09 Pais separados

Circular 1/1997, do 3 de marzo, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa do 29 de xaneiro de 1997 sobre información aos pais separados ou divorciados dos resultados da avaliación dos seus fillos.

A información ás familias sobre os resultados da avaliación do rendemento dos seus fillos é unha obriga dos Centros, tal como queda recollido na Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo, disposicións desta Comunidade Autónoma sobre avaliación, aspectos curriculares e implantación dos distintos niveis do ensino e outras de pertinente aplicación.

En tódalas disposicións referidas á avaliación está previsto que dita información se dirixe ó pai e a nai (ou de se-lo caso, ós titores legais) como unidade familiar, sen facer referencia a outro tipo de situacións.

A citada obriga lévanos a unha casuística diversa en situacións de separación xudicial ou divorcio, cando o cónxuxe que non ostenta a custodia legal dos seus fillos desexa ter información dos resultados escolares destes.

Se ben a regulamentación dos dereitos derivados destas situacións familiares, ou outras, non é competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, esta pode dictar normativa ós centros de ensino, en uso da súa capacidade organizativa, co fin de dar resposta a unha demanda social.
Consonte co anterior, díctase a seguinte CIRCULAR:

1. O pai ou a nai separados ou divorciados que non teñan asignadas a garda ou custodia legal dos seus fillos e desexen obter información sobre os resultados da avaliación destes deberán solicitala ó centro educativo no que os seus fillos estean escolarizados, a través de escrito dirixido ó Director, achegando copia fidedigna da sentencia xudicial de divorcio, separación ou nulidade.

2. Se o dictame da sentencia tivese unha declaración expresa sobre o particular, os centros ateranse ó disposto nela.

3. Se o dictame da sentencia non tivese declaración expresa sobre o particular, o centro emitirá a información sobre o rendemento escolar do seu fillo ó proxenitor que non ten encomendada a custodia do alumno, sempre que non fose privado ou excluído da patria potestade. Os centros non proporcionarán a información ó cónxuxe privado ou excluído da patria potestade, agás que por orde xudicial se indique o contrario.

4. No suposto que un centro reciba unha solicitude para facilitar información directa ó proxenitor que non teña a custodia ou garda legal, nos termos e circunstancias contemplados nos puntos anteriores, comunicará ó pai ou nai que a teña, a pretensión do solicitante e concederalle un prazo máximo de dez (10) días para que poida formula-las alegacións que estime oportunas. Indicaráselle que pode ter coñecemento da copia da sentencia aportada polo outro proxenitor para contrastar si é a última dictada.

5. Rematado o prazo sen formular alegacións ou cando estas non aportaren nada que aconselle varia lo procedemento, o centro deberá facer chegar ó mesmo tempo ó proxenitor solicitante copia de cantas informacións documentais entregue á persoa que ten a custodia do alumno. Asemade, o profesor-titor e os demais profesores poderán facilita-la información verbal que estimen pertinente.

6. Esta situación prolongarase automaticamente agás que algún dos proxenitores aportara novos elementos en relación con modificacións en canto á potestade, garda ou custodia.

7. Se o documento informativo prevé a devolución cun “recibín” do proxenitor ó que se destinou, este virá obrigado á súa devolución, e no caso de reiterado incumprimento, o centro non estará obrigado a continuar coa remisión dos ditos documentos informativos.


Santiago, 3 de marzo de 1997
O Director Xeral de Centros e Inspección Educativa
Asdo.: Severino Somoza Gómez