Educación documental

Normas de uso da biblioteca no Frei Sarmiento de Pontevedra


Untitled from IES Frei Martín Sarmiento (Bibl on Vimeo.

No IES Frei Sarmiento, de Pontevedra, na estela do que xa fixeran no IES de Ponteceso (Ponteceso, A Coruña) e coa colaboración do Obradoiro de Imaxe do centro e dos rapaces  e rapazas de 3º de ESO, elaboraron este vídeo para difundir as normas de uso da biblioteca. "Maneiras de vivir" a biblioteca que benefician a tod@s.

Unha biblioteca escolar que se transforma: CEIP de Chans de Bembrive


Velaquí un vídeo que ilustra o proceso de transformación da biblioteca escolar en centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, ao tempo que facilita a formación de usuarios e usuarias. Parabéns á comunidade educativa do CEIP Chans de Bembrive (Vigo, Pontevedra), pola súa nova biblioteca e polo seu traballo.

Formación de usuarios en clave de "lipdub" no IES Fontem Albei

 


A formación de usuarios e usuarias pódese facer de moitas maneiras, pero cando se aúna humor, participación, música, visibilidade e bo facer, o éxito está asegurado. Velaquí o primeiro "lipdub" dunha biblioteca escolar galega. Parabéns ao equipo de Biblioteca do IES FONTEM ALBEI (A Fonsagrada, Lugo), por esta iniciativa!

"Dende o Equipo de Dinamización da Biblioteca Escolar non queríamos facer un lipdub por facer senón contar unha historia (aproveitando as novas tecnoloxías), a historia dun libro esquecido que tras percorrer boa parte do centro retorna ao seu lugar natural: a biblioteca. Aproveitamos a historia para,  ademais de dar a coñecer o centro e potenciar a biblioteca,recordar a CDU mediante a asociación de de imaxes, números e cores, en definitiva, facer formación de usuarios. Nada do que aparece no vídeo está posto ao azar. Dende o título do mesmo "O final da conta atras" referíndonos ao tempo que lle resta ao libro ata chegar á Biblioteca como as distintas esceas"

8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas

Arredor do 8 de marzo, unha das datas claves no calendario civil para a formación dos cidadáns, que son, os rapaces e rapazas do país, as bibliotecas escolares ofrecen oportunidades de aprendizaxe diferenciadas, nas que se aúna lectura e investigación, valores e sensibilidade, convicción e desexos de xustiza e de igualdade. A título de exemplo, algunhas destas actividades das que nos foi chegando noticia:

Aprender a usar a información e cultura de Paz desde as bibliotecas escolares

Achégase o 30 de xaneiro e moitos centros educativos fan xirar boa parte das actividades de aprendizaxe de lectura, escritura e tratamento da información arredor do tema da Paz. Esta data, aniversario da morte de Gandhi, foi declarado pola UNESCO Día Escolar pola Paz.  Comezan a chegarnos materiais elaborados desde as bibliotecas escolares con esta finalidade, que iremos difundindo a través desta páxina:

Bibliotecas escolares, espazos de aprendizaxe

Cada día, todos os días do curso, as bibliotecas escolares ofrecen recursos e oportunidades para a aprendizaxe: aprendizaxe guiada e, de forma paulatina, aprendizaxe autónoma. Velaquí dous exemplos de distintos niveis educativos: No CEIP Milladoiro (Malpica, A Coruña), as rapazas e rapaces dos distintos ciclos andiveron a investigar sobre as mulleres científicas e, logo de recoller información en distintas fontes, prepararon unhas "conferencias" para os seus compañeiros e compañeiras. Pódemos coñecer esta actividade no blog da biblioteca: HIPATIA (6º B) - MARIE CURIE (5º B)  - MARY ANNING (3º A) - SALLY RIDE (3º B) - ENHEDUANNA ( 2º)

8 de marzo nas bibliotecas escolares galegas

Un ano máis, chegado o mes de marzo, as bibliotecas escolares enfocan a súa actuación na conmemoración do Día Internacional da Muller, con finalidade educativa no amplo sentido do termo. A biblioteca do IES Río Cabe (Monforte de Lemos, Lugo) achéganos un dos seus excelentes carteis, con rostro de muller.... e os múltiples blogs das bibliotecas escolares de Primaria ou de Secundaria abren as súas fiestras e permítennos coñecer a intensa actividades destes días. A título de exemplo, esta interesante actividade, cunha persecptiva colaborativa, levada a cabo no IES Alexandre Bóveda (Vigo, Pontevedra):"Bata por fóra, muller por dentro" e que podemos coñecer a través do blog da biblioteca.   

As bibliotecas escolares forman usuarios de bibliotecas

Entre as funcións da biblioteca escolar está a formación do alumnado como usuarios de bibliotecas de diferente tipoloxía. Cando para a organización se empregan sistemas estandarizados, de uso na meirande parte das bibliotecas (como é a CDU para a clasificación dos materiais), ou se realizan prácticas de busca de información con fin de que o alumnado aprenda a moverse con fluidez polo mundo dos libros e dos recursos electrónicos, estáselle a educar para o uso dos instrumentos culturais que a sociedade pon ao seu servizo.

As bibliotecas escolares galegas programan, xa de forma cotiá, actividades neste ámbito. Tamén difunden, mediante guías específicas, as posibilidades e os recursos da biblioteca. Así podemos ver este exemplo de guía de usuarios da biblioteca, do CEIP Mestres Goldar, de Vigo (Pontevedra).

Aquí poden verse outros exemplos.

30 de xaneiro, Día Internacional da Paz

O calendario civil proporciona oportunidades de aprendizaxe moi valiosas, que o profesorado sabe aproveitar na consecución dos seus obxectivos. Unha destas datas é o 30 de Xaneiro, Día Internacional da Paz e da Non Violencia. Comezan a chegar materiais elaborados ou recompilados polas bibliotecas escolares, exercendo a súa función de proporcionar recursos ao profesorado do propio centro para o tratamento dos contidos curriculares, a educación das habilidades de uso da información (educación documental/ALFIN) e o fomento da lectura.

A prol dos Dereitos Humanos

As bibliotecas escolares apoian os programas e actividades incluídas no Proxecto Educativo do Centro. Un exemplo máis de cómo as bibliotecas escolares galegas realizan esta función, día a día: desde Monforte de Lemos, a biblioteca do IES Río Cabe, referente xa na elaboración de excelentes carteis para este día, nos envía unha imaxe ben expresiva para traballar os contidos propios do Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, incluída no calendario civil e no calendario escolar, e tan esquecida no "calendario" da realidade social. A título de exemplo, tamén, a webquest realizada pola responsable da biblioteca do CEIP de Andrade (Pontedeume, A Coruña), para traballar a educación documental co alumnado de 3º ciclo de Primaria,  a través dos contidos relacionados cos dereitos humanos.

As bibliotecas escolares buscan e poñen a disposición de profesorado e alumnado recursos diversos para o tratamento dos temas do currículo.  E como exemplo, este traballo de recompilación de materiais en relación cos dereitos humanos que fixo a biblioteca do CEIP Mestres Goldar (Vigo, Pontevedra).

Novos materiais para formación de usuarios/educación documental

Desde a biblioteca do CEIP Condesa de Fenosa, de O Barco (Ourense), chéganos un novo material para avanzar na educación documental do alumnado: Partes dos documentos que nos axudan na procura de información.

Parabéns e agradecementos a Xoaquín, responsable da biblioteca, por este recurso que pon a disposición das bibliotecas escolares galegas.

Educación no acceso á información: Obras de referencia

 

Os profesionais das bibliotecas escolares galegas non descansan.... Velaquí un recurso máis para a educación en información do alumnado, feita con rigor e bo gusto, que tamén é educativo. Agradecemos a Xaquín,  responsable da biblioteca do CEIP Conde de Fenosa, de O Barco (Ourense) a súa xenerosidade á hora de compartilo.

Letras Galegas 2009

Está o Día das Letras petando na porta e levan todo o ano as bibliotecas escolares traballando por mantelas vivas, as Letras. Por se esto fose pouco, tamén preparan recursos e materiais específicos para a conmemoración da efeméride, adicada este ano a Ramón Piñeiro.  

E Darwin segue a dar moito que investigar

Chéganos outro recurso, ben coidado e ben interesante, para avanzar na educación documental e na competencia informacional do alumnado de ensino primario, a través da figura de Darwin. Apoiando as palabras dos seus creadores, "nestes tempos de creacionistas, deseñadores intelixentes e ensino trilingüe, reivindicar un espirito científico como o de Darwin é completamente necesario", felicitamos aos responsables da biblioteca do CEIP Conde de Fenosa, de O Barco de Valdeorras, por esta iniciativa, e a súa xenerosidade á hora de difundila e poñela a disposición de todo o profesorado.

Proxecto interdisciplinar en 1º da ESO

A biblioteca escolar constitúe o centro de recursos imprescindible para o desenvolvemento dunha materia pensada para mellorar a competencia informacional do alumnado: PROXECTO INTERDISCIPLINAR (1º ESO). No IES Alexandre Bóveda, de Vigo, están a traballar neste curso un proxecto denominadao Todos somos romanos, e publican un blogue no que se pode seguir o desenvolvemento das súas actividades. Un bo exemplo de aproveitamento desta nova materia dos currículos-LOE en Galicia, unha das dúas comunidades autónomas (a outra é Cataluña) nas que se recoñece cun tempo específico(aínda que mínimo) a necesidade de educar nas habilidades de uso e tratamento da información.

8 de marzo a través de actividades ALFIN

Achégase un novo 8 de marzo necesario. Os centros educativos están xa a traballar na temática propia desta data: presencia da muller na sociedade, valores de igualdade, coeducación, xustiza social... Os equipos das bibliotecas escolares galegas, contextualizando, ofertan actividades de educación documental/ALFIN de gran interese. Obxectos de aprendizaxe que aúnan a formación de alumnas e alumnos en tanto que seres sociais, e a súa educación en habilidades de acceso, uso e produción de información.

Máis Darwin

Seguen os centros a ofertar actividades de educación  no uso da información asociadas á figura de Charles Darwin, quen pola súa biografía e pola súa obra "dá moito xogo". Desde o IES Ribeira do Louro, de Porriño, remítennos este "xogo" de busca documental. Agradecemos esta información e a xenerosidade de poñer estes materiais a disposición de toda a comunidade "bibliotequera".

E no IES de Sanxenxo, no contexto do Plan anual de lectura 08/09, o Departamento de Ciencias da Natureza elaborou este boletín especial Darwin.

Guias para axudantes da biblioteca

Unha das fórmulas para integrar ao alumnado na xestión e dinamización da biblioteca escolar, avanzando así  na súa formación en tanto que usuarios da biblioteca, e favorecendo a súa participación, é a de  formar equipos de colaboradores. Cómpre que este alumnado reciba unha formación básica e, despois, actuará baixo a dirección do profesorado da biblioteca escolar. Pero a súa colaboración non se debe desdeñar e os resultados respecto da implicación deste alumnado nas actividades de busca de información ou de animación á lectura son o suficientemente interesantes como para telos en conta. Velaquí exemplos de guías para axudantes da biblioteca, que poden resultar de interese para fomentar esta participación e garantir enha eficacia mínima.

ALFIN en tempos de Entroido

Xa está iniciado o ciclo do Entroido e xa as bibliotecas escolares, en colaboración cos equipos de normalización lingüística andan a programar actividades relacionadas coa tradición destas datas. É tempo tamén para investigar e aprender a usar a información. Con esa finalidade, desde o CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achégannos esta "caza do tesouro" para saber algo máis sobre o entroido. Esta actividade está pensada para 3º ciclo de Primaria e 1º ciclo de ESO. Incorporan ademais un exercicio de "autoavaliación"

E desde o CEIP de VIDE, en As Neves (Pontevedra), unha escola unitaria integrada no Plan de mellora de bibliotecas escolares, dan a coñecer esta guía de recursos sobre o entroido, especialmente destinado ao alumnado de educación infantil e ás súas familias. 

ALFIN para a Paz. Biblioteca do CEIP Mestre Martínez Alonso

Desde a Biblioteca Escolar do CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos, Pontevedra) achégannos unha proposta excelente para avanzar na educación documental  do alumnado. Esta webquest: xaneiro, mes da paz, está pensada, segundo o equipo da biblioteca, para 2º/3º ciclo de primaria, pero nalgúns centros tamén a van empregar para 1º ciclo de ESO. Agradecemos a xenerosidade do profesorado que comparte este recurso co resto das bibliotecas escolares, nunha dinámica de traballo absolutamente contextualizada no tempo e na realidade máis brutal.

Formación de usuari@s en JCLIC

Desde o IES As Mariñas, de Betanzos (A Coruña), achégannos este material destinado á educación documental do alumnado, en JCLIC.

Agradecemos a difusión deste traballo que, sen dúbida, pode ser útil para o resto das bibliotecas escolares galegas.

Proxecto Interdisciplinar - 1º ESO: un excelente exemplo

A nova materia de 1º de ESO, Proxecto Interdisciplinar, é unha boa ocasión para que a biblioteca escolar, cos seus recursos e o apoio dos seus responsables, amose toda a súa potencialidade nos centros de ensino secundario. Desde o IES Río Cabe, de Monforte de Lemos, Beatriz González convídanos a coñecer un destes proxectos, apoiado pola biblioteca escolar:

"Mándovos un enlace á entrada do noso blog  onde podedes ver o traballo dos alumnos do Proxecto Interdisciplinar co profesor de Plástica do centro (Manuel Sánchez). Tamén colaboramos dende a Biblioteca posto que no 1º trimestres fixemos con eles (na Biblioteca) a formación de usuarios, no segundo aprenderon a facer un traballo de investigación (proporcionámoslles material). No último trimestre centráronse no Guernica. A montaxe do vídeo é de M. Luz Paramio. Penso que o resultado é magnífico.  Quedamos impresionados cando o venres,espontáneamente, os rapaces empezaron a aplaudir cando viron no blog o resultado do traballo."

http://bibliocabe.blogspot.com/2008/06/proxecto-interdisciplinar.html

E outro excelente exemplo do mesmo centro:

http://bibliocabe.blogspot.com/2008/06/proxecto-interdisciplinar-ii.html

Educación documental a propósito de Álvarez Blázquez

Jullia González, desde a biblioteca do CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achéganos un material sinxelo pero eficaz, para a educación documental, co gallo do Día das Letras... ou sexa, integrando contidos desde a biblioteca escolar.

Como todos os caderniños que propón a Biblioteca, é unha actividade voluntaria, para facer na hora da biblioteca ou no recreo. O "gancho" que utilizamos son os "mikopuntos" pero tamén os motiva moito o feito de ter que empregar os ordenadores.
Nesta ocasión está destinado ao 2º e 3º ciclos de Primaria para facer en grupo, porque é un pouco longa e poden repartir o traballo. Utilizamos os poemas de Álvarez Blázquez de "Roseira do teu mencer".

Este enlace accede a todos os caderniños, incluídos os de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria

Outras bibliotecas como a do CEIP Quintela, de Moaña, prepararon materiais específicos para a conmemoración deste día. Recoméndase unha visita polos blogues de bibliotecas escolares galegas.

 

Webquest sobre Xosé María Álvarez Blázquez, Letras Galegas 08

Novos materiais froito do traballo colaborativo do profesorado, nesta ocasión as persoas que están detrás de tres blogues de bibliotecas escolares  ben activos: O Segrel do Penedo, A Nosa Biblioteca e Biblioafonso. Xenerosamente, poñen a disposición de todo o profesorado unha webquest para alumnado da ESO sobre Xosé María Álvarez Blázquez, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Benvido este material!!!

Materiais para a educación documental - Ensino Secundario

Desde a biblioteca do IES Poeta Añón de Outes (A coruña) remítennos uns materiais para educacióndocumental de gran interese. Atendendo a un dos contidos do Alfabetización Informacional, o uso ético da información, sendo como son na súa meirande parte tradución e adaptación de materiais preexistentes, dispoñibles a través de internet, recoñécese a autoría orixinal cunha mención explícita. En calquera caso, son excelentes instrumentos para a formación do alumnado de ESO, bacharelato e ciclos formativos no uso e tratamento da información, e debe recoñecerse o traballo realizado e agradecer a posibilidade de difundilo e poñelo a disposición do resto de bibliotecas escolares a través desta páxina: