Este ano celebramos o Día do Libro durante toda unha semana cunha chea de actividades...
O martes, 23 de abril, inauguramos esta semana cun divertido mural coas fotos achegadas polo noso alumnado co seu momento favorito de lectura e visitounos a escritora Fina Casalderrey.
O mércores 24 veu ao cole Sabela Gago cunha actividade de animación á lectura.
O xoves 25 visitounos o escritor Xabier P. Docampo.
O venres 26 fixemos unha actividade conxunta de lectura ao aire libre.
E o luns 30 contounos un conto o animador Iago López.
Preme na imaxe para ver as fotos das actividades de animación
Preme na imaxe para ver as fotos da lectura ao aire libre
A comunidade educativa do noso centro participa na homenaxe a Rosalía con motivo do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos coa lectura colectiva desta obra.
O noso agradecemento a todas as persoas que participaron nesta actividade e que nos axudaron a facer realidade este proxecto colaborativo.
Co gallo da conmemoración do 150 aniversario da publicación de CANTARES GALLEGOS de Rosalía de Castro, o alumnado do centro fixo este libro dixital ilustrando algúns poemas desta obra.
O 23 de abril, os nenos de 5º de primaria fomos ao Verbum para ver a Historia da Reconquista.
Primeiro fomos a unha sala onde vimos un vídeo e nos explicaron a historia da Reconquista de Vigo. As personaxes da Reconquista foron: Napoleón Bonaparte, Sir John Moore, Cayetano Parada, Cachamuiña e Pablo Morillo.
Tamén nos contaron que na muralla había seis portas chamadas: A Gamboa, A Laxe, O Berbés, A Falperra, Pracer e a Porta do Sol. Había tamén un castelo chamado San Sebastián.
Na segunda exposición había unha furna onde estaba a carta de rendición do Comandante Chalot. No Verbum hai unha arma dos franceses que é moi grande e pesaba moito.
Amosámovos esta videomontaxe fotográfica, coordinada pola nosa compañeira Paula Rey, coa que participa no concurso Imaxina Cantares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Galicia co gallo do 150 aniversario de Cantares gallegos (17 de maio do 2013).
Neste traballo participaron o alumnado de 4ºB recitando o poema de Airiños, airiños aires de Rosalía de Castro. O alumnado de 5º A e B, mais o anterior, aportando imaxes da nosa terra, onde podemos observar o que é para cada un deles Galicia.
E por último na banda sonora composta polo noso mestre de música, Jesús, participan á frauta dous alumnos de 6º, Xián e Lucía, e tres alumnas de 4ºB, Dina aos crótalos, Noemi ao bombo e Ainara ao piano. O noso mestre Jesús acompaña co metalófono.