Actualidade

8 de marzo, Día Internacional da Muller - 2016

 

O calendario civil ofrece oportunidades para que as bibliotecas escolares exerzan o seu papel de apoio ao desenvolvemento do currículo e ás actividades formativas de carácter "transversal" como é a educación en valores. Todos os días son días de traballo pola igualdade pero nestas datas de marzo volve ser urxente lembrar a presenza das mulleres na sociedade e preparar as alumnas (e os alumnos) para exercer os seus dereitos nunha sociedade máis xusta. 

Comezan a chegar novas das actividades nas bibliotecas escolares galegas  arredor desta data:

24 de febreiro, Día de Rosalía

Pasan naquesta vida
cousiñas tan estrañas,
tan raros feitos vense
neste mundo de trampa;
tantos milagres vellos,
tan novas insinanzas,
e tan revoltos allos
con nome de ensaladas,
que non che digo nada...
Pero, ¡vaia!
Rosalía de Castro. Cantares Gallegos
A instancias da AELG (Asociación de Escritores/as en Lingua Galega) os centros escolares levan xa varios anos celebrando o Día de Rosalía de Castro neste 24 de febreiro. Esta data aparece tamén recoñecida no Calendario do Libro e da Lectura 2016, publicado pola Secretaría Xeral de Cultura, para lembrar o aniversario do nacemento da escritora referencial da literatura galega. As bibliotecas escolares galegas comezan a publicar as súas actividades arredor deste día: 
  • Acompaña esta entrada unha ilustración de Aldara Prado, unha das novas imaxes de Rosalía que, grazas á Deputación de A  Coruña se difunden libremente a través da Rede. 

30 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz - 2016

capa guía de lectura IES Lucus AugustiA última semana de xaneiro garda unha data ben significativa no ámbito educativo, o Día EScolar da Non Violencia e a Paz (30 de xaneiro) que conmemora a morte de Mahatma Gandhi en 1948. Os centros educativos acostuman aproveitar esta data para traballar de forma intensiva contidos propios da Cultura de Paz:

"Posto que as guerras nacen na mente dos homes, é na mente dos homes onde deben erixirse os baluartes da paz" (Declaración da Constitución da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura).

Velaquí algúns exemplos do traballo nas bibliotecas escolares galegas por mor desta celebración:

Outros recursos:

Resolución da convocatoria de Clubs de Lectura para o curso 2015/2016

O Portal Educativo publica  o Resolución da D. X. de Centros e RRHH de 21 de decembro de 2015 pola que se conceden as contías para apoiar o funcionamento dos CLUBS DE LECTURA nos centros que matriculan alumnado de ESO, bacharelato, formación profesional, formación de persoas adultas ou ensinanzas de réxime especial (escolas oficiais de idiomas e conservatorios de música...), dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. En total, para o curso 2015/2016, distribúense 200.000€ entre as 239 solictiudes presentadas en tempo e forma. 

Lémbrase a posibilidade de facer uso do "banco de libros" das bibliotecas que os ofrecen en préstamo temporal a través do blogue  LIBROS A EITO.

Na imaxe, lectoras e lectores dun dos grupos de lectura  (4º de ESO) do Club do IES de Poio

Bibliotecas Escolares no novo número da revista EDUGA

 
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de facer público o número 70 da súa Revista de Educación, EDUGA, correspondente ao segundo semestre de 2015. Coma nos números anteriores, este último EDUGA contén unha sección de Bibliotecas Escolares con varias subseccións (Biblioteca escolar, Boas prácticas, Hora de ler) e, en conxunto, un bo feixe de experiencias en relación co fomento da lectura, o traballo interdisciplinar apoiado e impulsado desde a biblioteca escolar, o voluntariado cultural na biblioteca, a alfabetización informacional, a formación audiovisual, o fondo local, os clubs de lectura, os acompañamentos lectores, ou a adaptación do modelo de biblioteca aos centros con especiais características como son os centros que albergan fundamentalmente ciclos formativos ou alumnado con necesidades específicas de aprendizaxe.
Pódense consultar os artigos directamente nas seguintes ligazóns: 

25 de novembro: Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Fóra de control

A quen chamo, como visto, onde andabas metida...

En canto valoras, my boy, este corte de mangas?

Carlos Negro.  Penúltimas tendencias

Desde o IES Lucus Augusti (Lugo) chéganos este  vídeo informativo sobre as orixes da celebración do 25 de novembro como Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Desde as bibliotecas escolares apóiase a conmemoración deste día no que os actos han ser coherentes coa finalidade: desterrar o machismo da nosa sociedade,  a través da educación e a "tolerancia 0" coas actitudes e manifestacións que o expresan e o alimentan. 

 

Realidade Aumentada

bescolares Realidade Aumentada

Dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares seguimos traballando coas novas tecnoloxías, neste caso achégase a Realidade Aumentada a través da aplicación Aurasma, mediante a canle: bescolares, onde se irá ofrecendo información, de tal xeito que de forma doada, interactiva, atractiva e divertida se poida investigar, indagar e tamén recoller a información compartida.

Para acceder á información ofertada na canle bescolares do programa Aurasma compártense as seguintes ligazóns:

Como se pode ver no manual ou no vídeo comentados anteriormente, a primeira información que se pon a disposición pódese atopar enfocando dende o dispositivo móbil coa aplicación Aurasma sobre o cartel da campaña anual (curso 2015/2016) de bibliotecas escolares da  Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: "Biblioteca escolar, base de exploracións".

Algúns centros xa están a traballar coa Realidade Aumentada. A modo de exemplo:

Licenza da música empregada na xeración do vídeo: BY-NC-ND

VI Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

Nos vindeiros 20 e 21 de novembro celebraranse en Compostela as VI XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, unha actividade de formación permanente do profesorado, organizada conxuntamente pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, a través da Asesoría de bibliotecas escolares, e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa (a través do CAFI). Agárdase a asistencia dun milleiro de profesoras e profesores de toda Galicia, coma en anos anteriores. 

O programa previsto contempla un bo feixe de experiencias de bibliotecas escolares galegas que funcionan como "bases de exploracións", en alusión ao lema da campaña de bibliotecas escolares deste curso 2015/2016, así como experiencias de traballos por proxectos coordinados por distintas bibliotecas escolares. Acudirán, así mesmo, expertos de distintos ámbitos que axudarán á reflexión sobre os novos retos que deben enfrontar as bibliotecas escolares e os centros, en definitiva, para facilitar a adquisición das competencias clave por parte do alumnado, tendo nas bibliotecas escolares o gran aliado. Carlos MagroXurxo MariñoGuadalupe JoverFelicidad Campal, Rosa Piquín e Ana Siro acompañarán ao profesorado galego nesta cita anual para o intercambio de experiencias, a análise o desenvolvemento de recursos para unha mellor práctica. 

PROGRAMA 

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas-2015

Por segundo ano consecutivo, desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promóvose a celebración de novembro como  MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS, sumándose á celebración doutras iniciativas como o Día da Ciencia en Galicia, da Real Academia Galega de Ciencias, celebrado o pasado 1 de xuño e dedicado á oceanógrafa galega Ánxeles Alvariño, ou o Día da Ciencia en Galego, a celebrar o 4 de novembro, a instancia da Institución Galega de Ciencia entre outras institucións. 
Desta vez o autor do manifesto para o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas é o científico e divulgador da Universidade de Santiago, Jorge Mira, quen lembra no seu fermoso texto que "o galego, tanto pola riqueza que lle dá o seu milenio de historia, como pola súa condición de porta aberta a centos de millóns de persoas da lusofonía, é vehículo esencial para transportar masivamente a ciencia e o labor dos moitos científicos de excelencia que temos en Galicia."
Desde a consellería editouse, tamén, un FOLLETO INFORMATIVO con informacións diversas sobre a celebración deste Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, recollendo a programación das bibliotecas públicas nodais (dependentes da administración autonómica), así como otras informacións de Bibliotecas Escolares de Galicia, en relación con esta temática. 
Desde a Asesoría de bibliotecas escolares ofrécese a páxina de Recursos para a Ciencia en Galego como unha contribución ao traballo nos centros. 
As bibliotecas escolares, ao igual que en anos anteriores, comezan a difundir as actividades programadas para este mes. A Modo de exemplo, desde a biblioteca do CEIP Alexandre Bóveda, de Vigo, fálannos do material elaborado desde o equipo TIC do centro para a conmemoración  do Día da Ciencia en Galego, sobre a figura de Ángeles Alvariño. Outras actuacións: 

Resolución provisional do Plan de mellora de bibliotecas escolares (2015/2016)

O Portal Educativo vén de publicar a Resolución provisional do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2015/2016, segundo o recollido na Orde de convocatoria de 30 de marzo de 2015 (DOG de 15/04/2015). Esta resolución provisional recolle a listaxe de 25 centros que, segundo o contemplado na convocatoria, serán incorporados ao Plan de mellora de bibliotecas escolares no vindeiro curso 2015/2016, cunha asignación provisional de contías.

Trala lectura e valoración das memorias dos centros até o momento integrados no PLAMBE, correspondentes ao curso que remata, e vistas as renuncias ou baixas ocasionadas (que na medida do posible serán suplidas con novas incorporacións), publicarase a resolución definitiva no DOG no mes de setembro. Nesta resolución recollerase a totalidade de centros que conformarán este programa no vindeiro curso (575) e as correspondentes contías asignadas para o curso 2015/2016.

RESOLUCIÓN  PROVISIONAL PLAMBE 15/16

Congreso Iberoamericano de Bibliotecas Escolares: CIBES 2015

Baixo o lema "Educación por competencias: reto del milenio para la interculturalidad y la inclusión social", celebrase en Getafe (Madrid), do 26 ao 28 de outubro, na Universidade Carlos III de Madrid, o I Congreso Iberoamericano de Bibliotecas Escolares, froito da colaboración entre esta universidade, o concello de Getafe e a Universidade Estatal Paulista de Brasil. 

O colectivo de profesionais vinculados ás bibliotecas escolares poderán presentar comunicacións asociadas a algún dos catro eixos temáticos previstos:

  1. A biblioteca escolar no proceso educativo: ensinanza e aprendizaxe
  2. Comprensión lecto-escritora como factor de inclusión
  3. As alfabetizacións na Biblioteca Escolar  
  4. Contidos para o desenvolvemento de competencias naBiblioteca Escolar

O prazo para a presentación de resumes de comunicacións remata o 6 de xullo. 

+ INFORMACIÓN SOBRE O CONGRESO 

Letras Galegas 2015

Maio, Mes das Letras tamén nas bibliotecas escolares galegas. Alumnado e profesorado do CEIP Eduardo Pondal, de Vigo, fannos as súas recomendacións de lectura, como unha achega a esta festa das Letras que se estende por todo o país. Velaquí algúns exemplos da intensa actividade que se xera nos centros educativos, e concretamente nas bibliotecas, arredor desta data significativa para a valorización da lingua e a cultura de Galicia: 

Libraría institucional na rede

 

A Xunta de Galicia vén de presentar a súa Libraría Institucional a través da rede, unha plataforma virtual dirixido a toda a cidadanía,  na que se recollen as publicacións das diferentes consellerías e organismos dependentes da Xunta. Esta Libraría dixital convértese así nun punto de acceso para a adquisición dos materiais dispoñibles nun amplo catálogo, sexan estes venais ou gratuítos.

As bibliotecas escolares poden atopar neste recurso materiais de interese e, ao tempo, é unha ferramenta para dar a coñecer aos distintos departamentos do centro.

+ Información 

 

 

 

Convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2015/2016

O DOG do 15 de abril publica a Orde de 30 de marzo de 2016 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2015/2016, destinada a centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Trátase da undécima convocatoria dun programa polo que se estimula a renovación das bibliotecas escolares de cara a que cada centro conte cunha biblioteca que poida exercer as funcións que o sistema educativo e a sociedade de información demandan: un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe; pero tamén un espazo de encontro entre os distintos sectores da comunidade educativa, no que poder medrar e formarse como lectores e como usuarios da información. Bibliotecas que apoian a alumnado e profesorado en todos os procesos de aprendizaxe, que facilitan recursos variados e actualizados; favorecen a adquisición de competencias clave para o alumnado (lectura, aprender a aprender, competencia dixital, competencia informacional....); ofrecen formación específica para o uso e produción de información, e posibilitan o acceso a actividades de extensión cultural  como presentacións de libros, recomendacións, recitais, lecturas compartidas, clubs de lectura, etc. As modernas bibliotecas escolares son tamén laboratorios de ideas e espazos de experimentación no que alumnado, profesorado e familias poden compartir inquedanzas, formación e lecer e nas que a cultura impresa e a cultura dixital se integran de forma natural. O empeño de profesorado, os recursos, as orientacións, a difusión das boas prácticas e a formación permiten avances neste programa, incluído no PLAN LÍA  (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares da consellería. 

Os centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares no curso 2014/2015 deben solicitar a continuidade no programa, se así o desexan. Os centros que aspiren a formar parte do PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares) poderán, así mesmo solicitalo con data límite do 15 de maio (incluído). Recoméndase en ámbolos dous casos unha lectura detallada da orde de convocatoria.
 

Premio "Francisco Fernández del Riego á colaboración no ámbito editorial e cultural" para Bibliotecas Escolares de Galicia

A Asociación Galega de Editores decidiu conceder o Premio "Francisco Fernández del Riego á difusión do ámbito editorial e cultural,  correspondente ao ano 2014,  ás Bibliotecas Escolares de Galicia. O pasado venres 13 de marzo, o conselleiro Cultura, Educación e O.U. recibiu o premio, no acto celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra, en representación  de todo o profesorado e das comunidades educativas que fan posible a existencia de bibliotecas activas e útiles nos centros educativos galegos.

Desde a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, e desde a Asesoría de bibliotecas escolares, agradécese aos editores galegos este recoñecemento. Xa en ocasións anteriores, os editores galegos amosaran interese polos programas de mellora das bibliotecas escolares e de fomento da lectura no contexto educativo ao convidar  a integrantes da Asesoría de bibliotecas escolares para participar no seu simposio anual do libro e da lectura, en diferentes anos, co fin de expoñer as características e os  logros destas iniciativas da administración educativa galega. Agradécense, así mesmo, estas ocasións para dar visibilidade a unha realidade educativa e cultural que contribúe á mellora dos índices de lectura da sociedade galega, e traballa por ofrecer oportunidades de aprendizaxe renovadoras e actuais a todo o alumnado.

Somos Rosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convocaca unha vez máis á celebración do Día de Rosalía, concidindo coa data do seu aniversario, o 24 de febreiro. #eusonRosalía! inunda a rede de actividades arredor da escritora e enche o aire cos seus versos nas voces de grandes e pequenos. 
As bibliotecas escolares galegas levan anos aproveitando esta data para dar a coñecer ao alumndo os poemas e a figura de Rosalía de Castro. Velaquí algúns exemplos das actividades programadas este ano: 
Pola súa parte, a Secretaría Xeralde Cultura incorpora esta data ao Calendario do Libro e da lectura 2015
Para ilustrar esta entrada escollemos esta recreación de imaxe de Rosalía elaborado pola deseñadora Elba Fernández, recollida nesta nova de 2014 sobre a mirada de artistas actuais sobre a imaxe da poeta galega. 

Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

ENTUSIASMO E PROXIMIDADE SON A CLAVE DA DIVULGACIÓN CIENTÍFICA. Ángel Carracedo.

 

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vaise impulsar a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS. Iníciase esta actuación coa elección dunha imaxe e a difusión dun texto, a modo de MANIFESTO,  do científico Ángel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela. Conocido investigador e divulgador científico, Ángel Carracedo ten colaborado coas bibliotecas, tanto públicas como escolares, na difusión dos valores científicos e do acceso ao coñecemento. 

Desde a Asesoría de bibliotecas escolares realizouse unha recompilación de recursos dixitais relacionados coa ciencia, en galego, que se pon a disposición de todas as bibliotecas: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogues de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

  • MANIFESTO DE ÁNGEL CARRACEDO
  • FOLLETO INFORMATIVO: MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
  • MATERIAIS. MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS
  • Día da biblioteca 2014: un día, moitas propostas

    Día da Biblioteca 2014

    O 24 de outubro é unha data sinalada no calendario de todas as bibliotecas pois desde os anos 90 celébrase o DÍA DA BIBLIOTECA, a instancias da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil, e en recoñecemento ao labor que exercen todos os bibliotecarios, todas as bibliotecarias, a prol da lectura, da educación e da cultura. 

    Na imaxe, rapazas (previamente preparadas) do CPI Manuel Suárez Marquier, de O Rosal, imparten unha sesión de "formación de usuarios" aos seus compañeiros e compañeiras. Un exemplo da vida que ferve nas bibliotecas escolares ao longo do curso, grazas ao esforzo das comunidades educativas que as fan posibles, e como resultado dun programa da administración educativa que pon o enfoque nas necesidades do alumnado en materia de lectura, de información e de aprendizaxe. 

    Nesta data, e diante dos momentos de cambios que sofren as bibliotecas, pode ser útil volver aos principios e lembrar ao matemático e bibliotecario hindú, Shiyali Ramamrita Ranganathan, quen en 1931 enunciou "as 5 leis da biblioteconomía":

    1. Os libros están para usarse.
    2. A cada lector o seu libro.
    3. A cada libro o seu lector.
    4. Hai que aforrar tempo ao lector.
    5. A biblioteca é un organismo en crecemento.

    Que non lle falten libros ao noso alumnado, que teñan tempos e oportunidades para usalos, que cada rapaz, cada rapaza, atope o libro (ou á persoa) que o vincule á lectura "de por vida", e que as nosas bibliotecas escolares sigan vivas e sigan a desenvolverse en todos e cada un dos centros educativos de Galicia. 

     

    V Xornadas de bibliotecas escolares

    Está aberto en FPROFE o prazo de inscrición para as V XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA, que se organizan para os vindeiros 7 e 8 de novembro de 2014, en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos). 

    Retómase así esta cita anual do profesorado máis interesado no ámbito das bibliotecas escolares, a lectura e o traballo por competencias desde e coa biblioteca escola; o profesorado que mantén a xestión das bibliotecas nos centros ou precisa para exercer a súa función docente destes instrumentos esenciais para o desenvolvemento do currículo e a formación integral do alumnado.

    O programa destas V Xornadas de  Bibliotecas Escolares de Galicia contará con experiencias moi variadas nas que a biblioteca ten un papel protagonista (lectura e alfabetizacións múltiples, traballo coas matemáticas, proxectos interdisciplinares), e coa presencia de expertos en áreas imprescindibles á hora de avanzar no campo das bibliotecas como a profesora Mónica Baró (referencia fundamental no ámbito das bibliotecas escolares desde a Facultade de Biblioteconomía e Documentación da Universitat de Barcelona). Pola súa parte, Javier Guallar  (profesor de documentación e de comunicación en varias universidades e editor da revista EPI, El profesional de la Información , co autor do libro "El content curator" e do blogue "Los content curators" ) introduciranos na "curación" de contidos nas bibliotecas. As xornadas iniciaranse coa conferencia do escritor Ricardo Gómez, autor de varios títulos de ficción e de divulgación nos que as matemáticas están moi presentes. Pechará estas V Xornadas o profesor da Universitat Autónoma de Barcelona, Jose Manuel Pérez Tornero, director do Gabinete de Comunicación e Educación nesta universidade, experto e consultor da UNESCO e da Unión Europea en materia de alfabetización informacional e mediática. Entre outras actividades, estas xornadas incluirán a presentación do informe do Consejo de Cooperación Bibliotecaria sobre "Prospectiva das bibliotecas 2020: As dez áreas que máis van cambiar nas nosas biblitoecas nos próximos anos". En breve difundirase o programa completo. 

    O prazo de inscrición nestas xornadas remata o vindeiro 12 de outubro

    Resolución definitiva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2014/2015

    Bibliotecas escolares de GaliciaPublicado no DOG do martes 9 de setembro de 2014 a Orde do 1 de setembro de 2014 a resolución definitiva dos centros que forman parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares para este curso 2014/2015.

    Nesta ocasión son 550 os centros integrantes do Plambe o que significa un aumento de 26 con respecto aos centros do curso pasado.

     

     

    Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2014/2015

    Publicada no Portal Educativo a relación de centros que se incorporan ao Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2014/2015, segundo resolución provisional contemplada na convocatoria (Orde de 25 de marzo de 2014, DOG de 10 de abril). Son 26 os novos centros seleccionados entre os 159 solicitudes presentadas. Este número poderá incrementarse no caso de renuncias ou baixas, tal e como estaba previsto na convocatoria. Desta forma, o programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Unniversitaria integrará no curso 2014/2015 un total de 550 centros educativos. A resolución definitiva publicarase no mes de setembro no DOG, con detalle das asignacións destinadas a todos estes centros, trala valoración das memorias preceptivas do curso 2013/2014.

    Xornada técnica sobre a biblioteca escolar na formación profesional.

     

    O vindeiro luns 12 de maio de 2014, o profesorado responsable das bibliotecas dos 19 Centros Integrados de Formación Profesional da Comunidade Autónoma, reuniranse en Santiago de Compostela (CIFP Compostela), nunha xornada técnica que afondará no papel e nas posibilidades que ofrece a biblioteca nos centros que imparten ensinanzas de formación profesional. 

    Esta actividade, que xorde como proposta desde o programa de bibliotecas escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  como resultado das necesidades observadas, é froito da colaboración entre a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. 

    Durante toda a xornada, os participantes  poderán coñecer as experiencias da biblioteca de tres centros (dous galegos e un portugués), así como as experiencias doutros dous centros de ensino secundario, neste caso especificamente no tratamento das competencias informacionais e o fomento da lectura entre o alumnado xove e e as persoas adultas, mediante a fórmula dos clubs de lectura. Haberá, así mesmo, tempo para o debate e a reflexión conxunta, da que se extraerán as pertinentes conclusións. 

    2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

     

    Comeza abril cunha data esencial para lembrar a importancia de ofrecer libros de calidade aos nenos e nenas: 2 de abril, o Día Internacional do Libro Infantil, que se celebra en conmemoración do nacemento de Hans Christian Andersen. Tódos os anos, a IBBY (Internacional Board on Books for Young People) encarga unha imaxe e un texto a un autor dun país en concreto. Desta vez son irlandesas os autoras que poñen rostro e voz ao libro infantil e á lectura como actividade esencial na formación das persoas: Siobhán Parkinson é a autora do texto "Carta aos nenos do mundo" e Niamh Sharkey ilustra o cartel conmemorativo. 

    Agradecemos a GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) a difusión destes materiais. Tamén Galix encárgase de recoller as tarxetas postais para o concurso da OEPLI "Invita a Andersen".  Máis información AQUÍ