continuidade)
  • Clubs de lectura-concertados (ensino secundario obrigatorio) 
  • Radio na biblio-concertados (centros integrados no PLAMBE no curso 2017/2018)
  • Biblioteca inclusiva concertados (centros ordinarios con unidadese concertadas de educación especial)

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, e remata o 5 de outubro.

Plan de mellora de bibliotecas escolares (públicos) 18/19. Resolución provisional

 
 logo Bibliotecas Escolares de Galicia
O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional de Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos de niveis non universitarios e de titularidade da CCEOU, coa relación dos 25 centros que se integran, inicialmente, neste programa para o curso 2018/2019. Segundo as baixas ou renuncias ocasionadas entre os centros que xa forman parte do Plambe, este número poderá incrementarse na resolución definitiva da convocatoria, que se publicará no DOG, previsiblemente, en setembro de 2018. Así mesmo, nesa resolución definitiva recollerase a relación dos centros que continúan no programa, con detalle das asignacións para o curso 2018/2019. 

Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2018/2019 - Centros públicos

O DOG Publica hoxe a Orde de 23 de abril de 2018 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares para centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2018/2019. 

Ao igual que en anos anteriores,  seleccionaranse un mínimo de 25 centros novos para a súa incorporación ao PLAMBE, podendo ampliarse este número no caso de baixas ou renuncias dos centros xa integrados neste programa en convocatorias anteriores. Os centros que se incorporaron nas convocatorias de 2008, 2009 e 2010 poderán recibir, ademais da asignación para fondos, unha asignación complementaria para a renovación de mobiliario e outros equipamentos imprescindibles para o funcionamento da biblioteca escolar. A continuidade no PLAMBE esixe a solicitude correspondente a través desta convocatoria, coa entrega da documentación que se solicita en cada caso, así como acadar unha valoración positiva na memoria de actividades do presente curso 2017/2018. 

O prazo de presentación de SOLICITUDES remata o 9 de xuño (o que por ser sábado día inhábil, pasa  a ser o luns 11 de xuño).