Saltar navegación.
Inicio

Actividades

O día de Rosalía e día 8 de marzo

8 DE MARZO

 ABRÍDELLE AS FIESTRAS ÁS MULLERES

          O EDL do CPI de Touro quere festexar con todas e todos vós o Día da Muller (8 de marzo). Tal e como vos comentamos anteriormente temos deseñadas varias actividades, que concretamos un pouquiño máis agora:

- Obra de teatro a cargo da Aula de teatro do CPI Fonte Díaz. Terá lugar o día 5 de marzo na sala de audiovisuais:

         Alumnado de E. Primaria, ás  14:25h

         Alumnado de ESO, ás 12:35 h

-As xanela das mulleres: Cada aula escollerá unha muller da que falar e investigar. Na semana do 5 de marzo esas mulleres deben estar colocalas dun lugar destacado do corredor que vai ao comedor que terá forma de fiestra.Por mor da confluencia de actividades deste día, anúlase a que consistía en expoñer á muller elixida noutras clases. Con todo, os cursos poden elaborar un video explicativo ou obra de teatro da muller que elixiron no seu mural e envialo a Movealingua para que o poidamos ver todas e todos.

- O xoves 8 de marzo, durante o recreo, faremos o símbolo feminino no patio, entre todo o alumnado e profesorado, levando unfolio co símbolo impreso que se vos entregará o día anterior.

- Visualización de filmes o xoves 8 de marzo:

Alumnado de E. Infantil: “Home, hogar dulce hogar” ás 14:25h

Alumnado de 1º a 4º de E. Primaria: “Vaiana”, ás  14:25h

Alumnado de 5º e 6º de E. Primaria e 1º ESO: “Yo quiero ser como Beckham”, ás 9:45h.

Alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO: “Buda explotó por vergüenza”, ás 15:55h

 - Lembrade tamén a selección de libros “Sentindo o 8 de marzo. Lendo en feminimo” (que elaborou o equipo de biblioteca e se vos enviou por correo electrónico) para utilizala nas vosas lecturas de aula durante esa semana.

 Grazas, coma sempre, pola vosa colaboración e traballo. Pero, sobre todo, grazas por facer co voso esforzo que todos os días se transformen nun camiño cara á igualdade.

25 de novembro. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

 Equipos de Dinamización da Lingua Galega

Monólogo de Xian Barreiro    NON. A curtametraxe galega para concienciar en contra da violencia de xénero
          

 

 

 

 

Poeta, activista e animadora cultural: Luz Fandiño

Hoxe foi un día grande no noso cole. Recibimos a visita da poeta, activista e animadora cultural Luz Fandiño. Nas súas palabras e versos estiveron a loita antifascista, o desexo de superación e a incansable procura dun mundo mellor. Foi un privilexio poder contar con ela. Unha xornada inesquecible. Grazas, Luz, por existir.

 

O mes das Letras, o mes da Lingua

O MES DAS LETRAS, O MES DA LINGUA
 
Xa estamos en maio, o mes no que homenaxeamos á nosa lingua da man das Letras Galegas, dedicadas este ano á figura de Manuel María e mais á idea proposta por ENDL de Damos a lata co galego!. Dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CPI (ENDL) de Touro, temos unha chea de actividades  para realizar durante todo este mes.
 
  • Música nas letras. Durante a semana, os días 12 e 13 colocaremos música galega nos corredores.
  • Actuación de contacontos, O día 18 de 12.15 a 13. Destinado a E. infantil.
  • Actuación da aula de teatro do CPI Fonte Díaz o xoves 19 de maio. Haberá dúas sesións para as distintas etapas educativas: Primaria de 14,30 a  15; ESO de 16 a 16, 30.
  • “Luz Fandiño, muller, activismo e feminismo nas letras galegas”, conferencia a cargo da poeta e activista Luz Fandiño sobre a súa vida e obra, realizarase o venres 20 de 12,35 a 13,30, para  o alumnado de Secundaria.
  • “O galego e as novas tecnoloxías” charla para 4º da ESO a cargo de Anxo Tato, a celebrar o venres 27 de 12,35 a 13,30.        
  • Concurso de carteis de Educación Secundaria. Os carteis estarán dedicados á figura de Manuel María. A data límite para a entrega será o 20 de maio. Colocaranse nos corredores. Haberá un gañador ou gañadora que será votado o luns 30 de maio nunha urna colocada no recreo.
  • Exposición “Damos a lata co galego”,  Nela o alumnado do noso centro colocará palabras en galego dentro dunha lata baleira. As latas deben ir adornadas e serán colocadas nun corredor. A data límite será o 27 de maio. Como orientación, 1º de primaria pode empregar palabras que comecen coas letras A, B, C; 2º coas D, E, F; 3ºcoas G, H, I; 4º L, M, N; 5º O,P; 6º Q, R, S; 1º ESO T, U; 2º V; 3º X; 4º Z. Esta división é orientativa, só para non repetirmos moito certas palabras.
  • Exposicións na biblioteca: A biblioteca organizará unha magnífica exposición sobre a “Historia das Letras Galegas”.
  • Asistencia ás exposicións sobre a “Obra e vida da figura de Manuel María”. A de Secundaria está situada no corredor do comedor e a de Primaria ao carón da sala de profesores. Cada clase que asista pode deixar pendurado ao carón último cartel de Primaria unha frase ou palabra  co que nos inspirase o poeta.
 Agradecemos de novo a colaboración de todas e todos para poder levar a cabo as actividades e propostas que temos para estas datas. A páxina Movealingua irá compartindo con toda a comunidade educativa boa parte delas.
 

Abril, o mes do libro

Abril, o mes do libro

Chegou abril, mes no que celebramos o Día do Libro e no que lembramos que este obxecto fabuloso é un dos fundamentos da nosa cultura, alén de que con que el gozamos e soñamos. Dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CPI de Touro, queremos propoñervos unha actividade para que, entre todas e todos, fagamos do libro o mellor amigo do noso cole.

Corre, imos ler!: Para celebrarmos o Día do Libro, cousa que este ano faremos o xoves 21 de abril, as alumnas e alumnos de todo o centro lerán os libros galegos que prefiran. As lecuras en Primaria e Infantil serán de 15.15- 16.05. Por contra, de 16.05 a 16.55 en 1º e 4º da ESO; e de 16.55-17.45 en 2º e 3º da ESO. Esta lectura farase en lugares que serán prefixados anteriormente e que poden ser a aula ou outros que a titora ou titor comunique ao ENDL (sería importante que antes todas as titoras e titores sinalemos unha alternativa por se fai sol ou chove, amais de para distribuír os grupos por lugares axeitados do centro).
Para realizar esta actividade, cada clase elixirá un libro galego que colocará na porta, indicando brevemente a súa temática.

Educación Infantil: escollerán libros que serán lidos polos mozos e mozas dos cursos máis altos de Primaria. A lectura farase de 15.15- 16.05.

1º, 2º, 3º 4º Educación Primaria: As titoras e titores elixirán un libro que pegarán na porta e indicarán ao ENDL o lugar ou lugares onde lles gustaría ler. A lectura farase de 15.15- 16.05.

5º, 6ºEducación Primaria: Alumnos e alumnas de 5º e 6º irán ler libros a Educación Infantil. Estes libros, escritos na nosa lingua, serán seleccionados polas profesoras de Educación Infantil. A lectura farase de 15.15- 16.05.

Educación Secundaria: A lectura farase de 16.05 a 16.55 en 1º e 4º da ESO; e de 16.55-17.45 en 2º e 3º da ESO. Cada clase elixirá un dos libros galegos dos que existen varios exemplares na biblioteca. Este libro hase colocar na porta da aula, indicando brevemente a súa temática e o lugar onde este se vai ler, coa súa alternativa por se chove.

Agradecemos de novo o vosa colaboración e pregamos que gravedes as lecturas e que as subades a Movealingua. Grazas e non paredes de ler!

Apalpando a invernía

 

Apalpamos a invernía...

 

 

Con motivo da chegada do inverno, o ENDL do CPI de Fonte Díaz quere convocarvos a todos e a todas a unha serie de actividades centradas este ano na figura do Apalpador. Este ser mítico, un carboeiro bondadoso, habita nas montañas do oriente de Galiza e baixa a entregar castañas, mel e queixo aos cativos e cativas da nosa terra... O Apalpador apalpaba as súas barriguiñas para saber se os nenos e as nenas tiñan fame e comían. Á hora de celebrarmos estas datas a súa figura solidaria vainos servir de guía. Para máis información podedes consultar entre outros: http://www.apalpador.com/orixes/ https://gl.wikipedia.org/wiki/Apalpador

 

 

  • Exposición de Postais. Colocaremos polos corredores unha exposición recompilatoria con parte das postais creadas no cole ao longo dos últimos anos. Por suposto, estamos encantadas e encantados de colocar nela postais novas co tema da invernía ou o Apalpador, se queredes facernos chegar algunha. O tamaño será de medio folio A4 e parte das postais serán publicadas en www.facebook.com/movealingua

 

 

  • Velaquí están o inverno e mais o Apalpador. As aulas que o desexen poderán adornar as súas portas con materiais que fagan referencia ao inverno e á propia figura do Apalpador. Podedes empregar refugallos, material reutilizado e canto queirades, mesmo información tirada de internet. Estes adornos irán sendo publicados en www.facebook.com/movealingua

 

 

  • Celebrando outros nadais. Aproveitando que temos a sorte de que no centro contamos con alumnado procedente doutros lugares, pedimos que as titoras ou titores vos poñades en contacto con nós para gravar -ou que gravedes vós directamente- uns pequenos vídeos. Neles estas mozas e mozos hannos contar como vivían nas súas terras estas datas, indicando que facían, que comían, etc. Estes vídeos hanse publicar en www.facebook.com/movealingua

 

 

  • A voz do pobo: panxoliñas e cantares de reis. O ENDL irá recompilando e colocando na rede materiais onde aparezan cantares de reis e panxoliñas tradicionais galegas.

 

Dende o ENDL agradecemos de novo a vosa colaboración e entusiasmo.

 

 

 

A igualdade está nas nosas mans

A IGUALDADE ESTÁ NAS NOSAS MANS

 Estamos ás portas da semana do 25 de novembro, “DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER”. Para reflexionarmos acerca do que supón e decatármonos do importante papel que podemos xogar á hora de erradicar esta lacra social, o ENDL do CPI Fonte Díaz propón unha única actividade que se ha levar a cabo por todas as alumnas e alumnos do noso Colexio. Con ela queremos sensibilizar a comunidade escolar na importancia da loita contra a violencia sexista, facéndoo dende o camiño máis seguro: a loita pola igualdade e a importancia do compromiso persoal nesa tarefa.

 A actividade proposta leva por título “A igualdade, nas nosas mans”, e está dirixida a todo o alumnado do centro. Para realizala, estamos a pintar a fachada de saída e entrada de Secundaria de color lila, co lema “A igualdade, nas nosas mans”. O día 25 todo o alumnado do centro irá saíndo cara a esta fachada para deixar nela a pegada en pintura branca das súas mans, seguindo o perfil dunha onda, que aparecerá marcado alí.

Comezaremos polas mozas e mozos de 4º de Secundaria, que colocarán as mans na parte máis alta da fachada e, cando rematen, irán lavar as mans (as mozas ao baño de nenas do patio, e os mozos aos baños do edificio dos laboratorios) baixo a supervisión do profesor ou profesora. Despois irán saíndo os cursos inferiores que as irán colocando un pouco máis abaixo e así ata chegarmos a Ed. Infantil.

Esa onda que pintaremos entre todas e todos ha simbolizar a grande vaga que, formada por homes e mulleres, acabará de vez coa violencia sexista, da man do compromiso persoal a prol da igualdade.

Coma sempre, o ENDL quere agradecer a vosa colaboración desinteresada á hora de tratar esta realidade cruel e dolorosa. Con todo, sabemos que dende a escola podemos sementar futuros novos e axudar a mudar as inxustizas. Grazas.

O mes das Letras, o mes da Lingua.

O MES DAS LETRAS, O MES DA LINGUA

Xa estamos en maio, o mes no que homenaxeamos á nosa lingua da man das Letras Galegas, dedicadas este ano á figura de Filqueira Valverde e mais á idea proposta por CTNL de Que se vexa o galego!. Dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CPI (ENDL) de Touro, temos unha chea de actividades para realizar durante todo este mes.

Actuación de contacontos o mércores 13 de maio. Haberá varias sesións para as distintas etapas educativas: Infantil e 1º, 2º, 3º Primaria Primaria ás 9,45. Ás 10,35, 4º, 5º , 6º de Primaria e 1º de ESO. De 12,35 a 13,25 2º,3º, 4º ESO.

Actuación da aula de teatro do CPI Fonte Díaz , o xoves 14 de maio. A sesión será para as nenas e nenos de 5 anos, 1º, 2º, 3º de Primaria.

Actuación da aula de teatro do CPI Fonte Díaz, o xoves 21 de maio . Haberá varias sesións: Infantil, 1º, 2º ,3º Primaria de 12,35 a 13,25; 4º, 5º, 6º de Primaria e 1º da ESO de 14,25 a 15,15; 2º, 3º, 4º ESO de 16-16,45.

Música nas letras. Durante a semana do 12 ao 16 colocaremos música galega nos corredores, para que todas e todos poidamos gozar coas nosas cancións.

Concurso de marcapáxinas con lemas normalizadores para Educación Infantil, Primaria e Secundaria. O marcapáxinas gañador será impreso e haberá un premiado por cada ciclo ou etapa. Data de entrega ata o 29 de maio.

Concurso de carteis de Educación Primaria. Os carteis estarán dedicados á idea Que se vexa o galego! e poden realizarse con diferentes técnicas, incluídas as informáticas, dende facer un libro que se pegue nas portas das aulas ata un mural con globos e as fotos das nenas e nenos que expresen as razóns para que se vexa o galego. Seguro que nos habedes sorprender! A data límite para a entrega será o 29 de maio. Premiaranse os traballos máis destacados.

Concurso de carteis de Educación Secundaria sobre Filgueira Valverde. Os carteis serán colocados polos corredores e votados en urna ata o día 29 de maio.

Concurso de vídeo para a ESO co lema “Que se vexa o galego!”. As mozas e mozos gravarán vídeos que fagan referencia a este lema. Os vídeos serán colocados en www.facebook.com/movealingua ata o día 29 de maio. Será declarado gañador o vídeo que teña máis “gústames”.

Asistencia co titor ou co profesor de galego á exposición sobre a “Obra e vida da figura de Filgueira Valverde”, situada xa no corredor.

Agradecemos de novo a colaboración de todas e todos para poder levar a cabo as actividades e propostas que temos para estas datas. A páxina Movealingua irá compartindo con toda a comunidade educativa boa parte delas.

ENDL do CPI de TOURO

Abril, o mes do libro

Abril, o mes do libro Chegou abril, mes no que celebramos o Día do Libro e no que lembramos que este obxecto fabuloso é un dos fundamentos da nosa cultura, alén de que con que el gozamos e soñamos. Dende o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do CPI de Touro, queremos propoñervos unha serie de actividades para que, entre todas e todos, fagamos do libro o protagonista dos nosos días.

 Debuxa con palabras: Consiste na creación de caligramas e poemas, que han ser colocados nas paredes, portas... Os caligramas e poemas poden ser orixinais ou basearse en textos literarios.

Escribe un libro: A actividade consiste en que toda a comunidade escolar escribirá citas de obras literarias en cartulinas colocadas polo centro. Estas cartulinas terán forma de libro e nelas tamén poderemos deixar as nosas impresións sobre unha obra literaria.

 Corre, imos ler!: O Día do Libro, 23 de abril, na hora posterior ao recreo, de 11.45- 12.35, as alumnas e alumnos de todo o centro lerán os libros que prefiran, dentro dos niveis educativos indicados máis abaixo. Esta lectura farase en lugares que serán prefixados anteriormente e que poden ser a aula ou outros que a titora ou titor comunique ao ENDL (sería importante que antes todas as titoras e titores sinalemos unha alternativa por se fai sol ou chove, amais de para distribuír os grupos por lugares axeitados do centro).

Para realizar esta actividade, cada clase elixirá un libro que colocará na porta, indicando brevemente a súa temática. Nesa hora as nenas e os nenos lerán os libros segundo o seu interese e curso.

 Educación Infantil: escollerán libros que serán lidos por mozos e mozas voluntarias de Secundaria.

 1º, 2º, 3º Educación  Primaria:  As titoras e titores elixirán un libro que pegarán na porta e indicarán ao ENDL o lugar ou lugares onde lles gustaría ler. As nenas e nenos desta etapa escollerán que libro queren ler, dentro dos tres niveis, e irán ao lugar onde se lea ese libro.

 4º, 5º, 6ºEducación  Primaria:  As titoras e titores escollerán un libro que pegarán na porta e indicarán ao ENDL o lugar ou lugares onde lles gustaría ler. As nenas e nenos desta etapa elixirán que libro queren ler, dentro dos tres niveis, e irán ao lugar onde se lea ese libro.

 Educación Secundaria: Propóñense dúas actividades

         Seis Alumnos e alumnas voluntarias de Secundaria irán ler libros a Educación Infantil.

         Cada clase elixirá un dos seguintes libros, propostos polo ENDL (existen varios exemplares na biblioteca). As mozas e mozos escollerán que libro queren ler, dentro dos catro niveis da ESO, e irán ao lugar onde este se lea. A lista de libros indicada para a ESO será:

Título

 Temática

O pazo baleiro

Misterio.

Chamádeme Simbad

 As relacións familiares.

Mecanoscrito da segunda orixe

Ficción cientítica, fantasía.

O centro do labirinto

Misterio, ficción cientítica.

As flores radiactivas

Defensa do medio ambiente.

Unsha

Relacións humanas, multiculturalismo.

 Agradecemos de novo o vosa colaboración e pregamos que gravedes as lecturas e que as subades

Distribuir contido