Actualidade

Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2013/2014

Os vindeiros 27 e 28 de marzo de 2014, o prrofesorado que coordina os equipos de biblioteca dos centros integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares reunirase en Santiago de Compostela (Palacio de Congresos), no que serán os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2013/2014. 

O xoves 27 participarán os responsables das 23 bibliotecas integradas no programa na última convocatoria (2013). Ovenres 28 incorporaranse o resto de participantes, en total serán nesta xornada 524 profesoras e profesores, responsables ou integrantes dos equipos de biblioteca de todos e cada ún dos centros incluídos neste Plan de mellora de bibliotecas escolares, un programa iniciado no ano 2005 como acción específica dentro dunha estratexia para a renovación das bibliotecas dos centros non universitarios, de maneira que o alumnado do século XXI conte con recursos que lle axuden a desenvolver competencias clave como son as alfabetizacións múltiples e as competencias informacionais. 

Os Encontros reúnen a expertos en biblioteca como Inés Miret ou Luis Miguel Cencerrado; investigadores en cultura e tecnoloxía, como Antonio Rodríguez de las Heras; científicos como Jorge Mira. Pero tamén serán plataforma para a difusión de prácticas de excelencia que se están a dar en moitas bibliotecas escolares galegas, que se exporán en mesas de experiencias sobre "ciencias na biblioteca escolar", sobre a lectura ou sobre as aprendizaxe por proxectos. Haberá ocasión, así mesmo, para reunións temáticas, nos que o profesorado entablará coloquio sobre certas temáticas de interese, trala intervención inicial dun dos participantes: "Investigar ou googlear?" ou "Integración das ciencias e as humanidades na Biblioteca escolar, serán algúnas destas temáticas. Habilitarase un espazo para a exposición de materiais elaborados polas bibliotecas dos centros e, coma en ocasións anteriores, un recuncho para o intercambio de libros entre os lectores e as lectoras interesados. 

Esta actividade de formación está organizada conxuntamente polo Servizo de formación do profesorado - CAFI e a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Asesoría de bibliotecas escolares), responsable das iniciativas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en materia de bibliotecas escolares e fomento da lectura. 

PROGRAMA

 

VI Encontros de Banda Deseñada da Mariña

 

O IES Perdouro, de Burela, bota a andar os VI Encontros de Banda Deseñada da Mariña, unha cita anual de gran interese para o achegamento do alumnado, e da sociedade en xeral, a textos, personaxes, temáticas e autores significativos do mundo do cómic e a da novela gráfica. 

Dentro das actividades destes VI Encontros o centro convoca un Concurso de Banda Deseñada, aberto á participación de persoas interesadas, non profesionais, así como de alumnado de primaria e de secundaria de calquera centro de Galicia. O prazo de presentación de orixinais remata o 4 de maio de 2014.

BASES DO CONCURSO

 

8 de marzo, Día Internacional da Muller

O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, unha data que cómpre seguir lembrando en favor de maiores cotas de igualdade na sociedade para un colectivo que supón algo máis da metade da sociedade galega, sen ir máis lonxe. 

As bibliotecas escolares aproveitan esta data para realizar propostas de traballo para a educación en valores, a prol da igualdade de alumnas e alumnos, e para o recoñecemento das importantes achegas que as mulleres fán á sociedade e que carecen, en moitos casos, de visibilidade. Velaquí algúns exemplos: 

* A imaxe que ilustra esta entrada é de Mónica Carretero

A biblioteca, apoiando proxectos de centro. Nos conservatorios de música, tamén.

Son moitos os camiños da educación en valores nos que a biblioteca ten un papel fundamental, e a organización dun concerto solidario cunha causa xusta pode ser un deses camiños. Cando se trata, ademais, dun centro especializado en ensinanzas musicais, a actividade entronca radicalmente co currículo que imparte e coa formación integral imprescindible. E aí está a biblioteca. 

Velaquí a proposta do Conservatorio Profesional de Música de Vigo que, en colaboración coa Asociación ASPERGA (Asociación de Familias de Persoas Afectadas pola Síndrome Asperger), de Vigo, está a organizar unha xornada específica sobre o síndrome de Asperger, cunha charla dirixida a alumnado, familias e calquera outra persoa interesada en coñecer "como se debe actuar cun neno, cunha unha nena, afectados por este síndrome".  Será o 20 de febrerio ás 18,30h. da tarde. Posteriormente, alumnado do centro dará un concerto solidario para recadar fondos para a devandita asociación.

Desde aquí damos difusión a esta actividade pero, especialmente, celebramos o feito de que a biblioteca participe neste tipo de iniciativas que, finalmente, reforzan vínculos de cidadanía, pero ademais, son plataforma para a difusión dos avances do alumnado do centro nas materiais que lles son propias como alumnos de estudos musicais. 

30 de xaneiro, Día da Ilustración en Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incluíu por primeira vez, no calendario da lectura de 2014, a celebración do Día da Ilustración en Galicia, coincidindo coa data de nacemento de Castelao, e celebrando así unha das facetas desta importante figura da historia e da cultura galega. E a estrea é de luxo pois vén acompañada dun cartel deseñado por Miguelanxo Prado, un dos máximos representantes do mundo da ilustración galega. Este cartel serve para publicitar unha programación específica sobre o mundo da ilustración nas bibliotecas nodais de Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo) así como a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura de Compostela.

Comezan a chegar noticias dalgúns centros escolares que tamén se fan eco desta iniciativa:

 

30 de xaneiro: Día escolar pola Paz e a Non Violencia nas bibliotecas escolares

Chega xaneiro ao seu fin pero antes unha data no calendario civil cunha gran potencialidade educadora: O Día Escolar da Non Violencia e a Paz, que se celebra en España desde 1964, e á que se foron sumando múltiples asociacións e colectivos que traballan pola Cultura de Paz, entre eles o Seminario Galego de Educación para a Paz.  As bibliotecas escolaresacollen esta data nas súas programacións, programan actividades e recompilan recursos que poñen ao servizo das súas comunidades educativas e, a través de internet, dispoñibles para toda a cidadanía:

Nova sección de Bibliotecas Escolares na revista EDUGA

 
 
A revista dixital EDUGA, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, fai público o seu número semetral correspondente a decembro de 2013, con novas seccións e un bo feixe de artigos de interese. Inclúese unha nova sección de Bibliotecas escolares, coordinada pola Asesoría de bibliotecas escolares, que consta de tres apartados: Biblioteca Escolar, Boas prácticas e Hora de ler.
Este número acolle, entre outras prácticas de excelencia, varias experiencias relacionadas coas ciencias: proxectos e dinámicas de bibliotecas escolares arredor dos contidos científicos, como expresión dun enfoque integrador que se propón como esencial para o funcionamento da biblioteca escolar nos centros de ensino.

Felices escoitas!

Felices Escoitas from Linguaxe Musical on Vimeo.

 

Este vídeo que nos remiten desde a biblioteca do CMUS Profesional de Vigo invitanos a entrar e paseármonos pola biblioteca, coa escusa do Nadal. É un bo exemplo dunha biblioteca que adapta o modelo xeral de biblioteca/centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe ao contexto dun centro especializado nunhas determinadas ensinanzas, como é neste caso, as musicais. Visitar o blogue desta biblioteca é tamén unha forma de coñecer a súa actividade: http://biblioconservigo.blogspot.com.es/

10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos

Desde a biblioteca do CEIP A Maía, de Ames (A coruña) chéganos esta presentación sobre Nelson Mandela, unha boa forma de homenaxear á figura deste home que hoxe despide o mundo entre declaracións diplomáticas, alardes informativos e sentimento desbordado, mentres os dereitos humanos polos que el sempre traballou seguen pendentes para moitos miles de persoas en todos os recunchos da terra. É unha boa maneira tamén de lembrar, neste 10 de decembro, que se pode construír aínda unha sociedade xusta coa urdimbre que ofrece a Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
As bibliotecas escolares galegas estanse sumando a esta homenaxe a Nelson Mandela, con entradas nos seus blogues e actividades diversas nos centros. Velaquí algúns exemplos:

Premios Nacionais de Educación 2013. Presenza galega


O pasado 29 de novembro, o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte daba a coñecer a relación de centros galardoados cos Premios Nacionais de Educación na ensinanza non universitaria 2013. Resulta moi satisfactorio comprobar a presenza de centros galegos entre os premiados, moi especialmente cando as experiencias son, ademais, impulsadas ou apoiadas pola biblioteca escolar de cada un destes centros. Este é o caso do "Premio para el uso de las TIC como apoyo a la personalización del aprendizaje en educación secundaria", concedido ao equipo docente do IES Sánchez Cantón, de Pontevedra, polo proxecto "m-TIC. Programado aplicacións con _APP INVENTOR", e que podemos coñecer a través deste vídeo que xa publicáramos na páxina de bibliotecas escolares.
É gratificante ver tamén recoñecido o proxecto documental integrado A LINGUA SABE A PAN, do CEIP Frián-Teis, de Vigo, unha das experiencias de traballo interdisciplinar, impulsada desde a biblioteca escolar e que involucra a toda a comunidade educativa, que consideramos modélica e que se está a difundir a través das actividades de formación do profesorado, como una práctica de excelencia. Nesta ocasión é un "Premio al Desarrollo de Competencias de Lectoescritura y Audiovisuales".
Resultaron tamén galardoados traballos do IES de Ames: Los petroglifos de Ames ("Premio al Uso de Tecnologías Aplicadas a la Educación ").
Entre os centros galardoados figuran outros centros galegos:
- Colegio Internacional SEK Atlántico, de Poio, por unproyecto "productores de cine"
- Catro centros que participan no "Proyecto colaborativo Libro Virtual Gloria Fuertes" (CEIP Manuel Sieiro, de Crecente; CEIP Nosa Señora das Dores, de Forcarei; CEE Terra de Ferrol, de Ferrol; CPR Luis Vives, de Ourense), un proxecto no que participan cincuenta e catro centros docentes de diferentes Comunidades Autónomas. Reciben o premio para proyectos conxuntos entre equipos docentes de distintos centros españois de primaria.
Parabéns a todas as comunidades educativas que están detrás destes traballos.

Campaña da ONU: "Espazos seguros para mulleres e nenas"

Arredor do 25 de novembro moitas bibliotecas escolares organizan actividades, recompilan recursos e serven de plataforma para a presentación de materiais elaborados por grupos do centro a prol da igualdade e contra a violencia de xénero.

Pola súa parte a ONU chama ao seguemento dunha campaña para poñer fun á violencia contra as mulleres, reclamando "espazos seguros para mulleres e nenas"

Velaquí algunhas actividades e recursos desde as bibliotecas escolares galegas: 

Las bibliotecas escolares en España. Dinámicas 2005-2011

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, veñen de facer público o resultado do estudo LAS BIBLIOTECAS ESCOLARES EN ESPAÑA. Dinámicas 2005-2011, do que xa avanzara algúns resultados Luis González, director xeral adxunto da FGSR, nas IV Xornadas de Bibliotecas Esolares de Galicia (novembro 2012)

Entre outras conclusións do estudo podemos ler que as bibliotecas están máis profesionalizadas, contan cun plan de traballo que se avalía periodicamente e teñen un tratamento técnico normalizado, pero é preciso profundizar na función da biblioteca como o centro para a aprendizaxe das competencias

ACCESO Á VERSIÓN COMPLETA DO ESTUDO -- ACCESO AO RESUME

Este estudo vén completar a estatísca sobre as bibliotecas escolares realizada polo Ministerio de Educación, no curso2010-2011 e que se fixera pública en decembro de 2012. 

Voluntariado de lectura - A

A formacióAlumnas colaboradoras da biblioteca no CEIP Doutor Suárez (Fornelo de Montes, Pontevedra)n do alumnado en actitudes solidarias e de compromiso co seu entorno máis próximo, pero tamén co mundo no que vive e coa sociedade na que está integrado, pode facerse desde varios ámbitos (a ecoloxía e o medio ambiente, a saúde, a mediación para a convivencia, a coeducación, a igualdade, a implicación na cultura de Paz ou de defensa dos Dereitos Humanos, a educación en valores en xeral), sendo este ámbito da biblioteca e da lectura, unha posibilidade ao alcance de todos os centros que contan cunha biblioteca activa como centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publica no Portal Educativo unha iniciativa pola que se estimula o voluntariado cultural relacionado coa lectura en centros de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta proposta, Voluntariado de lectura - A, vai destinada ao alumnado de 3º Ciclo de Ensino Primario que se implica directamente en labores de colaboración coa biblioteca escolar, ou que participa activamente, xunto co profesorado do Equipo de biblioteca,  no deseño, organización e realización de actividades de lectura compartida, dentro ou fóra do centro. Os centros que conten con alumnado colaborador ou que programen actividades de lectura compartida poderán inscribirse antes do 31 de outubro nesta iniciativa.  ACCESO Á CONVOCATORIA

Colabora con esta iniciativa a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Anexos (en formato editable):

Na imaxe, alumnas colaboradoras da biblioteca no CEIP Doutor Suárez (Fornelo de Montes, Pontevedra) 

Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares 2013/2014

O DOG do 18 de setembro publica a Orde de 2 de setembro de 2013, pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para o curso 2013/2014.

Tralas tres baixas habidas con respecto ao curso anterior e coa incorporación de 23 centros novos, esta Rede de bibliotecas escolares galegas consta dun total de 524 centros.

Todos os centros incluídos neste programa reciben axudas para  renovar os fondos da colección (sexa en formato impreso ou electrónico); á súa vez, os centros que se incorporan nesta convocatoria e os centros da convoCatoria 2012 reciben axudas significativas para mellorar os equipamentos necesarios de cara á ofrecer servizos e realizar actividades propias das funcIóns que lle corresponden á biblioteca escolar: apoiar o desenvolvemento dos currículos en todas as áreas de aprendizaxe, formar lectores competentes, espertar o gusto pola lectura en todos os sectores da comunidade educativa (é dicir, servir de recurso fundamental ao desenvolvemento dos Proxectos Lectores de Centro);  contribuír a adquisición de competencias clave para o alumnado, como son a competencia de aprender a aprender ou a competencia mediática e informacional (lectura crítica das linguaxes dos distintos medios de comunicación actuais, pero tamén o uso e produción de información desde unha perspectiva ética). Todas estas funcións están recollidas no artigo 113 da LOE e na normativa curricular vixente. 

ACCESO DIRECTO AO TEXTO DE RESOLUCIÓN

Convocatoria de Clubs de Lectura 2013/2014

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos publicaba o pasado 2 de setembro, no Portal Educativo (e no contexto do programa Hora de ler,  para o fomento da lectura en centros de ensino), a convocatoria pola que se incentiva o funcionamento de clubs de lectura en centros de ensino secundario, correspondente ao curso 2013/2014. 

Esta iniciativa vai destinada a aqueles centros que matriculan alumnado de ensino secundario, bacharelato, formación profesional (tanto en réxime ordinario como de persoas adultas), ou ensinanzas de réxime especial. Distribuiranse un total de 165.000€ para custear os gastos derivados da actividade do club, fundamentalmente a adquisición de libros que, posteriormente se incorporan aos fondos da biblioteca escolar. (Na imaxe, un grupo de lectura do IES de Melide). 

O prazo de presentación de solicitudes, segundo o modelo recollido no anexo I da convocatoria, remata o 11 de outubro de 2013. 

TEXTO DA CONVOCATORIA

Resolución provisional da convocatoria do Plan de Mellora de bibliotecas escolares 2013/2014

 

O Portal Educativo publicou no día de hoxe, 16 de xullo de 2013, a resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2013/2014, coa relación de centros que se incorporan a este programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Posteriormente, a resolución definitiva será publicada no DOG e incluirá as asignacións destinadas a todos os centros que integrarán o programa no vindeiro curso, unha vez coñecidas as baixas ou renuncias. 

ACCESO Á PUBLICACIÓN NO PORTAL EDUCATIVO

Presentación da BNEscolar

BNEscolarO xoves 4 de xullo tivo lugar a presentación da BNEscolar, creada pola Biblioteca Nacional de España (http://www.bne.es) en colaboración coa emprega Gnoss (http://www.gnoss.com).

O portal está estruturado en tres seccións: Arte, Debuxos dos nenos da guerra e Outras coleccións. A primeira inclúe máis de duas mil catrocentas obras de arte das coleccións de gravados de Durero, traballos de Goya, estampas xaponesas e gravados flamencos e holandeses.

Esta é unha ferramenta que haberá que analizar en detalle para ver que posibilidades nos ofrece para a súa utilización desde as Bibliotecas Escolares.

21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna

O 21 de febreiro foi declarado pola UNESCO en 1999 o Día Internacional da Lingua Materna co obxectivo de promover a diversidade lingüística e cultural e o multilingüísmo. Nesta ocasión, lémbrase a importancia da cultura impresa, e do libro en particular, para manter a riqueza da diversidade lingüística dos pobos e para apoiar a educación nas súas diferentes linguas, evitando así a súa perda. "O libro, eixo da educación en lingua materna" é o lema elixido para esta conmemoración. Desde a biblioteca escolar do IES San Paio, de Tui (Pontevedra), achégannos unha serie de recursos e informacións relativas a este Día Internacional da Lingua Materna.

+ Informacións

A Fina Casalderrey, mestra, autora de literatura infantil e xuvenil... e académica.

Con motivo do nomeamento de Fina Casalderrey como membro numerario da Real Academia Galega, en datas recentes, as bibliotecas escolares galegas quixeron xuntarse de forma virtual e facerlle unha homenaxe publicando, nos seus blogues, unha mesma entrada de felicitación e recoñecemento. Con Fina Casalderrey a Literatura Infantil e Xuvenil entra na Academia como o que é, como literatura de pleno dereito. E tamén entra o profesorado cos pés na terra e o corazón vivo. Parabéns!

Felicitacións navideñas con l de libro e i de imaxinación.

Desde o IES A Fonsagrada (A Fonsagrada, Lugo) unha felicitación colectiva, con humor e boas vibracións.

E desde o IES As Barxas (Moaña, Pontevedra), coa colaboración do Departamento de Plástica, unha felicitación sorprendente e marcada de lirismo. Exemplos do bo traballo que se está a facer no ensino público galego. Parabéns!

Selección de recursos para unha pedagoxía da igualdade e en contra da violencia de xénero. 25 de novembro

Achégase o 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, e son moitas as institucións e organismos que se suman a unha dinámica de sensibilización e de formación cidadá neste ambito, cada día máis necesaria. Tamén as bibliotecas escolares seleccionan fontes informativas adaptadas ao seu alumnado, e múltiples recursos que poñen a disposición do profesorado, en apoio das actividades que desenvolven unha educación para a igualdade e a xustiza. Segundo teñamos noticia deles,  ou de actividades arredor deste día, iremos incorporándoas a esta páxina.

E tamén:


Resolución definitiva do Plan de mellora de bibliotecas escolares - 2012/2013

 

O DOG publica hoxe, 26 de setembro, a resolución definitiva da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013. Son xa 504 centros os que integran esta Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia, espazos imprescindibles para a lectura, a información e a aprendizaxe.

Resolución provisional da convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013.

O Portal Educativo publica hoxe, 11 de xullo, a resolución provisional do Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2012/2013, segundo o contemplado no punto 7 da orde de convocatoria. Esta resolución relaciona os centros que se incorporan a este programa no vindeiro curso. A resolución definitiva, que se publicará posteriormente no DOG, recollerá a totalidade dos centros que estarán incluídos no Plan de mellora de bibliotecas escolares no vindeiro curso 2012/2013.

O prazo para a presentación das posibles alegacións remata o luns 16 de xullo. Esta relación inicial poderase ampliar no caso de producírense máis baixas ou renuncias.