Infantil e primaria

A biblioteca escolar ofrece e ofrécese: "Atopa o teu libro"


As bibliotecas escolares, ademais de coidar a selección de materiais e recursos postos a disposición do alumnado, deben difundir estes materiais, facelos visibles, "chamar" a usalos. Velaquí un exemplo, en formato electrónico, desde o CEIP Víctor Sáenz, de Mazaricos (A Coruña), que aúna formación de usuarios e chamada reclamo para o uso da biblioteca escolar e das súas fontes informativas e de lecer. 

Voluntariado de lectura - A

A formacióAlumnas colaboradoras da biblioteca no CEIP Doutor Suárez (Fornelo de Montes, Pontevedra)n do alumnado en actitudes solidarias e de compromiso co seu entorno máis próximo, pero tamén co mundo no que vive e coa sociedade na que está integrado, pode facerse desde varios ámbitos (a ecoloxía e o medio ambiente, a saúde, a mediación para a convivencia, a coeducación, a igualdade, a implicación na cultura de Paz ou de defensa dos Dereitos Humanos, a educación en valores en xeral), sendo este ámbito da biblioteca e da lectura, unha posibilidade ao alcance de todos os centros que contan cunha biblioteca activa como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publica no Portal Educativo unha iniciativa pola que se estimula o voluntariado cultural relacionado coa lectura en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta proposta, Voluntariado de lectura - A, vai destinada ao alumnado de 3º Ciclo de Ensino Primario que se implica directamente en labores de colaboración coa biblioteca escolar, ou que participa activamente, xunto co profesorado do Equipo de biblioteca,  no deseño, organización e realización de actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro. Os centros que conten con alumnado colaborador ou que programen actividades de lectura compartida poderán inscribirse antes do 31 de outubro nesta iniciativa.  ACCESO Á CONVOCATORIA

Colabora con esta iniciativa a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Anexos (en formato editable):

Na imaxe, alumnas colaboradoras da biblioteca no CEIP Doutor Suárez (Fornelo de Montes, Pontevedra) 

Libros que van e veñen

 

As nenas e os nenos de infantil van encher rúas e corredoiras de cores vivas, as destas pequenas mochilas para gardar o libro que escollen na biblioteca escolar para ler na casa, e cos da casa. "Libros que van e veñen" é unha iniciativa encadrada no programa "Hora de Ler" para o fomento da lectura,  que busca apoiar ao profesorado no seu labor de implicación das familias nas actividades da biblioteca, e no empeño por conseguir que as nenas e os nenos desenvolvan hábitos de lectura.

Destinado ás familias, edítase un tríptico con orientacións e posibilidades de colaboración na casa e na escola, a través das actividades deseñadas pola biblioteca escolar. Este material (bolsas) enviarase aos centros, para o alumnado de ensino infantil, baixo demanda. Os trípticos pódense descargar desde aquí. (enviar solicitudes á Asesoría de bibliotecas escolares no correo habitual). 

 

Biblioteca escolar do CEIP Quintela, de Moaña (Pontevedra), un exemplo de boas prácticas.


Co gallo da entrega dos Premios Nacionais de boas prácticas na xestión e dinamización de bibliotecas escolares, correspondente ao ano 2010, celebrado en Madrid, na primavera de 2011, e no que se concederon 8 galardóns para bibliotecas galegas, o CEIP Quintela de Moaña foi o encargado de "ilustrar o acto"; entre outras actividades presentaron este vídeo sobre a súa biblioteca, que ben pode representar a moitas outras espalladas por toda Galicia.

Unha biblioteca escolar que se transforma: CEIP de Chans de Bembrive


Velaquí un vídeo que ilustra o proceso de transformación da biblioteca escolar en centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, ao tempo que facilita a formación de usuarios e usuarias. Parabéns á comunidade educativa do CEIP Chans de Bembrive (Vigo, Pontevedra), pola súa nova biblioteca e polo seu traballo.

Libros que van e veñen

 

En poucos días as bibliotecas escolares comezarán a estar a pleno rendemento (algunhas non deixaron de estar presentes nas vacacións a través do seu blogue e mediante o préstamo para o verán). Os libros comezarán a camiñar das mans das nenas e dos nenos para ver mundo e encherse de vida. Para os máis pequenos póñense a disposición estas "bolsas de biblioteca", destinadas a protexelos e facilitar esa "viaxe". Os centros con alumnado de ensino infantil que o desexen poden solicitalas mediante un correo electrónico (dende o enderezo oficial do centro), detallando o código e o  nº de bolsas necesarias,  ao seguinte enderezo: bibliotecasescolares@edu.xunta.es

Serviranse ata agotar existencias por orde de chegada da solicitude e só para o alumnado de educación infantil. 

Títulos imprescindibles para unha colección de calidade - Infantil e Primaria

De entre os titulos de literatura infantil e xuvenil editados no 2007 e 2008, profesorado con ampla experiencia no trato con libros e pequen@s lectores,  fixo unha selección (a petición da Asesoría de bibliotecas escolares) dos que poderían considerarse imprescindibles.  Velaquí esta Selección de libros imprescindibles para infantil e primaria (fición)

E para manter actualizada a sección de materiais informativos (ou de consulta, coñecemento...) estoutra selección de títulos axeitados ao alumnado destas idades: Imprescindibles-Informativos para ensino infantil e primario. (Neste caso, o campo "idade" debe entenderse como "a partir de", é dicir, textos que xa poderían ser consultados, sequera parcialmente ou con axuda,  por lectores a partir de "3-6 anos", por exemplo.)

 

ALFIN para a Paz. Biblioteca do CEIP Mestre Martínez Alonso

Desde a Biblioteca Escolar do CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos, Pontevedra) achégannos unha proposta excelente para avanzar na educación documental  do alumnado. Esta webquest: xaneiro, mes da paz, está pensada, segundo o equipo da biblioteca, para 2º/3º ciclo de primaria, pero nalgúns centros tamén a van empregar para 1º ciclo de ESO. Agradecemos a xenerosidade do profesorado que comparte este recurso co resto das bibliotecas escolares, nunha dinámica de traballo absolutamente contextualizada no tempo e na realidade máis brutal.

O Rincón da Fantasía: Bibliotecas escolares de Arousa

Varias bibliotecas escolares da zona da Ría de Arousa unen os seus esforzos nun blogue colaborativo: O Rincón da Fantasía. Contan as súas responsables que tomaron contacto nas pasadas Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia, celebradas en Santiago en outubro de 2007 e que decidiron formar un grupo de traballo.

EEI Vagalume, CEIP Arealonga, CEIP A Escardia, CEIP de Rubiáns, EEI da Pastora e CEIP de Vilaxoán  empregan o blogue O Rincón da Fantasía como ferramenta común para dar compartir as súas experiencias en relación co fomento da lectura e da escritura.

O profesorado galego aproveita de forma diversa as posibilidades desta potente ferramenta para a comunicación que son os blogues: velaquí unha das máis interesantes, a que acorta distancias e facilita traballos comúns. Parabens!!

Educación documental a propósito de Álvarez Blázquez

Jullia González, desde a biblioteca do CEIP Mestres Goldar, de Vigo, achéganos un material sinxelo pero eficaz, para a educación documental, co gallo do Día das Letras... ou sexa, integrando contidos desde a biblioteca escolar.

Como todos os caderniños que propón a Biblioteca, é unha actividade voluntaria, para facer na hora da biblioteca ou no recreo. O "gancho" que utilizamos son os "mikopuntos" pero tamén os motiva moito o feito de ter que empregar os ordenadores.
Nesta ocasión está destinado ao 2º e 3º ciclos de Primaria para facer en grupo, porque é un pouco longa e poden repartir o traballo. Utilizamos os poemas de Álvarez Blázquez de "Roseira do teu mencer".

Este enlace accede a todos os caderniños, incluídos os de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria

Outras bibliotecas como a do CEIP Quintela, de Moaña, prepararon materiais específicos para a conmemoración deste día. Recoméndase unha visita polos blogues de bibliotecas escolares galegas.

 

Guías de uso da biblioteca escolar

As bibliotecas escolares poden e deben facer difusión dos seus servizos, ao tempo que facilitan a formación de usuarios e a educación documental. Algúns exemplos deste tipo de materiais:


A estas guías, únese agora a Guía da Biblioteca do CEIP Milladoiro, de Malpica: un bo exemplo, tamén, das transformacións que están a "gozar" as bibliotecas escolares deste país, grazas aos recursos que as administracións van dispoñendo, a través por exemplo do Plan de mellora de bibliotecas escolares, pero especialmente, grazas ao traballo cotián, ao entusiasmo e á convición do profesorado que tira delas  e que inviste estes recursos en beneficio sempre dunha mellora da calidade do ensino do alumnado.