Fomento da lectura

Letras galegas todo o ano nas bibliotecas escolares, en maio tamén.

 
 
Achégase o día grande das Letras Galegas e as bibliotecas escolares, neste ano 2021, incorporan a Xela Arias ao seu traballo en prol da nosa lingua. A súa mirada incorfomista e creativa, como mestra, editora, tradutora e poeta,  convida a  facer lectores en galego a través da singularidade da súa palabra.
 
Na imaxe, collage de Ana Piñón Vale do IES Agra do Orzán de A Coruña.
 
Velaquí algúns exemplos de actividades nas bibliotecas escolares galegas nestes días de maio de 2021:
 

Premio dos Clubs de Lectura 2021 para Eva Mejuto

Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade , fai pública a Resolución de 23 de abril de 2021 pola que se recoñece a Eva Mejuto co Premio dos Clubs de Lectura 2021. 
 
No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”.   Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro(2018), María Reimóndez (2019) e Andrea Maceiras (2020).
 
Eva Mejuto é unha das autoras más seguidas polo lectorado infantil e xuvenil galego. Na súa web podemos coñecer toda a súa traxectoria e todos os seus libros. Dous dos seus títulos, Memoria do silencio e 22 segundos están incluídos entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no curso 2019/2020

Actividades do Día do Libro 2021 nas Bibliotecas Escolares Galegas

 

 

O mes de abril ferve nas bibliotecas escolares cunha gran variedade de actividades arredor do libro e a lectura.

Imaxe de Cristina Novoa 

 

Velaquí algúns exemplos: 

 

As/os 40 autoras e autores máis lidos polos Clubs de Lectura no curso 2019-2020

 
Como en anos anteriores, trala revisión das memorias dos Clubs de lectura correspondente ao curso 2019/2020, e á vista das lecturas realizadas polos diferentes grupos integrados no club de lectura de cada centro participante, pódese coñecer a relación dos 50 títulos máis lidos así como o número de lectura realizadas de cada autor ou autora, tendo en conta as diferentes obras lidas de cada un deles.
 
 
Publícase agora a relación dos 40  autores e autoras máis lidos polos clubs de lectura nese período.
 
 

Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor - 2021

 
Achégase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade  edítase o díptico para conmemorar este día 23 de abril de 2021.
 
Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso a profesora, tradutora e poeta, Elvira Ribeiro, quen creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose nas potencialidades da lectura e que nos agasalla esta evocadora afirmación: 
 
"Talvez é ler un diamante de mil caras, un mar sen varandas."
 
Neste mes, e todo o ano, non agardemos a que os libros peten na nosa porta, naveguemos por un mar de lecturas e deixémonos arrolar polas súas ondas.
 
As imaxes son unha colaboración da nosa compañeira Cristina Novoa, a quen agradecemos as fotografías tomadas en Malta e na Ría de Aldán.
 

Día Internacional do libro Infantil 2021

 

 

Esteas cómodo na casa

ou atravesando veloz as fronteiras cara unha nova terra

e unha lingua estraña, as historias e poemas

perténcente. 

(Margarita Engle)

 

Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

 

A sección patrocinadora deste ano é EEUU que difunde a mensaxe de Margarita Engle, lustrada por Roger Mello: A música das palabras

GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de María Canosa.

Actividades nas bibliotecas escolares galegas:
 

 

#bescolaresgalAbertas por Poesía

 

 

A terra tanto xira

pola parte de diante

como pola parte de atrás

e sempre no mesmo sentido 

 

Celso Fernández Sanmartín. Libro para a casa dos avós de Noelia de Alperiz

 

Nun curso de Xeografías Lectoras e tempos confusos, cómpre viaxar polas métaforas das imaxes e as palabras, asolagar as nosas bibliotecas de poesía, buscar acubillo en versos reparadores, descubrir a poética do  máis pequeno e próximo...

 

 

Imaxe do IES San Paio (Tui-Pontevedra) 

Recursos: 

A Poesía das bibliotecas escolares galegas:

 

#bescolaresgalabertas: Hora de Ler

 

 

HORA DE LER dá nome ao programa da administración pública galega para o fomento da lectura no contexto educativo, e foi este o termo que escolleron os centros para ese "tempo para a lectura" contemplado na normativa curricular desde 2007. Pero xa antes, concretamente a partir dos primeiros encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares en 2006, comezara a difundirse a iniciativa exitosa nun centro de A Coruña, o CEIP Emilia Pardo Bazán, que viña empregando a fórmula da "lectura silenciosa sostida", procedente das escolas anglosaxonas. A inclusión do tempo para a lectura en primaria (30'diarios) e a elaboración dos Proxectos lectores de centro axudou a espallar esta iniciativa, que hoxe se leva a cabo en practicamente todos os centros  de Galicia.

Desta forma, Galicia, leva xa tempo poñendo en práctica unha das recomendacións do Grupo de expertos de alto nivel sobre alfabetización que a Unión Europea deu a coñecer en 2012: "Reservar un tempo suficiente para a aprendizaxe da lectura a para as actividades de libre lectura, permitindo que os alumnos elixan os seus materiais de lectura e establezan o seu propio ritmo de lectura". 

 

 

Nas Instrucións sobre organización e funcionamento da biblioteca escolar da Dirección Xeral de centros e RRHH, de 1 de setembro de 2020, indícase que "Desde a biblioteca escolar coordinaranse as actuacións para o desenvolvemento do Proxecto Lector de Centro e deberán contemplarse os beneficios de experiencias de eficiencia xa contrastada como a “Hora de ler”, actividades de lectura compartida ou osclubs de lectura, nas súas diferentes fórmulas."
Así, a pesar das limitacións e protocolos, as bibliotecas escolares galegas continúan dando apoio e recursos par que a Hora de Ler chegue a todo o alumnado.
Imaxe do ilustrador Óscar Villán 
 
Hora de Ler  nas bibliotecas escolares galegas:

 

 

 

 

24 de febreiro, Día de Rosalía

 

 

 

Cantarte hei, Galicia,

teus dulces cantares,

que así mo pediron

na veira do mare.


 Cantarte hei, Galicia,

na lengua gallega,

consolo dos males,

alivio das penas. 

("Cantares gallegos") 

 

 

Imaxe do CEIP Milladoiro (Malpica de Bergantiños-A Coruña)

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e a Lectura, publicado pola Consellería de Cultura, Educación  e Universidad, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Cada ano son máis as institucións que se suman á celebración do DÍA DE ROSALÍA, entre elas as bibliotecas escolares promovendo actividades que achegan ao alumnado a súa vida e obra. Traballos de investigación, lecturas compartidas, roteiros, actividades plásticas e creativas, programas de radio, proxectos multimedia... son algunhas das propostas que nestes días salientan a modernidade e actualidade do seu pensamento.

 

Asociación de Escritoras e Escritores en  Lingua Galega convida neste 2021, baixo o lema Teus doces cantares, a celebrar este día co agasallo dun libro en galego e unha flor ás amizades e persoas queridas. Publica un manifesto na voz  de Anna R. Figueiredo e propón múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos. Unha proposta para traballar o compromiso da nosa poeta a través dos seus doces cantares.

As nosas bibliotecas programan múltiples actividades: programas de radio, roteiros, vídeos, concursos, xogos, recitados interxeracionais en varias linguas... 

 

Actividades nas bibliotecas escolares:


 

 

#bescolaresgalAbertas: Clubs de Lectura

 
"Esta mesma pegada compartida persiste nos clubs de lectura, que non deixan de multiplicarse, crecer e  agromar, construíndo comunidades de memoria, solidariedade e encontro."
Irene Vallejo "Manifesto pola Lectura"
 
Neste curso, esta actividade continúa nas bibliotecas escolares, presencial ou telemáticamente, con todas as medidas de seguridade. Continúan os encontros compartidos, as colaboracións coa biblioteca, os encontros con autores e autoras...
 
A convocatoria de clubs de lectura para o curso 2020/2021 está integrada por 213 centros que acolen alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral. Ao mesmo tempo, o número de clubs segue a medrar nos centros de ensino primario, construíndo pontes cara o futuro. Clubs de alumnado, profesorado, familias, en distintas linguas e con diferentes temáticas.
 
Neste momento, e como sempre, cómpre poñer en valor o traballo de todos e todas os que fan posible que a lectura chegue aos clubs, non olvidar a cadea do libro, aos autores/as, ilustradores/as, editores/as, libreiros/as... Unha comunidade que continúa colaborando, con xenerosidade, cos clubs de lectura das nosas bibliotecas.
 
Imaxe do club de lectura "Viaxeiros de papel" do CEIP Emilia Pardo Bazán (A Coruña)
 
Clubs de lectura en marcha nas bibliotecas escolares galegas: 
 

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020/2021

 

O Portal Educativo vén de publicar a resolución definitiva da Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020/2021, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 23 de decembro de 2020. Distribúense contías, por un importe global de 200.000€, para o funcionamento de grupos de lectura en 213 centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral. Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 85% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquirirán pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 15% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librerías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistenca ao teatro, sempre relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.

 

 

Por outro ano de boas lecturas!

 

Remata un ano estraño e difícil, un ano que mudou a nosa xeografía lectora, un ano no que descubrimos a capacidade reparadora e sanadora da lectura.

Que mellor xeito de enfrontar o 2021 que acudindo ás seleccións de lectura das nosas bibliotecas escolares, que chegan, unha vez máis, cargadiñas de libros, música, xogos, películas...  

Colaboracións:

Resolución provisional da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020/2021

O Portal Educativo vén de publicar a resolución provisional, de 1 de decembro de 2020, da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020/2021, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.
 
Ábrese un prazo de 5 días naturais para a presentación de alegacións, contados a partir da data de publicación desta Resolución no Portal Educativo.
 
Na iimaxe, selección de obras para o Club de Lectura do IES A Basella 
 

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2020-2021

 

 

Vén de publicarse no Portal educativo a convocatoria de 29 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que acollen ensinanzas de educación secundaria, bachalerato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial para o curso 2020-2021.


O prazo límite para a presentación de solicitudes remata o 16 de novembro de 2020 (data incluída)

 

 

 

 

Día das Escritoras 2020

 

Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa  Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

Como en edicións anteriores, a data elexida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. A V Edición celébrase este ano 2020  o 19 de outubro baixo o lema "O esforzo cotián das mulleres". "Ben se podería dicir que a literatura escrita por mulleres está a miúdo esporeada por unha conciencia esencial do esforzo." , explica Elvira Lindo, comisaria desta V Edición do Día das Escritoras 2020.

Desde as bibliotecas escolares propomos que se visibilice a obra das escritoras galegas, ben a través dunha exposición, ben lendo fragmentos nunha maratón literaria ou mesmo nos clubs de lectura ou a través de actividades de investigación, exploración ou creación...

Animamos a toda acomunidade educativa a participar nesta actividade que visbilizaremos a través desta páxina e nas redes sociais. #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #DíaDasEscritoras 

 

"Tócanos facer as cousas ás agachadas, que non se note que estamos, porque somos invisbles como o ar. O que non saben, ou non pensan, é que o ar se coa en todos os recantos precisamente poque non se ve. Así facemos nosoutras."

Eva Mejuto "Memoria do silencio" (Editorial Xerais) 

 

Actividades nas bibliotecas escolares galegas:

 

 

Así o fixo... Bea Lema

 

Con esta entrada comeza unha iniciativa que quere poñer en valor do traballo dos ilustradores e ilustradoras galegos  ao longo de trece anos de colaboración e creación na edición dos carteis anuais para as bibliotecas escolare sgalegas e celebrarmos estas fermosas imaxes a prol da lectura que fomos quen, entre todos, de poñer nos muros dos centros. En diferentes formatos, contarán o proceso de creación, a partir do lema proposto pola Asesoría. Unha iniciativa que permitirá achegar ao noso alumnado ao proceso de transformación dunha idea nunha imaxe.

Comezamos con Bea Lema ilustradora do lema deste curso "Xeografías lectoras na biblioteca escolar". Un vídeo no que nos fala do seu interese polas imaxes que transmiten unha idea de forma sintética, os ilustradores que a inspiran, o proceso de documentación, as probas, a técnica ...

 

Xeografías lectoras na biblioteca escolar.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021. O lema elixido, XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR, quere  poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa. 

Cada libro que o alumnado ten a oportunidade de ler é unha ocasión para ampliar a súa imaxinación e aumentar os seus coñecementos, de aí a importancia da selección de lecturas que se pon ao seu alcance. A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.

En tempos confusos como os que estamos a vivir cómpre volver ás orixes, ao fundamental: a lectura e toda a súa potencialidade, sen esquecer outras oportunidades da biblioteca escolar para unha formación integral do alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:

- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa). Lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de "ler o mundo". 

- Configurar o itinerario  lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.

- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e descubrimentos a través das lecturas.  Descubrir as relacións entre identidade e lectura.

- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora durante o período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).

- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que organizamos o noso espazo lector (e o noso "liberespazo", o sistema de lecturas que imos creando ao longo da vida).

- Observar o noso corpo como un mapa de coñecemento, achegarnos á práctica da lectura a través do propio corpo. Descubir a capacidade reparadora da lectura. 

- Deixarse levar polas relacións entre cartografía e literatura,  que convidan á aventura (debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos que crean expectativas e acompañan na aventura lectora, debuxar mapas que representan mundos coñecidos e mundos imaxinarios, relacionar as nosas lecturas a través de "constelacións literarias", en función da temática, os personaxes...).

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...

Informe Clubs de lectura do curso 2018/2019

 

 

Como en anos anteriores, publícase un breve informe sobre as actuacións dos Clubs de lectura que participaron na convocatoria de 208/2019. Esta é unha actividade integrada no programa Hora de Ler que promove a participación de grupos de lectores e lectoras para compartir as asúas experiencias coa lectura coa mediación dunha persoa adulta. Estos clubs considéranse unha das fórmulas de maior interese para o fomento da lectura, en xeral, e entre os adolecentes en particular. O informe foi elaborado a partir dos datos obtidos da valoración das 242 memorias presentadas polos Clubs de lectura que se acolleron á convocatoria anual do curso 2018/2019.

Lembramos, tamén, o estudo realizado por José Antonio Millán sobre os impactos desta iniciativa transcorridos dez anos da primeira convocatoria, no que se inclúe o informe do curso 2017/2018.

#bescolaresgalAbertas - Guías de Verán 2020

 

Ás nosa xanelas asoma un verán diferente, que todavía non sabemos como afrontar. É posible que unha boa selección de lecturas axude neste trance e niso andan as bibliotecas escolares galegas.

"... merecemos recursos enriquecedores, que entreteñan e aporten a un tempo." (Biblioteca CEIP de Leirado) 

 

15 Anos de LIX Galega

Recollemos nesta guía 15 anos de LIX galega unha selección dos libros que tiveron unha maior presenza nas bibliotecas escolares galegas nestes primeiros quince anos do PLAMBE, que acompañaron ao alumnado galego no seu paso pola escola e polo instituto neste período e que, finalmente, teñen o recoñecemento das lectoras e dos lectores galegos. É froito da nosa observación e da colaboración con profesorado responsable de bibliotecas escolares que quixeron contribuír coa súa escolla. Non están todos pero todos os que están son referentes de lectura e forman parte do imaxinario do lector e da lectora que foi medrando xunto coa rede de bibliotecas escolares galegas.  A dificultade de seleccionar 15 títulos, a nosa primeira intención,  levounos a un documento más amplo no que se recollen, tamén, os títulos que tiveron recoñecemento a nivel galego, a nivel estatal e a nivel internacional. 

 

 

 

 

 

Premio dos Clubs de Lectura 2020 para Andrea Maceiras

 

 Andrea Maceiras

Co gallo da celebración do Día do Libro, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, da consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, fai pública a Resolución de 23 de abril de 2020 pola que se recoñece a Andrea Maceiras co Premio dos Clubs de Lectura 2020. 

No ano 2015 creouse este premio co obxecto de recoñecer cada ano a aqueles autores e autoras que, cos seus libros, axudan á construción de lectoras e lectores nestas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono, ao ampliarse o abano de estímulos e intereses. Uns creadores comprometidos coa lingua que achegan a materia prima coa que os clubs de lectura poden contribuír á extensión da lectura en galego. Na resolución de creación do premio contemplábase que “o Premio dos Clubs de Lectura poderá entregarse unha soa vez a un autor ou autora. No caso de que o primeiro creador da relación resultante nun curso xa tivese recibido o premio, este seralle concedido ao autor ou autora seguinte na relación”.   Até o momento recibiron este galardón os escritores Agustín Fernández
Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro
(2018) e María Reimóndez (2019).

Andrea Maceiras é unha das autoras más seguidas polo lectorado infantil e xuvenil galego. A súa última novela, Conta nove estrelas, obtivo o Premio Lazarillo 2018. Na súa web podemos coñecer toda a súa traxectoria e todos os seus libros. Dous dos seus títulos, O que sei do silencio e Europa express están incluídos entre os 50 libros máis lidos nos Clubs de lectura no curso 2018/2019. 

 

 

Día Mundial do Libro 2020. #bescolaresgal abertas e activas

 

 

Aínda na distancia, o mes de abril ferve nas bibliotecas escolares galegas cunha gran variedade de actividades arredor do libro e a lectura. As circunstancias excepcionais obrigan a dar unha pensada á programación do Mes do Libro, as recomendacións e lecturas virtuais, os retos, a participación das familias, a creatividade... ocupan agora este espazo, diferente pero igualmente rico.

Proposta da Asesoría de bibliotecas escolares: ReivindicaImaxe1Imaxe2Imaxe3Imaxe4

Vídeo coas propostas recibidas. 

Propostas das bibliotecas escolares galegas:

 

Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor - 2020

Achégase o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, en acepción da UNESCO, e desde a Consellería de Educación, Universidade e formación Profesional edítase o díptico para conmemorar este día 23 de abril de 2020.

Acudiuse, como en anos anteriores a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso ao escritor, xornalista e divulgador da cultura de Galicia, Manuel Gago, quen creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose nas potencialidades do libro e da lectura e que nos agasalla esta evocadora afirmación: 

"Cada libro que lemos queda gardado no noso peito como semente, paxaro ou xabarín"

Que a primavera entre polas fiestras e traia a voz das aves para acompañar as nosas lecturas!

 

 

A imaxe do díptico é tamén unha colaboración do profesor Harold Iglesias, a quen agradecemos esta fotografía dun "chasco" da Costa Vicentina (Portugal), paxariño común tamén no noso país.  Pódese coñecer algo máis deste "chasco común"  na ligazón  https://gl.wikipedia.org/wiki/Chasco_común e mesmo escoitar o seu canto: https://www.canto-pajaros.es/tarabilla-europea/

 

Os/as 40 autores e autoras máis lidos polos Clubs de Lectura no curso 2018/2019

 

Coma en anos anteriores, trala revisión das memorias dos Clubs de lectura correspondente ao curso 2018/2019, e á vista das lecturas realizadas polos diferentes grupos integrados no club de lectura de cada centro participante, pódese coñecer a relación dos 50 títulos máis lidos así como o número de lectura realizadas de cada autor ou autora, tendo en conta as diferentes obras lidas de cada un deles.

Publícase agora a relación dos 40  autores e autoras máis lidos polos clubs de lectura nese período.

 

#bescolaresgalAbertas: 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil - 2020

Como en anos anteriores (aínda que este sexa diferente) o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. 

A sección patricinadora deste ano é Eslovenia que difunde a mensaxe de Peter Svetinai lustrada por Damijan Stepancic: Fame de palabras. 

GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de  Héctor Cajaraville. 

Propostas das bibliotecas escolares galegas: