Saltar navegación.
Inicio

Apalpando a invernía

 

Apalpamos a invernía...

 

 

Con motivo da chegada do inverno, o ENDL do CPI de Fonte Díaz quere convocarvos a todos e a todas a unha serie de actividades centradas este ano na figura do Apalpador. Este ser mítico, un carboeiro bondadoso, habita nas montañas do oriente de Galiza e baixa a entregar castañas, mel e queixo aos cativos e cativas da nosa terra... O Apalpador apalpaba as súas barriguiñas para saber se os nenos e as nenas tiñan fame e comían. Á hora de celebrarmos estas datas a súa figura solidaria vainos servir de guía. Para máis información podedes consultar entre outros: http://www.apalpador.com/orixes/ https://gl.wikipedia.org/wiki/Apalpador

 

 

  • Exposición de Postais. Colocaremos polos corredores unha exposición recompilatoria con parte das postais creadas no cole ao longo dos últimos anos. Por suposto, estamos encantadas e encantados de colocar nela postais novas co tema da invernía ou o Apalpador, se queredes facernos chegar algunha. O tamaño será de medio folio A4 e parte das postais serán publicadas en www.facebook.com/movealingua

 

 

  • Velaquí están o inverno e mais o Apalpador. As aulas que o desexen poderán adornar as súas portas con materiais que fagan referencia ao inverno e á propia figura do Apalpador. Podedes empregar refugallos, material reutilizado e canto queirades, mesmo información tirada de internet. Estes adornos irán sendo publicados en www.facebook.com/movealingua

 

 

  • Celebrando outros nadais. Aproveitando que temos a sorte de que no centro contamos con alumnado procedente doutros lugares, pedimos que as titoras ou titores vos poñades en contacto con nós para gravar -ou que gravedes vós directamente- uns pequenos vídeos. Neles estas mozas e mozos hannos contar como vivían nas súas terras estas datas, indicando que facían, que comían, etc. Estes vídeos hanse publicar en www.facebook.com/movealingua

 

 

  • A voz do pobo: panxoliñas e cantares de reis. O ENDL irá recompilando e colocando na rede materiais onde aparezan cantares de reis e panxoliñas tradicionais galegas.

 

Dende o ENDL agradecemos de novo a vosa colaboración e entusiasmo.