Secundaria

Nova convocatoria en apoio a clubs de lectura

O venres 31 de outubro vén de ser publicada no Portal Educativo a convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros que matriculan alumnado de ensino secundario, formación profesional ou ensinanzas de réxiime especial, para o curso 2008/2009.

O prazo de presentación de proxectos remata o 18 de novembro.

Webquest sobre Xosé María Álvarez Blázquez, Letras Galegas 08

Novos materiais froito do traballo colaborativo do profesorado, nesta ocasión as persoas que están detrás de tres blogues de bibliotecas escolares  ben activos: O Segrel do Penedo, A Nosa Biblioteca e Biblioafonso. Xenerosamente, poñen a disposición de todo o profesorado unha webquest para alumnado da ESO sobre Xosé María Álvarez Blázquez, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Benvido este material!!!

Libros a eito, espazo de intercambio de libros entre os Clubs de Lectura

 

 

Xa leva un tempiño andando o blogue LIBROS A EITO, creado para que os Clubs de Lectura, activos neste curso 07/08 en centros de ensino secundario de Galicia, poidan intercambiar lotes de libros.

A última oferta ingresada chega desde o IES Johan Carballeira de Bueu.

Guías de uso da biblioteca escolar

As bibliotecas escolares poden e deben facer difusión dos seus servizos, ao tempo que facilitan a formación de usuarios e a educación documental. Algúns exemplos deste tipo de materiais:


A estas guías, únese agora a Guía da Biblioteca do CEIP Milladoiro, de Malpica: un bo exemplo, tamén, das transformacións que están a "gozar" as bibliotecas escolares deste país, grazas aos recursos que as administracións van dispoñendo, a través por exemplo do Plan de mellora de bibliotecas escolares, pero especialmente, grazas ao traballo cotián, ao entusiasmo e á convición do profesorado que tira delas  e que inviste estes recursos en beneficio sempre dunha mellora da calidade do ensino do alumnado.

LER EN MANCOMÚN, un espazo para os Clubs de Lectura dos centros de ensino de Galicia

Nace un novo espazo virtual de apoio ao profesorado implicado no fomento da lectura: LER EN MANCOMÚN, un blogue destinado aos clubs de lectura creados nos centros de ensino de Galicia. Iranse incorporando os enlaces aos blogues dos clubs de lectura creados como apoio virtual ás sesións presenciais en cada un dos centros. Así mesmo, se incorporarán informacións relacionadas con esta temática ou coa convocatoria de apoio aos clubs de lectura da Consellería de Educación.

Ofrécese un espazo, así mesmo, como punto de intercambio de lotes de libros entre os diversos clubs de lectura, o novo blogue Libros a eito, dependente de Ler en mancomún. Os centros interesados en participar desta iniciativa só teñen que enviar un correo electrónico a bibliotecasescolares@edu.xunta.es, iou ben a bescolares@gmail.com, indicando os datos do centro, o título dos libros e o número de exemplares de cada lote que poñen a disposición doutros centros para un préstamo temporal. Esta información ofrecerase a través de Libros a eito  e os clubs de lectura interesados poderán contactar co centro que lles interese,posteriormente,  para o correspondente intercambio.

Guías de lectura: matemáticas - física e química

A biblioteca escolar do IES Afonso X O Sabio, de Cambre, en colaboración dos diversos Departamentos do centro, continúa a elaborar interesantes e atractivas guías de lectura, que pon a disposición da comunidade educativa do centro e de todas as bibliotecas escolares, a través da súa páxina: http://biblioafonso.googlepages.com/home

8 de marzo: Día Internacional da Muller

Desde o IES do Sar (Santiago de Compostela) achégannos unha proposta de traballo, iniciativa do Colectivo de Mulleres Ensinantes, de cara á celebración do Día Internacional da Muller, o vindeiro 8 de marzo.

  1. Proposta 8 de marzo
  2. Ponlle texto ás imaxes

Tamén recibimos unha proposta de traballo desde o IES David Buján, de Cambre:

No noso instituto vimos realizando unha actividade relacionada co Día Intenacional da Muller Traballadora que consiste nun certame co título "Coñeces esta muller?". Este ano celebraremos a terceira edición. A actividade está encadrada na formación de usuarios e consiste en publicar cinco pistas correspondentes a cinco mulleres durante cinco días consecutivos  (total 25 mulleres) que inclúen o 8 de marzo (este ano empezaremos o venres 7 e remataremos o xoves 13, deixando o venres 14 para o desempate)

O alumando ten formar equipos e que anotarse previamente na Biblioteca e entregar cada día as respostas correctas, ao final o equipo que teña máis acertos gañará o certame e de se producir un empate, realízase un desempate na Biblioteca durante un recreo, neste caso gaña o equipo que localice antes a información para resolver o enigma.

 

Resolución da convocatoria de clubs de lectura 2007/2008

 

 Con data de 26 de decembro resólvese a convocatoria de Clubs de Lectura, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Presentáronse un total de 106 proxectos de clubs de lectura, procedentes de diversos centros educativos que acollen alumnado de ensino secundario, baharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Prácticamente, un tercio dos centros de ensino secundario de Galicia albergarán nos próximos meses, grupos de lectura (nalgúns casos varios grupos): profesores e alumnos, ás veces pais e nais e persoal non docente, que teñen a vontade de xuntarse para falar de libros e compartir lecturas fóra do tempo lectivo.

Aprendendo sobre blogues

   
   Tíscar ofrece na Rede unha presentación, o Bricoblog, especialmente deseñada para lles aprender a mozos e mozas de ensino secundario os secretos dos blogues, e que constitúe unha máis das interesantes achegas desta profesora de xornalismo  da Universidade Carlos III de Madrid.

Un homiño de plastilina na bibioteca


Dende o IES Manuel Chamoso Lamas de O Carballiño (Ourense) chéganos O HOMIÑO DE PLASTILINA, unha curta de animación, froito dunha experiencia ben interesante: A biblioteca escolar convoca un concurso de guións que ten como premio, xustamente, a realización do guión gañador.  O traballo seleccionado pasa a ser unha realidade grazas ao traballo colaborativo do alumno, Samuel Ortiz, autor do guión e un profesor do centro. Segundo nos dín, a curta que agora podemos ver é o resultado dun traballo de todo o ano, lento e minucioso, realizado fóra do horario lectivo.. Parabéns aos seus autores!!

Clubs de Lectura

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publica, no contexto das actuacións para o fomento da lectura en centros escolares, unha convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de Clubs de Lectura, durante o curso 2007/2008, en centros públicos de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que matriculen alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 20 de novembro.

Texto da convocatoria e impreso de solicitude.

A Guía do Profesorado LER O MUNDO,  dos materiais para o 1º ciclo do ensino secundario da campaña de fomento da lectura HORA DE LER contén informacións sobre os obxectivos e as fórmulas máis axeitadas para a posta en práctica dun club de lectura con alumnado adolescente. Contén tamén recursos e bibliografía.

Os blogs das bibliotecas escolares galegas chaman a atención da tvg


 

As bibliotecas escolares galegas están a empregar os blogs como ferramenta para a difusión das súas actividades e para mellorar os servizos ofrecidos aos lectores e lectoras. Son xa máis de 30 os blogs deste tipo en pleno funcionamento, o que chamou a atención de diversos axentes atentos ao que se move por Internet en materia educativa ou cultural, entre eles, os responsables do programa Libro Aberto da Televisión de Galicia , que vén de emitir unha pequena reportaxe sobre este tema.

O blog é comunicación en estado puro, de aí a fascinación que produce entre os usuarios das tecnoloxías da comunicación e da información, e entre o profesorado que se achega a este medio, descubre as súas poibilidades pedagóxicas e comeza a utilizalos como instrumento nas súas practicas de ensino e aprendizaxe.