Skip to Content

Información sobre a folga de estudantes convocada para o 13 e 14 de abril

O alumnado de 3º e 4º de ESO do CPI da Cañiza comunicoulle por escrito á Dirección deste centro a súa decisión de non asistir a clases os próximos días 13 e 14 de abril, con motivo de dúas xornadas de folga convocadas por diversos sindicatos de estudantes.

A Lei Orgánica 2/2006 concédelles ós alumnos, a partir de 3º ESO, o dereito de reunión e de inasistencia a clases. Recóllese especificamente o concepto de "inasistencia" e non de "folga", xa que este último termo corresponde unicamente a traballadores.

Ante esta situación, o Centro quere informarlles ás nais e pais dos alumnos das seguintes cuestións:

1) Todo o alumnado de Infantil,  Primaria e de 1º e 2º de ESO debe asistir obligatoriamente a clase por non ter recoñecido por lei o dereito de inasistencia á escola. As faltas nestes niveis procesaranse do mesmo xeito que en calquera outra xornada lectiva normal.

2) Os docentes que prestan os seus servizos no centro non están en folga. A dirección do CPI da Cañiza garante o normal servizo público que se desenvolve neste centro de ensino. Asemade, a Dirección do Centro poñerá todos os medios ó seu alcance para atender ós alumnos de 3º e 4º de ESO que se presenten no centro os próximos dous días.

3) Por orde da Inspección Educativa non se terán en conta as faltas de asistencia en 3º e 4º de ESO nos días que a asemblea de alumnos lle comunicou á Dirección que optarían pola inasistencia a clase.

4) A pesar da decisión colectiva de non acudir a clases, todos os alumnos de 3º e 4º de ESO poden acudir ó Centro se así o estiman oportuno as súas familias. No caso de asistiren a clases, estes alumnos deberán permanecer no Centro realizando as tarefas que se lles encomenden por parte dos docentes, cumprindo o horario completo que está establecido, incluíndo o servizo de comedor.

5) A Dirección quere manifestar o seu respecto pola decisión dos alumnos de 3º e 4º de ESO, sen entrar a valorar en ningún caso as motivacións que deron como resultado a toma desta postura e mantendo, en todo momento, unha actitude neutral ante as reivindicacións estudiantís en curso.




page | by Dr. Radut