IMOS AO TEATRO!!!

AS LARANXAS MAIS LARANXAS DE TODAS AS LARANXAS

O cursos de 1º, 2º e 3º acudirán mañán a Pontevedra á función de teatro desta obra que se celebrará as 10 horas.

Deixámosvos a nota de prensa que sacou a Consellería de Educación en relación a este espectáculo:

 

 

A cidade dePontevedra é a nova parada da xira que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a desenvolver co espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas', de Carlos Casares, que se representa este sábado 18 de outubro ás 18.00 horas no Auditorio do Centro Social Afundación de Pontevedra. Este escenario forma parte, ademais, da campaña escolar desta produción da compañía pública, que congregará a máis de 900 alumnos de 16 centos educativos de toda a comarca nos dous pases especiais que ofrecerá mañá venres ás 10.00 e ás 12.00 horas.

Esta proposta de teatro e música, a través da que se busca que os espectadores máis novos aprendan a gozar da experiencia de asistir ao teatro e descubran, ao tempo, unha gran figura da nosa literatura, suscitou un grande interese pedagóxico por parte dos colexios da provincia, de xeito que se esgotaron rapidamente as prazas dispoñibles para ambas as dúas funcións escolares.

Nova ollada

‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ ofrécelles aos espectadores unha nova ollada sobre a obra que a compañía pública galega xa levara a escena hai 10 anos. Agora, o CDG volve homenaxear o autor ourensán con esta revisión do seu texto e da montaxe previa, para o que conta de novo co luso-brasileiro José Caldas na dirección escénica e con Bernardo Martínez na musical e na composición.

A produción de 2014 está interpretada por un novo elenco de seis actores e actrices (Alba BlancoTaín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, FranLareu e Laura Villaverde), que forman parte dunha nova xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia. Todos eles foron seleccionados entre os máis de 80 aspirantes que participaron nun proceso de audicións públicas, durante o que tiñan que demostrar as súas calidades como actores, cantantes e músicos.

Esta recreación, para a que se recupera a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva, constrúese a partir de novas achegas musicais e interpretativas que buscan descubrir máis matices e dotar dunha maior profundidade aos personaxes creados por Carlos Casares. O espectáculo ideado por Caldas –quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, á portuguesa– reúne nun só acto todas as expresións artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

Powered by Drupal - Design by artinet