INFORMACIÓN DE INTERESE PARA AS FAMILIAS

AVALIACIÓN FINAL DE EDUCACIÓN PRIMARIA INFORMACIÓN DE INTERESE PARA AS FAMILIAS

Desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informamos de que -en cumprimento da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa- os vindeiros días 11, 12 e 13 de maio terá lugar a proba de avaliación final de Educación Primaria en todos os centros escolares da Comunidade Autónoma.

Dado que esta é a primeira vez que se realiza esta proba de avaliación final de Primaria (6º curso) a Consellería informa de que:

- Esta avaliación é unha proba individualizada de carácter estritamente informativo e orientador. É dicir, os resultados obtidos non computan a efectos de ningunha cualificación e non terán efectos no expediente académico dos alumnos e das alumnas. Polo tanto, fronte ao que erroneamente se está a difundir, non se trata de ningunha reválida.

- Os resultados obtidos son de uso interno dos centros, do alumnado e dos seus pais e titores. Polo que, en ningún caso, a Consellería vai facer clasificacións de alumnos e de alumnas ou establecer ranking de centros.

- Esta avaliación –que se desenvolverá dentro do horario lectivo ordinario- está configurada de xeito moi similar á avaliación de 3º curso de Primaria realizada o curso pasado; pero neste caso está baseada e deseñada segundo os estándares do currículo de 6º e adaptada á franxa de idade dos nenos e nenas aos que vai dirixida.

- A proba non mide coñecementos do alumnado en canto a materias específicas, senón as súas destrezas nas competencias avaliadas, que son: competencia en comunicación lingüística (que será avaliada por separado nas dúas linguas cooficiais e na primeira lingua estranxeira), competencia matemática e competencia en ciencia e tecnoloxía.

- Queremos enviar unha mensaxe de tranquilidade ás familias, xa que esta proba debe entenderse como unha ferramenta diagnóstica máis, que axuda os centros educativos e as familias a ter información adicional sobre a evolución do alumno ou da alumna. Información que non inflúe no seu expediente académico, pero que permite, no caso de detectarse algunha carencia, actuar de xeito personalizado e específico para solucionala, ao mesmo tempo que achega unha información valiosa tanto para os centros como para a propia administración á hora de deseñar e implementar programas de mellora educativa.

- A avaliación require da colaboración de todos os membros da comunidade educativa, a quen a Consellería agradece o seu esforzo e reitera a importancia de contar coa participación de todo alumnado. O desenvolvemento desta proba de xeito detallado pode consultarse no Diario Oficial de Galicia do día 26 de abril.