Skip to Content

Escola de familias

 

O vindeiro mércores teremos unha charla moi interesante co psicólogo Daniel Novoa sobre "Ferramentas para o control da frustración e a ansiedade en familia". A charla está organizada polo CFR de Pontevedra dentro do marco ENAPAS, Familia e educación. O cole facilitará servizo de gardería para que poidades asistir acompañados das vosas crianzas. 

Agardámosvos!! 

O profesorado actualiza os seus coñecementos en Primeiros Auxilios

O profesorado actualizou os seus coñecementos sobre primeiros auxilios.

Oxalá non sexa necesario utilizalo!

Entevistamos aos maiores do Centro de Día Vilagarcía

Hoxe recibimos unha nova visita dos maiores do Centro de día Vilagarcía e nesta quenda foi o alumnado de 5° o que tiña preparada unha actividade.
Durante máis dunha hora estiveron entrevistandoos para saber un pouco do seu día a día e de como era a vida antes. Poderedes ler esta entrevista no xornal que entregaremos a final de curso. Como agradecemento entregáronlles uns imáns de recordo.
Despois, eles amosáronos o baile que están preparando para a celebración do aniversario do centro, que realizarán o venres 12.

Obradoiros do SPAD

O alumnado de 5° e 6° tivo a oportunidade de aprender un pouco máis sobre os coidados que debemos ter para coidar a súa saúde con dous obradoiros, un sobre a publicidade -para o alumnado máis maior do cole- e outro sobre as adiccións -para o alumando de 5º.


Será algún dos comics realizados merecedor de ser publicado no xornal? Saberémolo moi pronto.

 

 

Coñecemos a Luísa Villalta

Participar no programa Donas de Si permitiunos coñecer a figura de Luisa Villalta, escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Ademais de coñecer a súa biografía e achegarnos á súa obra tivemos a ocasión de debuxar o seu retrato seguindo as indicacións da ilustradora Tania Solla. E como no cole hai artistas de moita calidade quedaron uns debuxos preciosos.

 

 

Celebramos o Día da Poesía e Día da Árbore

O pasado 22 de marzo, con motivo do Día da Poesía e da Árbore, tivemos un día de conmemoración especial. 

Primeiro, o alumnado do grupo de expresión corporal, formado por alumnado de 5° e 6° de EP, interpretou o poema A Rosa que Sangra de Ramón Cabanillas, con música de Metallica (canción The unforgiven) e voz do alumnado de 4°de EP.

Despois, todos xuntos plantamos unhas roseiras con motivo do Día da Árbore.

 

Visita do CEIP A Lomba

Hoxe tivemos a sorte de volver gozar dunha xornada deportiva grazas ao programa Xogade. Nesta ocasión visitounos un grupo de 5° do CEIP A Lomba.

Os xogos elixidos nesta quenda foron fútbol, floorball, brilé e atrapa a banderia e ao rematar non faltou o protocolario saúdo.

Despois de xogar puidemos merendar plátanos e iogures e gozar nun ratiño de tempo libre.

Para despedilos fixemos un corredor de recoñecemento ao gran clima que houbo toda a mañá.

Que ben o pasamos todos!

Visítanos o Anexo A Lomba dentro do programa XOGADE

Grazas ao programa XOGADE o alumnado de 3° recibiu ao grupo do Anexo A Lomba para xogar e facer deporte. 

Pasárono xenial e xa están desexando volver atoparse.

Visita ao CEIP O Piñeiriño

O alumnado de 4° tivo a ocasión de visitar o CEIP O Piñeiriño dentro do programa Xogade, onde compartiron xogo e deporte co seu alumnado.
Pasárono xenial!

Visita da boxeadora Clara Millares - 8M

Hoxe conmemoramos o 8M, Día Internacional da Muller, coa visita de Clara Millares, boxeadora, atleta, nai, traballadora e, como di ela, "medioagricultora" de Ribeira.
Da súa man coñecemos este deporte, que non é tan bruto como parece e soubemos que o practican moi poucas mulleres. Tanto é así, que nunha ocasión tivo que competir cos mesma adversaria porque non había máis.
Entre os seus logros contan unha medalla de prata e duas de bronce, do campionato de España de boxeo e varias de atletismo a nivel autonómico: salto de lonxitude, 5K, 10K...
Quedamos cunha frase que repetiu en varias ocasións: "Se nos organizamos hai tempo para todo" e co convencemento de que o boxeo, igual ca todos os deportes, tamén é para as rapazas e mulleres.
Grazas por vir ao cole Clara!

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut