Fomento da lectura

#bescolaresgalAbertas: Día Mundial do Teatro

 

O 27 de marzo de 1962 o Instituto Internacional do Teatro (ITI) decidiu establecer esta data como Día Mundial do Teatro, lembrando a apertura do Teatro das Nacións en París. O seu obxectivo e promover o teatro en todas as súas formas arredor do mundo, crear conciencia sobre o valor do teatro e poñer en valor a forma de arte "teatro".
Este ano o dramaturgo pakistaní Shahid Nadeem é o encargado do manifesto : O Teatro como Santuario.
Nestes tempos de confinamento son moitas as actividades que , a través das redes, conmemoran esta data:
Actividades das bibliotecas escolares galegas: #bescolaresgalAbertas

 

21 de marzo: Día Mundial da Poesía

 

 Falta de atención

Porteime mal onte co cosmos.

Vivín todo o día sen preguntar por nada,

sen asombrarme por nada. 

 

(Wislawa Szymborska - Versos Escollidos)

 

Este ano celebramos o Día Mundial da Poesía nunha situación excepcional, por iso faise máis real o lema da ONU: Poesía, expresión lingüística da nosa humanidade común. 

 

Neste contexto as bibliotecas escolares galegas seguen a traballar para promover a lectura de poesía desde a distancia:

GALIX convida a participar no Concurso: Un poema na túa voz.

 

24 de febreiro, Día de Rosalía

Si pronto non me levades,

¡ai!, morrerei de tristeza,

soia nunha terra estraña,

donde estraña me alcumean,

donde todo canto miro

todo me dice: "¡Estranxeira"!

("Airiños, airiños, aires")

 

O 24 de febreiro está recollido no Calendario do Libro e a Lectura, publicado pola Consellería de Cultura e Turismo, como o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Cada ano son máis as institucións que se suman á celebración do DÍA DE ROSALÍA, entre elas as bibliotecas escolares promovendo actividades que achegan ao alumnado a súa vida e obra. Traballos de investigación, lecturas compartidas, roteiros, actividades plásticas e creativas, proxectos multimedia... son algunhas das propostas que nestes días salientan a modernidade e actualidade do seu pensamento.

A Asociación de Escritoras e Escritores en  Lingua Galega convida neste 2020, baixo o lema #ErrantesPoloMundo_drc_20, a celebrar este día co agasallo dun libro e unha flor ás amizades e persoas querida. Publica un manifesto na voz  de Daniel Asorey e propón múltiples actividades ás que se poden sumar os centros educativos. Unha proposta para traballar o drama da emigración na voz da nosa poeta.

Actividades nas bibliotecas escolares:

 

1 de febreiro, Día da Lectura en Voz Alta

 

 

 

A asociación Lit World promove desde o ano 2010 a conmemoración anual do Día da Lectura en Voz Alta, como unha chamada de atención sobre a importancia desta práctica de lectura no desenvolvemento da linguaxe, o amor pola lectura e o desenvolvemeto e fortalecemento de hábitos persoais. POrque a lectura é poderosa... as persoas que len poden comprender mellor a outras persoas, sentir empatía por elas e ver o mundo desde a súa perspectiva. Leer en voz alta... crea comunidade. Na súa páxina recollen propostas para celebrar esta data na escola e nas nosas bibliotecas xunto a unha guía para ler en voz alta.

Pola súa parte, a Asociación entre libros  publicou en 2016 un manifesto a prol da lectura en voz alta baixo o lema: "Da Voz ás Letras, que podemos ler en galego.

Plano Nacional de Leitura de Portugal, propón varias actividades para este día cunha variedade de recursos e propostas.

 

 

 

 

 

 

Por outro ano de FERMOSAS LECTURAS

Para acabar o ano...

para empezalo...

porque sí...

porque nos peta...

porque non fan falta escusas...

FERMOSAS LECTURAS... TODO O ANO!

 

Resolución da convocatoria de clubs de lectura para o curso 2019/2020

O Portal Educativo publicou xa a resolución definitiva da Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2019/2020, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 13 de decembro de 2019. Distribúense contías, por un importe global de 220.000€, para o funcionamento de grupos de lectura en 247 centros públicos que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime xeral. Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 75% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquirirán pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 25% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librerías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistenca ao teatro, sempre relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.

 

Resolución provisional da convocatoria de clubs de lectura para o curso 2019/2020

 

O Portal Educativo publicou xa a resolución provisional da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2019/2020, segundo Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos de 25 de novembro de 2019.

Ábrese un prazo de 5 días naturais para a presentación de alegacións, contados a partir da data de publicación desta Resolución no Portal Educativo.

 

 

  Na imaxe, club de lectura do IES Valadares (Vigo-Pontevedra)

Maletas viaxeiras 2019/2020

 

O programa "Maletas Viaxeiras" da Asesoría de bibliotecas escolares ofrece moitas novidades para o curso 2019/2020.

Ofrécense 4 novas maletas denominadas  "Biblioteca Creativa" con recursos moi variados que permiten configurar a colección dos espazos creativos das nosas bibliotecas, nos que os materiais deben ir acompañados por bibliografía que apoie e optimice o seu uso. Falamos de xogos manipulativos e fondos documentais que contemplan todo tipo de linguaxes e posibilitan ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación en ambientes de cooperación.

 

Neste curso a Asesoría de bibliotecas escolares aumentou o persoal de atención a centros incorporando un novo posto que se ven a sumar aos dous existentes quedando localizados nos seguintes emprazamentos:

Asesoría Zona Norte

  • Asesora:  Chelo Gundín Rey
  • Enderezo: CFR Ferrol
    R/ O Galego Soto, s/n
    15403 Ferrol (A Coruña)
  • Teléfono: 981 370 541
  • E-mail: abe.zonanorte@edu.xunta.es

 Asesoría Zona Sur

  • Asesor: Paco Díaz Rey
  • Enderezo: Xefatura Territorial de Educación
    R/ Avda. Fernández Ladreda, 43
    36003 Pontevedra (Pontevedra)
  • Teléfono: 986 805 209
  • E-mail: abe.zonasur@edu.xunta.es

Asesoría Zona Sueste

  • Asesor: Loli Nieto Campos
  • Enderezo: CFR Ourense
    R/ Avda. da Universidade, 18
    32005 Ourense (Ourense)
  • Teléfono: 988 241 533
  • E-mail: abe.zonasueste@edu.xunta.es
 

Algunhas das maletas están localizadas nestas seccións para facilitar o achegamento deste material aos centros que o desexen empregar.

Os centros interesados poden solicitar estas maletas na aplicación MALETAS VIAXEIRAS, desta mesma páxina: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/maletas

 

24 de outubro, Día da Biblioteca, de todas as bibliotecas.

Dende 1997 celébrase o Día da Biblioteca o 24 de outubro, una conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. Esta asociación, membro da OEPLI, facilita na súa páxina o cartel e o pregón para esta conmemoración nas diferentes linguas do Estado, obra desta vez do ilustrador Miguel Calatayud e  a escritora Gemma Pasqual.

Pola súa parte, o Ministerio de Cultura e Deporte propón este ano 2019 a incorporación do lema "aptas para todos os públicos", co obxectivo de salientar o papel das bibliotecas na promoción da igualdade de xénero.

As bibliotecas escolares galegas teñen o seu propio lema para este curso 2018/2019, BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA,  que conta cunha imaxe propia creada por Óscar Villán. Os carteis editados con este lema están xa en todos os centros educativos. As bibliotecas escolares están xa en plena celebración do seu día, unha oportunidade para inaugurar novos espazos, abrir as portas á comunidade educativa e  presentar ás familias os recursos e as actividades da biblioteca, programar actos específicos nos que lembrar as oportunidades que ofrece a biblioteca para estimular a formación lectora do alumnado e reforzar a adquisición de todas as competencias e contidos incluídos no currículo. 

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar as outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas (e todas boas), que son as bibliotecas públicas, eses lugares para a igualdade e a diversidade que son as BIBLIOTECAS. 

 

Actividades nas bibliotecas escolares de Galicia:

Lecturas no Canmiño

A Dirección Xeral de Centros e RR.HH. en colaboración coa entidade Golfo e Dama puxo en marcha neste mes de outubro unha iniciativa integrada no programa Biblioteca Inclusiva, destinada a favorecer experiencias de lectura apoiada con cans. Este programa ten o patrocinio do Xacobeo 2021.

Baixo o lema Lecturas no Canmiño, a psicoterapeuta Marta Jaquet e o seu can Brus van visitar ao longo do mes do outubro cinco centros PLAMBE: CEIP Lamas de Abade, CEIP O Camiño Inglés, CEE Navalón, CEE Nosa Señora do Rosario e EEI Barrionovo onde realizarán diferentes sesións de lectura coas que practicar e mellorar as habilidades lectoras e de comunicación do alumnado.

Unha vez avaliada a idoneidade da proposta e escoitados tanto o profesorado como o alumnado que participou nesta iniciativa, valorarase desde esta Consellería a implementación dun programa destas características noutras bibliotecas escolares. As primeiras noticias que nos chegan dos centros son altamente positivas.

Pódense ver aquí as imaxes nos blogs dalgúns dos centros participantes neste proxecto piloto. Seguirase ampliando toda a información.                                                      

 

Convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2019/2020

 

Vén de publicarse no Portal educativo a convocatoria de 5 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, no contexto das actuacións para o fomento da lectura no ámbito educativo, pola que se incentiva o funcionamento de CLUBS DE LECTURA en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que acollan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional (tanto en réxime ordinario como de persoas adultas) ou ensinanzas de réxime especial, para o curso 2019/2020.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2019.

TEXTO DA CONVOCATORIA

FORMULARIO DE SOLICITUDE 

Estudo: Clubs, lectoras e lectores no ensino secundario de Galicia.

Transcorridos dez anos desde a primeira convocatoria de axudas para o funcionamento de Clubs de lectura destinadas a centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional e outros de nivel post-obrigatorio, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos /Asesoría de bibliotecas escolares, abordou a realización dun estudo cualitativo sobre a lectura e os clubs de lectura, os impactos desta iniciativa na cualidade da lectura e nas competencias comunicativas (e outras) do alumnado participante, así como o seu impacto nas comunidades educativas dos centros que contan con club de lectura. José Antonio Millán dirixiu este estudo (Clubs y lectores en la enseñanza secundaria de Galicia), do que se realizou a fase de "grupos de discusión" durante a primavera de 2018 e do que se presentaron as primeiras conclusións nas IX Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, celebradas en novembro de 2018. Velaquí agora o borrador ou pre-publicación do estudo nas dúas versións: galego e castelán, que se pon a disposición do profesorado e de todas as persoas interesadas.

 

Lecturas para días luminosos - Guías de Verán 2019

 
Achéganse días de lecer, días luminosos cheos de azuis, verdes, amarelos, laranxas, lilas ... días de viaxes reais e imaxinarios, días de encontros ...
Para acompañalos, as bibliotecas escolares galegas están a difundir as súas guías de lectura, as súas recomendacións de libros, películas, música, xogos e moito máis ... Para aproveitar !!!

 

Na imaxe, VI Quedada Literaria en Castrelos. Blog da Maga Tomasa

XII Xornada dos Clubs de lectura

O vindeiro 7 de xuño, celebrarase na EGAP (Escola Galega da Administración Pública), en Santiago de Compostela, a reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neste curso 2018/2019 recibiron asignación, a través da convocatoria do programa, un total de 253 centros que matriculan alumnado de ESO, BAC, FP, Ensinanzas de Persoas Adultas, e Ensinanzas de réxime especial (Conservatorios e Escolas de idiomas). Esta XII Xornada dos Clubs de Lectura reunirá así a preto de 280 persoas, entre participantes, relatores e asesores e asesoras de formación do profesorado.

Haberá ocasión para amosar o estudo sobre os clubs de lectura, realizado por José Antonio Millán para esta consellería, no pasado ano 2018, en colaboración coa D.X. de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Entregarase, así mesmo, o Premio dos Clubs de Lectura 2019, que desta vez recaeu na escritora María Reimóndez, por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2017/2018, tal e como se recolle na Resolución do 23 de abril de 2019, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado e Carlos Negro.

O programa contempla así mesmo a participación de María José Masanet, profesora e investigadora da Universitat Poempeu Fabra; celebrarase unha mesa sobre mediacións lectoras; o activista da lectura Marijn Brouckaert falará das "lecturas compartidas", como ferramenta de intervención social; Antonio Sandoval amosará a súa experiencia como moderador dun club de lectura temático sobre ciencias da natureza e a poeta Tamara Andrés impartirá un obradoiro de poesía. Pechará a xornada a profesora, escritora e académica Marilar Aleixandre.

A escritora María Reimóndez, Premio dos Clubs de Lectura 2019

 

Na XII Xornada dos Clubs de Lectura, que reunirá o 7 de xuño de 2019 en Compostela ao profesorado que coordina os clubs de lectura en 243 centros adheridos á convocatoria desta consellería, entregarase o PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2019 á escritora MARÍA REIMÓNDEZ.

O pasado 23 de abril, a D.X. de Centros e Recursos Humanos publicaba unha Resolución pola que se concedía este galardón a María Reimóndez por ser a escritora galega máis lida nos clubs de lectura. Aínda que na relación de autores e autoras máis lidas polos clubs de lectura no pasado curso 2017/2018 María Reimóndez aparece cuarta na lista, cómpre lembrar que este premio só se entrega a autores/ as en vida e que cada autor e autora pode recibilo unha soa vez.

É de salientar que entre os títulos máis lidos polos clubs de lectura no curso 2017/2018 aparecen títulos de María Reimóndez como Corredora, A dúbida, Dende o conflito, As cousas que non queremos oír ou Moda Galega.

A escritora afirma que a literatura contribúe a conformar valores e ten que servir para construír outro mundo. Así Genet, a atleta etíope protagonista de Corredora, quere mostrar ao mundo enteiro do que son capaces as invisibles. Por iso, cando por fin está no podio, entende que levantarse e correr, unha e outra vez, é o seu camiño e o seu fogar aprendido na cerna da montaña, no país onde naceu e onde cabe o mundo enteiro.

 

 

Actividades do Día do Libro 2019 nas Bibliotecas Escolares Galegas

O mes de abril ferve nas bibliotecas escolares cunha gran variedade de actividades arredor do libro e a lectura. Velaquí algúns exemplos:

Día Mundial do Libro 2019

 

 

Achégase o Día mundial do Libro e dos Dereitos de Autor e desde a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional edítase o díptico para conmemorar este día 23 de abril de 2019.

Acudiuse, como en anos anteriores, a unha persoa referente da literatura galega actual, neste caso á poeta, narradora, profesora e académica Marilar Aleixandre, quen xenerosamente cedeu un poema para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, sobre a lectura como unha viaxe ao fondo das preguntas. Un texto que convida  a reflexionar sobre a importancia da lectura como revulsivo para interrogar, cuestionar, dubidar, aprender, enfocar, repensar e nunca conformarse.

 

2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil - 2019

 

 

Coma en anos anteriores, o Ibby (International board on books for young people) chama á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil o día 2 de abril,  data  de nacemento  de Hans Christian Andersen. A responsabilidade do cartel e o díptico deste ano 2019 correspondeulle a Lituania.A autoría do texto e a ilustración son de Kestius Kasparavicius, quen titula a súa mensaxe: Os libros fannos acougar.

Galix, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a mensaxe, con tradución ao galego.

1 de febreiro, Día da Lectura en Voz Alta

A Asociación Lit World promove desde o ano 2010 a conmemoración anual do Día da Lectura en Voz Alta, o 1 de febreiro, como unha chamada de atención sobre a importancia desta práctica de lectura no desenvolvemento da linguaxe, o amor pola lectura e o fortalecemento de hábitos persoais, para o que realizan varias propostas que poden valorarse.

Pola súa parte, a Asociación Entrelibros, xunto con outras institucións,  publicaron en 2016 un manifesto a prol da lectura en voz alta baixo o lema: "DA VOZ ÁS LETRAS " que se pode ler tamén en galego. 

O Plano Nacional de Leitura, de Portugal, realiza varias propostas por mor deste 1 de febreiro co título DESAFÍOS DE LEITURA EM VOZ ALTA, que tamén se poden ter en conta.

As bibliotecas escolares galegas teñen incorporada esta actividade en moitas das súas dinámicas pero non está de máis sumarse, se se pode, a esta celebración cunha lectura dun poema, por exemplo, neste ano de "Poéticas diversas na biblioteca escolar". 

Na imaxe, tempo para a lectura no CPI Cruz do Sar, de Bergondo (A Coruña). 

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de lectura. Curso 2017/2018.

 
Publícanse os 50 títulos máis lidos no conxunto dos clubs de lectura adscritos o programa CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, durante o curso 2017/2018, en centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial (conservatorios, escolas oficiais de idiomas, ensinanzas de persoas adultas).
 
Durante o curso 2017/2018 participaron desta iniciativa un mínimo de 231 clubs de lectura (que foron os que recibiron asignación específica para o seu funcionamento). Unha lectura detallada desta relación fala da diversidade de lecturas presentes nestes grupos de lectura.  Póximamente publicarase a relación de autores/as máis lidos neste período. 

Resolución definitiva da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2018/2019

Club de lectura do IES Agra de Raíces (Cee, A Coruña)

O Portal Educativo publicou xa a resolución definitiva da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2018/2019, segundo Resolución do Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 31 de decembro de 2018. Distribúense contías, por un importe global de 215.000€ para o funcionamento de grupos de lectura en 243 centros públicos que matriculan alumnado de ESO, Bacharelato, Formación Profesional ou Ensinanzas de Réxime Especial. Estas asignacións estarán destinadas nun mínimo do 75% á adquisición de libros para o desenvolvemento da actividade propia do club, a lectura (os libros que se adquiran pasarán a integrarse na colección da biblioteca escolar); un máximo do 25% poderá destinarse a costear actividades complementarias do club tales como encontros con creadores/as, visitas culturais relacionadas con librarías, bibliotecas, encontros con outros clubs, visionado de películas ou asistencia ao teatro, sempre en actividades relacionadas coa actividade dos grupos de lectura.  

Na imaxe, Club de lectura no IES Agra de Raíces (Cee, A Coruña)

Lecturas para iluminar os días escuros. Nadal 2018

Achéganse os días de lecer que coinciden cos primeiros días do inverno, co tempo frío e a pouca luz no exterior. Son ocasión fantástica para ocupar parte do tempo na lectura, sós ou en compañía de amigos ou familiares. As bibliotecas escolares galegas preparan as súas recomendacións de lectura para estas datas e orientan á hora de facer agasallos. Velaquí algunhas destas "guías de lectura":

24 de outubro, Día da Biblioteca, tamén da Biblioteca Escolar.

O 24 de outubro é unha data sinalada como Día da Biblioteca no Calendario do Libro e da Lectura que todos os anos vén publicando a Xunta de Galicia, e está salientado nas axendas de todos cantos traballan a prol das bibliotecas, o libro e a lectura, desde que hai máis de vinte anos a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil y Juvenil propuxera a celebración deste día. Na actualidade, o Ministerio de Cultura edita todos os anos un cartel conmemorativo e un pregón, e propón actividades para a súa celebración, entre outros, a través do Observatorio de la Lectura y el Libro.
Desde outubro de 2008, a Consellería de Educación edita un cartel específico para celebrar este Día da Biblioteca tamén nas Bibliotecas Escolares, cun lema para dar a coñecer e difundir as múltiples oportunidades que ofrece unha biblioteca escolar activa, e que este ano foi interpretado pola ilustradora Nuria Díaz. Este fermoso cartel de 2018 xa está presente en todos os centros galegos para a celebración do 24 de outubro. 
Comezan a chegar noticias sobre as múltiples actividades organizadas polas bibliotecas escolares galegas arredor desta xornada das que iremos dando conta en breve. Entre tanto, desde a D.X. de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de bibliotecas escolares, convócase un certame de materiais co gallo da celebración deste Día da Biblioteca.  Trátase do concurso de ideas para a formación de persoas usuarias da biblioteca escolar, "XOGANDO COA CDU", aproveitando o cartel CDU ILUSTRADA, realizado por Óscar Villán e remitido aos centros a comezos deste curso 2018/2019.
Animamos a todos os equipos de biblioteca dos centros educativos galegos a deseñar e enviar, antes do 23 de novembro, unha actividade manipulativa ou proposta didáctica (en soporte analóxico ou virtual) para a formación do alumnado no uso dos recursos da biblioteca.  Velaquí as BASES do concurso.
 
Así celebran algunhas das bibliotecas escolares este Día:

POÉTICAS DIVERSAS na biblioteca escolar

"A poesía, din, é a memoria do mundo". Juan Marqués

A poesía está por todas partes, o que importa é explorar para descubrila. A biblioteca escolar é un lugar privilexiado para estimular esa mirada que xogue a descubrir a poesía que se agocha nas paisaxes, na música, no cine, nunha noite estrelada, no baile do vento na herba, nos seres minúsculos que só podemos ver a través do microscopio, nesa música que engaiola, na palabra dos poetas, na tradición oral, nun texto que nos traspasa e nos obriga a mirarnos, nesa persoa que nos axuda a abrir os ollos para ver o que nos rodea, no último descubrimento científico (eses escutoides descoñecidos até agora), nesa voz que nos fala, nese abrazo que nos agarima... 

POÉTICAS DIVERSAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR é o lema que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional  propón ás bibliotecas escolares para o curso 2018/2019, como chiscadela para descubrir a poesía que nos rodea, apoiádonos nos recursos e nas posibilidades da biblioteca escolar. Nuria Díaz foi a ilustradora convidada a interpretar este lema e a compoñer este fermoso cartel que, en breve, estará xa en todos os centros educativos galegos. 

Longa vida á poesía, "memoria do mundo", en palabras do poeta Juan Marqués, quen tamén afirma que a poesía, aínda que ninguén a lea, penetra nas conciencias e nas nacións e dá enérxicos empurróns á Historia, inventa e derruba deuses, funda e destrúe reximes políticos, declara guerras, move montañas... 

Poéticas diversas convida a asolagar as aulas de poesía, a tratar con poetas, a perderlle o medo á metáfora, a xogar coa palabra e coa imaxe até obter todo o seu zume, a coñecer a excelente e variada creación poética galega destinada a todas as idades, a permitir que o alumnado galego poña voz e dea vida á tradición lírica galega, á poesía de Rosalía e de todas e todos os poetas que foron e son.  

Maletas viaxeiras 2018/2019

   
 Novidades nas maletas de "ciencias", moitas con perspectiva de xénero.  Materiais das maletas "Lectura e diversidade", de nova incorporación no programa. 

O programa  "Maletas Viaxeiras" da Asesoría de bibliotecas escolares ofrece moitas novidades para o ano 2018/2019.

  • Ofrécense 4 novas maletas denominadas "Lectura e diversidade", con materiais moi variados que permiten un achegamento á lectura literaria a alumnado con dificultades de comprensión lectora. Estas maletas poden interesar igualmente a bibliotecas de infantil e primaria  así como a Centros de Educación Especial. 
  • Incorpóranse, así mesmo, 4 novas maletas baixo o título "Por uha Biblioteca Inclusiva", que presentan unha selección moi coidada (non exhaustiva) de títulos que achegan unha mirada inclusiva da realidade e, por tanto, poden servir para traballar estes contidos en actividades de biblioteca e de aula. As bibliotecas destinatarias poden ser de infantil, primaria ou secundaria, ademáis dos Centros de Educación Especial.
  • Así mesmo, engádese ao programa unha maleta de "Ciencias - Primaria" e  inclúense novos materiais en todas as maletas de Ciencias que recuperan figuras femeninas do ámbito científico e, tamén, divulgación da ciencia dende unha perspectiva de xénero. 

Os centros interesados poden solicitar estas maletas na aplicación MALETAS VIAXEIRAS, desta mesma páxina: https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/maletas