4ª Semana da Danza de Lugo

Do 24 ao 29 de Abril terá lugar a "IV Semana da Danza de Lugo", un evento que ano tras anos vai consolidando a presenza da danza na cidade lucense e que ademáis é un referente único no noso país.

Organizado polo CDAN de Lugo e a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Língua do Concello de Lugo, a Semana da Danza desenvolverase durante seis días en diversas localizacións da cidade.

Na programación da Semana están incluídas diversas actividades e representacións cuxo fío condutor é a danza. Dende un encontro de centros de diversos puntos do país, cuxas escolas veñen de sitios tan dispares como a vila mariñeira de Ares até o veciño Bierzo -cun centro de Ponferrada-, pasando pola Coruña, Lugo, Pontevedra, etc..., até unha actuación do Xove Ballet de Galicia que pechará a programación cunha representación de "O Lago dos Cisnes", haberá toda unha semana de frenética actividade en movemento.

"Acercar a danza a tódolos públicos", con esta xustificación por parte das entidades organizadoras haberá novamente unha representación para escolares, debido tamén ao éxito que tivo tal actividade en edicións anteriores. A organización manifesta que "notamos ano tras ano que as representacións para escolares non só gustan senón que ademáis nótase un interés por parte de profesorado e alumnado, pouco habituado a ver este tipo de actos, o cal nos alegra e nos anima a seguir por este vieiro". Así, o mércores 29, centros de educación de lugo terán a súa representación en exclusiva de "O Lago dos Cisnes" en sesión de 12.00 h, no Gustavo Freire. Ás 20.00 h. do mesmo día será a representación para o público en xeral cunha entrada de 6 €. O resto de actividades serán de balde.

O alumnado do CDAN terá, como en edicións anteriores, o seu "Concurso Coreográfico", adicado nesta edición a Martha Graham, coreógrafa sobre a cal versarán as creacións. Será o Luns 27 ás 19.00 h. no Gustavo Freire.

O martes 28 será o dia da Mostra de Repertorio de Danza Clásica, no cal bailará o alumnado desta especialidade, tamén no Auditorio Municipal e de balde.

Durante a Semana da Danza poderase ver tamén unha exposición fotográfica cuxo título é "Resonancias en Movemento", un traballo do alumnado do ciclo de fotografía da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, que pendurará no hall do mesmo Gustavo Freire.

Todo listo, polo tanto, para esta IV Semana da Danza de Lugo, que comezará o venres 24 de Abril ás 20.30 h. co Grupo de Danza Contemporánea do CDAN e o Grupo de Percusión do CMUS Xoán Montes no Auditorio Municipal e no cal poñerán sobre as táboas "Resonacias en Movemento" creación coreográfica do profesorado da especialidade de Contemporáneo do CDAN Lugo.

Ver toda a programación no Anexo

 

AdxuntoTamaño
4ª Semana da Danza de Lugo.pdf3.6 MB